FAUNA INSÓLITA
Ferdinando, o protagonista do relato que Munro Leaf escribiu en 1936, é un touro pacífico e sensible que devece por pasar as tardes sentado entre as flores ou a carón dunha sobreira, a súa árbore preferida. Inspirándose neste xato, o alumnado dos centros Froebel e A Carballeira constrúen relatos sobre animais amigables, sensibles, agarimosos… Criaturas diferentes na procura do seu lugar no mundo.
A historia de Leo o falcón.
Había unha vez un falcón que tiña algo diferente dos demais. El nacera nun acantilado raro, tiña unha forma cadrada, que era algo moi estraño para un cantil. Ao falcón, chamado Leo, encantáballe, porque el sentaba alí a mirar a xente que pasaba pola praia. Era un falcón ao que lle gustaba falar cos que pasaban; un falcón moi social. Os seus irmáns non eran así. Os seus irmáns saían todas as mañás a cazar. El, mentres tanto, alí, sentado no cantil. Á súa nai parecíalle moi estraño e ela intentouno convencer de que se intentaba ser coma os seus irmáns, ía ser un falcón mellor. Pasou o tempo e o falcón seguía sendo igual e os seus irmáns adolescentes xa eran dos falcóns máis importantes de toda a rexión. Por aquel entón, Leo xa cambiara algo. Agora xa non só era social, senón que directamente baixaba á praia a estar coa xente, e a xente mirábao con cara de exclamación porque obviamente parecíalles raro que un falcón non os ameazara. Un día os falcóns, a nai, o pai e os dous irmáns, decidiron ir cazar e pedíronlle a Leo que o intentara. Leo dixo –Ben, vouno intentar! –Chegou a noite e saíron cazar. Leo estaba moi nervioso porque non sabía o que estaba a facer. Cando todo empezou, separáronse para ir cazar na fraga. Pero el, sen amigos, non era feliz; alí non había xente á que saudar… non lle gustaba, el non era así!
Jorge Barros Suárez, 5ºA
(CEIP Froebel)
A historia do lobo Riperto.
Riperto é un lobo especial. Xa desde pequeno tiña algo distinto aos seus irmáns. Os seus irmáns sempre estaban a comer carnaza, pero a Riperto non lle gustaba a carne. Os seus pais preocupábanse por el e sempre lle insistían para que fora con eles, pero Riperto dicía que non e que non. A el non lle agradaba iso de matar outros animais. Un día descubriu que era vexetariano. Riperto non era aceptado, non tiña amigos. Un día acabáronse todas as froitas, hortalizas e demais verduras. Un día tivo que probar a carne e, do pouco que lle gustou, separouse da súa manda e foi vivir cuns lobos que eran coma el. Alí viviu feliz comendo vexetais cos seus novos amigos.
Álvaro Pérez Sueiro, 5ºB
(CEIP A Xunqueira II)
A historia do león Tripín.
Había unha vez un león chamado Tripín. Cando era pequeno perdera a súa nai, polo que non puido recibir cariño. Tripín prometeuse que, fose como fose, daríalle cariño a todas as persoas que o necesitasen. Os seus irmáns, veciños, amigos… metíanse con el, por ser así, especial, por pensar doutra maneira. Eles non pensaban igual ca el, dicían que o importante era ser O Rei da Selva. Pero Tripín sempre pensara o mesmo: que o máis importante sempre será que todo o mundo teña e reciba cariño. El dá cariño dun modo moi peculiar; non dá abrazos nin bicos, nin nada diso… o que fai Tripín é falar cos seus amigos, darlles apoio, consello… Tripín axudaba a todos os animais que o necesitaban. Dez anos despois, Tripín xa era un león feito e dereito e seguía a cumprir a súa promesa, e cada día dáballe máis cariño a máis xente. Grazas a el case todos os leóns da sabana Tiki-Trake eran felices. Cando cumpriu os dezasete anos comezou a facer o que todos os adolescentes, namorarse. Tripín estaba na sabana dándolle consellos á súa amiga Jany cando pasou por alí unha leoa moi guapa, a máis guapa de todas as que vira. Pouco a pouco foron namorando ata que acabaron por ser noivos. Desde ese momento, Tripín seguiu a ser o león que sempre fora e querendo moito a Mencía, a súa noiva.
India Castro López
(CEIP A Carballeira)
A historia da gaivota Cocota.
Un día, nunha praia afastada, naceu unha gaivota. Desde o principio a súa nai deuse de conta de que era diferente. Non chiaba para pedir comida, só se achegaba á súa nai e dicíallo moi baixiño. A súa nai preocupábase por ela, pero non, tampouco xogaba ao xogo de “Quen chía máis?”. Un día o seu pai preguntoulle por que non xogaba ou chiaba para comer. Ela respondeulle que non era quen de chiar porque lle doía a gorxa. O seu pai pensou que se a deixaba pasaríalle co tempo. Ao cabo dos anos, Cocota fíxose independente e aos seus pais xa non lles facía caso. Por iso un día decidiu marchar da súa casarocha e foi vivir á praia do lado porque alí non había gaivotas soas; tamén turistas e, sobre todo, cans. Alí fíxo a súa casa e quedou a vivir ata o día que unha gaivota, que resultou ser a súa irmá, lle pediu axuda para espantar unha nécora que lle estaba a morder a todas as gaivotas da familia. Ela díxolle que tiña que chiar moi forte para espantala. Cocota chiou pero só lle saíu un fío de voz. Entón, a súa irmá pediulle a Cocota que marchara porque non servía para nada. Cocota foi para a súa casa da praia do lado. Cocota alí viviu feliz, sen gaivotas, sen persoas e sen cans.
Guang Li Sanmartín Ruibal, 5ºB
(CEIP Froebel)
O moucho madrugador.
Hai moito tempo naceu en Galicia un moucho chamado Xabier. Naceu de noite, e iso fixo que non lle gustara ver ás escuras. Vós pensaredes, -Se é un moucho! Pode ver de noite! –. Por poder, pode; con todo, non lle gustaba estar só coa súa familia. Pensou que, no canto de durmir de día, podería facelo de noite. Pero iso non era tan fácil, custáballe moito, e os seus irmáns rían del. Como non durmía nin polas noites, nin polas mañás, estaba irritante e desconcentrado. Iso fixo que a súa familia cortara toda relación con el e o botaran fóra do niño. Quitáronlle todo o que tiña. Estiveron meses sen falar ata que un día decidiu irlles contar que o acolleran nunha casa onde hai gatos, cans, paxaros, peixes e tartarugas. Queríalles contar que xa non necesitaría a súa axuda. Os primeiros días estivo moi contento pero, co paso do tempo, tivo morriña do bosque, dos animais, da familia.
Victor Piñón Parada
(CEIP A Carballeira)
Pero a cousa non para aquín continuade a ler para coñecer máis animais diferentes.
A historia do papagaio Felipe.
O papagaio Filipe ao nacer era moi pequeno e non falaba cos seus irmáns. A súa casa estabna nunha selva chamada Delicia. A este papagaio gustáballe ver os seus irmáns xogar e falar. Cando os seus irmáns o chamaban para xogar Filipe non contestaba porque non estaba a gusto nin cos seus irmáns, nin coa súa nai, nin co pai. El prefería estar nunha árbore moi alta con moitas pólas. Os pais preocupábanse porque non falaba cos demais. El só pasaba o día mirando aos seus compañeiros naquela árbore tan alta. Un día, unha xente que quería levar un papagaio para un programa chamado Repite. Filipe escoitou a un home espirrar e naquel momento atacoulle a alerxia polas rosas que había no lugar, e espirrou tan forte que os homes o levaron para o programa. Alí puxérono nunha gaiola. Un home pediulle que repetira, pero Filipe non repetiu o que dixo o home, e foi un desastre. A Filipe levárono de volta á súa selva, e subiu a árbore.
