Saltar ao contido

AS NOSAS BIBLIOTECAS: BIBLIOMARCÓN

15 Xuño 2016

biblioteca-marcon

«A nosa biblioteca énchese de alegría mentres compartimos, investigamos, aprendemos»

 

BIBLIOMARCÓN, un espazo moi luminoso e amplo, é a solaina de todo o colexio; por algo a nosa mascota, o esquío Landriña, quedou a vivir nela. Os seus recunchos están moi ben distribuídos, en opinión da nosa comunidade. A meirande parte dos nenos e das nenas, nalgún momento no seu paso polo cole, son ou serán responsables da biblioteca escolar porque, ao chegar a quinto e a sexto, poden presentarse como voluntarios e voluntarias. Fan o préstamo e as devolucións no ordenador, axudan os máis pequenos, colaboran na montaxe das distintas exposicións… así participan na biblioteca, que é de todos e de todas.

Nela reunímonos arredor dos libros: os pais e as nais veñen contar contos, o alumnado maior dramatiza relatos para os máis cativos e todos os cursos lense os uns aos outros na actividade “Nós lemos”. “A onde non chega, manda recado”. As súas portas están sempre abertas. Os libros viaxan ata as aulas e, ás veces, quedan alí a pasar unha tempada gozando con todos os nenos e as nenas.

Todo o ano acompáñanos, mesmo no verán, co programa “Mar con libros”, co que o alumnado pode levar libros para gozar deles nas vacacións. E as persoas adultas teñen o seu propio recuncho onde poden dispoñer de libros e de revistas.

O colexio é a biblioteca, e a biblioteca é o colexio. A nosa biblioteca énchese de alegría mentres compartimos, investigamos, aprendemos, descubrimos, lemos, i n v entamos, imaxinamos, creamos e soñamos.

ENTREVISTA: FEDERICO FERNÁNDEZ E GERMÁN GONZÁLEZ

15 Xuño 2016

Fernandez&Gonzalez

Aparcaron os mandos da “Balea” e cambiaron por roupa cómoda os traxes amarelos que viste a tripulación do seu enxeño mecánico sumerxible. Federico Fernández e Germán González explicáronlles aos escolares do CEP Marcos da Portela os pormenores do artiluxio que plasmaron nun mural despregable onde non falta detalle: sala de control, cociña, horta, ximnasio, habitacións…

Home balea 2

Como se vos ocorreu a idea de “Balea”.
F. Fernández: Aparte de ser ilustrador, tamén teño obra pictórica. Hai anos fixen unha serie sobre uns robots moi grandes movidos por un mecanismo de corda. Esa serie titulouse “Tecnoloxía arcaica”, é dicir, tecnoloxia vella. Esa imaxe trasládanos ao século XIX, ao mundo de Xulio Verne, que me gustaba moito cando era pequeno. Como na miña faceta de ilustrador fago libros infantís, dándolle voltas pensei: por que non levar a un libro esa idea da tecnoloxía arcaica? Entón empecei a facer bosquexos do que, nun principio, non ía ser unha balea senón un robot con personaxes dentro. Para xogar con ese formato horizontal e rectangular, ocorréuseme facer unha especie de barco que tivera esa forma de balea, tan atractiva.

En que vos inspirastes para que unha balea mecánica fose como un transatlántico no que viaxan as persoas?
G. González: A imaxinación dá para moito e podes facer o que queiras. Por que o submarino non pode ser unha balea? E que dentro del haxa operarios traballando e vivindo aventuras? Xulio Verne ten un libro titulado “Vinte mil leguas de viaxe submarina” e esa era a idea. Quen inventou a Balea foi Federico, eu só a pintei de cores, con coidadiño, sen saír das marxes do debuxo.

Foi realidade o proxecto de Balea?
F.F.: Buscando baleas para inspirarme, atopei un parque nun lugar de Finlandia no que hai unha balea moi grande, con tobogáns, onde os rapaces se poden meter por dentro. Podería facerse realidade nun obxecto grande algún día.Esperemos que si.

Por que as persoas que hai dentro de Balea levan traxes amarelos?
G.G.: Escollín o amarelo porque é unha cor moi vistosa. Se teñen que saír dela a facer reparacións, como vedes na ilustración, están localizados en todo momento para que non se perdan, porque no fondo do mar todo é azul. Así, se ves algo amarelo, é un operario da Balea. Cando viñamos subindo pola estradaata Monteporreiro, atopamos dous obreiros vestidos de amarelo que estaban limpando parte da beirarrúa e víanse de marabilla. A cor amarela para isto era ideal.

Como pode navegar a Balea?
F.F.: Ten un mecanismo de corda ultramoderno e enerxeticamente sostible, porque non contamina. Nós somos artistas, non enxeñeiros, aínda que aquí actuemos coma enxeñeiros para crear a Balea. Pero deixamos que algún enxeñeiro máis capacitado deseñe ese tipo de motor.
G.G.: Un motor que non contamine, que non use petróleo nin gasolina, e vaia polo fondo do mar deixando todo limpiño.

Por que hai tantas salas na Balea?
G.G.: Toda a xente que vai aí, máis de douscentos operarios, necesita espazos e camarotes para cando teñen que comer, facer exercicio…
F.F.: É coma unha pequena cidade submarina. Non sabemos de onde veñen, aínda que seguramente sexa do Norte de Europa. Non sabemos se hai un país onde vivan todos eles. Sería interesante que a vosa imaxinación vos levase a escribir algo sobre isto. O propósito é que todas as preguntas que vos plantexedes como lectores do libro, sexades quen de pensar nas respostas e facerdes propia a historia.

Canto tempo vos levou este proxecto?
G.G.: Todo o proxecto levou dous anos. Nas cousas que nos gustan e que pagan a pena hai que esforzarse. Eu non vou facer as cousas ben á primeira. Credes que isto faise dun plumazo? Non, leva o seu tempo! Para colorear as dúas caras do mural da Balea tardei tres meses, pintando todos os días unhas seis ou sete horas.
F.F.: O labor de Germán é importantísimo porque todos os detalles que hai na Balea son dunha minuciosidade extrema. Na súa obra pictórica, el traballa con acuarela, fai debuxos de obxectos moi pequenos, como por exemplo, un chisqueiro a tamaño real e coas letras moi pequeniñas. Esa técnica aproveitouna para facer a balea deste libro.


Á hora de debuxar as estancias, pensaches 
en que os nenos poderían crear unha historia de cada unha?
F.F.: Eu plantexei unha serie de situacións pero, se vos fixades, hai unha parte da Balea que non se ve. É como se fixeramos un corte no obxecto e vísemos a primeira cara, pero supoñendo que a Balea ten volume e que por detrás hai estancias… Esa era a idea: facer un libro no que haxa un campo aberto para imaxinar novas situacións e novas Home balea 1historias.

Que consellos nos darías para sermos bos ilustradores?
F.F.: Que leades moito.
G.G.: Un empeza por ler. Como farías para escribir un libro? Pois primeiro, lendo libros.

BALEA: CADERNO DE BITÁCORA

15 Xuño 2016

IMG_2822

 

No diario do capitán nárrase o periplo de BALEA dende Marín ata a Patagonia. Os escolares do CEP Marcos da Portela achégannos as peripecias desta expedición.

 


Balea. Caderno de Bitácora. 19 de outubro de 2015.imagen BALEA 2B

Saímos do porto de Marín. Os pasaxeiros embarcan. O ceo está despexado, a marea alta e tranquila. Hai un rapaz perdido que non atopa os seus pais entre tanto rebumbio. A maioría chegan en coche, ben vestidos e en familia. Uns señores intentaron coarse sen billetes e tivo que vir a policía para detelos. A xente sobe por unha pasarela. Dentro obrigan a pórse unha roupa cómoda. Hai uns aperitivos por se alguén ten fame. Zarpamos sen novidade cara á Patagonia.


balea 4Balea. Caderno de Bitácora. 21 de outubro de 2015.

Vai moita calor. Os responsables do centro de mandos están moi tranquilos. Cada un atende os diferentes traballos cando salta unha chamada desde a sala 1 que os alerta: un curtocircuíto na sala de mandos. “Necesaria axuda urxente!”. Menos mal que todos se dispuxeron a axudar porque podería ocorrer unha desgraza.

Balea. Caderno de Bitácora.28 de outubro de 2015.

O ceo estaba moi anubrado. Ameazaba outro día de tormenta. Na sala de máquinas apareceu unha fenda na tubaxe e comezou a entrar auga. O xefe de máquinas mandou substituír a tubaxe danada pero o mecánico, que era un pouco torpe, non era quen de compoñela. Curiosamente, o encargado da gardería era fontaneiro e axudou a solucionar o problema unha hora máis tarde.

Balea. Caderno de Bitácora.23 de novembro de 2015.

Un novo día de tormenta. Tivemos que baixar ao fondo; era o máis seguro. Visitamos a gardería: Alex, axudando os nenos a pasalo ben. Mandaba calar, axudaba cos debuxos; merece un ascenso! Foi un día difícil: os nenos tiveron que vir unha hora antes porque unhas ratas estaban a rillar os cables e a luz podía marchar na metade da clase. Decidiron ir a por elas, pero custou moito! Tamén tivemos a orquestra practicando á nosa beira todo o día.

Balea. Caderno de Bitácora.26 de novembro de 2015. 

Vai sol e puidemos ir pola superficie. Na sala de música vimos a varios pasaxeiros tocando a guitarra, o tambor, cantando… algúns desafinaban un pouco. Preparaban unha canción para toda a pasaxe, pero tiñan que ensaiar un pouco máis. O grupo chámase Pink Power. Á gardería molestáballe o ruído, entón pedinlles que baixaran un pouco o volume, pero eles non facían caso! Fun avisando do concerto pola sala de pilates, a gardería, a sala de cultivo, a sala de baile e a cociña; por sorte viñeron todos. A canción foi bastante boa pero non entusiasmou moito á xente. O grupo quedou un pouco decepcionado pola descoordinación.

balea 5

Balea. Caderno De Bitácora. 3 de decembro de 2015.

O día comeza coa clase de pilates na Balea. Era a primeira viaxe en Balea. Quedaron todos impresionados. Eu saín do meu camerino e fun tamén, por ver que tal resultaba. Ao finalizar a clase empezaron a aplaudir e a dicir –Bravo!, Ben! Moi bonito! Eu botei un sorriso e fun para o camarote moi relaxado. Os pasaxeiros marcharon tamén para os seus. Foi unha experiencia marabillosa para todos e todas.

Balea. Caderno de Bitácora. 7 de decembro de 2015.

É un día chuvioso. Catro da tarde. Dende lonxe puiden ver como unha grosa néboa se achegaba. Ao cabo duns minutos unha tormenta moi fría con lóstregos e un mar picado estaba sobre nós. Balea tivo que somerxerse. Nos camarotes todo estaba moi movido; uns a durmir, outros cos papeis, outros almorzando… e así ata que nos somerxemos. Agora todo está tranquilo. Carlos coas súas aulas de ximnasia acrobática, Sabela axudando a Lourenzo cos papeis e Marcos acordando en calzóns e co almorzo ciscado polo chan. Tócalle ir axudar no posto de mando. Tivemos unha emerxencia! Houbo un incendio!

Balea. Caderno de Bitácora. 2 de febreiro de 2016.balea 3

Foi un día moi caloroso e de cando en vez había algunhas turbulencias. O mar estaba tranquilo e o ceo despexado e claro. Despois de estar toda a mañá traballando tiven a tarde libre e cando xa almorzara uns ricos macarróns con tomate e atún fun ata o meu camarote para durmir un pouco. Non pasara nin un cuarto de hora e… unhas fortes correntes conseguiron espertarme. Achegueime correndo cara a ventá e… o mar era negro e o ceo escuro e cheo de nubes; por un momento pasei un pouco de medo. Inmediatamente dirixinme ao escritorio porque teño unha radio para os casos de emerxencia, e ordeneilles que somerxeran Balea. Xa no fondo só se vían varias especies de peixes e todo estaba máis tranquilo.

Balea. Caderno de Bitácora. 6 de febreiro de 2016.

Hoxe atopamos unha botella cunha mensaxe. A mensaxe estaba escrita coma se se escribira con terra pero fomos capaces de lelo, dicía o seguinte:  “Se alguén le isto, axuda! Estou atrapado nunha illa deserta. Non teño materiais, só unha botella e papel fabricado coas miñas propias mans. Estou a morrer de fame, por favor, búsquenme, preciso de axuda!” Despois de moitos días navegando logramos atopar ao naufrago conseguimos salvalo.

Balea. Caderno de Bitácora. 7 de febreiro de 2016.

Xa estamos preto da Patagonia. Vai moita calor e está o día soleado. Tivemos moitos problemas: a colleita de abordo escaseaba, os pasaxeiros queixábanse, a auga das piscinas desaparecía… Eu tiven unha idea e díxenlle aos tripulantes que somerxeran a Balea moito para que non fixera calor, e funcionou, pero houbo un grave problema; un cachalote chocou con nós. Agora tiñamos un problema peor que o anterior, graves danos na parte dianteira de Balea. Chamei aos mellores mecánicos do buque. Arranxaron ese problema nunhas catro horas. Deilles as grazas e tomaron un descanso.

De momento vai bastante sol. Os pasaxeiros están entusiasmados porque xa nos queda pouco para chegar, e tamén asustados por todas as loucuras que nos pasaran…

Xa estamos preparando todo o material para atracar na Patagonia. Cada mariñeiro está nunha sala cun grupo.

Ás dúas deixeille os mandos ao segundo de abordo e fun comer con todos os tripulantes do barco. Ao acabar baixei ao meu camarote a ver o mapa e deime de conta de que nos quedaba moi pouco para chegar. Díxenllo aos pasaxeiros e puxéronse moi contentos.

Saímos hai tres meses e hoxe é o penúntimo día da travesía. Toda a xente está nerviosa por chegar. Case nin se ve pero estamos chegando a terra. Tiven que procurar uns médicos para un parto. A muller dun coreano, unha nena preciosa.

balea 2

Balea. Caderno de Bitácora. 8 de febreiro de 2016.

Hoxe é o último día. Xa  chegamos a terra.  Todos colleron as súas cousas para marchar. Cun ruído enorme, o centro de mando mandou botar a áncora.

Urxencia de última hora! Necesitamos un veterinario porque hai unha porquiña que vai ter porquiños! Xa chamei ao centro veterinario da Patagonia. Necesitamos comida porque os animais comeron todas as plantas e non queda nada para comer.

Balea. Caderno de Bitácora. 9 de febreiro de 2016.

Estou moi canso, foiun día moi encerellado, moitas tarefas e moitas aventuras.  Ao chegar o día o sol espertoume cun sorriso na cara. Saín do cuarto e fun dar un paseo pola cidade.

A xente saíu do barco coas súas maletas e tivemos que preparar a seguinte viaxe. Despois de preparar todas as maletas fomos a un hotel para durmir un pouco.

 

imagen BALEA

TRIPULACIÓN: Enma Arosa Mariño, Carmen Area Méndez, Xabier Gómez Feijoó, Mª Jesús Abelleira Acevedo,Zoe Gómez Rodríguez,Javier Reboredo, André Pazo Domínguez,  Ainara Méndez Fraguas, Ainoa Piedras Torres, Inmaculada López Alfonso, Brais González de Oliveira, Manuel Rodríguez Bastón, Carlota Torres López, Abel Ricoy González, Aya Nabih Asebban, Brais Sabajanes Rey, Claudia García Blanco, Airas Varandas Fernández.

