LENZOS QUE TOMAN VIDA
Ocazul, a protagonista de «Cadros dunha exposición» guía os lectores pola música de Mussorgsky, ilustrada por Xosé Cobas, a quen xa entrevistamos no primeiro número de O CARTAFOL. Cada peza atesoura unha historia que os escolares do CEIP Froebel reconstrúen con esmero. Acompañadeos, cada cadro é unha aventura!
Había unha vez unha oca chamada Ocazul. Un día quixo ir dar un paseo pola cidade de San Petersburgo. Camiñando, fixouse nun edificio moi antigo. A súa curiosidade chamouna a entrar. Cando atravesou a porta pensaba que era unha casa pero, polos cadros e os letreiros, deuse de conta de que era o museo. Foi a todos os andares, pero ningún cadro facía que lle prestara atención. Xa pensaba que os vira todos, pero había un cadro agochado na escuridade. Achegouse e viu un trasno intentando saír do cadro. Asustada, entrou no cadro para atrapalo e levalo xunto dun amigo dela que era científico. Estivo un rato camiñando cando viu un bosque moi denso e, detrás dunha árbore, estaba o trasno. Asustado, saíu correndo ao corazón do bosque e a oca perseguiuno. Despois de trinta minutos camiñando deuse de conta de que estaba perdida. No seu empeño en intentar saír, entraba máis no bosque. E alí quedou Ocazul, dentro dun bosque imaxinario que estaba dentro dun cadro que estaba dentro do Museo de San Petersburgo.
Miguel Pérez Longa, 6ºB
(CEIP Froebel)
Ocazul estaba a mirar un cadro de dous polacos. O máis pequeno era un mendigo que estaba a pedir na rúa. De súpeto viu que o home rico empezara a miralo. Ocazul tiña medo e non sabía que facer, se botar a correr ou quedar a ver o que pasaba. De súpeto o home rico andivo cara ao cadro do mendigo e quitoulle o pouco diñeiro que conseguira. Ocazul empezou a berrar pero el saíu correndo pola rúa adiante. Ocazul entrou no cadro para axudar o mendigo, que caera ao intentar coller o diñeiro. O mendigo sentou eempezou a chorar porque o diñeiro era para comprar comida e agora non tiña nada. Así que Ocazul, para axudalo, foi buscar o home rico. Buscou por todas as esquinas peronon o atopou. De súpeto, oíu como uns contedores caían ao chan. Ocazul supuxo que era o home agochándose, correu cara alí e o home comezou a correr. Ocazul tiña as patas moi curtas e o home rico era moi rápido, así que púxose a voar. Viu que alí preto había un porto, entón colleu unha rede co peteiro, voou tan rápido que chegou ata onde estaba o home e, xusto cando estaba debaixo del, soltou a rede e atrapou o home. Ocazul colleu o diñeiro que roubara e devolveullo ao mendigo. O mendigo estaba moi contento e Ocazul tamén, por telo axudado. Saíu do cadro e deu a volta para volver mirar o mendigo, pero o cadro volvera á normalidade. Era un misterio.
Almudena Graña Amoedo, 6ºA
(CEIP Froebel)
Unha gansa chamada Ocazul camiñaba por aquel bosque do cadro. Non sabe como, entrou nel. Ela non sabía que facía alí. Despois de moito darlle voltas a aquela situación, tiña medo e sono. O sol estaba a agocharse detrás das montañas. Empezou a andar ata un castelo vello. Ao entrar pola porta buscou unha cama onde durmir. Subiu as escaleiras e deitouse a durmir. Ao pouco escoitou a porta principal. Ocazul agochouse debaixo da cama. Abriuse a porta do cuarto e sentiu como alguén se deitaba na cama. Ela, con moito medo, quedou durmida. Ao acordar, atopábase enriba da cama con outra persoa. Ergueuse alterada e, con moito
medo, presentouse:
-Ola, chámome Ocazul.
-Ola, chámome María. –Dixo a persoa que tiña ao lado.
-Que fas aquí? –Preguntou a gansa.
-Veño sempre aquí. E ti?
-Estaba no museo pero non sei como cheguei ata aquí!
-Vén comigo. Eu levareite.
E ao abrir os ollos, estaba no museo soa.
