Saltar ao contido

HABÍA UNHA VEZ UNHA ÁRBORE… EN PONTEVEDRA

15 Xuño 2016

Arbore

As árbores habitan na cidade coma veciñas silandeiras nas que apenas nos fixamos malia que proporcionan osíxeno, sombra, beleza e moitos máis beneficios. De orixe autóctona ou procedentes de afastados lugares do mundo, forman parte necesaria da paisaxe e algúns exemplares destacan pola súa antigüidade, porte ou propiedades. Escolares do CEP Marcos da Portela e do CEIP San Martiño trazaron un percorrido literario polo xardín urbano descubrindo que “A árbore xenerosa” ten fondas raíces e que a súa semente agromou en cada recuncho.

 

MEMORIAS DUN CARBALLO

Había unha vez unha familia que se mudou a unha casa ao lado da capela de Santa Margarida, en Pontevedra. Cando chegaron, Xaquín, o neno máis pequeno da familia, quedou sorprendido. Cando Xaquín estaba poñendo as súas cousas no cuarto, miraba o carballo pola ventá. Cada mañá, ao amencer, saudábao pensando que o carballo tamén o saudaba. E así cada día. Cando ía ao colexio, Xaquín falaba co carballo sobre os seus problemas, conflitos, amigos… Pasaron os anos e o carballo non florecía. Xaquín sabía que algún día o carballo morrería entón, cada vez que ía xunta del, colocáballe nunha póla unha flor de papel. E así cada día. Cando Xaquín rematou, xa era primavera e sentiuse feliz do traballo que fixera polo carballo. Deste modo sabía que o carballo morrería feliz recordándoo para sempre.

Nerea Souto Aboal, 6ºA

(CEP Marcos da Portela)

 

loureiro 3O LOUREIRO E A SESTA

No parque de Campolongo, un neno chamado Hugo xogaba cun loureiro non moi bonito, non moi feo, non moi grande e tampouco pequeno. Hugo xogaba a lanzar as froitas da árbore aos seus amigos. Tamén durmía nas súas pólas. Un día, o neno viña do colexio moi cansado e entón decidiu botar unha sesta ao lado do seu amigo o loureiro. Ao espertar, deuse conta de que cambiaran moitas cousas! Os nenos non estaban xogando nas súas casas aos videoxogos; estaban fóra xogando no parque e os adolescentes non estaban pegados aos seus teléfonos móbiles. O mellor de todo era que as árbores podían moverse e falar. O malo era que o seu amigo o loureiro dicíalle: -Esperta!!!

Olivier Courier Cortegoso, 6º

(CEIP San Martiño)

A XACARANDA CONTACONTOS

Contan os vellos que nos seus tempos mozos a xacarandá que sejacaranda atopa no Parque das Camelias foi unha árbore moi peculiar. Din os anciáns, aos que xa ninguén escoita, que cando eran cativos, non máis maiores ca vós, paraban todas as tardes a escoitar os contos cheos de fantasías cos que lles agasallaba a súa amiga Xasmina, o nome co que a chamaban. Pero esta historia non sempre foi así… Todo comeza un día de primavera. A alegre e resplandecente Xasmina está máis contenta ca calquera árbore do lugar, xa que acaba de decidir que quere ser contacontos, pero o único inconveniente é que… non ten ninguén que a poida oír. Polo que, sen quitar esa alegría que corría polas súas raíces, e sen que se lle borrase o sorriso do tronco, decidiu preguntarlle unha por unha ás persoas que pasaran por alí, ata atopar alguén disposto a parar e a escoitar os belos contos que a Xasmina lle pasaban pola súa copa. A primeira persoa que pasou foi unha rapaza de pel moi branca e fina, cabelo louro coma os raios do sol e uns ollos dun azul intenso coma a cor dos pétalos das súas flores.

-Oe, rapaza! Queres un conto escoitar? –preguntoulle Xasmina.

-Non, ho! Non teño tempo, pois á perruquería teño que ir, para os meus cabelos sempre perfectos poder lucir –respondeulle Xasmina. A rapaza pasou de longo, bamboleándose, deixando a árbore soa.

-Que rapaza tan maleducada! –pensou Xasmina.

A seguinte persoa que pasou foi un home de negocios duns cincuenta anos, baixiño, calvo e cunha barriga tan grande que a Xasmina sorprendíalle que puidera camiñar. Vestía de maneira formal e levaba na súa man un maletín do que sobresaían numerosas follas. -Oe, homiño! Queres un conto escoitar? –preguntoulle Xasmina. -Non, ho! Non teño tempo, se o meu instinto non me falla hoxe é día de venda, así que non me molestes! O homiño marchou e Xasmina volveu quedar soa. -Tremendo home! –pensou Xasmina. Cando Xasmina xa perdera toda esperanza, pasou unha rapariga de aspecto humilde, con roupas vellas e co cabelo encrespado.

-Oe, moza! Queres un conto escoitar? –preguntou Xasmina.

-Pois… estaría moi ben!

Xasmina, toda ilusionada, comezou a contarlle as historias que lle pasaban pola súa copa. E despois dese momento, todos os días pola tarde a moza quedaba para escoitar os seus contos.

Sheila Doval Muíños, 6º

(CEIP San Martiño)

 

UNHA AMIZADE PARA TODA A VIDA

cipresHabía unha vez unha nena que vivía en Pontevedra. Un día, a nena soubo que ía mudarse aos Estados Unidos de América porque o seu pai non encontraba traballo. A nena estaba moi triste. Uns días despois xa se estaba instalando na súa nova casa nos EUA. Saíu ao xardín. Era moi grande, pero non tiña nin unha soa árbore, así que foi á tenda e mercou unhas sementes. Ao chegar á casa plantounas no xardín. Un ano despois xa medrara a árbore: era un fermoso alcipreste. A nena pasaba o día con el, rían xuntos, xogaban xuntos… Pasaron os anos e a nena fíxose moi maior, e o alcipreste tamén. A nena e o alcipreste foron amigos durante toda a vida. Foron o alcipreste e a nena máis felices do mundo.

Diana Martínez Flórez, 6ºB

(CEP Marcos da Portela)

 

A PALMEIRA EGOÍSTA

Había unha vez unha palmeira de Canarias que tiña moitas cousas palmera 4que ofrecer, aínda que os nenos non a querían porque daba bos froitos, senón porque querían ser o seu amigo. Os nenos preguntábanlle a diario por que era así. Un día fartouse da mesma pregunta e respondeulles: -A razón do meu comportamento é que só houbo un neno que me plantou e me coidou, pero non como todos agardades, senón dun modo egoísta. Un día plantoume porque a súa nai lle dixera que plantase un plataneiro para obter os seus plátanos bos e gratis. Regoume moi ben ata que, un día, cando me saíron os froitos, pasou a recollelos e non me botou auga, así que pensei que se esquecera de min. Non volveu aparecer durante anos. E é por iso que herdei co tempo o seu comportamento. E agora estou aquí! Os nenos quedaron asombrados coa súa penosa historia. De súpeto, un mozo duns vinte anos, máis ou menos, apareceu ao lonxe cun gran caldeiro de auga. A palmeira berrou: -É el! –tamén lle preguntou –Por que non viñeches en todo este tempo? O neno respondeulle: -É que estiven moi ocupado cos estudos do colexio, pero agora trouxen isto para ti! E botou a auga na terra. O mozo díxolle: -Síntoo! Agora poderei vir sempre onda ti! E déronse unha grande aperta!

Marcos Seoane Guindal, 6ºA

(CEP Marcos da Portela)

 

castinheiro 2

O CASTIÑEIRO TRISTE

Había unha vez un castiñeiro das Indias que vivía en Pontevedra, nos arredores da igrexa de San Xosé. O castiñeiro estaba triste porque non tiña ningún compañeiro que pasara tempo con el e, aínda por riba, todo o mundo dicía que as súas castañas non servían para nada, nin para comer tan sequera. Aínda así, o castiñeiro era moi fermoso, sobre todo na primavera. Todos o maltrataban. Todos, menos un neno que pasaba o tempo con el. Iso consolábao algo pero, aínda así, sentía que non tiña valor ningún e pensou que era a árbore máis desgraciada da cidade. Teodor, que así se chamaba o neno, non cansaba de xogar co seu prezado castiñeiro das Indias. Xogaban ás agochadas, ao balón prisioneiro… Un día, unha malvada persoa que chegara a Pontevedra envelenou os cabalos do pai de Teodor. A árbore, cando se decatou daquilo, quixo ser unha das mellores curandeiras e pensou que cos seus froitos podería saír unha medicina para curar os cabalos. O neno e mais ela apertaron os froitos do castiñeiro das Indias e saíu un líquido verde e espeso. Teodor deulle o zume ao cabalo do seu pai e, milagrosamente, pareceu que se recuperaba. O pai de Teodor premiou o seu fillo e, como non, a árbore do castiñeiro das Indias. De maiores, Teodor e a súa querida árbore foron os mellores curandeiros!

Pablo Casado Pazos, 6ºA

(CEP Marcos da Portela)

 

O BIDUEIRO

bidueiroHabía unha vez unha parella de namorados que ían ter un neno chamado Pedro e querían ter unha árbore que nacera ao mesmo tempo que o neno. O neno medrou xunto coa árbore, un bidueiro. O neno botáballe auga os días que non chovía. Dáballe o composto que reciclaba na súa casa. O neno tivo noiva; ela quería toda a atención de Pedro, polo que tivo que deixar de atender a árbore e deixala a cargo dos pais. Anos despois, os pais morreron e a árbore quedou sen xente que a coidara durante dous anos. Pedro rompeu coa noiva e volveu coa árbore. Pedro pediulle perdón por todo o tempo que a árbore estivo soa. Ela aceptou as desculpas e volveron ser amigos para sempre.

Cynthia Montes Pérez, 6ºB

(CEP Marcos da Portela)

 

A ÁRBORE DO ÁMBAR

arbore do ambarHai moito tempo, había unha árbore do ámbar que criara unha nena, que chegou a converterse na súa mellor amiga. Sempre xogaba con ela ás agachadas, ás parellas… Para xogar, a nena axudaba a xogar á árbore. Un día, a nena non apareceu e a árbore púxose triste. Pouco despois, a árbore soubo que se fora a outro país porque lle ofreceran un traballo alí. Moitos anos despois, a filla da nena foi xunta da árbore e díxolle: -Ola, son a filla daquela nena que coñeciches. A miña nai faloume moito de ti –A árbore respondeulle: -Ola, si, a verdade é que a túa nai era moi boa. A nena preguntoulle se quería ser a súa amiga e a árbore díxolle que si porque, se era filla da súa mellor amiga, seguro que era coma ela. Dende ese momento sempre están xuntas e convertéronse en grandes amigas. O que ninguén sabe é que a primeira mellor amiga da árbore mirábaas dende unhas cámaras moi satisfeita desa amizade tan boa.

Aida Martínez Sartier, 6ºB

(CEP Marcos da Portela)

A AMIZADE SALVA VIDAS

WashintoniaTodo comezou nunha mañá de verán cando uns nenos insultaron un amigo seu. O neno tiña oito  anos, chamábase Xoán. O neno, moi triste, sentou a carón dunha nova planta que había no colexio: chamábase Washingtonia, na honra do primeiro presidente dos EUA. Ao neno pareceulle tan fermosa que seguiu investigando na casa. Ao día seguinte, o neno volveu sentar a carón da palmeira, xa máis calmado. A palmeira díxolle: -Por que choras? O neno contoulle o que lle dixeran os seus compañeiros: que o seu soño era imposible, que nunca sería futbolista. Xoán adestraba todas as tardes co seu equipo, o Val Miñor. El ía todas as tardes ver a palmeira. Xa con dezaseis anos, adestrando todas as tardes, conseguiu que o ficharan por un club importante. Aos catro días ían xogar contra o seu rival de toda a vida. A palmeira enfermou e o neno tivo que escoller entre o seu soño ou ela. O neno, ao día seguinte, díxolle ao seu adestrador que non quería xogar. Despois diso, o neno foi correndo onda a palmeira e deulle unha aperta. Aos poucos días, a palmeira xa estaba ben e seguiron xogando xuntos toda a vida.

Yago García, 6º

(CEIP San Martiño)

Continiade a ler e descubriredes máis historias protagonizadas por árbores senlleiras da cidade. Convidámosvos a que as coñezades e as visitedes da man de Jaime Blanco-Dios e Amancio Castro consultando a súa guía sobre a flora ornamental arborescente de Pontevedra.

Ler máis…

ANIMAIS QUE NOS VIXÍAN SEN QUE NOS DECATEMOS DA SÚA OLLADA

15 Xuño 2016

vilaverde-6B

Investigadores de Mourente descobren novas especies animais coas que convivimos case sen decatarnos. Cos achados do profesor Vidaurre como referente, os escolares de Vilaverde foron investigadores por un día. Como resultado das súas observacións, o catálogo do libro «Imaxina animais», de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, amplíase.

 

02 monorrollas

O monorrollas é un ser que vive en caixóns de restaurantes, casas… O seu labor é abrir as botellas, aínda que ás veces realiza outros traballos. Para abrir as botellas senta enriba delas, baixa a cola en forma de parafuso, engancha a cortiza e levántaa. Outras especies de monorrollas son os gorirrollas, que traballan en restaurantes chineses; os orangurrollas, que traballan nos restaurantes turcos; e os chimparrollas, que traballan en hamburgueserías e pizzerías. Advertencias: hai que telos contentos porque, se se enfandan, non che quererán axudar. Antes tes que ensinarlles como abrir as botellas para que collan confianza e realicen a súa función como é debido.

Javier Caramés, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

12 salguinA maioría dos salgüins viven no Xapón e están en perigo de extin ción. Son uns animais moi simpáticos cos da súa especie, pero tímidos cos seres humanos. Cando comen alimentos sosos, bailan salsa para que o sal que levan no seu interior caia sobre eles. O salgüin xa existía miles de anos antes que os seres humanos, aínda que tardamos moito tempo en darnos conta da súa utilidade, no ano 1.000 a.C. aproximadamente. Dende entón non se volveron comer alimentos sosos. Para salgar os alimentos non fai falla que collas o salgüin na man, xa que el só pode tirar o sal sobre o prato. Iso si, se queres que o faga máis rápido, debes bailar con el. Hai dous tipos de salgüin: o que expulsa sal pola cabeza e o que o fai polo cu.

Neo Rey Erazo, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

10 polirron

 

O polirrón é un animal doméstico orixinario dos Estados Unidos que se extendeu por todo o mundo. Acostuman a comer as flores que a xente lles dá aínda que, ás veces, cando hai visita, quedan tan quedos sen moverse nin un milímetro, que fican durmidos coas flores colocadiñas e coa auga na súa panza. Para que o polirrón esperte e marche a decorar con flores outra zona da casa hai que pronunciar unha palabra máxica: SEADOLI. Existen tres tipos de polirróns: os comúns; os ratirróns, que son parecidos aos ratos; e os polisos, que a xente utiliza para beber ás veces ao confundilos cos vasos.

Cristina Crespo, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

07 bolborin

O bolbolín nace das notas musicais das óperas e agóchase nos bolsos das millonarias. Vive en mansións tocando música ambiental que lle sobe a moral ás persoas. Aliméntase de púas, xa que odia as guitarras. Muda de fíos cando se lle estragan. Cando o bolbolín fai vibrar as súas cordas parece que un profesional estivese a tocar un violín. Se os rapaces se meten con el, usa a súa música para engaiolalos e que o deixen en paz. Ten unha canción para cada cousa: para relaxar un bebé se chora, para calmar a ira… O bolbolín non é único na súa especie, xa que tamén existe a bolbotarra e o bolbochelo, que así se chama o bolbolín cando é adulto. Os seres humanos que coidan del non lle poden dar auga, xa que se estragaría como a madeira.

Mikel Barbadillo Maquieira, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

04 toucho

O toucho é un animal moi especial que vive nos estoxos dos nenos e nenas dos colexios de Madrid. Pode cortar follas el só, para o que tes que facerlle cóxegas nas ás. Os seus grandes ollos úsaos para localizar as cousas na escuridade dos estoxos. Hai que ter conta de que non escapen nin se xunten en mandas, porque poden comezar a cortar todo o que lles pase por diante. O toucho é da familia do coucho, que axuda a cortar a comida con facilidade, e tamén do pelcho, que axuda a cortar froita. O toucho é un animal salvaxe e, para adoptalo, só hai que facerlle cóxegas na cabeza. O maior perigo é que corte o estoxo onde se agocha e foxa. Non o volverás ver xamais.

Antonio Franco Echevarría, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

 

14 raterchaAs raterchas viven nos armarios en mandas de vinte individuos. Son ovíparos e aliméntanse sobre todo das fibelas dos pantalóns. Sérvennos aos humanos para colgar a roupa e comezan a berrar se non as atopamos. Pero coidado! Se teñen fame poden roerche a roupa. Se adestras ben as túas raterchas poden chegar a facerche os deberes.

Mario Vidal González, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

06 pamiga

A pamiga é unha clase de formiga  orixinaria do Brasil que se atopa nos alboios. A nosa amiga pamiga axúdanos cando temos que plantar unha planta ou árbore. Hai que ter moito coidado porque, se se enfada, pode acabarche coa terra do xardín. Ela é a que fai o burato. Se temos borralla na caldeira, recóllea. Se se molla coa choiva, pode oxidarse.

Sara González Solla, 6º

13 xirasoira(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

A xirasoira é un curioso animal, curmá dos baterrafas. Vive nas casas antigas nas que hai moito po, normalmente detrás da porta da cociña ou ao lado da lareira para estar quentiña. É orixinaria do Amazonas, xa que nace dunha pranta que só se atopa alí. Ás xirasoiras gústanlles moito as peras pero o que máis lles gusta é o po e aliméntanse fundamentalmente del. Por iso son moi útiles na casa; poden varrer ata o teito. Tamén poden alcanzar os pratos máis altos da cociña, cambiar as cortinas, pintar as paredes… Os humanos déronse conta de que facer todo iso cansaba moito, así que decidiron importar xirasoiras do Amazonas. Todo o mundo quería ter unha xirasoira no seu fogar. A xirasoira ten moitas curmás, algunhas moi interesantes. As percherrafas, e as fresoiras rematan o traballo das xirasoiras. As aspirasoiras son outra especie moito máis evolucionada e moito máis cara que as xirasoiras. A xirasoira é un animal moi especial e serás moi afortunado se tes unha.

Iria Fernández Méndez, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

 

01 monador

O monador é un animal moi brincador. É orixinario dos grandes bosques do Amazonas, onde lle gusta moito subir ás árbores. Por iso na casa é bo telo preto dunha pranta ou de ramiñas amoreadas na terraza. Hai que ter moito coidado porque acostuman a enganchar a cabeciña, que ten un montón de furados. Nos bosques pásalles o mesmo, así que deben axudarse os uns aos outros. O monador é moi útil porque axuda nas casas coando os líquidos, aínda que non lle guste moito facelo porque queda enchoupado. Aproveita os anacos de comida que quedan prendidos para alimentarse. Tampouco lle gusta quedar nos caixóns, así que anda sempre a choutar pola casa. Hai moitos tipos de monadores: uns grandes que viven no Canadá, e outros máis pequenos que viven en Asia.