 

O CARTAFOL Nº 8 SAE DO PRELO

14 Xuño 2016

PONTEVEDRA, UNHA CIDADE PARA MOSTRAR O BO PASEANTE QUE LEVAS DENTRO

29 Maio 2015

Paseante

Pontevedra é unha cidade á medida dos peóns, redeseñada para priorizar o tránsito das persoas por diante da circulación dos vehículos. O alumnado do CEIP Froebel describe as andanzas do señor Pascual polas rúas, as prazas e os parques. Describindo os seus costumes e actitudes -a observación da paisaxe, a ausencia de estrés, o semblante sorrinte, a afabilidade- elaboraron un “Manual do bo paseante”, ao xeito da obra do ilustrador Raimon Juventeny.

O bo paseante coñece ben o firmamento.

Pascual coñecía o firmamento coma a palma da súa man. As constelacións, a lúa… todo o tempo estaban no ceo, cada noite, tan brillantes coma vagalumes. As estrelas que formaban as constelacións cada vez eran máis e máis… A lúa reflectíase na poza, coma unha sombra fugaz… sempre que á noite aparecía, elevábase entre todas as estrelas. As constelacións tiñan formas como un oso, unha serpe, un sol… Ás veces parecía que estaban vivas! Suso Dios Santiso (CEIP A Carballeira 5º e 6º)

O bo paseante nunca ten présa.

Pascual sempre vai amodo, sen apuro e sen preocupacións, cun bastón na man e cunha pipa na boca. Para el nunca é tarde e chega á casa á hora que lle apetece. Álvaro Pérez Sueiro 5ºB (CEIP Froebel)

O bo paseante mostra sempre un lixeiro sorriso.

O señor Pascual Outeiro prefire as paisaxes naturais. Un día coñeceu un home que tiña moita présa e por iso caera. Pascual axudouno a levantarse e díxolle que andara máis tranquilo, que observara e que levara sempre un sorriso nos beizos. Á semana seguinte o home atopou a Pascual pola rúa e deulle as grazas polo consello. Xairo Collazo Sanmartín (CEIP A Carballeira 5º e 6º)

O bo paseante abráiase co maxestoso.

Pascual sempre queda abraiado coas cousas que teñen arte. Gústalle admiralas porque son algo único e fermoso. Atopa árbores monumentais nas que ninguén se fixa, estrelas, parques… Cando atopa unha estatua queda uns intres a vela e a pensar nela, que antigüidade ten… en que época viviría o escultor. El sempre encontra o punto de vista fermoso. Martina Barral Pousa 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante é un grande observador.

Pascual ve como voan os paxaros e gústalle escoitar o seu canto, que lle recorda os asubíos do seu avó. Aroa Viéitez Fernández 5ºB (CEIP Froebel)

O bo paseante é un gran conversador.

Pascual é moi conversador cos seus amigos e cando vai tomar un café á cafetería ou unha auga do tempo sempre o convidan, porque esquece a carteira na casa. O médico Víctor mandoulle pasear oito quilómetros diarios e sempre fai bos amigos nas súas camiñatas. Carlos Miguel Lubiáns Blanco 5ºB (CEIP Froebel)

O bo paseante, ás veces, fai algún debuxo.

Pascual debuxa o que pensa, pero desta vez non podía porque non atopaba inspiración. A xente xa non vía o chan nin apreciaba nada; só ían de fronte e rápido. Pascual foi a casa, acendeu o televisor e viu unha guerra entre dous pobos africanos. Non lle gustaban nada as guerras. Despois saíu pasear o máis rápido que puido. Ao chegar ao parque e mentres pensaba no documental que vira, empezou a debuxar unha pomba, o símbolo da paz, un corazón… e Pascual durmiu tranquilo ese día. Sara Camargo 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante ten bo oído.

Pascual é un home solteiro que non ten nada máis que facer polas tardes agás pasear. Un día, paseando polo parque, escoitou o canto dos paxaros e parou, observounos con calma, sentou e pechou os ollos, sentindo o seu canto no interior. A Pascual encántalle a música, sentila e gozala. Pero cando é desafinada ou malsoante, non lle gusta nada, mesmo lle molesta. O que máis lle gusta é pasear e escoitar á vez o canto dos xílgaros. Irene García Pérez 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante goza superando obstáculos.

