Saltar ao contido

ENTREVISTA A XOSÉ COBAS

12 Xuño 2010

  

Xosé Cobas é unha das figuras senlleiras do panorama artístico galego: pintor e ilustrador recoñecido e valorado, persoa sensible e comprometida coa nosa cultura e coa nosa lingua. Os rapaces e rapazas de 5º curso do CEIP Vilaverde-Mourente  traballaron arredor dunha das súas obras máis representativas: Galego, á beira do mar, na que Xosé Cobas ofrece unhas marabillosas ilustracións que recollen toda a dozura do relato escrito por Juan Farias. Ademais de crear as súas propias historias, os escolares tamén aproveitaron os obradoiros de escrita para elaborar un interesante cuestionario sobre a faceta profesional de Xosé Cobas que el tivo a amabilidade de contestar: 

Por que es ilustrador? Como chegaches ao mundo da ilustración? Cando comezaches a ilustrar libros? 

Posiblemente eu de pequeno, sen querer, xa facía ilustración. Cando vivía na casa dos meus avós, que tiñan unha taberna, eu debuxaba historias que imaxinaba. Imaxinaba, por exemplo, as cousas que me gustaría ter e que non tiña, como unha bicicleta grande. Recordo que diante da casa dos meus avós había un zapateiro. E os paus dos zocos, que eu estou seguro que xa non os coñecedes, pois eran unha especie de bota co piso de madeira… Esas madeiras viñan atadas cuns arames; os arames o zapateiro tirábaos e eu recollíaos. Con eses arames, eu facía as bicicletas; bicicletas que eu imaxinaba e que desexaría ter. Unhas eran de carreiras, evidentemente, outras eran de paseo, outras eran para ir aos recados e había unha, á que eu lle quería moito, que era a de saudar. Consistía en medio manillar, porque o outro medio non me facía falta, xa que a outra man era a que ía saudando á xente coa que encontraba no meu paseo coa bicicleta… Acórdome unha vez que a miña avoa me mandou a un recado e me dixo “pero vén pronto, que despois tes que ir a outro sitio”. Entón collín a bicicleta de carreiras, a máis veloz que tiña, e á volta, a avoa quedou tan sorprendida do rápido que chegara que me preguntou: “Como viñeches tan pronto?”. “É que fun coa bicicleta de carreiras”, contesteille. Entón respondeume: “Non digas mentiras, que ti non tes bicicleta de carreiras”. Claro, para min eso non eran mentiras, senón historias que eu me imaxinaba, pero como non as podía contar porque corría o risco de que me deran unha labazada por dicir mentiras, entón debuxábaas alí na beirarrúa da casa dos meus avós, ou nas mesas de mármore da taberna. E alí contaba historias que se ían encadeando. En fin, así empecei eu a ilustrar. 

Cal foi o primeiro libro que ilustraches?Cantos libros ilustraches? 

Unha morea deles. Máis dun cento, posiblemente. O primeiro que ilustrei, que se titula “A nena de auga e o príncipe de lume” e que fixen con Xabier Docampo, foi o meu primeiro libro de Literatura Infantil e Xuvenil, alá polo ano 1989. Foi o que me situou no camiño da ilustración como profesional. A partir de aí viñeron esoutros tantos libros doutros tantos autores, con moitas editoriais de aquí e de fóra, e mesmo algunha do estranxeiro. É curioso porque “A nena de auga e o príncipe de lume” vaise volver reeditar, cuns pequenos amaños de texto por parte de Xabier Docampo, e con ilustracións novas. Co cal, péchase un ciclo que comezou no ano 89 e que rematará agora no 2010. 

Fas cadros? Que materiais utiliza para o teu traballo? 

Pinto cadros porque eu procedo do mundo da Pintura. Antes de ser ilustrador, eu era pintor e sigo sendo pintor. Que ocorre? Que agora teño menos tempo para pintar. O meu tempo está canalizado fundamentalmente de cara á Ilustración. Pero estou manexando parecidos recursos, as mesmas técnicas. Porque eu sigo ilustrando con óleo, técnicas mixtas, tamén traballo con acuarela, con pastel, lápis,…Eu procedo da pintura e a pintura axudoume moito, sobre todo tecnicamente, á hora de interpretar a tradución do texto en imaxes.  A min, de momento, non se me deu por escribir; se cadra algún día fágoo e ilustrarei os meus propios textos, pero neste momento non preciso esa dimensión do meu traballo porque traballo moito con Xabier Docampo. Entendémonos moito e, cando eu teño unha idea, el sábea expresar perfectamente a través da súa escrita. E ao revés: as súas escritas eu interprétoas da mellor maneira que sei, pero tamén da maneira que a el tamén lle prace que se faga. Pero volvo repetir que eu procedo da Pintura e a Pintura a min axudoume moito á hora de interpretar, sobre todo tecnicamente, a tradución do texto en imaxe. 

 Que levou a Xosé Cobas a ilustrar Galego á beira do mar? En que te inspiraches para ilustralo? 

Galego á beira do mar é o terceiro libro de Juan Farias que eu teño a oportunidade e a satisfacción de ilustrar. Levoume a situarme un pouco na miña nenez; é dicir, é un libro que trata da relación dun neto co seu avó. É un libro entrañable, unha historia moi bonita. A tenrura que Juan Farias transmite neste libro é tamén a tenrura do propio autor. Juan Farias é un home tremendamente tenro e moi próximo. Xunto con “A pousada do sétimo día” e mais outro libro tamén relacionado co mar, “Ismael, que fue marinero”, son as tres oportunidades que eu tiven, na miña vida profesional, de aproximarme á escrita de Juan Farias, que é unha prosa poética magnífica.

 

Deixar un comentario