Sheila Sobral Franco, 6º
(CEIP San Bieito de Lérez)
Había unha vez unha oca chamada Ocazul que saíu de paseo coas súas irmáns ao museo de San Petersburgo, onde lle chamou moito a atención un cadro moi escuro e interesante. O museo era especial, pois podías meterte nos cadros e explorar todo o que quixeras. Alí atopouse cunha sombra que a axudou a percorrelo todo, pois era nova e levaba toda a vida alí. Era moi simpática e tiña unha voz moi rara e única que a facía rir. Foron á casa de Ramoncio dos Montes Maximus, que lle ofreceu un té e unhas pastas.
-Que é o que te trae polas catacumbas?- Dixo Ramoncio.
-Catacumbas!- Respondeu Ocazul.- Isto só é un cadro.
-Non pode ser, eu levo toda a miña vida aquí. Nunca saín.- Dixo Ramoncio.
-Eu axudareiche a saír, pero ti a cambio tes que me axudar a atopar as miñas irmás. Case se me esquece con tanta parola!
-Trato feito!- Dixo Ramoncio.
Os dous comezaron a procurar pola saída, pois Ocazul non se acordaba por onde entrara. Ao cabo encontrárona e, por casualidade, pasaban por alí as irmás de Ocazul. Ramoncio explorou todo o museo e encantoulle o que viu. Estaba anoitecendo e Ocazul e as súas irmás dirixíronse á saída do museo cando decidiron levar a Ramoncio con elas. Todos xuntiños na casa pasárono moi ben!
Ainhoa Zapata Mafla, 6ºB
(CEIP Froebel)
Había unha vez unha oca chamada Ocazul. Un día decidiu explorar polo museo de San Petersburgo. Cando chegou ao primeiro corredor recorreuno enteiro, fixándose en cada recuncho de cada cadro, pero non houbo ningún que lle chamara aatención. Subiu escaleiras ata o segundo e, nada máis entrar, a súa mirada cravouse nun cadro. Eran unha especie de catacumbas ou un cemiterio. A Ocazul transmitíalle medo, misterio, escuridade, aventura e tristura. Achegouse rapidamente, e aínda que os cadros non se podían tocar, sentiu a necesidade de tocalo. Rapidamente deuse de conta de que a súa man estaba a atravesalo e, sen dubidalo, dun chimpo meteuse no cadro. Encontrábase no cadro. Estaba todo moi escuro e decidiu acender unha lámpada que tiña preto. Moito mellor. Agora quería explorar. Seguiu camiñando e cando chegou ao primeiro arco viu que non podía avanzar máis; o cadro non tiña máis profundidade. Levou unha boa decepción. Entón saíu moi triste. Mirou o reloxo para ver canto tempo lle quedaba e… xa eran as nove menos dez, tiña dez minutos para chegar á súa casa. Saíu correndo e prometeuse a si mesma que tarde ou cedo volvería.
Irene García Pérez, 6ºA
(CEIP Froebel)
Continúa a ler para descubrir máis contos de Ocazul.
Ocazul paseaba coas súas compañeiras e viu entrando nun cadro a un trasno que lle dixo:
–Ven comigo que vou a un lugar onde hai moita comida. Pero tes que vir metida nun saco.
Cando chegaron, non había comida, só un bosque sen follas e deserto. Só se podían ver unhas casiñas. De súpeto dixo o trasno:
–Familia! A comer, que traio unha gansa!
Cando abriron o saco só había un burato. Miraron por el e viron á gansa que corría cara ao bosque. Todos dixeron:
–A por ela!
Ocazul levanto o voo, eles corrían, saltaban de póla en póla… a gansa non podía máis, tiña que enfrontarse a eles. Colleu un pau e empezou a golpes con eles ata que o pau rompeu. Volveu voar e xa só eran oito os perseguidores. A un deles puido atalo cunha corda, e a outro mandouno a outro cadro… xa só quedaban ela e o trasno, que tiña moito medo e marchou correndo. A gansa colleu un saco e conseguiu meter ao trasno nel. Ocazul deixou ao trasno á beira do río, e marchou na procura das súas amigas. Percorreu todos os cadros ata atopar unha saída. Cando a atopou saíu do museo e foi xunto as súas amigas.
Pablo López Fontenla.
CEIP de San Bieito de Lérez. 6º
Unha mañá de moita calor, Ocazul e as súas irmás decidiron saír a pasear pola praza que estaba enfronte do museo de San Petersburgo. Tiñan moita sede e foron beber a unha fonte. De súpeto Ocazul, que quedara pasmada, deuse de conta de que as súas irmás non estaban. Entón, decidiu entrar no gran museo. Os cadros non lle gustaban moito ata que chegou a un que lle transmitiu moitas sensacións. O cadro representaba a un pobre chamado Shimuyle que estaba colocado nunha esquina, e ao outro lado Samuel Goldenberg, que era moi rico. Pensando, imaxinando, observando e ata soñando… viu como Schimuyle saía do cadro e se achegaba a ela cada vez máis, pedíndolle cartos. Co medo que lle tiña intentou escapar, pero polo outro lado estaba Samuel, que se estaba a chufar das cousas que tiña e que el non ía ter nunca. Como xa che dixen, estaba soñando, e co susto e o medo acordou e seguiu visitando o museo. Cando rematou de ver todas as obras encontrou ás súas irmás na praza, xogando, e contoulles a todas o seu soño.
Aroa Viéitez Fernández.
Froebel. 6ºB
Ocazul oíu un ruído, unha voz quizais, pois ela non o sabía xa que estaba dada a volta. Volveuna oír, pero esta vez deu a volta a tempo e viu ao home que da súa pequena boca saían aquelas palabras:
-Bos días pequena oca. –dixo aquel home. –Poderías darme unhas moedas? Como podes ver son pobre!
A oca fixouse ben naquel home. Tiña unha barba branca, mesta, e non estaba moi coidada; vestía unhas roupas moi escuras; tiña unha voz ronca, pero era tan doce e suave, cariñosa e chea de amabilidade que a oca sacou unha moeda de dous euros e xusto cando ía deixala caer dentro da súa cestiña, outra voz chegou aos ouvidos de Ocazul. Esta voz era moito máis ronca, con furia e mesmo podía expresar egoísmo. Ocazul mirou para o cadro do que saía a voz. Era un home nun cadro redondo. Estaba de perfil, e nos seus ollos podíase observar maldade. O home tiña unha barba coidadísima, unhas vestimentas elegantes e envolvíao un marco dourado. Ese home era rico e tiña moitos cartos. O home volveu dicir:
-Oh! Mira que inocente oca. Non te confíes tanto. Ese home non terá diñeiro porque terao gastado todo ou porque non traballou. Eu levo ao lado del moito tempo e non perdín nin un minuto con ese impostor.
Ocazul pensouno e díxose a si mesma:
–Ese pobre home necesita axuda. Dá igual como perdera o seu diñeiro, eu vouno axudar.
E Ocazul, sen pensalo dúas veces, entrou no cadro do home pobre. Pasaron varias horas ata que de súpeto Ocazul saíu satisfeita e cun sorriso no peteiro. Ocazul conseguiulle un traballo a aquel home e así podería gañar diñeiro para alimentar a súa familia. Ademais a oca aprendeu unha valiosa lección, cando axudas aos demais sénteste moi ben. Ocazul seguiu recorrendo aquel corredor para descubrir que nova aventura lle agardaba.
Sofía Boullosa García.
Froebel 6ºA
Ocazul, tan aliviada de escapar do trasno e á vez tan tranquila por esa música que escoitaba, adormeceu. Pero a pobre non sabía de onde viña. Explorando as ruínas, Ocazul atopou un trobador tocando co seu laúde e cantando coa súa sentimental voz cancións de amor. Ela, intrigada, preguntoulle:
-Cua, cuak? Cua cua cuak? (“Que che pasou? Por que estás tan triste?)
Pero o trobador non podía entendela. Ocazul, absolutamente impotente volveuno intentar, pero non funcionou. Ao cabo duns minutos tivo unha idea, pensou en facer mímica. El conseguiu entendela.
-A miña namorada, non atopo á miña namorada! –Contestoulle con moita tristura.
-Síntoo moito! Voute axudar!
Ocazul mirou para os lados. Viu unha man que colgaba da torre pequena. Ela voou ata alí, colleu á moza e levouna xunto ao trobador.
-Moitas grazas!
-Non hai de que!
Andrea Alvite Costa.
CEIP San Bieito de Lérez. 6º
Había unha vez unha oca que se chamaba Ocazul. Un bo día de verán no que había moito sol e calor, decidiu ir ao museo de San Petersburgo. Ela vivía no río Lérez, e sempre quixera ir ao museo ruso, entón decidiu botarse a voar e ir ao museo. Tardou tres meses, e cando chegou entrou no museo. Despois de andar un bo rato viu un cadro que lle gustaba. Chamábase Ballet de poliños nas súas cascas. Encantoulle en canto o viu. Entón pechou os ollos e… de súpeto estaba no cadro e era un poliño. As súas mans estaban a quitar as plumas de oca. Ela quería paralas, pero xa era demasiado tarde, era un poliño! Despois de reflexionar un ratiño foi buscar a alguén que lle axudara. Mirou aos dous lados e viu un cuarto cunhas bailarinas, e decidiu preguntarlles. Cando entrou, as bailarinas desapareceran, e no seu lugar había un velliño. Ela pensou: –Seguro que non sabe como saír e como volver converterme en oca!-. Ao saír do cuarto viu unha ventá, entón mirou e … había nenos xogando, pero… Como iría ata alí? Ocorréuselle romper o cristal co seu peteiro. Despois dun rato intentándoo non conseguiu nada, entón decidiu volver onda o velliño. Cando chegou falou co vello.
-Ola, bos días!
-Ola… Pódesme responder a tres preguntas?
-Si, dígame vostede.
-Que é? Como saio de aquí? E, como podo volver ser unha oca?
-Eu son o mestre de Ballet… pois imaxino que por onde viñeches poderás volver e te converterás nunha oca outra vez.
-Está ben, moitas grazas.
Ocazul pechou os ollos e… estaba no museo. Cando chegou a casa contoullo todo ás súas amigas.
Clara Labrador Garrido.
Froebel. 6ºB
Nun día soleado, Ocazul estaba nun museo contemplando obras de arte, e de súpeto, atopou un cadro dun boi tirando dun carro de palla. Ocazul mirou fixamente o cadro, pois é un experto en cadros e non recorda telo visto nos seus libros. Máis, de súpeto, caeu na palla do carro e cando se ía pór de pé tocou coa suave palla e quedou durmida. Cando acordou estaba amencendo e Ocazul estaba nunha vila de casas de pedra e chea de carros como no que el se atopaba. De súpeto, un home atopou a Ocazul aínda no carro, polo que pensou que estaba roubando. Máis Ocazul contoulle toda a historia. O home avisouna:
-Non es o primeiro que aparece aquí a través dun cadro máxico, e se en tres días non volves ao museo desaparecerás para sempre.
Ninguén sabe se Ocazul puido volver ao museo ou desapareceu para sempre, e se volveu ao museo como o fixo e se tivo que pasar por varios obstáculos; máis todos temos a esperanza e preferimos pensar que volveu san e salvo ao museo e volveu á súa vida normal.
Carolina Azevedo Muniz
Froebel. 6ºA
Ocazul é unha gansa que camiñaba coas súas irmás cando viu o museo de san Petersburgo. Foi cara a el, camiñou polos corredores, detívose a mirar un cadro, era a Porta de Kiev. Sentiuse perdida, non sabía onde estaba. Achegouse a un home que levaba unha especie de túnica vermella e dourada e un sombreiro que lle deu moita risa. Achegouse a el e preguntoulle onde se atopaban. O home contestoulle -Estamos na Porta de Kiev! Apetéceche ver o desfile comigo? –E Ocazul aceptou o convite. Cando o desfile rematou Ocazul contoulle o que lle pasara. El díxolle que só había un modo de saír, ir á zona máis alta e dicir “Eu quero saír e vou saír”. Deste modo volverás onde estabas e poderaste reunir coas túas irmás. Ocazul dirixiuse a unha néboa enorme, custáballe ver, pero conseguiu atravesala sen problemas, pero xusto nese momento sentiu que alguén a estaba a seguir, era un home armado que ía tras dela. Ocazul correu ata chegar á cima dun monte e dixo as palabras para saír do cadro. Mirou ao arredor e viu o museo. Saíu fóra e xuntouse coas súas irmás.
Antonella tourón Gimenez.
CEIP san Bieito de Lérez. 6º
Era un día soleado cando de súpeto unha oca que ía paseando tranquila pola rúa, impresionada, viu un lugar moi fermoso. Tiña as paredes de cor amarelo, e o tellado
vermello. Tiña ventás moi grandes e transparentes. Decidida entrou nel. Cando xa estaba dentro viu un ancián de pelo branco, roupa deportiva e zapatos de bailarín. Tamén tiña un bastón e moi mal carácter. Ao seu lado había dúas bailarinas con tule. Tiñan dous moños trenzados cada unha e os pés descalzos que se abrigaban cunhas medias de cor branca. Ao lado delas había unhas máscaras que imitaban a cara dun poliño. Eran amarelas e tiñan plumas que parecían de verdade. A oca sorprendida preguntou ao ancián:
-Desculpe! Sabería dicirme para que serven estas máscaras?
-Son para facer un baile nunha festa con temática de poliño.- Respondeu o ancián.
A oca con moitas ganas de ir á festa preguntoulle:
-Poderíame convidar, señor?
-Claro que si moza, sempre que esteas atenta ao baile.- Respondeu o ancián.
Ao día seguinte, ás 12:00 a oca estaba na festa admirando o gran baile dos poliños, porque así se chamaba. Cando se foi, a oca quedou triste, así que decidiu volver. Ocazul fixo unha fotografía coas bailarinas e co ancián e saíu da festa. Contenta durmiu como nunca, tan cansada da festa.
Luna Alonso Pereira.
Froebel. 6ºB.
Ocazul continuaba camiñando polo corredor do museo a pesar de que todo estaba escuro. Por que? Pois moi sinxelo, pecharan o museo con ela dentro! O bo era que agora podía ver os cadros con tranquilidade xa que non había ninguén. Fixouse nun cadro que era especial para ela. Chamábase As catacumbas de París. Encantábanlle as catacumbas dende que as visitaran co colexio. Era espaecial para ela porque nel aparecían tres homes. A súa casa incendiárase porque cando lle ían pór gasolina ao coche, o seu fillo pasara correndo de preto cun misto e empezou a prender lume. O home non tivo tempo de pensar e o primeiro que fixo foi tirar o misto na casa Pero… non lembraba que a súa familia estaba dentro nunha cea familiar. Ao que iamos era especial porque Ocazul tamén se lle incendiara a súa casa de pequena. Ela estaba fóra pero os seus pais dentro. Arriscou a súa vida e meteuse no lume coa boa sorte de que as súas as comezaron a brillar. Eran resistentes ao lume.
Polo tanto Ocazul sabía que podía axudar e era moi boa. Decidiu entrar no cadro Presentáronse. Había dous xemelgos e chamábanse Pepe e Xosé. Eran altos e delgados. Tiñan o pelo rubio e os ollos verdes. Vestían roupas sucias, frouxas, e… queimadas. O outro home era máis baixo e máis gordiño. Contoulles o da súa historia e as súas plumas. Entrou na casa e salvou a todos. Como moitos estaban feridos tiveron que ir buscar ao médico de urxencias e… todos sobreviviron. Agradecéronlle a Ocazul a súa colaboración e convidárono a durmir, pero ela dixo que non podía aceptar porque non quería que os de seguridade a colleran. Cando xa estaba fóra seguiu vendo todos os cadros, pero ningún lle transmitiu a alegría, o amor e a ilusión como aquel no que entrara. Estaba moi feliz porque sabía que axudara a moita xente e conseguira o que quería.
Lidia Barba san Antonio.
Froebel 6ºA
Ocazul vivía coas súas compañeiras. Un día, pasaron por diante do museo de San Petersburgo e a ela apeteceulle entrar e desviouse das súas amigas. Cando entrou, chamoulle moito a atención un cadro. Non paraba de miralo e nun pechar e abrir de ollos estaba dentro. Dentro del vivía unha bruxa chamada Baba Iaga, nun monte tenebroso que non tiña pinta de que o sol non pasara por ese lugar. A casa onde vivía Baba Iaga tiña un reloxo antigo, pero moi grande. A casa tiña dúas patas de galiña e por iso se podía desprazar. Ocazul non sabía que Baba Iaga comía todo tipo de seres vivos. A bruxa tiña un segredo, que cada vez que lle facían unha pregunta facíase un ano máis vella. Iso tiña remedio, para volver ser máis nova tiña que tomar unha infusión de rosas azuis, algo imposible. Baba Iaga agachouse e do reloxo saíu unha nena, pero parecía moi vella, e a bruxa fíxolle un trato, non a comería se lle encontraba rosas azuis. A gansa moi cansada díxolle que por uns días, pero que despois tiña que volver coas súas compañeiras. A nena díxolle que se chamaba Rafaela. A nena obrigaba á oca a facer de todo, cociñar, limpar… e a oca en canto puido saíu do cadro. As súas compañeiras preguntáronlle onde estivera. O raro é que no cadro pasaran tres días e na vida real tan só cinco minutos.
Fátima Amaro Carabelos.
CEIP de San Bieito de Lérez. 6º
A ocazul chamoulle a atención un dos cadros, O mercado de Limoges. No cadro Ocazul viu vendedores, nenos xogando e aves. Pensaba que eran as súas irmás. Para comprobalo deu catro golpes no cadro e entrou nel. Preguntoulle a unha galiña:
-Perdoa, viches por casualidade a un grupo de ocas paroleiras?
-Non- Contestoulle. –Pero se queres podemos conversar e dar un paseo.
-Síntoo moito pero estou buscando ás miñas irmás. Pero se queres podemos xogar outro día.
Ocazul coñeceu deste modo cos seus poucos anos de vida unha especie nova de ave. Preguntoulle a outra:
-Ola, eu son Ocazul, ti que es?
-Eu son a Pega Pegosa, e estou peteirando anacos de pan! E logo ti que fas?
-Eu estou buscando ás miñas irmás. –Contestoulle Ocazul.
-Pois sigue buscando porque eu non vin nada. –contestoulle bruscamente. –Así que déixame.
Ocazul saíu tristeira do cadro, pero ao saír do museo atopouse coas súas irmás que lle berraron por terse separado do grupo.
Clara Tembrás Morel.
Froebel. 6ºB.
Érase unha vez, nun tempo moi afastado, Ocazul foi ao museo de san Petersburgo e viu os moitos cadros que ocupaban as paredes do museo. Pero un deles destacaba entre os demais, A gran porta de Kiev. Ocazul quixo ver esa gran porta na realidade e decidiu meterse no cadro. Pechou os ollos e, cando os abriu, descubriu un novo mundo, distinto do que ela proviña. Era un mundo triste e gris, coma sen vida. A Ocazul dábanlle ganas de explorar ese novo mundo no que un segundo parecía unha hora. Así que se meteu máis e máis. De súpeto atopouse nunha espesa néboa que lle deu aínda máis ganas de explorar, e iso fixo. Ao cabo dunha hora, encontrábase na mesma fría paisaxe que lle causaba temor, pero á vez curiosidade. Cando estaba absorta nos seus pensamentos Ocazul sentiu que alguén a tocaba nas ás. Volveuse pero non había ninguén. Sentiu un calafrío. Estaba sentindo alucinacións! Non, non podía ser. Algo ou alguén lle tocara nas ás. Volveu sentir un calafrío cando sentiu outra vez a sensación de contacto nas súas ás. Volveuse lentamente e… Descubriu unha llama! Era apoteótico! Alucinante! Incrible!
-Ola. Chámome Lume. Supoño que estarás buscando a porta de Kiev. Sígueme e atoparás o que buscas.
A oca seguiu á llama e volveu ao museo. Dende onde todo comezara.
Elena Antón Pérez.
Froebel 6ºA
Un día, unha gansa chamada Ocazul mirou un precioso museo, elegante e marabilloso. Ela non puido conterse, quería entrar como fose. Ocazul conseguiu meterse no museo. O primeiro cadro era dun trasno, pero non era un cadro calquera, era un cadro máxico, chamábano O trasno con vida. Ela non lle facía moito caso, entón… apagáronse todas as luces. Ocazul empezou a ter calafríos… de súpeto pechou os ollos moi forte, e cando os abriu, encontrábase no cadro. Ela non sabía que facer, quedar onde estaba ou camiñar a ver se atopaba algo. Cando estaba camiñando encontrouse cun trasno agochado detrás dunha árbore. Ela suspirou… e dixo:
-Non teñas medo, sal de aí!
Entón o trasno marchou correndo e ela perseguiuno correndo e correndo.
Alguén lle tapou os ollos. Ela berrou –Aaaaah! Que pasa aquí?
Oía a alguén rirse. Ela quitou a cinta, e había moita xente, e todos berraron –Sorpresa!
-Que pasa aquí? –Dixo moi contenta.
Todo fora unha brincadeira… Ela abrazouse á súa familia. E todos quedaron moi contentos.
Ángeles Jiménez
CEIP San Bieito de Lérez. 6º
Nun día soleado había unha manda de ocas. Unha das ocas, chamada Ocazul, perdeuse. Entrou nun museo que era moi grande, mirou uns cantos cadros e interesouse nun no que se representaba unha casiña. Achegouse un pouco e tropezou co seu pé e meteuse no cadro. Era de noite e non vía nada. Andou ata que viu unha luz que proviña da casiña. Ocazul saíu correndo cara a casa, deu un chimpo e entrou dentro. De súpeto a casa comezou a tremer. Mirou pola ventá e viu que a casa tiña patas. Correu por todos os sitios facendo un barullo tremendo. A casa quedou quieta e Ocazul tranquilizouse. Saíu rápido daquela casa e botou a voar para escapar do cadro. A casa seguiuna de preto pero Ocazul saíu do cadro, xirouse e a casa esta quieta, sen moverse, enriba das súas patas de galiña.
Miguel Monteagudo Vázquez.
Froebel. 6ºB
Ocazul estaba no museo, había moitísimos cadros pero había un que a Ocazul lle parecera o máis interesante porque tiña moita xente, parecía unha feira. A feira en si era normal, con roupa, animais, herbas, alimentos, pero se te fixabas, non había casas ao arredor, non había nada. Ocazul non sabía de onde viñan aqueles habitantes de… tampouco o sabía!
Ocazul decidiu adentrarse no cadro, pechou os ollos puxo a pata dereita, despois a esquerda e abriu os ollos. Agora Ocazul estaba no cadro!
Ocazul non tiña nin idea do idioma no que falaban. Sentíase insegura, nunca vira esa paisaxe ata que puido oír, Limogès, Francia. De súpeto un neno pequeno viu a oca e berrou:
-Mamá, hai unha oca sen dono, mamááá!
A nai do neno, xuntou a uns cantos campesiños que escoitaran o berro do neno, intentaron capturar a Ocazul. Pero Ocazul movíase o máis rápido que podía e non a collían. Decidiu afastarse da feira en busca de refuxio. Afastouse tanto da feira que atopou unha cova. Entrou e… BOOM! A cova destruíuse. A saída estaba tapada polas pedras. Ocazul tiña medo, sabía que nunca debería terse afastado da feira, pero agora… estaba soa! Estaba a pórse nerviosa, pero atopou a solución. Escavou rapidamente e nun momento xa estaba fóra. Correu ata chegar á feira. Un home viu á oca pero como Ocazul estaba sucia non quixo achegarse a ela. Ocazul pechou os ollos, saltou e xa estaba outra vez no museo.
Martina Barral Pousa.
Froebel 6ºA
Era o ano 1850 e Ocazul estaba confundida porque viña do ano 1986. Estaba agochada entre dous outeiros cando de súpeto… pasaban dous bois cargando palla nun carro e ela, por instinto meteuse dentro da palla. Ao rematar o traxecto, incómodo por certo, chegou a unha vila pequena e chea de carros iguais ao que traía á gansa. Inda que os bois parecían insignificantes, en realidade podían falar, pero nunca o facían por se os humanos os escoitaban. Toda a xente da vila parecía humilde e así era, porque toda a xente traballaba, axudaba, e facían un monte de cousas que os gansos no podían facer, pero un, só un, era malo, e este adxectivo quedáballe curto. Veu xunta de nós e colleu un boi e dispúñase a matalo, pero… Ocazul volveu caer no carro e unha, e outra, e outra vez, e claramente como era un cadro, todo se repetía, ata que chegou ao mesmo punto onde se encontraba antes, e alí si que case matan ao boi, pero ela con valentía empezou a peteirar ao señor e os bois presos do pánico fuxiron con ela ata o outro cadro. Antes de marchar baixaron do ceo dous anxos. Finalmente Ocazul foi bendecida co poder dos anxos e os bois convertéronse nunha parte do fermoso cadro, Bydlo. Despois disto volveu a San Petersburgo.
Diego García
CEIP de San Bieito de Lérez. 6º
Nunha cidade chamada San Petersburgo vivía unha familia de ocas. Un día foron dar un paseo e pasaron polo museo local. A oca máis pequena, chamada Ocazul, quedouse mirando o museo. Ocazul decidiu entrar e viu un monte de cadros, pero ningún lle chamou a atención. Viu ao lonxe un cadro precioso, que se chamaba Paseo das Tullerías. Dentro do cadro oíanse ocas, patos, cans e nenos. Entón, Ocazul colleu unhas caixas que había ao final do corredor e púxoas debaixo do cadro para poder entrar. Entrou e pensou para ela –Que bonito é todo! –Había un lago onde nadaban patos e ocas, e falou cunha delas.
-Ola, eu son Ocazul e son de San Petersburgo, e ti?
-Eu son de aquí, de París, e chámome Patas Longas
-Teño que me ir, pódesme axudar?
-Ben, claro.
Entón dona Patas Longas axudoulle a Ocazul.
-Preciso de axuda para poder saír.
-Espera, vou chamar ás miñas amigas.
Os seus amigos fixeron unha escada avícola e Ocazul conseguiu saír do cadro. Foi correndo por todo o museo para poder saír do museo. Cando atopou a saída correu xunto á súa familia.
Fabio Amaral.
Froebel. 6ºB
Ocazul ía polas rúas de san Petersburgo cando pasou po diante dun museo e entrou nel. No seu interior había unha exposición de cadros. O primeiro era dun trasno que non parecía nada amable, que a miraba cunha mirada ameazadora, e de súpeto, zas! O trasno tirou con ela ao interior do cadro. Ocazul estaba abraiada e con medo, e púxose a chorar. Cando parou, viu ao trasno agochado detrás dunha árbore. Seguía a ollala cunha mirada ameazante.
-Onde estou? –dixo para si mesma Ocazul.
-Estás no interior do cadro.
Ocazul asustouse tanto que saíu correndo ata chegar ao cadro, pero o trasno colleuna. Entón, Ocazul, como ía a clases de Kung-fu, fíxolle unha chave e fuxiu do museo correndo, e decidiu non volver a ese museo.
André Cancela Abalo.
Froebel. 6ºA
Ocazul paou por un cadro que lle producira medo. Ao tocar o cristal sentiu algo raro, pechou os ollos e apareceu dentro do cadro. Agochouse detrás dunhas matogueiras, e viu unha bruxa falando cun neno.
–Neno bonito, non terás unhas flores azuis?
-Perdoa curuxa, non teño, e agora teño presa. –Dixo o neno de pelo negro e cunha cicatriz na cara.
-Tes presa, non?
-Si. –Dixo o neno.
-Pois xa non terás máis.
Nun momento a bruxa comeuno. A oca foi correndo detrás dunha árbore. Tiña medo, quería saír de alí. Aos poucos minutos pasou outro neno e a bruxa volveulle preguntar.
-Tes flores azuis?
-Si, teño no xardín da miña casa.
-Podes traermas?
-Claro.
-Moitas grazas neno bonito!
Ocazul saíu correndo onda o neno e preguntoulle para que quería a bruxa as flores, e el contoulle que era para rexuvenecer. Ocazul preguntoulle por que non agochaban as flores. Porque non nos comerá se lle damos as flores.
Sara Camargo Rincón.
Froebel 6ºA
Había unha vez unha oca chamada Ocazul. Ocazul foi dar un paseo polo museo de San Petersburgo. Ao entrar no museo, na primeira sala, fixouse no cadro Bydlo. O cadro tiña un boi tirando dun carro cheo de palla, por un camiño estreito. Ocazul cando entrou no cadro fixouse no carro. Cada vez que se achegaba ao carro, este saía correndo. Ocazul cansada de correr parou e o carro tamén. Achegouse ao carro, que lle falou. Ocazul quedou sorprendida. Preguntoulle como se chamaba e ela respondeulle –Ocazul, ese é o meu nome. –Ocazul preguntoulle ao carro se a podía levar ao final do cadro, e o carro díxolle que si, e levouna ata a aldea pequena. Cando chegaron despedíronse, así Ocazul seguiría a súa viaxe.
Lorena Torres columna.
Froebel. 6ºB.
Un día de sol, en San Petersburgo, unha oca chamada Ocazul atopouse no Museo da cidade, onde entrara para ver se había auga. Nada máis entrar un cadro chamoulle moito a atención porque se oía a alguén chorar. Ocazul entrou no cadro e encontrouse un trobador moi triste porque estaba só todo o día. Ao vela púxose moi contenta. Cando Ocazul lle contou que quería atopar auga fóra, encerrouna nunha cela. Pero o trobador esqueceuse de botarlle o pecho á porta e Ocazul conseguiu escapar. Cando o trobador se decatou, correu o máis rápido que puido ata onde estaba a oca, pero era xusto a saída por onde el non podía saír.
Alejandro Ligero Taboada.
Froebel. 6ºB.