Saltar ao contido

ENTREVISTA A PACO NOGUEIRAS: “FACER AS COUSAS E VER QUE LOGO TEÑEN TAN BOA RESPOSTA DO PÚBLICO, É O MELLOR”

29 Maio 2015

Paco Nogueiras

O músico Paco Nogueiras rememorou a súa traxectoria cos escolares do CEIP Marcón: dende os seus inicios na nenez como aprendiz de gaiteiro ata a actualidade, como multi-instrumentista. Agora viaxa por toda Galicia interpretando as cancións do seu libro-disco “Brinca Vai!” e compartindo co público a felicidade que sente por dedicarse ao que máis lle gusta. Na súa visita a este centro colaborou co alumnado na composición dun romance.

Como empezaches na música?

Comecei na casa aos 3 anos. Tiña unha frauta e encantábame tocala, aprendín eu só. Cando fun á escola aprendía as melodías dos programas da tele. Todos dicían que me saían moi ben! Como o meu avó era músico e eu tamén quería selo, aos 13 anos comecei en clases de gaita e formei parte do grupo da miña vila. Logo aprendín eu só a tocar o acordeón, e así continuei, tocando e aprendendo ata hoxe.

Sempre quixeches ser músico ou foi influencia da familia?

Vouvos contar un segredo: eu escapaba da casa para ir aprender a tocar a gaita. O meu avó foi o gaiteiro de Vedra, chamábase Marcelino ‘O gaiteiro’ e aprendíalle á xente a tocar. Naquela época ser músico estaban moi mal visto. Por mor do seu oficio e por outras cuestións, na época da Guerra Civil o meu avó foi perseguido, tivo que fuxir ao monte e esconderse para que non o matasen. A raíz diso perdeu unha perna e ese feito marcou moito a familia. Por iso aos meus pais non lles facía ninguna graza que eu aprendera música. Sabedes como o descubriron? Cando me viron vestido de gaiteiro nas festas, tocando por diante da casa. Levaba tres meses aprendendo a tocar, saíame o aire por todos os sitios e case non daba tocado. Cando pasei por diante da casa e vin os meus pais na fiestra pensei… Ai, cando chegue! Eu cría que me berrarían ou me castigarían por desobedecer pero, sabedes que me dixo o meu pai? “Xa que empezaches, non se che ocorra deixalo na vida”. E aí estamos, facéndolle caso ao meu pai.

De pequeno fuches a clases de solfexo?

Cando eu comecei non había estudos de linguaxe musical. Despois dábame preguiza; foi un erro. Os meus fillos agora están aprendendo linguaxe musical, composición e harmonía porque é importante.

Como atopaches a Kalandraka?

Eu tiña compostas algunas cancións e fixera algúns vídeos que subira á Internet. Os editores de Kalandraka víronos e parecéronlles boa idea. Chamáronme, falamos e comezamos a traballar para darlle forma ao libro-disco que coñecedes.

Custouche moito facer o “Brinca Vai”?

Todos os traballos levan o seu esforzo pero non me custou porque fixen o que me apetecía, case xogando cos meus fillos na casa. Teño moitos amigos mestres que precisaban cancións para celebrar as festas na escola: o Entroido, o Magosto, o Samaín… Comecei pouco a pouco facendo máis e máis temas, pero sempre como me parecía máis divertido, mesturando ritmos, con humor…

Cantos discos editaches?

En solitario, “Brinca vai!” é o primeiro. Antes tiña outros dous como membro de Ophiusa, un grupo de música folk contemporánea no que mesturabamos diferentes estilos con bases electrónicas.

Que che gusta máis do teu traballo?

Gústame todo, pero quizais o que máis, o proceso de crear as cousas. É divertidísimo. Cando llo mostro aos demais din que lles gusta, que o pasan ben coas miñas cancións. O outro día amosáronme unha torta de aniversario dun neno cunha figuriña que era eu con forma de boneco… Que bonito! Así que facer as cousas e ver que logo teñen tan boa resposta do público, é o mellor.

Cústache moito compaxinar a música coa túa vida diaria?

Normalmente non me custa porque fago o que me gusta: podo tocar, cantar, facer teatro. Todo isto fai que non estea parado, pero ao mesmo tempo moi contento. Son das persoas máis felices do mundo porque fago o que me apetece.

Gústache bailar?

Moitísimo, pero son peor bailarín que músico. Fun a clases de baile galego, de bailes de salón… Na casa o primeiro en botar un baile son eu.

Cal é a túa canción favorita de “Brinca vai!”?

Todas teñen o seu significado… Quedaría con “Brinca vai!”. Transmíteme moita enerxía, moito poder vital.

Saíches algunha vez nun programa de radio?

Si, varias veces. A raíz do “Brinca Vai” fixéronme moitas entrevistas na radio e na tele.

Advertisements
One Comment leave one →

Trackbacks

  1. Kalandraka - Blog K

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: