Saltar ao contido

EDITORIAL

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 8

 

Como cada ano, O CARTAFOL DO LÉREZ chega ás nosas aulas na recta final do curso académico. Dende o pasado mes de marzo, o alumnado dunha ducia de centros de Ensino Primario de Pontevedra participaron nos obradoiros de escrita creativa con propostas baseadas na natureza, na arte, na tradición oral… E xunto cos contidos habituais, aparecen novas achegas relacionadas coa celebración da Feira da Miniciencia ‘Pontenciencia’ e co proxecto ‘A cidade dos nenos’, que veñen enriquecer este xornal no que segue tendo especial protagonismo a posta en valor da biblioteca escolar como espazo arredor do cal xira a promoción dolibro e da lectura en galego.

Os CEIP A Xunqueira II, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Vilaverde, Froebel, Marcón, San Martiño, Álvarez Limeses, Lérez, Xeve, e o CEP Marcos da Portela, participaron nesta iniciativa conxunta da Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra e Kalandraka.

O alumnado colaborou de xeito brillante na produción dos materiais, que incluíron senllas entrevistas á escritora María Solar e aos ilustradores Federico Fernández e Germán González Pintos. Dende O CARTAFOL DO LÉREZ agradecemos o asesoramento do profesor Amancio Castro, co-autor de “As árbores da cidade”, así como a implicación do profesorado nas actividades realizadas.

Pero O CARTAFOL DO LÉREZ non remata nestas páxinas, senón que segue con moitos máis textos e propostas na versión dixital, para que todos os rapaces e rapazas, o profesorado e as familias poidan ver e ler as súas creacións. Entre todos e todas, a colleita literaria foi ben vizosa e interesante; e abofé acompañará os lectores durante estas merecidas vacacións estivais.

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 7

O CARTAFOL DO LÉREZ cobre unha nova etapa animando a ler e a escribir en galego. Máis centros educativos e máis escolares sumáronse neste oitavo número aos obradoiros de creación literaria, facendo dos libros propostos un trampolín para a expresión das emocións dos nenos e das nenas, para canalizar o seu potencial imaxinativo. As páxinas desta edición impresa son un petisco dos contidos que, con máis amplitude, se atopan na versión dixital desta publicación impulsada pola Concellaría de Educación en colaboración con Kalandraka.

Nos encontros cos autores Paco Nogueiras, Pablo Otero e Ramón Trigo, aléntase o vínculo cos lectores, fronte a fronte nun diálogo espontáneo. Non falta o achegamento aos clásicos da literatura, nin as estratexias para estimular no alumnado a sensibilidade artística cun obxectivo común: elaborar novas historias, ben dende os textos, ben dende as imaxes. E a procura da innovación, con orixinais prácticas como as baseadas nos ideogramas, que abren o abano creativo tamén ao eido plástico.

Unha aposta permanente de O CARTAFOL DO LÉREZ céntrase nas bibliotecas escolares, para que recuperen ou manteñan o seu protagonismo nas escolas, coa participación activa de toda a comunidade educativa.

Chega este novo número de O CARTAFOL DO LÉREZ á par que o Día das Letras Galegas, no maio florido da nosa cultura. Que mellor homenaxe á lingua e á literatura da nosa terra que coas valiosas achegas dos rapaces e rapazas dos CEIP A Carballeira, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada-Campañó, Pontesampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve, Vilaverde-Mourente e do CEP Marcos da Portela. Con esta colleita de textos, o noso idioma tería garantidas moitas máis primaveras no horizonte. Cómpre acompañar esta vizosa canteira con accións que afasten os nubeiros que axexan ao lonxe.

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 6

No mes das Letras Galegas, unha nova edición de O CARTAFOL DO LÉREZ vén de chegar aos centros educativos de Pontevedra. Con este xa son sete boletíns, cada un dos cales recolle unha escolma de traballos do medio milleiro de alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria que participaron nos obradoiros de creación literaria. Actividades nas que non só estimulan o ³músculo da imaxinación², parafraseando o ilustrador David Pintor na entrevista feita por un grupo de escolares, senón que se fomenta tamén a expresión oral e escrita na lingua de Rosalía.

Unha edición especial de dezaseis páxinas que condensa o que deron de si os 50 obradoiros  de escrita creativa impartidos en nove colexios a partir dunha vintena de propostas baseadas nunha bibliografía completa e diversa en xéneros e temáticas: poesía, banda deseñada, micro-relatos ou música, a través do encontro -neste caso- co grupo pontevedrés Migallas. Achégaselles así á figura dos autores, coñecen as súas fontes de inspiración, o arduo traballo que hai detrás de cada libro.

Experiencias que non só se plasman nas páxinas do xornal impreso, senón que teñen continuidade nos contidos da versión dixital www.ocartafoldolerez.com, que ademais permite a interacción dos nenos e nenas a través de comentarios, enquisas ou xogos.

O obxectivo desta iniciativa da Concellería de Educación do Concello de Pontevedra e mais Kalandraka segue centrándose na dinamización das bibliotecas escolares como espazos vivos, no estímulo da creatividade e do traballo colectivo nas aulas, e no fomento da lectura en galego. Mil primaveras máis para as nosas letras!

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 5

Un curso máis, o intenso traballo creativo dos nenos e nenas pontevedreses dá os seus froitos neste número especial de O CARTAFOL DO LÉREZ que a Concellería de Educación do Concello de Pontevedra e Kalandraka poñen nas mans da comunidade escolar: alumnado, docentes e familias.

Os alumnos e alumnas de quinto e sexto curso de Educación Primaria son os protagonistas desta nova edición chea de sorpresas: novas fantásticas, cociña creativa, imaxinativos relatos saídos das ilustracións máis suxerentes… Propostas entretidas e diversas tiradas das obras que se achegan ás bibliotecas escolares dos centros de ensino participantes como dotación bibliográfica. A entrevista segue a ter un espazo destacado como en números anteriores: o encontro co deportista paralímpico pontevedrés Juan Saavedra é outra das achegas desta edición que conta cunha sección especial de deportes protagonizada polo singular personaxe Tito Longueirón. O CARTAFOL sumouse ás celebracións do 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, dedicando gran parte do seu contido á poesía. Coincidindo coa súa estadía na cidade, a poeta chilena María José Ferrada percorreu algúns obradoiros e mantivo diferentes encontros cos escolares dos que se dá conta noutra interesante conversa.

Agardamos que este novo número vos acompañe como lectura nas vindeiras vacacións. Podedes facer as vosas suxestións e comentarios na edición dixital http://www.ocartafoldolerez.org.  Bo verán!

 

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 4

Aprender máis aló dos libros e das explicacións do profesorado; aprender creando, ceibando o maxín para compartir coa comunidade educativa o torrente de ideas individuais e colectivas do alumnado de Pontevedra. O CARTAFOL DO LÉREZ, unha iniciativa da Concellería de Educación en colaboración con Kalandraka, está a servir para achegar os nenos e nenas á lectura dun xeito distinto, ademais de estimular neles a expresión oral e escrita en galego.

Coa biblioteca escolar como escenario privilexiado dos obradoiros de creación nos 9 centros inscritos nas actividades, o resultado non podía ser máis satisfactorio: relatos de ficción e aventuras protagonizados por personaxes insólitos, coplas cheas de compromiso, textos que beben das fontes da arte e da palabra oral, deseños enxeñosos que agochan historias emocionantes.

O mérito é dos escolares que, co apoio do persoal docente, acolleron con moita receptividade as propostas didácticas, deseñadas de acordo coas súas idades e intereses. Tanto no formato impreso como na súa extensión dixital, O CARTAFOL DO LÉREZ reúne unha ampla escolma dos traballos que, durante as vacacións estivais, poderán seguir lendo atentamente. Nas súas cinco entregas, esta publicación logrou integrarse na engranaxe académica, como un ganapán disposto a colleitar as inquedanzas literarias destes autores e autoras entusiastas.

O CARTAFOL DO LÉREZ Nº 3

Pechando o mes das Letras Galegas, O CARTAFOL DO LÉREZ retorna aos centros educativos de Pontevedra co froito do traballo do alumnado nos obradoiros de creación: uns asomáronse aos fondos museísticos da cidade para coñecer a obra de sobranceiros pintores galegos; outros indagaron nas cualidades da fauna doméstica e silvestre de cada continente; afondaron na produción literaria dun autor tan emblemático como Gianni Rodari neste ano no que se cumpre medio século da publicación dos seus imprescindibles Contos por teléfono; e empapáronse de coñecemento en disciplinas variadas, sen descoidar a educación en materia ambiental e social, tan importante para a formación dunha cidadanía responsable.

As bibliotecas escolares foron o laboratorio deste xornal impreso, que ten unha extensión máis completa en formato dixital. E os libros, a materia prima que lles fixo agromar as ideas, estimulando a súa imaxinación. O resultado é un monllo de artigos cheos de inxenio que demostran que -coas propostas didácticas axeitadas- as aulas son un terreo fecundo para a expresión oral e escrita en galego.

Esta iniciativa que xorde da colaboración entre a Concellería de Educación de Pontevedra e Kalandraka, medra cunha nova entrega que entusiasmará -como os números anteriores- a toda a comunidade escolar e as familias.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: