Saltar ao contido

PONTECIENCIA: PLANTAS EN MOVEMENTO Á PROCURA DA LUZ E DA TERRA

15 Xuño 2016

pontenciencia 2016_BA III Feira da Miniciencia reuniu na Escola de Enxeñería Forestal a máis de 300 escolares que participaron nos obradoiros de formación no método científico e, canda eles, as familias que se sumaron a esta iniciativa do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, financiada parcialmente pola “Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología”. Porque Pontenciencia achéganos á ciencia dende a proximidade, invítanos a experimentar e contribúe a seguir educando fóra das aulas.

O medio ambiente forma parte -xunto coa saúde- dunha das áreas de traballo de Pontenciencia, que tamén abrangue, por un lado, a cidade, a contorna e o medio urbano; e por outro, a cultura e o patrimonio. Un proxecto sobre a natureza, titulado “Os sentidos das plantas”, gañou a pasada edición. Os seus artífices foron escolares de 5º curso do CEIP San Martiño.

Teñen sentidos as plantas? Poden percibir os cambios que pasan ao seu arredor? Que estímulos captan? Cara a onde medran os talos e as raíces, e por que razón? Estas foron as preguntas que se fixeron estes aprendices de científicos, partindo dunha hipótese inicial: as raíces das plantas medran cara ao centro da Terra, e os talos crecen cara á luz. Para poñer a proba a súa teoría, desenvolveron dous experimentos sobre gravitropismo e fototropismo.

EXPERIMENTO 1

Sementes zip (gravitropismo)pontenciencia 1

Despois de poñer a remollo unha ducia de sementes de faba, repartíronas en catro bolsas plásticas de peche hermético nas que previamente introduciran toallas de papel absorbente humedecidas con auga: na primeira bolsa as sementes tiñan o fío cara arriba; na segunda cara abaixo; na terceira miraba á esquerda; e na cuarta, á dereita. Pechadas as bolsas, rotuláronse con frechas indicando a dirección das sementes e, por último, pegáronse sobre cartolinas nas que se marcou a posición das fabas, que quedaron preto dunha fiestra. Entre os días 3º e 12º do experimento, observaron en que dirección crecían as raíces e anotaron os cambios.

Resultado:

pontenciencia 3Todas as raíces empezaron medrando na dirección que marcaba a súa frecha na bolsa. As únicas que comezaron botando raíces cara abaixo foron as que se plantaron co fío nesa dirección “porque esa é a zona pola que sae sempre a raíz das plantas”. Ao cabo duns días, todas as raíces que non crecían cara abaixo cambiaron de dirección, cara ao centro da Terra. “As raíces das plantas son capaces de detectar a forza da gravidade terrestre e por iso medran sempre cara abaixo, independentemente da posición na que caian as sementes”, determinaron os escolares.

EXPERIMENTO 2

Na procura da luz (fototropismo)pontenciencia 2

Despois de poñer en remollo un grupo de sementes de faba, preparouse unha caixa de cartón con tres compartimentos: nos dous laterais puxeron un obstáculo cun burato en cada un, mentres que no espazo central non se puxo ningún.

Resultado:

Nos días sucesivos observaron a dirección na que medraban as plantas: as dúas plantas do compartimento esquerdo comezaron crecendo cara á dereita “para superar o primeiro obstáculo e despois cambiaron de direccpontenciencia 4ión e creceron cara á esquerda en dirección ao burato do segundo obstáculo e ao oco da saída da caixa”; as dúas plantas do compartimento central creceron sempre cara arriba “porque a luz entraba pola parte superior e non había obstáculos”; as dúas plantas do compartimento dereito comezaron crecendo cara á esquerda “para superar o primeiro obstáculo e despois cambiaron de dirección e creceron cara á dereita en dirección ao burato do segundo obstáculo e ao oco de saída da caixa”. Isto permitiulles reflexionar sobre a capacidade das plantas para detectar a luz e medrar cara a ela “porque a necesitan para poder realizar a fotosíntese e fabricar o seu alimento”.

CONCLUSIÓNS:

“Os resultados amosaron que a nosa hipótese era acertada”, expuxeron os artífices desta experiencia, “porque todas as raíces medraron cara abaixo, en dirección ao centro da Terra, e todos os talos creceron en dirección á luz salvando os diferentes obstáculos”. Entre as súas conclusións, o equipo destacou en primeiro lugar que coas investigación realizadas aprenderan a “traballar en equipo”. Tamén valoraron ter coñecido como se aplica o método científico para levar a cabo novas investigacións no futuro, e empezar a manexar programas informáticos de procesamento de textos e de datos, ademais de aprender moito sobre as plantas. Asimesmo, tomaron nota dos fallos cometidos durante o proceso, como que na última fase do experimento sobre fototropismo as plantas morreron debido ao exceso de rego. Por último, suxeriron ampliar a investigación cunha variante do experimento sobre gravitropismo que consistiría en introducir as sementes en bolsas co fío cara abaixo e, a medida que fosen medrando as raíces, xirar as bolsas 90° cada certo tempo “para comprobar se as raíces cambian de dirección e volven medrar cara abaixo”.

PONTENCIENCIA 2016:

Presentacións das investigacións realizadas nas escolas, propostas didácticas sobre robótica ou curtametraxes sobre divulgación científica conformaron a sección “Ciencia no Cole”, que tamén incluíu un laboratorio sonoro de música electrónica, unha exposición sobre morcegos, obradoiros sobre ciencia e cociña, e actividades divulgativas sobre o declive dos polinizadores, a importancia das legumes e as propiedades da auga, entre outras temáticas. A programación completouse co apartado “Ciencia en familia”. O Cartafol do Lérez do próximo curso informará sobre o proxecto de investigación gañador do Premio Pontenciencia 2016 á mellor experiencia.

pontenciencia nuevo

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: