CADROS CONTADOS: PINTURA E LITERATURA PARA VER E LER DENDE AS AULAS
A historia da arte e algún dos seus cadros máis sobranceiros son o escenario no que transcorren os relatos dun obradoiro deseñado a partir da visita imaxinaria aos principais museos do mundo.
O CUARTO EN ARLES
(Van Gogh Museum Amsterdam, visita a obra no museo aquí)
Carlos é un neno de poucos anos ao que lle gusta a pintura. A casa de Carlos está nunha aldeíña de Galicia. O seu pai, que o quería moito, morreu nun día de verán xogando con el. Nese momento, Carlos botouse a chorar ao lado del e, dende ese momento, sempre leva unha foto súa no peto. Pola noite debúxao nun cadro no que leva traballando dende que morrera. O neno quería estar máis con el. A sua nai, Carme, bótao de menos. O día que Carlos rematou o cadro chamou a toda a familia e convidounos á súa casa para que viran o cadro e para lembrar a Antón, o seu pai. Aquela noite Carlos pasouna mirando o cadro do seu pai mentres oía como choraba a súa nai.
Gabriel Fontenla Acevedo, 5ºA
(CEIP Álvarez Limeses)
O CANTAR DOS CANTARES. Marc Chagall.
(Musée national Marc Chagall, visita a obra no museo aquí)
Era unha vez a Terra. Xoán era un dos seus habitantes, pero el sentíase distinto. Todos os días levantábase da cama para ir á praza. Así se gañaba a vida, tocando a arpa. Non gañaba moito, pero o suficiente para vivir. Pero el estaba encantado co seu oficio e non lle importaba. Un día levantouse, almorzou e foi cara á praza. Cando chegou, sentou no chan e comezou a tocar. A súa música soaba suave e melodiosa… e de súpeto, escoitou un ruído, pero non lle fixo moito caso. A segunda vez que soou asustouse un chisco, pasaba algo raro. Cando se deu de conta había unha morea de persoas. Xoán non o entendía. Volveu tocar e, no ceo, apareceron moitos seres máxicos. Xoán xa o entendera. Todos os seres máxicos e as persoas foran atraídas pola súa arpa. Xoán decidiu escapar. Pero, cando se achegou a unha persoa, viu que non era tal, que era unha estatua. Todos eran estatuas. Xoán meteuse entre as estatuas pero chegou a un punto no que non collía. Empezou a chorar, sentiu que era a súa fin cando, no ceo, apareceron un rei e unha raíña voadores. Foron cara a Xoán e dixéronlle que non chorase, que eles levarían a todos os seres máxicos e volverían converter as estatuas en persoas, pero necesitaban axuda. Xoán accedeu a axudalos e ideou un plan. Cando se puxeron de acordó foron a unha tenda e mercaron unha rede coa que atrapar os seres máxicos. Os reis ían marchar cando Xoán lles pediu que devolveran á normalidade todo. Os reis fixeron unha beberaxe coa que curaron as persoas e liberaron a arpa de Xoán da maxia. Pronunciaron unhas palabras e todo volveu á normalidade.
Natalia Solla Prado, 6ºB
(CEIP A Xunqueira II)
O EMPADROAMENTO DE BELÉN. Pieter Brueghel el Viejo.
(Musées royaux des Beaux-Arts de Belgique, visita a obra no museo aquí).
-Chegou o inverno! –berrou Belén emocionada. Belén adoraba o inverno. A neve, o lago conxelado… Ela non podía gozar de todo iso porque tiña que traballar na ferrería dos seus pais pero, ás veces, a súa nai deixaba que fose patinar ao lago conxelado cos seus amigos. Un frío día de inverno, os pais de Belén mandaron a súa filla a que quitara a neve do camino cara á súa casa. Pero Belén non varreu o camiño, escapou a xogar na neve porque non quería traballar. Cando a súa nai foi dicirlle que xa podía deixar de varrer e ir xogar, non viu a súa filla. Enfadouse tanto que a súa cara púxose vermella coma un tomate. Belén estaba patinando polo lago conxelado cando caeu na auga e empapouse da cabeza aos pés. E así, a filla volveu traballar cos seus pais e quedou castigada todo o inverno.
Paula Fernández, 5ºA
(CEIP Álvarez Limeses)
MULLERES DE ALXER. Eugène Delacroix.
(Musée du Louvre, visita a obra no museo aquí).
Un día, na afastada India, Cristina mercou un pazo nunha cidade chamada Pompat. Cristina era unha campesiña que, un día, non se sabe moi ben como, atopou un cofre cheo de moedas. Cando entrou no pazo, este estaba baleiro, entón decidiu convidar as súas amigas Clemente, Ana e Lola. Cando chegaron sorprendéronse igual que Cristina. Non había ningún moble. Entón foron mercar alfombras e coxíns, porque son baratos e serven para merendar. Despois mercaron teas para facérense novas prendas, porque viñan do campo e estaban moi sucias. Tamén querían cambiar un pouco de estilo. Antes de levar as teas a unha modista, comeron de todo: froitos secos, froita e tamén larpeiradas. Cando remataron colleron o tren e foron xunta a modista. Era negra e chamábase Fica. Fíxose moi amiga delas. Cando os vestidos, camisas e pantalóns xa estaban feitos, Fica foi á casa de Cristina e a ela e ás súas amigas encantáronlles. Foron cambiarse ao momento. Estaban tan felices que celebraron unha festa. Convidaron a todos os habitantes de Pompat. Ao final tiveron unha sorte moi grande, regaláronlles mobles e roupa nova! Preguntarédesvos quen foi. Pois foi un rei da India, que tamén ía mudarse e cedeulles os mobles para a festa. Ao final a festa foi impresionante.
Lucía Dios Carballo, 6ºA
(CEIP A Xunqueira II)
AS CATRO PARTES DO DÍA: A NOITE E O CLARO DE LÚA. Claude-Joseph Vernet.
(Musée du Louvre visita a obra no museo aquí)
Nun xoves coma calquera outro, nubrado, escuro e de marea tranquila, Breogán iría á guerra a Milán. Máis de cen familias preocupadas polos seus pais e maridos agardaban no porto para que chegaran os barcos que os collerían para iren a Roma e despois a Milán. Breogán e a súa muller Sabela vivían en Lalín e non tiñan fillos. Sabela tiña máis medo que ningunha outra persoa: quedaría soa e non tería o seu marido axudándoa. Aos tres meses sen o seumarido ocorréuselle unha idea brillante que lle cambiou a vida. Abriría un restaurante! Todos lle dicían que era a mellor cociñeira de Lalín. Levaba moito tempo sen ver o seu marido. E se lle pasara algo! Cinco días pasou Sabela buscando o nome axeitado para o seu restaurante. Chamaríalle “O fogar de Breogán” para que, se o seu marido volvía san e salvo, se sentira orgulloso. E ao final… Breogán volverá?
Sofía Rivas Cancela, 5ºB
(CEIP Álvarez Limeses)
Nunha noite de inverno un neno chamado Xoán espertou todo asustado. Tivera un pesadelo. Soñou que a súa nai se convertera nun morcego. Xoán correu ao cuarto da súa nai María, e viu que seguía na cama. Ela acordou co ruído. Xoán correu a abrazala. A nai veu que estaba asustado e tranquilizouno, deixando que el durmira na súa cama. Á mañá seguinte Xoán e María espertaron á irmá de Xoán e foron xogar á rúa. Alí había nenos xogando. Viron a Xoán e foron xogar con eles á pelota perdida. Coma facían sempre. Xogaron tanto e pasárono tan ben que Xoán se olvidou do seu pesadelo e volveu tranquilo para a súa casa. Unha vez na casa foron comer. Na Coruña encontráronse a súa tía Laura facendo un biscoito de nata, o preferido de Xoán. Os dous irmáns axudaron a tía Laura a montar o biscoito. Cando remataron, Laura, Carla, Xoán e María comeron todo o biscoito.
Ana Pintos Castiñeiras.
CEIP A Xunqueira 2. 6ºB
A GIOCONDA. Leonardo Da Vinci.