Javier Leiva Trabazo.
CEIP Froebel. 5ºA
A historia da aguia Luceiro.
O protagonista desta historia naceu nun niño de fiúncho e palla seca; na pola máis alta dun castiñeiro. A árbore estaba no xardín dunha avoíña soa e doce. Cando o oviño que estaba dentro do niño escachou, del saíu o noso personaxe, Luceiro. Os pais coidábano moito, pero un día, Luceiro, caeu do niño. Casualmente pasaba por alí un gato. Cando o gato viu aquel indefenso animal, non dubidou en intentar atrapalo, pero antes de que puidera, a nai de Luceiro colleu carreira e colleu ao seu fillo no aire. Luceiro medrou, pero con el, o medo que collera daquela vez. Xa todos os seus compañeiros voaban menos el. Sempre que quería saír do niño pensaba no gato e desistía. Se quería baixar descendía polas pólas da árbore, e para subir, gabeaba.
Inés Fernández Rial.
CEIP Froebel 5ºA.
A historia da David o camelo
Nun deserto moi lonxe de aquí naceu un camelo chamado David. A david encantáballe estar xunto as palmeiras, onde había pozas para bañarse e non camiñar pola area, tirándose polas dunas, como facían os seus amigos. Os seus pais estaban desconcertados. Eles querían que camiñara e fora un camelo coma os outros, pero David só quería quedar día e noite nas palmeiras, vendo as estrelas e bañándose na poza, e nos días de calor ía baixo as palmeiras en busca da sombra. Pouco a pouco foi medrando e os outros camelos burlábanse de David porque non podía coa mercadoría que tiñan que transportar. David foille pedir axuda aos seus irmáns. O irmán maior díxolle que estaba ben, porque tiñan unha entrega moi importante para o rei, tiñan que levarlle unha estatua. No camiño David non ía moi ben, tropezaba con todo… Cando estaba en fronte do castelo David tropezou e a estatua caeu. O irmán enfadouse moito e pediulle a David que se fora. El marchou a un sitio onde de verdade sentía que tiña que estar, o bosque, entre as árbores e os lagos.
Antonio Rabonol Rodríguez.
CEIP Froebel. 5ºB
A historia do gato Xoán.
En Valencia naceu unha camada de seis gatos. O estraño é que cada gato era especial. Un era moi rápido xa que sempre facía carreiras con amigos e sempre gañaba. Outro era mi listo e sempre que pasaba algo se lle ocorría a solución ao problema. Outro era moi áxil… pero o sexto non se sabía moi ben que calidade tiña. Xa de maior o gato, que se chamaba Xoán, non facía nada. O único que facía era estar sentado nunha árbore comendo froitas. O máis estraño era que non comía carne. Un día soleado, pola mañá, apareceu un cabalo que lle pediu unha mazá. Pero el non quería porque só quedaban catro mazás. O cabalo convenceuno para que lle dera a metade e despois el o levaría a un prado de cenorias. Xoán quería cenorias, pero o cabalo só o levaría se aceptaba compartir as mazás con el. Xoán aceptou e os dous se foron a comer cenorias sen parar ata rebentar.
Nahuel Couchot Moledo.
CEIP A Carballeira.
A historia do gato Pepe.
Cando era pequeno, o gato Pepe sempre xogaba cos seus irmáns nun xardín de moitas flores. Preto do xardín había un parque con randeeiras onde ás veces xogaban, á pita cega, ou no tobogán. A súa nai chamou a Pepe e os seus irmáns vivían nunha casa preto do río no que se bañaban. A súa casa era moi pequena, pero a Pepe dáballe igual. Cando era hora de comer sempre había carne pero a Pepe non lle gustaba. Entón, contoullo á súa nai, pero como non encontraba nada máis, non podía comer o que el quería. Cando medrou a Pepe adoptárono porque a súa nai tivo unha enfermidade. A Pepe o adoptouno unha parella moi presumida. A eles encantábanlle os concursos de gatos, entón, anotárono á primeira proba; era a do gato mellor vestido. A proba gañouna Pepe, pero unha das probas consistía en xantar máis sardiñas ou carne no menor tempo posible. Tocáballe a Pepe, pero non comeu nada porque como xa sabedes non lle gustaba nada a carne. Apareceu por alí un vendedor de verduras que as deixou no chan para a seguinte proba, e en canto Pepe as viu foi correndo e empezou a xantar. Cando os seus donos o viron comendo aquelas verduras explicáronse moitas cousas. Dende ese día sempre lle deron de xantar verduras.
Martina Goitia García.
CEIP Froebel. 5ºA
A historia da xirafa Kiki.
Érase unha vez unha xirafa que ía ter unha filla. Xa estaba preparada para parir no seu sitio favorito, que era como a súa casa. Era un pequeno prado da medida perfecta para tres xirafas. Estaba rodeado de árbores e, polo centro, había flores cómodas e brandas coma un colchón de plumas, onde podía durmir. Tamén esas flores eran a comida gourmet, xunto coas follas e as flores das árbores, do señor e a señora xirafas. Tamén o eran para a súa filla. Por unha esquina pasaba un regato de augas cristalinas e frescas. Unha metade da finquiña era soleada, e a outra era sombreada, para refrescárense os días de calor. Noutra esquina había unha gran maceira, que parecía que era máxica porque sempre estaba chea de mazás. Cando a pequena xirafiña naceu, púxose vermella coma un tomate porque os seus pais non apartaba a vista dela. Notábase que era moi tímida, pero os seus pais non se dacataron. Eles sempre quixeran que a súa filla ou fillo fora famosa, que traballara no circo, que estivera no zoolóxico… Nuns anos, uns homes irían á selva a coller xirafas, leóns, monos, cebras… para que fosen ao zoo uns meses. Despois volveríanas á selva. A xirafiña non estaba de acordo pola súa timidez, pero tiña que obedecer aos seus pais. Un ano despois a xirafa xa tiña que marchar. Despediuse e marchou.
Lara Rodríguez Peón.
CEIP A Carballeira.
A historia da mosca Rosca.
Nun lugar da provincia de Pontevedra, un día, naceu unha mosca á que chamaron Rosca. As súas amigas non paraban de xogar a molestar ás eirugas e a outros animais, mentres ela meditaba sobre os problemas que tiña. O seu pai non deixaba de preguntarlle se estaba ben, pero a súa nai, máis comprensiva deixouna ser ela mesma. Rosca medraba a un ritmo incrible, xa tiña ás e todo. Polo seu primeiro mes, déronlle un agasallo, un título que a facía estremecerse: “Molestadora”. No seu primeiro día de molestadora viviu moitos sucesos estraños: houbo de pillala un matamoscas, quedou atrapada nun arado e asustouse moitísimo. Despois dese primeiro día expulsárona das molestadoras e foise meditar. Que eu saiba, segue alí, meditando, e sendo feliz.
Sabela Ribas Campos.
CEIP Froebel. 5ºB
A historia do golfiño Willi.
Érase unha vez un golfiño chamado Willi que nunca quería ir cos seus amigos, non lle gustaba ir detrás dos barcos. Na cova na que vive, ás veces, veñen os seus amigos e pregúntanlle se quere ir xogar con eles, pero el sempre responde que non. O golfiño un día convenceuse e foi probar a xogar cos seus amigos, e dixo que lle empezaba a gustar iso, e empezou a ir detrás dos barcos… en fin, que foi sempre cos seus amigos a facer todo o que non quería facer antes. En vez de ser vergoñento empezou a ser feliz.
Juanjo Iglesias Rodríguez.
CEIP Froebel. 5ºA
A historia do raposo Fermín.
Érase unha vez unha parella de raposos que tiveron tres filliñas. No parto a raposa morreu. O seu pai tivo que crialos. Os raposiños intentaban xa desde cativos cazar por si mesmos, pero Fermín nunca foi capaz de cazar el só. Sentíase apartado, e os seus irmáns rían del. Nunca contaban con Fermín para nada, sempre o deixaban no seu recuncho para que non molestara cando ían cazar, porque era o máis miudiño e débil. Pero un día escapou da casa mentres os seus irmáns ían cazar, e cando chegou a unha aldea pillou un par de galiñas. Ao volveren os seus irmáns quedaron sorprendidos co que conseguira cazar Fermín.
Francisco Rosales Iglesias.
CEIP A Carballeira.
A historia do camaleón Teón.
Teón non era un camaleón calquera. O día que naceu, nunha selva, o primeiro que fixo foi fixarse no seu aspecto. Mentres os demais camaleóns xogaban el quedaba nunha esquina por medo a ensuciarse, e así todos os días. Un día a súa nai preguntoulle por que non xogaba cos seus amigos. –Porque non quero! –respondeu. –Estou ben así. –A súa nai estaba moi preocupada, xa que Teón pasaba toda a tarde no mesmo sitio, algúns días nas pólas e outros na herba. Despois duns anos, Teón decidiu quedar con outros animais da súa especia. O día que quedaron na selva, decidiron dar un paseo. Despois duns dez minutos apareceu un tigre. Todos se camuflaron menos Teón. O tigre non conseguiu atrapalo, pero o susto seguía alí, e dende ese momento deixou de ser tan presumido.
Carlota Rodríguez Cid.
CEIP Froebel 5ºB.
A historia de Margaro o León.
Había unha vez un león pequeno que tiña cinco irmáns. Cando ían á sabana a cazar, el abrazaba ás presas. –Margaro! Xa está outra vez! –Dixo Will, o seu irmán pequeno. Cando Margaro se sentía mal ía só ao seu lugar favorito, baixo as árbores da sabana, onde se protexía do sol á sombra das pólas. Entón, pensou o que lle dixera a súa nai. Vinte anos despois cando foi medrando, a cousa empeorou. Cando viñan os turistas a visitar a zona, el os abrazaba. Un día os leóns xa non atopaban máis presas, pero a Margaro non lle importaba. Os leóns foron cazar e tardaron moito. Margaro foinos buscar, era cariñoso pero rápido. Os seus irmáns atopáranse cunha mofeta e a todos lles daba medo, excepto a Margaro, que a abrazou e despois a mofeta marchou. Margaro converteuse no león máis famoso do mundo.
Ayman Amir.
CEIP Froebel 5ºA
A Historia da cabra Uxía.
Uxía aprendera xa desde pequeniña que non lle gustaba achegarse ao resto de cabras. Ela era diferente, e o sabía. Cando viñan nenos e nenas de excursión ela sempre lograba escapulirse dos mestres con cámaras ou dos alumnos e alumnas que querían acariñala. Maruxa e Pepe, os seus pais, comprendían a súa angustia. Ata eles mesmos tiñan medo, pero deixábanse acariñar e demais, xa que para iso viñeran ata alí, para coñecelos. Uxía só un vez se deixou acariñar. Tratábase dunha nena que se chamaba Elsi. Pouco a pouco foi superando ese medo, pero aínda así seguía agochándose detrás do seu arbusto favorito que tantos anos a agochara. De momento nunca máis volvera a escola daquela nena tan alegre que a acariñara daquel xeito suave. Moitos anos despois, cando xa pasaran por alí uns mil ou dous mil colexios, chegou o de Elsi. Xa era moito máis maior que cando a coñecera, que debía de ter uns seis anos. Agora era unha moza de instituto e sorprendeuse moito ao ver que Uxía se deixaba acariñar sen medo ningún.
Bruna.
CEIP Froebel 5ºB