Saltar ao contido

O PROXECTO

 


“O mestre, que persiga espertar nos nenos o soño, o xenio, a gaña por escribir, por narrar, por contar, teña por ben seguro que consegirá excelentes lectores. O mellor método para facer lectores é facer escritores”

VICTOR MORENO. El deseo de escribir. Pamiela.,Iruña 1994.

 

O CARTAFOL DO LÉREZ é  unha  campaña deseñada por Kalandraka e promovida pola Concellería de Educación de Pontevedra orientada a todos os alumnos e alumnas  de 10 a 11 anos (quinto e sexto cursos de educación primaria) da cidade. Esta iniciativa tenta dar un paso máis no proceso de animación lectora ademáis de reforzar o papel das bibliotecas escolares como espazo vertebrador  e fundamental neste proceso.

OBXECTIVOS:

  • Favorecer o uso das bibliotecas escolares como espazo vertebrador da vida escolar.
  • Achegarlles aos nenos e nenas a lectura en galego como pracer e goce.
  • Adquirir sensibilidade estética, tanto no plano literario como no plástico.
  • Estimular o desenvolvemento da creatividade e da imaxinación.
  • Estimar as producións plásticas e literarias como ben cultural e como acto de comunicación.
  • Valorar o xornal escolar como medio de expresión e comunicación.

 

Velaquí os diferentes elementos que compoñen esta iniciativa:

 

DOTACIÓN BIBLIOGRÁFICA:

Cada centro participante recibirá como agasallo para a dotación da súa biblioteca un lote de libros dun valor aproximado aos 300 €. Agúns destes libros serán o punto de partida para os obradoiros de escrita creativa.

OBRADOIROS DE ESCRITA:

Os obradoiros  programados nas bibliotecas escolares dos centros participantes terán as seguintes características:

  • Duración aproximada: 2 h repartidas en dúas sesións en horario escolar.
  • Grupo- clase
  • Adaptados a cada nivel.
  • Contextualizados (na medida do posible) no traballo previo das bibliotecas ou centros escolares  onde se desenvolven.
  • Terán como punto de partida diferentes libros editado por Kalandraka que formarán parte dos lotes cos que cada ano se dotará as bibliotecas dos centros participantes.
  • Variados para que os contidos posteriores do xornal tamén o sexan.

 

 O XORNAL  “O CARTAFOL DO LÉREZ”

Unha escolma dos traballos feitos polos alumnos e alumnas nos obradoiros  serán editados nun xornal  en papel que, ademáis, pode reflectir outras iniciativas propias de cada un dos centros e bibliotecas escolares.

Cada número do xornal terá unha tiraxe de entre 1.500 E 2.000 ex. a toda cor e un formato A-2 de entre 16 e 20 páxinas.

“O CARTAFOL DO LÉREZ” DIXITAL:

 Esta plataforma en internet en formato blog terá os contidos do xornal impreso e outros creados polos participantes que por razóns de espazo non se inclúen na edición de papel. Ademáis, servirá de medio de comunicación alternativo e de intercambio entre a comunidade escolar e a sociedade pontevedresa.

Na edición dixital pódense consultar todos as edicións anteriores e mesmo descargar os xornais físicos en formato PDF.

 

 

 

No comments yet

Deixar un comentario