Ana Buceta, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

 

11 rinomeO rinomé é un animal salvaxe que vive no fondo da sabana africana. É solitario, aínda que ás veces atopámolo en mandas. Os cazadores profesionais cázanos para vendelos no mercado negro, quitarlles a pel ou a súa mesiña de noite, de excelente calidade, que dura dez anos sen romper. A pel do rinomé é moi apreciada: a do macho alumea pola noite cunha luz moi forte e a da femia cunha luz máis feble. O rinomé é un excelente animal de compañía, que axuda a gardar obxectos da casa que transporta no seu caixón. Cando os necesitas, chamas por el e tráechos. Tamén é útil para alumear a casa, xa que a súa pel ilumínase en diferentes intensidades segundo as veces que lle tires do rabo. O rinomé non precisa moitos coidados: só tes que lavalo cinco veces ao mes e darlle cada día un pouco de herba do xardín, así que tamén é un excelente corta-céspede. Iso si, encántalle que lle canten cancións e así ten máis enerxía.

Lucía Outeda, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

08 rasadora

A rasadora é dunha especie orixinaria dos pantanos, pero un día quixo ver mundo e trasladouse ás nosas casas. Vive nos armarios e come po, moito po. É moi testana e se alguén non lle fai caso, aspírao. É lenta pero coa súa lingua atrapa bechos de todas as clases. Coa súa trompa, moi semellante á dos elefantes, aspira o po para comelo. Este animal é moi raro de ver, xa que vive só nas casas da xente co corazón puro. Gústalle erguerse moi cedo para alimentarse e, cando remata de aspiralo todo, ás veces hai que axudalo porque hai sitios a onde non pode chegar, como os mobles altos. A rasadora pertence a unha antiga estirpe de animais pantanosos na que tamén están as bolboradoras e outros seres que viven nos buratos das paredes e as limpan de bechos. Advertencia: a rasadora muda de bolsa alimenticia porque, se non, podería estourar. Se lle levas a contraria, aspírate. Recárgase soa. Non lle tires da lingua porque podería perder todos os coñecementos sobre a casa na que vive e volverse agresiva.

Noa García Pazos, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

cullertruz

 

A cullertruz é o animal máis rápido e áxil de toda a cociña e, aínda que non é flexible, acomódase perfectamente nos caixóns dos cubertos. Normalmente axuda os nenos máis pequenos da casa a tomar as papas, pero hai que ter coidado! As cullertruces, se se enfadan, poden morderche e botar a correr pola casa, de arriba para abaixo, ata a hora de durmir, cando se acochan todas xuntas nos caixóns. Este animal doméstico axúdanos a inxerir líquidos sen ter que mover un dedo. Ela soa introdúcese no prato e vai levando a comida á nosa boca. É especialmente útil para os bébés: se estás ocupado e non podes atendelos, chamas a cullertruz e traballo feito! Normalmente teñen bo carácter, pero no inverno, a época de máis traballo e na que a comida está máis quente, móstranse máis irascibles. Hai cullertruces de diferentes tamaños para axudarnos cos diferentes líquidos: café, papas, iogurt, a mediana para comer, a grande para servir… Nas casas dos ricos e privilexiados hai cullertruces de ouro que se poden facer máis grandes ou máis pequenas segundo se precisen. Son moi escasas e custan máis.

Inés Bará de la Fuente, 6º

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

Ler máis…

QUE COUSA COUSIÑA É?

15 Xuño 2016

tenemos 5 dedos a

Ao longo dos obradoiros de O CARTAFOL os nenos e nenas de 5º curso do CEIP de Vilaverde-Mourente tamén tiveron tempo de construír adiviñas de animais.  A ver quen as acerta todas!

 

Alfombra golosa con ganas de mel

que cando se aburre pasea polo Courel.

Bocoi enorme con moito estilo,

pesca un salmón nun río moi frío.

Solución.

Abano de mil ollos

do monte alto do norte,

lapislázuli que camiña lento

presumindo ante a súa corte.

Solución

Mapa que corre sen parar

do principio ao final.

Na selva comerá.

Peluche, meu bonitiño!

Na hora de xantar

ruxe ruxe sen parar. Quen é?

Solución

Lentella, lentelliña,

que come pulgóns

para aliviar a barriguiña.

Solución

Semente que voa polo prado

buscando moitas flores

voando por todos lados.

Amarela coma o sol voa e ten boca

que non fai ningún son.

Solución

Lúas que iluminan o monte,

é o mellor vixiante das estrelas na noite;

é a estrela que se agocha baixo a ponte.

Sobre as pólas das altas árbores

el comparte os seus mellores cantares,

está afastado de todos os mares.

Que é?

Solución

 

Nun prado calquera vive un animal,

diamantes negros que non me miran mal.

E por riba, quen pasa?

Algodón que me leva a colleita para a casa.

Solución

 

Tutú de bailarina que flota na auga,

pompa de xabón que arrastra a marea.

Aparece coma o aire na area,

escorregadiza coma un peixe,

non a pises, ou saberás dela.

Solución

 

Felpudo que vai camiñando

polo grande deserto

en busca de auga e de alimento.

Solución

 

Manchas de tinta na pel,

que é branca coma o papel,

para espantar as moscas,

no cu ten un pincel.

Solución

 

 

 

FAUNA INSÓLITA

15 Xuño 2016

Ferdinando 3B

Ferdinando, o protagonista do relato que Munro Leaf escribiu en 1936, é un touro pacífico e sensible que devece por pasar as tardes sentado entre as flores ou a carón dunha sobreira, a súa árbore preferida. Inspirándose neste xato, o alumnado dos centros Froebel e A Carballeira constrúen relatos sobre animais amigables, sensibles, agarimosos… Criaturas diferentes na procura do seu lugar no mundo.

 

A historia de Leo o falcón.

Había unha vez un falcón que tiña algo diferente dos demais. El nacera nun acantilado raro, tiña unha forma cadrada, que era algo moi estraño para un cantil. Ao falcón, chamado Leo, encantáballe, porque el sentaba alí a mirar a xente que pasaba pola praia. Era un falcón ao que lle gustaba falar cos que pasaban; un falcón moi social. Os seus irmáns non eran así. Os seus irmáns saían todas as mañás a cazar. El, mentres tanto, alí, sentado no cantil. Á súa nai parecíalle moi estraño e ela intentouno convencer de que se intentaba ser coma os seus irmáns, ía ser un falcón mellor. Pasou o tempo e o falcón seguía sendo igual e os seus irmáns adolescentes xa eran dos falcóns máis importantes de toda a rexión. Por aquel entón, Leo xa cambiara algo. Agora xa non só era social, senón que directamente baixaba á praia a estar coa xente, e a xente mirábao con cara de exclamación porque obviamente parecíalles raro que un falcón non os ameazara. Un día os falcóns, a nai, o pai e os dous irmáns, decidiron ir cazar e pedíronlle a Leo que o intentara. Leo dixo –Ben, vouno intentar! –Chegou a noite e saíron cazar. Leo estaba moi nervioso porque non sabía o que estaba a facer. Cando todo empezou, separáronse para ir cazar na fraga. Pero el, sen amigos, non era feliz; alí non había xente á que saudar… non lle gustaba, el non era así!

Jorge Barros Suárez, 5ºA

(CEIP Froebel)

 

A historia do lobo Riperto.

Riperto é un lobo especial. Xa desde pequeno tiña algo distinto aos seus irmáns. Os seus irmáns sempre estaban a comer carnaza, pero a Riperto non lle gustaba a carne. Os seus pais preocupábanse por el e sempre lle insistían para que fora con eles, pero Riperto dicía que non e que non. A el non lle agradaba iso de matar outros animais. Un día descubriu que era vexetariano. Riperto non era aceptado, non tiña amigos. Un día acabáronse todas as froitas, hortalizas e demais verduras. Un día tivo que probar a carne e, do pouco que lle gustou, separouse da súa manda e foi vivir cuns lobos que eran coma el. Alí viviu feliz comendo vexetais cos seus novos amigos.

Álvaro Pérez Sueiro, 5ºB

(CEIP A Xunqueira II)

 

 

A historia do león Tripín.

Había unha vez un león chamado Tripín. Cando era pequeno perdera a súa nai, polo que non puido recibir cariño. Tripín prometeuse que, fose como fose, daríalle cariño a todas as persoas que o necesitasen. Os seus irmáns, veciños, amigos… metíanse con el, por ser así, especial, por pensar doutra maneira. Eles non pensaban igual ca el, dicían que o importante era ser O Rei da Selva. Pero Tripín sempre pensara o mesmo: que o máis importante sempre será que todo o mundo teña e reciba cariño. El dá cariño dun modo moi peculiar; non dá abrazos nin bicos, nin nada diso… o que fai Tripín é falar cos seus amigos, darlles apoio, consello… Tripín axudaba a todos os animais que o necesitaban. Dez anos despois, Tripín xa era un león feito e dereito e seguía a cumprir a súa promesa, e cada día dáballe máis cariño a máis xente. Grazas a el case todos os leóns da sabana Tiki-Trake eran felices. Cando cumpriu os dezasete anos comezou a facer o que todos os adolescentes, namorarse. Tripín estaba na sabana dándolle consellos á súa amiga Jany cando pasou por alí unha leoa moi guapa, a máis guapa de todas as que vira. Pouco a pouco foron namorando ata que acabaron por ser noivos. Desde ese momento, Tripín seguiu a ser o león que sempre fora e querendo moito a Mencía, a súa noiva.

India Castro López

(CEIP A Carballeira)

 

A historia da gaivota Cocota.

Un día, nunha praia afastada, naceu unha gaivota. Desde o principio a súa nai deuse de conta de que era diferente. Non chiaba para pedir comida, só se achegaba á súa nai e dicíallo moi baixiño. A súa nai preocupábase por ela, pero non, tampouco xogaba ao xogo de “Quen chía máis?”. Un día o seu pai preguntoulle por que non xogaba ou chiaba para comer. Ela respondeulle que non era quen de chiar porque lle doía a gorxa. O seu pai pensou que se a deixaba pasaríalle co tempo. Ao cabo dos anos, Cocota fíxose independente e aos seus pais xa non lles facía caso. Por iso un día decidiu marchar da súa casarocha e foi vivir á praia do lado porque alí non había gaivotas soas; tamén turistas e, sobre todo, cans. Alí fíxo a súa casa e quedou a vivir ata o día que unha gaivota, que resultou ser a súa irmá, lle pediu axuda para espantar unha nécora que lle estaba a morder a todas as gaivotas da familia. Ela díxolle que tiña que chiar moi forte para espantala. Cocota chiou pero só lle saíu un fío de voz. Entón, a súa irmá pediulle a Cocota que marchara porque non servía para nada. Cocota foi para a súa casa da praia do lado. Cocota alí viviu feliz, sen gaivotas, sen persoas e sen cans.

Guang Li Sanmartín Ruibal, 5ºB

(CEIP Froebel)

 

O moucho madrugador.

Hai moito tempo naceu en Galicia un moucho chamado Xabier. Naceu de noite, e iso fixo que non lle gustara ver ás escuras. Vós pensaredes, -Se é un moucho! Pode ver de noite! –. Por poder, pode; con todo, non lle gustaba estar só coa súa familia. Pensou que, no canto de durmir de día, podería facelo de noite. Pero iso non era tan fácil, custáballe moito, e os seus irmáns rían del. Como non durmía nin polas noites, nin polas mañás, estaba irritante e desconcentrado. Iso fixo que a súa familia cortara toda relación con el e o botaran fóra do niño. Quitáronlle todo o que tiña. Estiveron meses sen falar ata que un día decidiu irlles contar que o acolleran nunha casa onde hai gatos, cans, paxaros, peixes e tartarugas. Queríalles contar que xa non necesitaría a súa axuda. Os primeiros días estivo moi contento pero, co paso do tempo, tivo morriña do bosque, dos animais, da familia.

Victor Piñón Parada

(CEIP A Carballeira)

Pero a cousa non para aquín continuade a ler para coñecer máis animais diferentes.

Ler máis…

AS EMOCIÓNS DOS ANIMAIS, EN PRIMEIRA ‘PERSOA’

15 Xuño 2016

14072904016_9fb8233d8a_z
Gústannos os animais. Telos na casa, visitalos na granxa ou velos no seu hábitat natural pero, algunha vez vos puxestes no seu lugar? Que pensarán eles de nós? Agradaralles a nosa presenza ou, pola contra, desacougaralles? Poñerse na súa pel e tratar de imaxinar o que senten foi o punto de partida destes tenros relatos logo de ler «Son un cabalo», escrito por Gonzalo Moure e ilustrado por Esperanza León.

 

Son un pastor alemán. Todos os días vén visitarme unha rapaza que vive comigo en Campañó. Ten o pelo louro e os ollos azuis e
pequenos. Cando xogas comigo gústame, non me dás medo. Despois sempre me dás unha galleta das que a min tanto me gustan. Ti, nena, pensas; eu non sei o que pensas de min, pero eu sei que pensas. Gustaríame poder saber o que pensas. Eu creo que ti, moitas veces, sabes o que penso porque, cando ladro, dásme de comer ou de beber, ou tamén xogas comigo. A min gústame correr e eu creo que ti o sabes porque nunca me encerras. Gústame que me deas aloumiños porque me recordas a miña nai, que tamén mos daba coa súa pel e coa súa lingua. Dende que nos separaron desexo poder volver ver a miña familia. Hai uns anos, cando vía a un grupo de cans, pensaba que era a miña familia, desexaba poder volvela ver. Aínda agardo ese día. O que máis desexo no mundo é poder ver a miña familia, na que tanto penso, coa que tanto soño. Non me gusta cando me berras nin cando me pegas porque me portei mal. Tampouco me gusta cando me pós bozo. Gústame que xogues comigo aínda que ti non o saibas.

Cristina Pérez, 6º

(CEIP Parada-Campañó)

 

Son un peixe de cores. Estou nun acuario. Todo o mundo me mira, sobre todo unha nena que me dá de comer. A nena ponse a falar, conta o que lle pasou durante o día pero, como non hai ninguén no cuarto, supoño que fala comigo. A nena é pequena, ten uns seis ou sete anos, case sempre leva unha saia e camisetas de cores. Non entendo moi ben o que dis, nena, eu sei que me falas pero, non sei nin como falar contigo, nin entendo ben o que dis. Ás veces tamén vexo persoas adultas, unha muller e un home. Eles case non me fan caso. Ás veces dánme de comer, pero case non fan caso. Neniña, encántame cando me fas brincadeiras e divírtome contigo. Teño pequenos recordos da miña nai, dos meus irmáns e dalgúns peixes que estaban comigo e pasabámolo moi ben. Teño moitas cousas que non entendo de ti. A min gústame xogar na auga e ti pasas o día mirando o outro acuario cadrado onde hai persoas dentro. A min gústame estar con outros peixes, pero estou só. Hai cousas que me dan medo de ti. Fas movementos moi raros e asústasme. Tocas o acuario moi forte e fas sons que me dan moito medo. Gustaríame contarche que durmo na auga sen deitarme e cos ollos abertos. En cambio, ti tómbaste nunha cama e dormes cos ollos pechados. Na memoria dos peixes gustaríanos estar todos no mar. Tamén nos gusta o océano. Alí sénteste libre, podes facer de todo, voltas, xogos, ir a lugares do mar moi lonxe… é o mellor! Grazas por escoitarme, por estar comigo, por coidarme. Espero que sigas sendo tan boa comigo, espero que sigas a coidarme tan ben.

Rita González González, 6ºB

(CEIP Álvarez Limeses)

Recorte

Son un lobo, un lobo carnívoro e, aínda así, non como carne. Unha nena, ás veces, pasea pola fraga na que a miña manda vive. O cabelo louro e os seus lazos, que colean cando foxe de min, e os seus ollos asustados, que escintilan. Ti pensas que quero paparte, pero non é verdade. Asústaste cando corro detrás de ti, mais só é un aceno de xogar. Algunha xente ódiame sen coñecerme, pero non é o teu caso. Gústame o teu riso, cando corremos xuntos. Ti pensas que o meu ouveo é de desagrado, mais é mentira. É o meu modo de rir. Os teus cariños impulsan os meus ouveos. Tampouco sabes que non durmo profundamente, porque se non podería vir un cazador. Iso dixéronlle os meus tataravós aos meus avós, e os meus avós aos meus pais, e os meus pais a min. Os meus devanceiros eran case tan listos coma ti. Por iso eu son un lobo listo, coma os meus devanceiros. Poucas cousas conseguen asustar a un lobo, pero ti fas algunhas desas cousas. Cando fas ruídos doutros animais ao xogar xunto a min, fasme sentir ameazado. Tampouco quero que intentes levarme para a túa casa. Son moitos humanos vivindo xuntos e pode chegar a ser perigoso. Estou feliz coa miña manda. Eu soño con vivir nun lugar cheo de ríos e plantas. Sería moito mellor xogar alí que na fraga chea de cazadores. Gustaríame que souberas que cando estou quieto estou en alerta, que cando ouveo estou ben. Ti non entendes o que eu digo con isto, e gustaríame que aprenderas a miña curiosa lingua. Quero que continúes rindo e non volvas terme medo nunca máis. Quero ser o teu amigo. Quero que sexas a miña amiga.

Lorena Abilleira Gil, 6ºA

(CEIP Álvarez Limeses)

 

Son un huski. Hai días que me vén visitar á miña caseta. Non me dán medo os humanos, xa que se portan ben comigo, non me fan dano. Gústame que me revise os ollos porque di que cando sexa grande podo ter problemas de vista. Gústame que coide as patas. Como os huskies somos cans de traballo, as nosas patas son imprescindibles. Ti, home, es bo comigo. Gústame estar contigo, aínda que non quero que me bañes. Eu prefiro que me cepilles, xa que a miña raza é limpa e non cheira. Cando acabamos aquel percorrido cheo de xente, ás veces estás contento e outras decepcionado. Eu non sei que pensas. É difícil sabelo, aínda que sei que algún día conseguireino. Quero expresarme. Xa encontrei maneiras, e ti tamén comigo. Sabes o que quero facer só ás veces; cando quero xogar, ti agochas a pelota, entón empezo a chorar e ti lévasme fóra. Non te entendo, só quero xogar. Pero ti dáste de conta. Creo que algún día ti e mais eu falaremos igual. Cando me acariñas sinto un forte sentimento porque penso na vez que estaba nun sitio onde me vendían e iso é o que máis me gusta de ti. Gustaríame quesouberas o que sinto. Quérote moito. Dende que cheguei, ti cóidasme coma se fose o teu fillo. Ogallá fose un humano coma ti, pero non podo. O importante é que cando tiro da zorra non somos dous, somos un!

Paula Fernández Ucha, 6º

(CEIP Parada-Campañó)

son un cabalo 2

Son un esquío. Vivo nun parque e todos os días vexo a moita xente pasear: chovendo, nun día soleado, con cans, volvendo do traballo… Pero todos os días á mesma hora vexo a mesma nena. Sempre con dúas trenzas, cunha mochila e cunha bolsiña con landras para min. Sinto escapar moitas veces, pero tes que entendelo, es moi grande e ás veces dásme medo. Sei que só me queres aloumiñar, pero teño que fuxir, non podo evitalo. Gústame o teu sorriso. Ás veces avísame de que vas tocarme, e esas veces, tranquilízasme, dásme seguridade e felicidade. Tamén me dá medo cando corres cara a min. Penso que me vas pisar, e cando queres collerme tamén. Ás veces enténdote. Sei que che gustaría levarme á túa casa, pero a túa nai non te deixa e tampouco che gustaría deixarme encerrado nunha gaiola. Eu penso igual. Este parque é o meu paraíso, cos demais esquíos, vendo a xente pasear e coas túas visitas. Necesito botarte de menos e espertar á mesma hora, pasar fame para que as túas landras saiban mellor. Grazas polos teus agarimos, os teus sorrisos e comidas. Por favor, segue a vir e eu seguirei a agardarte.

Laura Pozaco, 6ºB

(CEIP Álvarez Limeses)

Ler máis…

ENTREVISTA A MARÍA SOLAR

15 Xuño 2016

maria-solar-1

Expresiva, inqueda, falangueira, polifacética… Son algunhas cualidades de María Solar ás que puideron achegarse os rapaces e rapazas do CEIP de Marcón que a entrevistaron con motivo da publicación de “Teño uns pés perfectos”. Un libro divertido e instrutivo que lle deparou á súa autora ter recibido moitas fotografías nas que os lectores presumían dos seus pés. Para a escritora e xornalista compostelá, a literatura tenlle proporcionado moitas anécdotas e satisfaccións.

 

Como se che ocorreu facer un libro sobre os pés?

Porque están tan oprimidos e esquecidos, que me pareceu bonito dedicarlles un libro. Gústanvos as ilustracións? Fíxoas Gusti, un arxentino que vive en Barcelona. Eu coñecino en México, na Feira do Libro de Guadalajara, cando el participaba nunha manifestación para que se aclarase a desaparición duns estudantes de maxisterio. É unha persoa tan implicada que cando se lle propuxo facer un libro sobre os pés, entendeuno perfectamente. Os seus debuxos teñen moito humor, son moi graciosos.

miden las uñasFarás máis libros sobre outras partes do corpo?

Pois empecei polos pés, pero igual facemos outro doutra cousa. Que vos parece sobre a boca? Serve para comer, para dar bicos, está chea de bacterias…

Canto tardas en escribir un libro desde que o pensas ata que o rematas?

Depende. Algúns son poucos meses e outros son anos. Acabo de publicar unha novela coa que levaba catro anos.

Cales foron as primeiras obras que escribiches?

Os dous primeiros libros que escribín non eran de contos; eran de ecoloxía, de didáctica para os colexios. Chamábanse “O libro do noso mar” e “Ecoloxía na aula”. Pasaron aínda dez anos dende ese momento ata que collín textos que tiña gardados nos caixóns, envieinos ás editoriais e empezaron a publicarme contos.

Como se che ocorreron os títulos dos teus libros?

Hai títulos que se me ocorren ao principio e outros que, remato o libro, e estou dándolle voltas a como chamarlle. Eu creo que o mellor título que se me ocorreu nunca é “O fillo do pintamonas”, que trata sobre unha nube dos soños.

Tes un sitio especial onde escribir?

Na miña casa, o último cuarto que quedaba dispoñible ocupouno Martín, o meu fillo pequeno. Debo ser das poucas persoas que escribe pola cociña, pola sala, polo cuarto… Non teño un sitio onde escribir, xa me gustaría! Cando compre outra casa vou facer un sitio para min, para escribir.seguindo pegadas

Cal foi para ti o teu mellor libro?

Que difícil! Eu sempre escribo en galego. Que un libro que naceu na nosa lingua, estea publicado tamén en castelán e despois se traduza ao portugués e ao catalán, gústame moito; cando os meus libros chegan a outros sitios, tendo en conta que escribo nun idioma que fala menos xente, para que despois os lea todo o mundo. “O meu pesadelo favorito” tivo moitos premios e eses recoñecementos son bonitos. Ese libro gañou o Premio Lazarillo, que é o máis antigo de España. Un día estaba na miña cociña, soou o teléfono e dixéronme: “Buenos días, le llamamos de la Casa Real”. Entón preguntáronme se quería ir comer á casa do rei o 23 de abril, vai xa un ano. Entón fun, e sabedes o que fixen ao saír do Pazo Real? Fun ao aeroporto e comín unha hamburguesa. Sabedes por que? Porque tiña fame! Vouvos contar o que me sucedeu para que non vos pase se ides ao Pazo Real, un sitio fantástico, precioso. Eu estaba ao carón do rei e en fronte da raíña. E cando sentas a comer, cando empezas a comer? Cando todos están servidos, non é? Iso é de educación! Era unha mesa de oitenta persoas. Primeiro servíronlle ao rei, despois á raíña e logo a todos os demais. Eu agardei a que estiveran servidos ata o fondo e empecei a comer. E cando tomei a primeira culleradiña, o rei acabou, e sabedes o que fan? Empezan a recoller os pratos. Cando chegou o segundo prato, puxéronlle ao rei, á raíña e, cando puxeron o meu prato xa non esperei a que acabaran de servir a todos, só polos do arredor. E nestas, o rei acabou e recolleron os pratos. Entón trouxeron o postre e empecei a comelo. Cando levaba un cachiño comido, resultou que o café se tomaba noutro sitio e, como o rei se puxo de pé para ir tomar o café, todo o mundo se ergueu e marchou detrás del. Así que se ides ao Pazo Real, non agardedes por ninguén para comer.

Que tipo de literatura che gusta máis, infantil ou para maiores?

Gústame toda. Pero un libro como “Teño uns pés perfectos” non teño claro que sexa só para nenos; creo que é para todas as idades. Se o le unha persoa maior vai entender unhas cousas e, se o le un neno ou unha nena, vai entender outras. Vale para todo o mundo.

tenemos 5 dedos aComo se che ocorreu ser escritora e xornalista?

Desde pequena eu quería presentar na tele, pero non tiña o concepto de xornalista, senón de presentadora. O xornalismo é máis ca iso: hai que documentarse, saber máis da persoa que se entrevista, preparar as preguntas… Ademais, as linguaxes para a radio e para a tele son distintas. Eu cheguei ao xornalismo dun modo un pouco especial: no instituto había un rapaz que ría moito de min porque eu tiña unha voz moi aguda. Tempo despois vin que se organizaba un curso de dobraxe e apunteime, non para traballar en dobraxe; eu quería aprender a falar ben. Despois de aprender a dobrar, xa era actriz de dobraxe. Cando rematei de estudar Maxisterio fun facer a carreira de Bioloxía e na facultade vin un anuncio dunha radio que collía xente. Entón fun facer unha proba e como sabía colocar a voz, polo curso de dobraxe, colléronme. Entón entrei en Radio Compostela. Un día chamáronme para facer unha proba para a Radio Galega, de alí pasei á Televisión de Galicia e, no medio, decidín estudar Xornalismo. Fixádevos que, ao final, todo vale para algo. Se non fixera dobraxe igual hoxe non estaba na radio e na tele. Por iso, se podedes aprender algo, aprendédeo.

Na túa primeira reportaxe tiveches vergoña?

Eu creo que non. Cando chego á televisión, dáme igual quen estea diante miña. Tanto se teño que falar diante dun auditorio con dez mil persoas, como se teño que falar diante das cámaras; se hai un xefe de Estado, un ministro, un presidente… non me importa, non teño vergoña. Cando si paso nervios é cando preparo a entrevista: ter que buscar como facela, que quede ben, procurar documentación… Aí si que me preocupo. Pero cando chega o momento do directo e vou facer o que estiven a preparar, entón reláxome e estou moi contenta de poder facelo.

Cal das túas profesións, xornalista e escritora, che gusta máis?

As dúas; ao final, todo é comunicación. Cando estás na televisión ou na radio, estás comunicando con alguén, contándolle algo. E cos libros estás facendo o mesmo, contando unha cousa que os demais fan súa.

Ao ser escritora e xornalista quédache tempo para outras cousas?

Pois estou bastante tempo traballando, pero ao único ao que non lle quito ningún tempo é aos meus fillos. Polas tardes dedícome a ser transportista: lévoos a karate e esas actividades. Como traballo tanto, a nena maior de 16 anos medrou moi rápido, xa se fixo grande, e agora o neno pequeno non quero que me escape; a eles si que non lles quito nin un só minuto. O resto do tempo, vou traballando.

mas alto bEstás contenta co teu esforzo no traballo?

Eu son moi traballadoriña, creo que hai que traballar e esforzarse; que as cousas non veñen así, de arriba. E tamén penso que co tempo, cando te esforzas e traballas, tes recompensas.

Tes algunha afección?

A miña afección principal é falar coa xente, quedar con xente divertida, diferente… Teño moita sorte pola miña profesión, porque me permite coñecer persoas moi distintas e interesantes. Ver xente moi poderosa ou xente que o está a pasar moi mal. Apréndese e fai que unha medre como persoa.

PODOLOXÍA E OUTRAS CURIOSIDADES

15 Xuño 2016

IMG_2940_b

Practicando a faceta xornalística de María Solar, o alumnado do CEIP de Marcón pescudou, redactou e difundiu reveladoras informacións sobre os pés. Velaquí as novas fantásticas da súa propia colleita.

 

DESCOBREN UNS PÉS DE CABRALES EN PONTEVEDRA

Nunha parroquia de Pontevedra, en Marcón, había un veciño asturiano que era moi coñecido, xa que tiña uns pés moi peculiares: os seus pés cheiraban a queixo de Cabrales. Os seus pés cheiraban a quilómetros de distancia á redonda. Un día pasou por Marcón un científico ao que lle chamou moito a atención o olor dos pés deste veciño e quixo investigar as causas. Fixo analíticas, probas, todo o que se pode imaxinar; ata que un día puido confirmar que os seus pés ulían a Cabrales por causa dunha bacteria que tamén tiña o queixo asturiano, a MHJEKTAMOFILHA XDCA. Os seus pés ulían así porque os seus pais, durante a súa infancia, alimentaran a este veciño todos os días con queixo de Cabrales.

Antía Carballal, Candela Lorenzo

(CEIP de Marcón)

 

CIENTÍFICOS INVESTIGAN UNHA ENFERMIDADE NOS PÉS

O once de marzo de dous mil dezaseis, científicos da Universidade de Alacante encontraron unha moza coa enfermidade chamada Osopatía, que destrúe os ósos dos pés. Unha moza de Alacante a quen lle contaxiou unha enfermidade o seu can mordéndoa nun pé, está a ser estudada. Aínda non se sabe por que o can lle contaxiou esta enfermidade. Si se sabe que destrúe os ósos dos pés.

-Tes algún síntoma?

-Teño moita suor e tiróns nas dedas.

Ás veces dánme cambras.

Alejandra Romero Filgueira, Pablo Fernández López

 (CEIP de Marcón)

 

MABE WADLOW ENTRE NO LIBRO GUINNESS DOS RECORDS COS PÉS MÁIS GRANDES DO MUNDO

Mabe Wadlow entra no libro Guinness dos Records 2015 grazas a unha enfermidade como a do seu pai, Robert Wadlow. O norteamericano Mabe Wadlow, de trinta e tres anos, entra no libro Guinness dos Records superando o record do seu pai, Robert, con 49,99 cm. de longo no pé esquerdo e 52,24 cm. no dereito. Non só ten os pés grandes, senón tamén todo o corpo. O seu zapateiro Thomas di:  –Os seus pés son como dous grandes camiños! –. A súa filla Noha tamén vai polo mesmo camiño, pois mide 1,75 metros e ten oito anos. Mabe non ten ningún problema, pois practica atletismo, vai ao ximnasio e fai rutina como o resto das persoas. Mabe está casado cunha muller, Jenna. Ela está costumada, pois leva vinte e cinco anos con el. O día da voda, Jenna tivo que subir a un escano xa que, ademais de ter os pés máis longos do mundo enteiro, é moi alto: mide 2,50 metros.

Mara Abreu Cortegoso, Belén da Silva Tieso

 (CEIP de Marcón)

 

INVENTAN UNHA MÁQUINA PARA ANDAR

Nunha vila da provincia de Pontevedra, Marín, construíron unha máquina que fai as mesmas función que os nosos pés. Na nosa visita á vila fixámonos en que as máquinas eran de ferro e dentro había uns homiños que traballaban día e noite sen parar. Teñen o cerebro tan desenvolvido coma os humanos. Están probando se funcionan no laboratorio de Ciencias de Pontevedra. Preguntámoslles aos cidadáns que lles parecen. A mayoría dos enquisados responderon que era unha cousa moi arriscada. Informaremos nos vindeiros días.

Antía Martínez Pérez, Pablo Ferreiro Couto

 (CEIP de Marcón)

 

O DESCUBRIMENTO DUNHA TRIBO COS PÉS IGUAIS DÁ A VOLTA AO MUNDO

Nunha aldea hindú, un investigador atopou unha tribo na que as mulleres tiñan os dous pés dereitos e os homes os dous pés esquerdos. O investigador, Paul Saljensin, preguntoulles aos aldeáns quen eran. Os aldeáns responderon que eran da aldea Mjelid, do lugar chamado Ningulindhe. O problema que tiñan estas xentes era que non podían camiñar nin facer as súas tarefas: ir por auga, coller os nenos, facer a comida… Paul preguntoulles como era posible vivir tan incomodamente. Un aldeán díxolle que lles preguntara aos seus pés se podían volverse normais, pero os pés dixeron que non. Paul acabou por abandonar a aldea sen atopar unha resposta a aquel misterio.

Noelia González, Alejandra Rodríguez

 (CEIP de Marcón)

 

DESCOBREN UNHA FAMILIA CUNS PÉS DIFERENTES

A familia García naceu cos dous pés dereitos. A familia García tiña uns pés diferentes, uns zapatos diferentes e uns calcetíns diferentes. Case todos os zapatos eran de coiro estaban forrados con tea. A familia tiña algo especial: ter dous pés dereitos. O malo de teren dous pés dereitos é que poden caer para o lado contrario, o esquerdo, pero xa están acostumados. Eles, ao estaren acostumados, non lles parece estraño, e aos seus amigos tampouco lles parecía moi raro, pero á xente do seu barrio si. A eles dáballes igual. Un día, á familia García tiveron que operarlle un pé, o esquerdo, e a todos o mesmo, como ás demais persoas. O médico díxolles que o novo pé se chamaba esquerdo. A familia García quedou asombrada, e dixo: Vaia nome máis raro! Desde entón, a familia García tivo un pé esquerdo e un pé dereito.

Victoria Cons, Carmen Rodríguez

 (CEIP de Marcón)

 

DESCOBREN UNS PÉS DIFERENTES NUNHA PARROQUIA DE PONTEVEDRA, TOMERZA

Nunha parroquia de Pontevedra, en Tomeza, había un misterio: alí viven tres homes que teñen os pés diferentes. O venres pasado, o noso enviado visitou a parroquia de Tomeza. Alí atopou tres homes que tiñan os pés diferentes. Un tíñaos romanos, outro exipcios e outro gregos. O que tiña os pés gregos, tiña os pés máis grandes. Cando ten que comprar zapatos élle moi difícil porque case non hai. Os seus amigos axúdanlle a buscar, xa que para eles si que hai. Unha señora que ten unha zapatería ofreceulles un zapato para cada clase de pés. Eles déronlle as grazas.

Elisa Moure García ,Naomi Moreira Ruibal

 (CEIP de Marcón)

CADROS CONTADOS: PINTURA E LITERATURA PARA VER E LER DENDE AS AULAS

15 Xuño 2016

 

A historia da arte e algún dos seus cadros máis sobranceiros son o escenario no que transcorren os relatos dun obradoiro deseñado a partir da visita imaxinaria aos principais museos do mundo.

 

O CUARTO EN ARLES

(Van Gogh Museum Amsterdam, visita a obra no museo aquí)

Carlos é un neno de poucos anos ao que lle gusta a pintura. A casa de Carlos está nunha aldeíña de Galicia. O seu pai, que o quería moito, morreu nun día de verán xogando con el. Nese momento, Carlos botouse a chorar ao lado del e, dende ese momento, sempre leva unha foto súa no peto. Pola noite debúxao nun cadro no que leva traballando dende que morrera. O neno quería estar máis con el. A sua nai, Carme, bótao de menos. O día que Carlos rematou o cadro chamou a toda a familia e convidounos á súa casa para que viran o cadro e para lembrar a Antón, o seu pai. Aquela noite Carlos pasouna mirando o cadro do seu pai mentres oía como choraba a súa nai.

Gabriel Fontenla Acevedo, 5ºA

(CEIP Álvarez Limeses)

 

O CANTAR DOS CANTARES. Marc Chagall.

(Musée national Marc Chagall, visita a obra no museo aquí)

Era unha vez a Terra. Xoán era un dos seus habitantes, pero el sentíase distinto. Todos os días levantábase da cama para ir á praza. Así se gañaba a vida, tocando a arpa. Non gañaba moito, pero o suficiente para vivir. Pero el estaba encantado co seu oficio e non lle importaba. Un día levantouse, almorzou e foi cara á praza. Cando chegou, sentou no chan e comezou a tocar. A súa música soaba suave e melodiosa… e de súpeto, escoitou un ruído, pero non lle fixo moito caso. A segunda vez que soou asustouse un chisco, pasaba algo raro. Cando se deu de conta había unha morea de persoas. Xoán non o entendía. Volveu tocar e, no ceo, apareceron moitos seres máxicos. Xoán xa o entendera. Todos os seres máxicos e as persoas foran atraídas pola súa arpa. Xoán decidiu escapar. Pero, cando se achegou a unha persoa, viu que non era tal, que era unha estatua. Todos eran estatuas. Xoán meteuse entre as estatuas pero chegou a un punto no que non collía. Empezou a chorar, sentiu que era a súa fin cando, no ceo, apareceron un rei e unha raíña voadores. Foron cara a Xoán e dixéronlle que non chorase, que eles levarían a todos os seres máxicos e volverían converter as estatuas en persoas, pero necesitaban axuda. Xoán accedeu a axudalos e ideou un plan. Cando se puxeron de acordó foron a unha tenda e mercaron unha rede coa que atrapar os seres máxicos. Os reis ían marchar cando Xoán lles pediu que devolveran á normalidade todo. Os reis fixeron unha beberaxe coa que curaron as persoas e liberaron a arpa de Xoán da maxia. Pronunciaron unhas palabras e todo volveu á normalidade.

Natalia Solla Prado, 6ºB

(CEIP A Xunqueira II)

O EMPADROAMENTO DE BELÉN. Pieter Brueghel el Viejo.

(Musées royaux des Beaux-Arts de Belgique, visita a obra no museo aquí).

-Chegou o inverno! –berrou Belén emocionada. Belén adoraba o inverno. A neve, o lago conxelado… Ela non podía gozar de todo iso porque tiña que traballar na ferrería dos seus pais pero, ás veces, a súa nai deixaba que fose patinar ao lago conxelado cos seus amigos. Un frío día de inverno, os pais de Belén mandaron a súa filla a que quitara a neve do camino cara á súa casa. Pero Belén non varreu o camiño, escapou a xogar na neve porque non quería traballar. Cando a súa nai foi dicirlle que xa podía deixar de varrer e ir xogar, non viu a súa filla. Enfadouse tanto que a súa cara púxose vermella coma un tomate. Belén estaba patinando polo lago conxelado cando caeu na auga e empapouse da cabeza aos pés. E así, a filla volveu traballar cos seus pais e quedou castigada todo o inverno.

Paula Fernández, 5ºA

(CEIP Álvarez Limeses)

MULLERES DE ALXER. Eugène Delacroix.

(Musée du Louvre, visita a obra no museo aquí).

Un día, na afastada India, Cristina mercou un pazo nunha cidade chamada Pompat. Cristina era unha campesiña que, un día, non se sabe moi ben como, atopou un cofre cheo de moedas. Cando entrou no pazo, este estaba baleiro, entón decidiu convidar as súas amigas Clemente, Ana e Lola. Cando chegaron sorprendéronse igual que Cristina. Non había ningún moble. Entón foron mercar alfombras e coxíns, porque son baratos e serven para merendar. Despois mercaron teas para facérense novas prendas, porque viñan do campo e estaban moi sucias. Tamén querían cambiar un pouco de estilo. Antes de levar as teas a unha modista, comeron de todo: froitos secos, froita e tamén larpeiradas. Cando remataron colleron o tren e foron xunta a modista. Era negra e chamábase Fica. Fíxose moi amiga delas. Cando os vestidos, camisas e pantalóns xa estaban feitos, Fica foi á casa de Cristina e a ela e ás súas amigas encantáronlles. Foron cambiarse ao momento. Estaban tan felices que celebraron unha festa. Convidaron a todos os habitantes de Pompat. Ao final tiveron unha sorte moi grande, regaláronlles mobles e roupa nova! Preguntarédesvos quen foi. Pois foi un rei da India, que tamén ía mudarse e cedeulles os mobles para a festa. Ao final a festa foi impresionante.

Lucía Dios Carballo, 6ºA

(CEIP A Xunqueira II)

AS CATRO PARTES DO DÍA: A NOITE E O CLARO DE LÚA. Claude-Joseph Vernet.

(Musée du Louvre visita a obra no museo aquí)

Nun xoves coma calquera outro, nubrado, escuro e de marea tranquila, Breogán iría á guerra a Milán. Máis de cen familias preocupadas polos seus pais e maridos agardaban no porto para que chegaran os barcos que os collerían para iren a Roma e despois a Milán. Breogán e a súa muller Sabela vivían en Lalín e non tiñan fillos. Sabela tiña máis medo que ningunha outra persoa: quedaría soa e non tería o seu marido axudándoa. Aos tres meses sen o seumarido ocorréuselle unha idea brillante que lle cambiou a vida. Abriría un restaurante! Todos lle dicían que era a mellor cociñeira de Lalín. Levaba moito tempo sen ver o seu marido. E se lle pasara algo! Cinco días pasou Sabela buscando o nome axeitado para o seu restaurante. Chamaríalle “O fogar de Breogán” para que, se o seu marido volvía san e salvo, se sentira orgulloso. E ao final… Breogán volverá?

Sofía Rivas Cancela, 5ºB

(CEIP Álvarez Limeses)

Ler máis…

LENZOS QUE TOMAN VIDA

15 Xuño 2016

OcazulOcazul, a protagonista de «Cadros dunha exposición» guía os lectores pola música de Mussorgsky, ilustrada por Xosé Cobas, a quen xa entrevistamos no primeiro número de O CARTAFOL. Cada peza atesoura unha historia que os escolares do CEIP Froebel reconstrúen con esmero. Acompañadeos, cada cadro é unha aventura!

Había unha vez unha oca chamada Ocazul. Un día quixo ir dar un paseo pola cidade de San Petersburgo. Camiñando, fixouse nun edificio moi antigo. A súa curiosidade chamouna a entrar. Cando atravesou a porta pensaba que era unha casa pero, polos cadros e os letreiros, deuse de conta de que era o museo. Foi a todos os andares, pero ningún cadro facía que lle prestara atención. Xa pensaba que os vira todos, pero había un cadro agochado na escuridade. Achegouse e viu un trasno intentando saír do cadro. Asustada, entrou no cadro para atrapalo e levalo xunto dun amigo dela que era científico. Estivo un rato camiñando cando viu un bosque moi denso e, detrás dunha árbore, estaba o trasno. Asustado, saíu correndo ao corazón do bosque e a oca perseguiuno. Despois de trinta minutos camiñando deuse de conta de que estaba perdida. No seu empeño en intentar saír, entraba máis no bosque. E alí quedou Ocazul, dentro dun bosque imaxinario que estaba dentro dun cadro que estaba dentro do Museo de San Petersburgo.

Miguel Pérez Longa, 6ºB

(CEIP Froebel)

 

Ocazul estaba a mirar un cadro de dous polacos. O máis pequeno era un mendigo que estaba a pedir na rúa. De súpeto viu que o home rico empezara a miralo. Ocazul tiña medo e non sabía que facer, se botar a correr ou quedar a ver o que pasaba. De súpeto o home rico andivo cara ao cadro do mendigo e quitoulle o pouco diñeiro que conseguira. Ocazul empezou a berrar pero el saíu correndo pola rúa adiante. Ocazul entrou no cadro para axudar o mendigo, que caera ao intentar coller o diñeiro. O mendigo sentou eempezou a chorar porque o diñeiro era para comprar comida e agora non tiña nada. Así que Ocazul, para axudalo, foi buscar o home rico. Buscou por todas as esquinas peronon o atopou. De súpeto, oíu como uns contedores caían ao chan. Ocazul supuxo que era o home agochándose, correu cara alí e o home comezou a correr. Ocazul tiña as patas moi curtas e o home rico era moi rápido, así que púxose a voar. Viu que alí preto había un porto, entón colleu unha rede co peteiro, voou tan rápido que chegou ata onde estaba o home e, xusto cando estaba debaixo del, soltou a rede e atrapou o home. Ocazul colleu o diñeiro que roubara e devolveullo ao mendigo. O mendigo estaba moi contento e Ocazul tamén, por telo axudado. Saíu do cadro e deu a volta para volver mirar o mendigo, pero o cadro volvera á normalidade. Era un misterio.

Almudena Graña Amoedo, 6ºA

(CEIP Froebel)

Unha gansa chamada Ocazul camiñaba por aquel bosque do cadro. Non sabe como, entrou nel. Ela non sabía que facía alí. Despois de moito darlle voltas a aquela situación, tiña medo e sono. O sol estaba a agocharse detrás das montañas. Empezou a andar ata un castelo vello. Ao entrar pola porta buscou unha cama onde durmir. Subiu as escaleiras e deitouse a durmir. Ao pouco escoitou a porta principal. Ocazul agochouse debaixo da cama. Abriuse a porta do cuarto e sentiu como alguén se deitaba na cama. Ela, con moito medo, quedou durmida. Ao acordar, atopábase enriba da cama con outra persoa. Ergueuse alterada e, con moito
medo, presentouse:

-Ola, chámome Ocazul.

-Ola, chámome María. –Dixo a persoa que tiña ao lado.

-Que fas aquí? –Preguntou a gansa.

-Veño sempre aquí. E ti?

-Estaba no museo pero non sei como cheguei ata aquí!

-Vén comigo. Eu levareite.

E ao abrir os ollos, estaba no museo soa.

Sheila Sobral Franco, 6º

(CEIP San Bieito de Lérez)

 

Había unha vez unha oca chamada Ocazul que saíu de paseo coas súas irmáns ao museo de San Petersburgo, onde lle chamou moito a atención un cadro moi escuro e interesante. O museo era especial, pois podías meterte nos cadros e explorar todo o que quixeras. Alí atopouse cunha sombra que a axudou a percorrelo todo, pois era nova e levaba toda a vida alí. Era moi simpática e tiña unha voz moi rara e única que a facía rir. Foron á casa de Ramoncio dos Montes Maximus, que lle ofreceu un té e unhas pastas.

-Que é o que te trae polas catacumbas?- Dixo Ramoncio.

-Catacumbas!- Respondeu Ocazul.- Isto só é un cadro.

-Non pode ser, eu levo toda a miña vida aquí. Nunca saín.- Dixo Ramoncio.

-Eu axudareiche a saír, pero ti a cambio tes que me axudar a atopar as miñas irmás. Case se me esquece con tanta parola!

-Trato feito!- Dixo Ramoncio.

Os dous comezaron a procurar pola saída, pois Ocazul non se acordaba por onde entrara. Ao cabo encontrárona e, por casualidade, pasaban por alí as irmás de Ocazul. Ramoncio explorou todo o museo e encantoulle o que viu. Estaba anoitecendo e Ocazul e as súas irmás dirixíronse á saída do museo cando decidiron levar a Ramoncio con elas. Todos xuntiños na casa pasárono moi ben!

Ainhoa Zapata Mafla, 6ºB

(CEIP Froebel)

 

Había unha vez unha oca chamada Ocazul. Un día decidiu explorar polo museo de San Petersburgo. Cando chegou ao primeiro corredor recorreuno enteiro, fixándose en cada recuncho de cada cadro, pero non houbo ningún que lle chamara aatención. Subiu escaleiras ata o segundo e, nada máis entrar, a súa mirada cravouse nun cadro. Eran unha especie de catacumbas ou un cemiterio. A Ocazul transmitíalle medo, misterio, escuridade, aventura e tristura. Achegouse rapidamente, e aínda que os cadros non se podían tocar, sentiu a necesidade de tocalo. Rapidamente deuse de conta de que a súa man estaba a atravesalo e, sen dubidalo, dun chimpo meteuse no cadro. Encontrábase no cadro. Estaba todo moi escuro e decidiu acender unha lámpada que tiña preto. Moito mellor. Agora quería explorar. Seguiu camiñando e cando chegou ao primeiro arco viu que non podía avanzar máis; o cadro non tiña máis profundidade. Levou unha boa decepción. Entón saíu moi triste. Mirou o reloxo para ver canto tempo lle quedaba e… xa eran as nove menos dez, tiña dez minutos para chegar á súa casa. Saíu correndo e prometeuse a si mesma que tarde ou cedo volvería.

Irene García Pérez, 6ºA

(CEIP Froebel)

Continúa a ler para descubrir máis contos de Ocazul.

Ler máis…

OS NENOS DO MUNDO TODOS A CANTAR…

15 Xuño 2016

KLK Nuevos 12.tif

Cantarolas inspiradas nos versos de Xosé Neira Vilas e de Anisia Miranda. Unha homenaxe a dous grandes da literatura galega.

XOANIÑA ANDEIRA

O LORO

Na casa teño un loro

tan desperto e pillabán

que quere cantar nun coro.

Cando quere tamén fala,

conta contos os que queiras

e non para, nunca cala!

 –

É gris, verde e amarelo,

sempre soña moi desperto

porque quere ser modelo.

Polas noites toma tila

canso do día enteiro

e por fin queda sen pila.

María Martínez Barros, 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

O PAXARO

O paxaro suca os ceos

mirando as paisaxes verdes

de herba e de flores cheos.

 –

Vai de aquí para acolá

ledo, voando e cantando

sobre o Macizo Catalá.

 –

Tiña fame e morriña

pensando na súa familia,

voando cara á casiña.

 –

O paxaro namorou

e coa mociña querida

unha familia formou.

Paula Núñez Garido, 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

O PORCO MANUEL

O meu porco é Manuel

encántalle pasear

en sitios como o Caurel.

O outro día escapou

e saín búscalo pero,

sabedes quen o atopou?

O seu amigo Manoliño,

que é outro porquiño

e ten un fillo moi riquiño.

Máis tarde foron a Marín

subiron nas randeeiras

e ao rematar un festín!

Nuria Rocha Sartier, 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

O GATO

Aquel gato bonito e peludo

que marchaba camiño de Xeve

levaba con el un amigo

facendo camiño máis leve.

Xogando, cantando, bailando,

e mirando toda a paisaxe

chegaron pronto ao destino

levando moi pouca equipaxe.

Por fin chegaron a Xeve,

que lugar tan bonito!

Atoparon un novo fogar

cantando, bailando e rindo.

Fani, 5º

(CEIP Santo André de Xeve)

O XABARÍN

Coñecín un xabarín

que estaba moi aburrido

de non saír de Marín.

Así que pensou viaxar,

sen pensalo dúas veces

partíu nun barco a navegar.

De Marín foi a Combarro

e alí viu unha porca

que estaba chea de barro.

 –

A porca quería viaxar

e ámbolos dous xuntiños

puxéronse a camiñar.

Diego Couto Fernández, 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

O PASEO DO LOBO

O lobo foi á Coruña,

pero nada máis chegar

parou a mercar no Acuña.

A viaxe non foi curta

que vivía en San Cibrán

e foi por moi boa ruta.

En Ferrol foi a un hotel

que era de cinco estrelas

e comeu un rico pastel.

Foi visitar a Domus

e máis tarde a Riazor

e alí xogou ao mus.

Hector Pousa Martín, 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

A FORMIGA NO SALGUEIRAL

A formiga no Salgueiral

fai a súa casa de follas

e colle as mellores que hai.

Aparece un can moi tolo

rómpelle a casa á formiga

e as follas quedan no solo.

 –

Aquela desesperada

non quixo facer outra

porque quedara cansada.

Elías Fahmi Alboufaris, 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

A FORMIGA VIAXEIRA

Unha formiga viaxeira

embarcou nunha gran folla,

partiu un día calquera.

Foi de viaxe ao Caurel,

para comprar unha mantiña

e un fermoso pincel.

 –

Viviu longa a travesía

vendo fermosas paisaxes

e pensou que volvería.

Na fin daquela viaxe

chegou ata Pontevedra

recibindo unha mensaxe.

E tamén moitos saúdos,

da familia, moi contenta,

e brincaron todos xuntos.

Gabriel Calviño, 5ºA

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

ONDE VAS?

Bolboreta, onde vas?

Pola beiriña do mar

a buscar a boa paz.

Abella, onde vas?

A facer mel á colmea

para a raíña alimentar.

Ollomol, onde vas?

A un recuncho escondido

cos meus amigos a xogar.

Canciño, onde vas?

A comprar un xoguetiño

para xogar co meu irmán.

Camelo, onde vas?

A pasear polo deserto

e despois a descansar.

Tartaruga, onde vas?

camiñando lentamente

e nese estanque nadar.

Tartaruga, onde estás?

Estou na miña camiña

que mañá vou festexar.

Eiruguiña, onde vas?

Vou cos meus amiguiños

a comer nunhas mazás.

Xoaniña, onde vas?

A xogar ao prado verde

e non aburrirme máis.

Nenos e nenas, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

SOÑEI CON TUTURUTÚ

SOÑEI CUN…

Soñei cunha bolboreta

de mil cores, voadora,

que tocaba o clarinete

aventureira e soñadora.

Aventureira e soñadora

camiñou por ríos mil

tocaba o seu clarinete

navegando polo Sil.

Navegando polo Sil

ela durmida quedou

na folliña dun carballo

estaba cando espertou.

Soñei cun leopardo feroz

que tocaba a frauta ben

cunha melodía fermosa

e un mono dándolle ao pé.

E un mono dándolle ao pé

mentres sentado comía

un prato moi grande

de verdes xudías.

De verdes xudías,

de xudías verdes,

grandes e fermosas

que nunca as perdes.

Soñei cun cabalo músico

que sen querer tocaba

de Mozart unha canción

e moi alegre soaba.

E moi alegre soaba

a canción do cabalo

el cantaba tan contento

mentres saltaba o valado.

Mentres saltaba o valado

un buratiño atopou

mirou para el dous segundos

e de súpeto esperou!

Soñei co son do frautín

un cantar sempre moi ledo

mentres estaba durmindo

e movía o meu dedo.

E movía o meu dedo

movíao de arriba a abaixo

ao son daquela música

eu parecía un anxo.

Eu parecía un anxo,

un anxo eu parecía

bailaba e bailaba

de noite e de día.

Nenos e nenas, 5º

(CEIP Santo André de Xeve)

 

CORRE, CORRE MEU CABALO

CORRE, CORRE MEU RATIÑO

Corre corre, meu ratiño,

sae do teu buratiño.

Pasea na miña finca

corre pola miña casa

non fagas ruído ningún

diante miña sempre pasa.

Lévame á túa Veiga

pasando diante do teixo

e ao volver á casiña

douche un pouquiño de queixo

Corre corre, meu ratiño,

sae do teu buratiño.

Ángel Barral Pérez, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

CORRE, CORRE MEU RATIÑO

Corre, corre, que te pillo

corre rato que te cazan.

Come queixo meu ratiño

come, come, meu lambón,

e logo vai para a casa,

descansa, meu comellón.

Vén esfuracar no monte

vén correr polo camiño

vén subir polo Piñeiro

corre comigo, ratiño.

Corre, corre, que te pillo

corre rato que te cazan.

Hugo Muíños Requera, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

CORRE, CORRE MEU LABRADOR

Corre, corre, meu labrador,

corre corre, meu canciño.

Vai polo xardín da casa

e galopa polo monte

corre polo noso barrio

e se podes pola ponte.

Camiña pola ribeira,

lévame ao castiñeiro,

baila xunto ao carballo

lévame polo Piñeiro.

Corre, corre, meu labrador,

corre corre, meu canciño.

Iker Lorenzo Castellano, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

CORRE, CORRE MEU CANCIÑO

Corre, corre, meu canciño,

salta salta, que bonito.

Corre, xoga moi feliz

no xardín co meu balón.

Meu canciño, que veloz,

xoga noso campeón!

Vai buscar o teu xoguete,

baila comigo, canciño,

déixame acariñarte

que quero xa o teu bico.

Corre, corre, meu canciño,

salta salta, que bonito.

Mikaela Rodríguez Bouzón, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

LADRA, LADRA MEU CANCIÑO

Ladra, ladra, meu canciño,

ladra, ladra, que che morde.

Vixía a miña casa,

que non pase ningún gato

estate así catro días

no meu xardín agochado.

Canciño tráeme gatiños

para eu poder miañar

anque pareza mentira

non pararei de cantar.

Ladra, ladra, meu canciño,

ladra, ladra, que che morde.

Uxía Brito Iglesias, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

BUSCA, BUSCA MEU CANCIÑO

Busca canciño na rúa,

busca tamén pola Praia.

Canciño vai pola beira

pola beira do gran río

mira por alí no cole

e non te fagas un lío.

Corre canciño na beira

busca, busca o ladrón,

volve mirar no peirao

e mórdelle no calzón.

Busca canciño na rúa,

busca tamén pola Praia.

Raúl Rosales Boullosa, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

VOA, VOA MIÑA POMBA

Voa, voa, miña pomba

anda, anda pola rúa.

Pousada nas vellas árbores

tellados nas casa altas,

pousa na farola verde

que está no medio da praza.

Tráeme a túa mensaxe

que quero lela hoxe,

esa carta co meu nome

polo aire vén de lonxe.

Voa, Voa, miña pomba

anda, anda pola rúa.

Anxo Carrera Rodiño, 5º

(CEIP de Pontesampaio)

VOA, VOA BOLBORETA

Voa, voa, bolboreta,

colle pole polas flores.

Sobe outeiros e xardíns,

voa prados e montañas,

bosques, fragas, arboredas,

voa por bosques e brañas.

Lévame voar contigo

moi preto do piñeiral

e podemos xogar xuntos

nun lugar moi especial.

Voa, voa, bolboreta,

colle pole polas flores.

 

Irene Fernández Crespo, 5º

(CEIP de Pontesampaio)