Pascual foi trapecista profesional cando era novo. Un día, un dos seus compañeiros marchou para ser explorador e Pascual foi con el. Agora é paseante e cando vai polo bosque adoita  saltar os ríos, agarrándose ás pólas das árbores. Kiko de Carlos Varela 5ºA (CEIP Froebel)

Ler máis…

ENTREVISTA A PACO NOGUEIRAS: “FACER AS COUSAS E VER QUE LOGO TEÑEN TAN BOA RESPOSTA DO PÚBLICO, É O MELLOR”

29 Maio 2015

Paco Nogueiras

O músico Paco Nogueiras rememorou a súa traxectoria cos escolares do CEIP Marcón: dende os seus inicios na nenez como aprendiz de gaiteiro ata a actualidade, como multi-instrumentista. Agora viaxa por toda Galicia interpretando as cancións do seu libro-disco “Brinca Vai!” e compartindo co público a felicidade que sente por dedicarse ao que máis lle gusta. Na súa visita a este centro colaborou co alumnado na composición dun romance.

Como empezaches na música?

Comecei na casa aos 3 anos. Tiña unha frauta e encantábame tocala, aprendín eu só. Cando fun á escola aprendía as melodías dos programas da tele. Todos dicían que me saían moi ben! Como o meu avó era músico e eu tamén quería selo, aos 13 anos comecei en clases de gaita e formei parte do grupo da miña vila. Logo aprendín eu só a tocar o acordeón, e así continuei, tocando e aprendendo ata hoxe.

Sempre quixeches ser músico ou foi influencia da familia?

Vouvos contar un segredo: eu escapaba da casa para ir aprender a tocar a gaita. O meu avó foi o gaiteiro de Vedra, chamábase Marcelino ‘O gaiteiro’ e aprendíalle á xente a tocar. Naquela época ser músico estaban moi mal visto. Por mor do seu oficio e por outras cuestións, na época da Guerra Civil o meu avó foi perseguido, tivo que fuxir ao monte e esconderse para que non o matasen. A raíz diso perdeu unha perna e ese feito marcou moito a familia. Por iso aos meus pais non lles facía ninguna graza que eu aprendera música. Sabedes como o descubriron? Cando me viron vestido de gaiteiro nas festas, tocando por diante da casa. Levaba tres meses aprendendo a tocar, saíame o aire por todos os sitios e case non daba tocado. Cando pasei por diante da casa e vin os meus pais na fiestra pensei… Ai, cando chegue! Eu cría que me berrarían ou me castigarían por desobedecer pero, sabedes que me dixo o meu pai? “Xa que empezaches, non se che ocorra deixalo na vida”. E aí estamos, facéndolle caso ao meu pai.

De pequeno fuches a clases de solfexo?

Cando eu comecei non había estudos de linguaxe musical. Despois dábame preguiza; foi un erro. Os meus fillos agora están aprendendo linguaxe musical, composición e harmonía porque é importante.

Como atopaches a Kalandraka?

Eu tiña compostas algunas cancións e fixera algúns vídeos que subira á Internet. Os editores de Kalandraka víronos e parecéronlles boa idea. Chamáronme, falamos e comezamos a traballar para darlle forma ao libro-disco que coñecedes.

Custouche moito facer o “Brinca Vai”?

Todos os traballos levan o seu esforzo pero non me custou porque fixen o que me apetecía, case xogando cos meus fillos na casa. Teño moitos amigos mestres que precisaban cancións para celebrar as festas na escola: o Entroido, o Magosto, o Samaín… Comecei pouco a pouco facendo máis e máis temas, pero sempre como me parecía máis divertido, mesturando ritmos, con humor…

Cantos discos editaches?

En solitario, “Brinca vai!” é o primeiro. Antes tiña outros dous como membro de Ophiusa, un grupo de música folk contemporánea no que mesturabamos diferentes estilos con bases electrónicas.

Que che gusta máis do teu traballo?

Gústame todo, pero quizais o que máis, o proceso de crear as cousas. É divertidísimo. Cando llo mostro aos demais din que lles gusta, que o pasan ben coas miñas cancións. O outro día amosáronme unha torta de aniversario dun neno cunha figuriña que era eu con forma de boneco… Que bonito! Así que facer as cousas e ver que logo teñen tan boa resposta do público, é o mellor.

Cústache moito compaxinar a música coa túa vida diaria?

Normalmente non me custa porque fago o que me gusta: podo tocar, cantar, facer teatro. Todo isto fai que non estea parado, pero ao mesmo tempo moi contento. Son das persoas máis felices do mundo porque fago o que me apetece.

Gústache bailar?

Moitísimo, pero son peor bailarín que músico. Fun a clases de baile galego, de bailes de salón… Na casa o primeiro en botar un baile son eu.

Cal é a túa canción favorita de “Brinca vai!”?

Todas teñen o seu significado… Quedaría con “Brinca vai!”. Transmíteme moita enerxía, moito poder vital.

Saíches algunha vez nun programa de radio?

Si, varias veces. A raíz do “Brinca Vai” fixéronme moitas entrevistas na radio e na tele.

A PÍNTEGA RABILONGA

29 Maio 2015

píntega rabilonga

Coñecedes este animaliño? Pois iso, é a píntega rabilonga  (Chioglossa lusitanica), unha  especie de anfíbio propio do noroeste da península ibérica e que en Galicia podedes atopar en zonas húmidas de bosque caducifoleo. Ela foi a protagonista escollida polos nenos e nenas do CEIP de Marcón para a creación dun romance colectivo, actividade proposta no obradoiro de escrita desenvolvido a partir de Historias de Mestre Raposo, cómic que conta as aventuras e desventuras de Renart, un raposo do que falan moitos romances que chegan a nós dende a Francia da idade media.

 

A PÍNTEGA RABILONGA

– I –

Queren facer unha estrada

na nosa terra natal

que esnaquiza a natureza

e a beleza do lugar.

A píntega rabilonga

en Marcón quere quedar,

e por culpa desa estrada

pronto terá que marchar.

– II –

A píntega rabilonga

de alí non quere emigrar,

como non quere estar soa

a alguén ten que avisar

para salvar o fogar

e a natureza limpar,

e ter a vida tranquila

no seu bosque singular.

– III –

A píntega organiza

a reunión cos animais,

á que asistirán o porco,

o lobo e os demais

– IV –

O cabalo e mais a egua,

os primeiros en chegar,

e a serpe a unha legua

no camiño atoparán.

– V –

A píntega chama o galo

para dar mellor cantar,

para que soe máis forte

ata chegar ao final.

E na xuntanza acordan

facer un gran musical

no que cantarán unidos

defendendo o seu fogar.

– VI –

Os animais do bosque

quedaron para ensaiar.

Cantan xuntos, danzan, saltan,

e troulean sen parar.

– VII –

O grupo fixo a estrea

no estadio municipal,

no descanso do partido

cun equipo catalán.

A actuación foi moi boa

e o público a berrar,

con cara de asombrados,

todos queren axudar!

– VIII –

Dende aquel gran escenario,

a nova puido viaxar,

de cidade en cidade

chegou a aquel lar.

De Porriño ata Bilbao,

de Marcón a Paquistán,

segue rodando esta nova

que chegou a Nunca Xamais.

– IX –

Autoridades perplexas

queren o bosque salvar,

coa axuda de todo o mundo

comezan a traballar.

Cando todos remataron,

foron xuntos celebrar

unha festa fabulosa

coa xente do lugar.

Pero ahí non quedou a cousa! Os nenos e nenas de 5º E 6º do CEIP de Marcón recibiron a visita do músico, compositor e intérprete Paco Nogueiras,  autor do Brinca vai!. Ademáis de coñecelo e facerlle a entrevista que podedes ler neste blog, contaron coa súa inestimable axuda (e a de MÁQUINA) para improvisar un rap co seu romance. Queredes escoitalo? Velaquí o vai!