(Musée du Louvre, visita a obra no museo aquí)
Framcesca era unha muller que vivía na cidade italiana de Milán. Tiña un irmán chamado Pedro, quen era o máis rico de Milán, mentres que ela era unha humilde servidora do rei Claudio XVI. Nunha batalla que tivo lugar para conquistar Nápoles Claudio morreu e Pedro herdou o trono porque era moi amigo do rei. Francesca non lle caía ben o seu irmán, así que intentou desfacerse del, pero os gardas descubrírona. Francesca foi condenada a morte. Un dos gardas, Filipe o Temido, prometeulle que a salvaría. O día da execución a praza principal de Milán estaba chea de xente. Antes de que o verdugo lle cortara a cabeza apareceu Filipe cun cabalo branco, colleu a súa espada e atravesou ao verdugo, colleu a Francesca e fuxiron. Cando Pedro tivo noticia do sucedido mandou a catro mil homes detrás deles. Cando Francesca e Filipe pasaban a fronteira ele preguntoulle se ían a Nápoles. Filipe respondeulle que ían camiño da península ibérica; collerían un barco ao día seguinte pola mañá. Cando colleron o barco os homes de Pedro víronos, pero non sabían nadar. Cando regresaron, o rei Pedro condenounos a morte por non cumprir a súa misión, mentres que Francesca e Filipe viven felices en Barcelona.
Pedro Comesaña Fuentes.
CEIP A Xunqueira II. 6A
NAI E NENOS XOGANDO. Pablo Picasso.

Nai e nenos xogando. Musée Picasso – Antibes Juan-les-Pins
Nunha pequena cidade de Andalucía unha nai estaba deitada na praia tomando o sol cos seus nenos. Laura, a nena, observaba un cempés que atopara no camiño. Laura púxose a contarlle as patas e atopou cen. O neno, Xoán, montaba en bicicleta. El caía, pero como era moi forte, volvía montar. O pai dos nenos estaba traballando e eles aburríanse sen el. A nai propúxolles xogar ás agochadas. Os nenos sempre se agochaban nos cons. Era un día caloroso, había moita calor. Eles pasárono moi ben. O seu pai volverá mañá de viaxe de traballo. Eles están moi contentos porque co seu pai fan maquetas de barcos que despois poñen a navegar. Cando nas tardes de sábado van ao lago a facer navegar os barquiños, fan como se foran grandes capitáns. O barco da capitana Laura era rosa e o de Xoán vermello. Xogan tamén ás batallas navais e sempre gaña Xoán. Mamá queda sempre no prado, sentada nun mantel lendo unha historia de amor. Todas as tardes son iguais. A ela abúrrelle xogar aos barcos porque de pequena tivo un accidente nun barco. Xa é de noite. A nai deitou aos nenos e bisboulle boas noites. Mañá vai ser un bo día.
Carlota Montes López.
CEIP Álvarez Limeses. 5ºB
Amencía en Little Street, o barrio coa peor fama do lugar grazas a distintas bandas e grupos de delincuentes. Con todo, ese non era problema para a familia Peccy, que hoxe tiñan un día cotián. Mentres George espertaba cos berros da súa nai, Henry, o irmán menor, almorzaba cos ollos cravados nunha gran caixa que había no medio da cociña, era o seu agasallo de aniversario, unha bicicleta! Henry, por moito que lle dixeran que era necesario, odiaba ter que ir á escola. A súa nai ameazouno con botarlle o regalo ao lixo, polo que non lle quedou máis remedio. Por sorte, unha das súas mestras quedou de baixa e Henry, xunto coa súa aula, saltaron a última hora.
-Volvería xa? Debería ir buscalo? –Dicía na súa cabeza a nai do menor dos Peccy. Había dúas horas que o pequeno non volvía. Despois de coller o seu agasallo e saír con euforia, a nai decidiu mandar a George a buscalo, pero tampouco quería perdelo a el… mirou pola fiestra, e por fin puido velo na súa bicicleta.
Martín Xavier Flores Rodríguez.
CEIP Álvarez Limeses. 5ºA
SAÍDA AO CAMPO. Fernand Leger.
(Centre Pompidou, visita a obra no museo aquí)
Había unha vez un mundo distinto ao que todos coñecemos. Era pequeno e raro. Alí vivía unha familia estupenda e un can. O can era aventureiro e tiña poderes máxicos. Un día mentres paseaban pola praia buscando pedras para facer unha colección, atoparon unha árbore estraña e cunhas flores moi bonitas. Cando se achegaron á árbore tocaron unha flor e de súpeto viron un escintileo e pecharon os ollos. En canto os abriron xa non estaban na praia nin no seu mundo, estaban nun planeta que eles non coñecían. Era o planeta Terra. Quedaron perplexos! Mentres admiraban a paisaxe decidiron explorar este planeta novo para eles. Preguntáronlle a unha persoa onde estaban e ela respondeulle educadamente. O can que tiña a flor na boca deeulla ao seu dono e esta púxose a pensar. Intentou que puideran volver ao seu mundo facendo o mesmo que fixeran antes de chegar a este mundo, pero non funcionou. A súa muller díxolle que unha vez lle ocorrera a un amigo e que tivo que buscar a unha bruxa. E así comezaron a súa viaxe en busca dunha bruxa. No camiño alugaron un coche pero se lles escangallou. Por sorte cerca de alí había unha tenda e pediron axuda. Cando xa lles axudaran o can empezou a saltar e os donos fixáronse na dirección na que o facía, había outra tenda por alí, e entraron nela. Esa tenda era dunha bruxa e pedíronlle axuda. Pero ela díxolle que se querían axuda tiñan que regalarlle a súa flor. Eles aceptaron. A bruxa conseguiu que volveran ao seu mundo e quedou coa flor e como era a única que había na árbore quedaron sen flores no mundo, e nunca máis se soubo da bruxa nin da flor.
Noelia Solla Prado.
CEIP A Xunqueira II. 6ºB
AS NINFEAS, ESTUDO DE AUGA. Claude Monet
(Musée de l’orangerie, visita a obra no museo aquí)
Era unha vez unha ninfa que vivía no estanque da lúa. O estanque non era como os demais, era especial. Nese estanque había unha árbore moi grande, un chorón, que era máxico, tiña vida. A ninfa falaba con el e tamén coas ninfeas, que os axudaban a estaren tranquilos. Pero non é que non lles guste falar coas persoas normais, ao contrario, non podía saír de alí porque tiña que protexer ás pedras da lúa, unhas pedras máxicas moi buscadas polos humanos. Ela aburríase cada día, así que un día decidiu saír de alí e explorar o exterior. Cando chegou a noite, que era escura e moi fría, sentou unhas cóxegas na barriga. Sentíase feliz por saír de alí! Era media noite cando decidiu partir. A luz da lúa era cristalina e traspasaba a auga. Decidida ía pasar a porta de pedra cando de súpeto se formou unha barreira de luz. A ninfa ao principio non entendía nada, pero ao final deuse de conta de que… era unha ninfa e non podía saír de aquel lugar porque senón habería un caos máxico. Contoulle toda a historia á árbore e díxolle que era unha responsabilidade. Ela entendeuno e foi feliz, pero á vez estaba un pouco desilusionada. Pensou, tal vez algún día poida saír de alí.
Manuela García
CEIP Álvarez Limeses 5ºB
MULLERES DE ALXER. Eugène Delacroix.
(Museo del Louvre, visita a obra no museo aquí).
Un día había tres curmáns que estaban na súa casa, e como todos os días viña unha señora, Marisol, para limpar as cortinas. Ela sempre ía cunha saia verde e vermella. Gustáballe moito o seu traballo, porque se divertía, pero non podía traballar alí porque xa desde pequena tiña unha alerxia enorme aos ácaros e se lle enchían os ollos e saíanlle grans. Entón ofrecéronlle outro traballo de policía, ela aceptou porque non tiña que facer nada que tivera que ver cos ácaros. Traballou unha semana e comprendeu que non lle facía feliz, e volveu ao seu traballo orixinal, e a pesar dos ácaros, foi feliz para sempre.
Xiana Lorenzo Reboredo.
CEIP a Xunqueira II. 6ºB
AS CATRO PARTES DO DÍA: A NOITE E O CLARO DE LÚA.
(Museo del Louvre, visita a obra no museo aquí)
Había unha tormenta enorme e uns señores que ían en barco pillaron a tormenta, e rompéuselles o barco. Intentaron tapar a vía de auga pero non lles deu moito tempo. Pediron axuda berrando a uns señores que estaban na costa. Os señores colleron unha lancha para rescatalos, pero no barco había moita xente. Entón, os señores pediron axuda á súa vila e viñeron axudalos. O barco case que estaba afundido, entón tiveron que ir polas lanchas rápido para rescatalos e levalos ata a costa. Os veciños deixáronlles un apartamento, comida e mantas, pero cunha condición, que se foran da vila ao amencer. Ao amencer fóronse para a súa vila de orixe, e os seus veciños e amigos fixéronlles unha festa de benvida.
Marta Docal Brea.
CEIP A Xunqueira II. 6ºB
O CIRCO. George Seurat
(Musée d’orsay, visita a obra no museo aquí)
Nunha praza dunha cidade moi pequena abriu as portas un circo con cabalos. O máis grande era branco relucente, os demais marróns, negros e amarelos. Os primeiros meses íalles moi ben, pero cada vez ían empeorando, e menos xente asistía ao espectáculo. A xefa do circo preguntábase que era o que facían mal para que non viñera a xente. Días máis tarde decatouse de que sempre facían o mesmo, así que, decidiu cambiar os números cada dúas semanas. Deste modo volveron coller fama e mesmo un día viunos ver a familia real.
Agustín de la Torre Franco.
CEIP Álvarez Limeses. 5ºA
Érase unha vez un circo chamado Xilep onde sempre se esgotaban as entradas. O circo xa fixera historia, levaba moitos anos aberto e era o mellor circo do mundo, ata que… o día cinco de xaneiro de mil novecentos vinte e cinco fixeron o mellor espectáculo que nunca existira. Pero para un bo espectáculo ten que haber algo detrás do mesmo. Iso complicouno todo, ninguén o sabía, pero o circo ía pechar por problemas económicos. Chegou o día e a xente quería ver o espectáculo. Unha vez dentro toda a xente, pecharon as portas e os violíns comezaron a tocar. Empezou o espectáculo! –Berrou moi emocionado un neno. O espectáculo ía moi ben pero… o cabalo toleou e caeron as bailarinas. Toda a xente foi socorrelos e tranquilizar ao cabalo chamado Neve. Viñeron as ambulancias e leváronas ao hospital onde curaron as feridas e lesións. Sabías que conseguiron a axuda dun mecenas e que volveu abrir o circo con moitos animais, con máis músicos, con máis espectadores… o mellor circo é o do Xilep!
Lidia Amoedo Vázquez.
CEIP A Xunqueira II. 6ºB
GRAN INTERIOR VERMELLO. Henri Matisse.
(Centre Pompidou, visita a obra no museo aquí)
Érase unha vez un cuarto que non tiña donos. Pola noite todos os seus obxectos cobraban vida. Todo o cuarto estaba chea de cor. Os veciños non sabían de onde procedían os ruídos do cuarto. Un día, o gato da veciña que vivía ao lado meteuse pola ventá, e gustoulle tanto que foi chamar a todas as mascotas que vivían nese edificio, e como lles gustaba tanto, non querían volver ás súas casas. Os donos das mascotas pasaban todo o día buscando por elas. Un día alguén que pasaba por alí escoitou moitos ruídos de animais e foi ver o que pasaba. Conseguiu entrar no cuarto e levou aos animais aos seus donos e converteron aquel cuarto nun lugar de lectura.
Paloma solla Villanueva.
CEIP A Xunqueira II. 6ºB
Naquel cuarto estaban por quinto día consecutivo o can e o gato. Ao seu dono parecíalle moi raro e púxose a pensar e a pensar, e a pensar, por que lles gustaba tanto aquel cuarto. Despois de tanto pensar e pensar decidiu buscar a razón porque quererían estar alí todo o día. Chamou aos seus amigos, a toda a familia e a todos os coñecidos que tiña. Estiveron dándolle voltas á situación e nada, non foron capaces. Ata que un deles pensou que ao mellor era polo olor das flores, ou pola cor que tiña. O dono da casa tivo unha idea, podía ser que fose polos cadros que había no cuarto. Comprobouno cambiando os cadros de cuarto e… efectivamente, era polos cadros. Deixou os cadros onde estaban e quedou tranquilo por saber a razón pola que o can e o gato levaban cinco días seguidos naquel cuarto.
Iago González Gómez.
CEIP Álvarez Limeses. 5ºA
A VIRXE DO CHANCELLER. Jan Van Eyck
(Musée du Louvre, visita a obra no museo aquí)
Era un día soleado, no mes de agosto. Un novo ser estaba a punto de chegar ao mundeo. Era un neno chamado Andrés. Os seus pais estaban moi ilusionados, pero cando o bebé naceu os seus pais atoparon algo estraño en el, algo relacionado cos seus ollos. As súas pupilas tiñan un escintileo, un escintileo que non viran antes. Pero apartaron esa idea da súa mente sen saber o que realmente pasaba. O bebé foi medrando e como vivía nunha granxa tiña que axudar a súa familia todos os días porque non tiñan moito diñeiro. Un día que estaba a recoller auga, unha voz chamou a súa atención. Era a voz dun neno. Ao velo deuse de conta dunha cousa moi rara para un neno, estaba calvo. Andrés asustouse, pero o neno tranquilizouno. Chámome Mario, dixo. Andrés presentouse e estiveron falando toda a tarde. Pouco a pouco foron facéndose moi bos amigos. Un día Andrés presentou á súa familia a Mario. Pero a súa familia non vían a ninguén, e os seus irmáns dixéronlle que estaba tolo. El non entendía nada porque el o vía perfectamente. Levárono a un médico, pero non lle atoparon nada. Pasou o tempo e Andrés xa tiña dezaseis anos. Un día encontrouse cun home moi raro. O señor, sen dicir nada colleu a Andrés e montouno no seu cabalo. Xa no cabalo o señor díxolle: Teño que contarche unha cousa. -Andrés quixo protestar pero por algunha razón non podía falar. Chegaron a un lugar moi estraño. Tes un poder que moi poucas persoas o teñen. –Dixo. –Cal? –Preguntou Andrés. -Iso terás que adiviñalo ti –Respondeu o home.
Daniel Rivera Bonilla.
CEIP A Xunqueira II. 6ºB
A COMIDA OU OS PLÁTANOS. Gauguin.
(Musée d’Orsay, visita a obra no museo aquí)
Érase unha vez unha señora pobre que levaba días sen comer. A pobre señora é moi vella e a fame quítalle as forzas para poder camiñar. Un día encontrou unha casa que daba unha sombriña moi xeitosa e achegouse a sentar. Ela, mirando a porta cos seus ollos cansados de non durmir, mira que a porta estaba aberta. Entón, camiñou ata a entrada da casa coas súas pernas fracas e débiles e pode ver unha mesa con plátanos, limóns, auga… a vella señora veu que habían tres rapaces, dous nenos e unha nena. A nena díxolle que se chamaba Xulia, un neno dixo que el se chamaba Xoán e o outro Pedro. A señora estrañada preguntoulles porque tiñan eses nomes que nunca oíra na Polinesia. Eles dixéronlle que era porque eles naceran en España, pero que vivían alí, en Tahití. Os rapaces déronlle cinco plátanos e unha botella de auga. A señora moi agradecida foise.
Ángela Ferradas Lameiro.
CEIP Álvarez Limeses. 5ºA
O TRAMPOSO CUN AS DE DIAMANTES. George de la Tour.
(Musée du Louvre. Visita a obra no museo aquí)
Nun cuarto escuro, cun par de lámpadas para iluminar estaban sempre catro mulleres, as mesmas de todos os domingos. Tiñan as súas mellores galas, e peiteadas coa mellor seda importada dende a India. Na casa de Maite, e a súa serventa, que foi contratada para vixiar ás demais mulleres, foi a esperada partida de cartas. Como non foi a primeira vez, xa estaba todo preparado, a mesa posta, as cartas repartidas, e a botella de viño xa lista para ser aberta, era o mellor viño. As mulleres sentaron nas cadeiras cos coxíns vermellos de cor da realeza. E rematou a tranquilidade porque os cartos estaban todos sobre a mesa. De súpeto, apareceu o mozo de Mariña, a trampulleira, que tiña un ás de diamantes na faixa. Pero non se fixou moito A serventa díxollo á anfitriona…
Iria López García.
CEIP Álvarez Limeses. 5ºA