Saltar ao contido

ENTREVISTA A MARÍA SOLAR

15 Xuño 2016

maria-solar-1

Expresiva, inqueda, falangueira, polifacética… Son algunhas cualidades de María Solar ás que puideron achegarse os rapaces e rapazas do CEIP de Marcón que a entrevistaron con motivo da publicación de “Teño uns pés perfectos”. Un libro divertido e instrutivo que lle deparou á súa autora ter recibido moitas fotografías nas que os lectores presumían dos seus pés. Para a escritora e xornalista compostelá, a literatura tenlle proporcionado moitas anécdotas e satisfaccións.

 

Como se che ocorreu facer un libro sobre os pés?

Porque están tan oprimidos e esquecidos, que me pareceu bonito dedicarlles un libro. Gústanvos as ilustracións? Fíxoas Gusti, un arxentino que vive en Barcelona. Eu coñecino en México, na Feira do Libro de Guadalajara, cando el participaba nunha manifestación para que se aclarase a desaparición duns estudantes de maxisterio. É unha persoa tan implicada que cando se lle propuxo facer un libro sobre os pés, entendeuno perfectamente. Os seus debuxos teñen moito humor, son moi graciosos.

miden las uñasFarás máis libros sobre outras partes do corpo?

Pois empecei polos pés, pero igual facemos outro doutra cousa. Que vos parece sobre a boca? Serve para comer, para dar bicos, está chea de bacterias…

Canto tardas en escribir un libro desde que o pensas ata que o rematas?

Depende. Algúns son poucos meses e outros son anos. Acabo de publicar unha novela coa que levaba catro anos.

Cales foron as primeiras obras que escribiches?

Os dous primeiros libros que escribín non eran de contos; eran de ecoloxía, de didáctica para os colexios. Chamábanse “O libro do noso mar” e “Ecoloxía na aula”. Pasaron aínda dez anos dende ese momento ata que collín textos que tiña gardados nos caixóns, envieinos ás editoriais e empezaron a publicarme contos.

Como se che ocorreron os títulos dos teus libros?

Hai títulos que se me ocorren ao principio e outros que, remato o libro, e estou dándolle voltas a como chamarlle. Eu creo que o mellor título que se me ocorreu nunca é “O fillo do pintamonas”, que trata sobre unha nube dos soños.

Tes un sitio especial onde escribir?

Na miña casa, o último cuarto que quedaba dispoñible ocupouno Martín, o meu fillo pequeno. Debo ser das poucas persoas que escribe pola cociña, pola sala, polo cuarto… Non teño un sitio onde escribir, xa me gustaría! Cando compre outra casa vou facer un sitio para min, para escribir.seguindo pegadas

Cal foi para ti o teu mellor libro?

Que difícil! Eu sempre escribo en galego. Que un libro que naceu na nosa lingua, estea publicado tamén en castelán e despois se traduza ao portugués e ao catalán, gústame moito; cando os meus libros chegan a outros sitios, tendo en conta que escribo nun idioma que fala menos xente, para que despois os lea todo o mundo. “O meu pesadelo favorito” tivo moitos premios e eses recoñecementos son bonitos. Ese libro gañou o Premio Lazarillo, que é o máis antigo de España. Un día estaba na miña cociña, soou o teléfono e dixéronme: “Buenos días, le llamamos de la Casa Real”. Entón preguntáronme se quería ir comer á casa do rei o 23 de abril, vai xa un ano. Entón fun, e sabedes o que fixen ao saír do Pazo Real? Fun ao aeroporto e comín unha hamburguesa. Sabedes por que? Porque tiña fame! Vouvos contar o que me sucedeu para que non vos pase se ides ao Pazo Real, un sitio fantástico, precioso. Eu estaba ao carón do rei e en fronte da raíña. E cando sentas a comer, cando empezas a comer? Cando todos están servidos, non é? Iso é de educación! Era unha mesa de oitenta persoas. Primeiro servíronlle ao rei, despois á raíña e logo a todos os demais. Eu agardei a que estiveran servidos ata o fondo e empecei a comer. E cando tomei a primeira culleradiña, o rei acabou, e sabedes o que fan? Empezan a recoller os pratos. Cando chegou o segundo prato, puxéronlle ao rei, á raíña e, cando puxeron o meu prato xa non esperei a que acabaran de servir a todos, só polos do arredor. E nestas, o rei acabou e recolleron os pratos. Entón trouxeron o postre e empecei a comelo. Cando levaba un cachiño comido, resultou que o café se tomaba noutro sitio e, como o rei se puxo de pé para ir tomar o café, todo o mundo se ergueu e marchou detrás del. Así que se ides ao Pazo Real, non agardedes por ninguén para comer.

Que tipo de literatura che gusta máis, infantil ou para maiores?

Gústame toda. Pero un libro como “Teño uns pés perfectos” non teño claro que sexa só para nenos; creo que é para todas as idades. Se o le unha persoa maior vai entender unhas cousas e, se o le un neno ou unha nena, vai entender outras. Vale para todo o mundo.

tenemos 5 dedos aComo se che ocorreu ser escritora e xornalista?

Desde pequena eu quería presentar na tele, pero non tiña o concepto de xornalista, senón de presentadora. O xornalismo é máis ca iso: hai que documentarse, saber máis da persoa que se entrevista, preparar as preguntas… Ademais, as linguaxes para a radio e para a tele son distintas. Eu cheguei ao xornalismo dun modo un pouco especial: no instituto había un rapaz que ría moito de min porque eu tiña unha voz moi aguda. Tempo despois vin que se organizaba un curso de dobraxe e apunteime, non para traballar en dobraxe; eu quería aprender a falar ben. Despois de aprender a dobrar, xa era actriz de dobraxe. Cando rematei de estudar Maxisterio fun facer a carreira de Bioloxía e na facultade vin un anuncio dunha radio que collía xente. Entón fun facer unha proba e como sabía colocar a voz, polo curso de dobraxe, colléronme. Entón entrei en Radio Compostela. Un día chamáronme para facer unha proba para a Radio Galega, de alí pasei á Televisión de Galicia e, no medio, decidín estudar Xornalismo. Fixádevos que, ao final, todo vale para algo. Se non fixera dobraxe igual hoxe non estaba na radio e na tele. Por iso, se podedes aprender algo, aprendédeo.

Na túa primeira reportaxe tiveches vergoña?

Eu creo que non. Cando chego á televisión, dáme igual quen estea diante miña. Tanto se teño que falar diante dun auditorio con dez mil persoas, como se teño que falar diante das cámaras; se hai un xefe de Estado, un ministro, un presidente… non me importa, non teño vergoña. Cando si paso nervios é cando preparo a entrevista: ter que buscar como facela, que quede ben, procurar documentación… Aí si que me preocupo. Pero cando chega o momento do directo e vou facer o que estiven a preparar, entón reláxome e estou moi contenta de poder facelo.

Cal das túas profesións, xornalista e escritora, che gusta máis?

As dúas; ao final, todo é comunicación. Cando estás na televisión ou na radio, estás comunicando con alguén, contándolle algo. E cos libros estás facendo o mesmo, contando unha cousa que os demais fan súa.

Ao ser escritora e xornalista quédache tempo para outras cousas?

Pois estou bastante tempo traballando, pero ao único ao que non lle quito ningún tempo é aos meus fillos. Polas tardes dedícome a ser transportista: lévoos a karate e esas actividades. Como traballo tanto, a nena maior de 16 anos medrou moi rápido, xa se fixo grande, e agora o neno pequeno non quero que me escape; a eles si que non lles quito nin un só minuto. O resto do tempo, vou traballando.

mas alto bEstás contenta co teu esforzo no traballo?

Eu son moi traballadoriña, creo que hai que traballar e esforzarse; que as cousas non veñen así, de arriba. E tamén penso que co tempo, cando te esforzas e traballas, tes recompensas.

Tes algunha afección?

A miña afección principal é falar coa xente, quedar con xente divertida, diferente… Teño moita sorte pola miña profesión, porque me permite coñecer persoas moi distintas e interesantes. Ver xente moi poderosa ou xente que o está a pasar moi mal. Apréndese e fai que unha medre como persoa.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: