Saltar ao contido

O HOME DE…

15 Xuño 2016

o home de auga 1

Homes de mazapán, de folla de lata ou de manteiga forman parte da nosa tradición literaria. Por que non imaxinar personaxes de calquera outro material? Trala lectura de «O home de auga»e a visualización da curta animada inspirada neste álbum, os nenos e nenas de San Martiño, Lérez e Ponte Sampaio achégannos as súas orixinais creacións nas que salienta o valor da convivencia malia diferenza.

O HOME DE AZUCRE

Era unha noite escura de lúa crecente nun supermercado galego dunha fermosa cidade chamada Vigo. Mentres estaban a repoñer os estantes, caeu un paquete de azucre. Ninguén se decatou. A partir de aí naceu un home doce. O home de azucre. A tenda xa pechara e non sabía por onde saír. Atopou unhas formiguiñas paraque cada unha levase unha pequena parte do seu corpo para axudalo. Cando amenceu, o home de azucre decidiu ir á fabrica de azucre para tentar facer algún amigo. Cando o viron tiñan medo de que lles fixeran dano, así que botáronno fóra e, de tan triste que estaba, decidiu pórse ao sol para así quedar para sempre, petrificado.

Ainoa Gándara Casal, 6º

(CEIP de Pontesampaio)

O HOME DE XIZ

Nunha pequena aldea non moi lonxe de aquí, había unha escola con catrocentos nenos e nenas. O mestre de quinto curso era científico e cada día inventaba novas cousas e novos métodos de aprendizaxe. Un día, o científico colleu xiz e exclamou: -Poderíase crear un home forte, listo e amable con xiz? A inspiración veulle á cabeza! Foi correndo ao seu laboratorio, que estaba situado preto do colexio, e mesturou unhas pocións e outras, botou tamén un saco cheo de xiz. Por fin acabara o experimento. Da cunca sacou unha masa coma a do biscoito, só que de cor branca. O mestre empezouna a amasar e, finalmente, quedou coa forma dun home e dixo: -Chamarase Xizo e axudará os pobres. Será a diversión dos nenos e obedecerame. Pasaron os anos e Xizo medrou e foi á escola. Era feliz. Un día, o científico enfermou e Xizo coidouno ata que chegou o día no que, desafortunadamente, morreu. Xizo, tan triste, non saía da casa. Un día unha muller agarrouno da man e el preguntou: -Ti que es? Ela explicoulle que era a súa curmá. E xuntos correron ata o sol.

Raquel X., 6º

(CEIP San Bieito de Lérez)

Lerez 5º_home_auga

O HOME DE PERFUME

Unha mañá soleada, unha nena acordou. Tiña colexio, así que vestiuse e foi ao baño. Peiteouse, botou o seu perfume que recendía a rosas, e marchou ao colexio. O perfume recendía por toda a casa, así que a nai abriu as ventás. De súpeto apareceu un home de cor rosa, coma o perfume. Tiña ollos e boca, dúas pernas e era baixiño. O home aproveitou para escapar pola ventá. Saíu á rúa, pero a xente non o vía, só o podían ulir. O home de perfume comezou a sentirse moi só. Sentou nun banco e, ao lado, un neno. O neno sorprendeuse porque só el o podía ver. Por que? O neno víao porque cría na maxia. O home de perfume díxolle que non tivera medo, que non lle faría dano. O home sorriu, xa non se sentía tan só. Ían camiñando pola rúa e, mentres falaban, a xente

sorprendíase porque pensaban que o neno estaba a falar só. O neno xa tiña outro amigo; chamoulle Manolo, como o seu avó. O neno chamábase Pedro, como o seu bisavó. Eles sempre xogaban xuntos. Toda a xente pensaba que o neno toleara, pero Pedro non facía caso da xente porque era o seu amigo, por moi distinto que fose. As cousas non ían cambiar. El quería moito a Manolo.

Nerea Sobral López, 6º

(CEIP de Pontesampaio)

O HOME DE PÉTALOS

Un día, nun campo de flores, só unha era máis bonita: un xirasol. Lucía coma o ouro, tiña perlas ao seu arredor e o seu talo parecía de esmeralda. Pero un día o sol desapareceu e deixou de lucir. Despois veu un forte vento e o xirasol perdeu os pétalos, caéronlle ao chan e xuntáronse formando unha figura humana feita cos pétalos. Ao cabo dunhas horas o home atopou unha aldea. O home de pétalos notou que lle faltaba chispa, alegría, luz… esa aldea estaba apagada. Pouco despois o sol volveu e o home xa sabía por que esa aldea estaba tan apagada: porque a luz do sol non iluminaba o lugar, a xente cría que era de noite e non saía ás rúas. O home de pétalos púxose diante da luz do sol, a brillar; tanto, que a luz do sol reflectíase cara á aldea. Os veciños déronlle as grazas por devolverlles a luz.

Alejandro Prado López, 6º

(CEIP San Martiño de Salcedo)

SanMartiño_home_auga

O HOME DE ACUARELA

Un día, nunha casa da China que estaba abandonada no medio do bosque, había un bote de pintura acuarelable da última vez que pintaran un cadro. O bote quedou aberto por un lado e un día que choveu moito caeron unhas pingas dentro da pintura e, pouco a pouco, foise formando a figura dun home. O home saíu da casa e foi camiñando sen saber a onde nin onde estaba. Unha hora despois atopou a cidade. As persoas pensaron que era un monstro e saíron correndo das súas casas. Un día despois, a xente saíu e descubriron

un camiño de cor. Decidiron seguilo. Ao final do camiño atoparon un cadro que tiña pintada a cidade onde vivían. Todos reflexionaron e pensaron en darlle outra oportunidade a aquel home. Entón, todos viviron felices.

Sonia Abelleira Fentanes, 5º

(CEIP San Bieito de Lérez)

O HOME DE PLÁSTICO

Un día, un neno da India colleu unha botella de plástico. Con aquela botella creou un boneco. Pasaron os días e aquel boneco cobrou vida. A todo o mundo lle daba moito medo, xa que era unha cousa que nunca se vira. Pero a aquel neno non lle causaba o máis mínimo temor. Un día, o boneco soubo que o neno se fora a un orfanato e que el

non podía ir. Pasaron os anos e aquel boneco medrou ata converterse no “home de plástico”. Unha tarde de abril, na festa india da primavera, decidiu saír da casa á rúa. Toda a xente o miraba con mala cara. Pasaron os minutos e o home sentiuse mal e desmaiouse. Ao día seguinte, espertou nunha casa. Ao seu carón estaban unha muller e unha nena. A muller, preocupada, preguntoulle: -Estás ben? -Si. –Contestou o home. Aquel home atopou un sitio onde era feliz.

Selena Rodríguez González, 6º

(CEIP San Martiño de Salcedo)

PonteSampaio_home_auga

O HOME DE NEVE

Nunha vila moi afastada chamada Vila Robledo vivía un neno chamado Adrián. Era alto, albino e moi pálido. Era moi divertido, simpático, aínda que un pouco traste. Xa chegara o inverno e comezara a nevar. Adrián estaba xogando cos seus

amigos e cando se estaba a tirar coa zorra, caeu e, comeu moita neve. Comeu tanta que comezou a ter moito frío. Adrián marchou para casa. Paseaba pola vila pero, ao saudar a xente, ninguén contestaba. Cando o vían, todos fuxían. Ao chegar á casa botouse no sofá e durmiu unha hora. Cando acordou, o sofá e as mantas estaban empapadas e o seu corpo xa non tiña frío. Foi ao baño e mirouse no espello. Do susto que lle deu cando se viu tirou a cortina da ducha. Era un home de neve! De súpeto apareceu a súa amiga Nina. –Nina, non te asustes, pero son un boneco de neve, –dixo Adrián. –Non pode ser! Imos á curandeira, –respondeu Nina. Cando chegaron á curandeira díxolle que non tiña cura, que a xente tería que acostumarse. Ao saír, Adrián dixo –Eu son Adrián e non vos quero facer dano. Só quero xogar cos nenos desta aldea. Serei boa persoa e non serei un traste. Perdoádeme! De súpeto, unhas estreliñas arrodearon o corpo e converteuse nun neno normal. Dende entón Adrián cumpriu a súa promesa e foi moi feliz.

Abril Alves Santos, 6º

(CEIP de Pontesampaio)

O HOME DE LUME

Un día, a principios do verán, un home deixou a súa roupa no tendal. Ía moita calor e nun momento, unha raiola de sol reflectiuse nun cristal, deixando así que as roupas estiveran cheas de lume. Así naceu o home de lume. Sorprendido, saltou á estrada. Cruzaba polo parque e os nenos ao velo saíron correndo coma se fose un fantasma. El seguía andando, parecía que aquela vila estaba deserta, pero a xente estaba toda agochada detrás dunha casa… detrás dunha árbore… ao pouco tempo, atopou un home con elegantes roupas. Víase cansado. Na súa man levaba un cigarro e na outra un chisqueiro. Intentaba prender o cigarro pero o chisqueiro non funcionaba. O home de lume achegou o seu dedo, tamén cheo de lume, ao cigarro. O home ao principio tiña un pouco de medo pero, ao final, decidiuse e deixou achegar o cigarro a aquel dedo, e ao momento, empezou a arderlle a punta. O home de lume marchou mentres que o outro seguía a míralo sorprendido. Estaba preto dunha fonte de cristal onde os nenos bebían. El quixo beber tamén, pero a fonte secou coa súa presenza. Os nenos miraban enfadados e tristes. Ninguén o quería. Pronto se fixo de noite. A rúa estaba escura, os farois apagados pero, por onde el andaba, a rúa iluminábase. Viu a un grupo de persoas con roupas rotas e caras sucias. Estaban arredor duns bidóns de aceite, intentando prender lume. Un home dos que estaban alí, ao velo, foi correndo onda el. Fora a única persoa que non lle tiña medo. O home de lume, entusiasmado, foi andando ata o bidón e meteuse para así poder axudalos a quentarse.

Marta Alonso Montoto, 6º

(CEIP de Pontesampaio)

Seguide a ler para descubrir máis historias!

O HOME DE OURO

Sucedeu nunha primavera do dezaseis, nunha mina do E.U.A. xa abandonada había uns dez anos. Neses dez anos foise acumulando o ouro e fóronse formando uns pés, unhas pernas, un tronco, unha cabeza… un corpo humano! O corpo tomou vida. Era alto, delgado e brillante. Camiñou durante tres horas e encontrou unha cidade. Ao principio crían que era un monstro, un robot, e mesmo crían que era un invento do home máis rico da vila, xa que ninguén era tan rico naquel lugar. Ao pasar o tempo a vila foise acostumando a el xa que foi repartindo ouro aos necesitados. Un día o home de ouro quedou só nunha simple moediña. Procurou un fogar pero non o atopaba, ata que decidiu quedar no peto do máis pobre. E así foi, alí ficou feliz.

Cibrán Alfonsín Ambroa.

(CEIP San Martiño. 6º)

O HOME DE CHUMBO

Érase unha vez unha mina de chumbo abandonada. Un día ese chumbo empezou a xuntarse ata se converter nun home. Ese home non sabía onde estaba e tampouco o que el era. Saíu da mina moi lentamente porque pesaba moito. Camiñaba con moita dificultada porque os seus pés afundían no barro. Despois de moito camiñar atopouse cunha cidade que para el era algo moi raro. Paseando pola rúa ollaba cousas que lle parecían moi estrañas, casas, lentes de sol, a roupa da xente, e ata a mesma xente lle parecía moi rara. A medida que pasaban os días íase sentindo máis triste, porque ninguén falaba con el. Ninguén lle facía caso e ninguén o axudaba a erguerse cando caía ao chan, pois como pesaba tanto, custáballe moito poñerse de pé. Outra cousa que lle pasaba era que cando quería falar con alguén, esa persoa fuxía co medo, e el sentíase desprezado polo mal que o trataban. Un día, cando ía paseando pola rúa, viu un edificio que estaba a arder. O home de chumbo oíu unha voz dunha nena chorando entre as lapas, e axiña, e sen pensalo, meteuse dentro para sacala. Grazas a el á nena non lle pasou nada, e a el tampouco, pois, como era de chumbo, o lume non o queimaba. Ao saír coa nena en brazos todos aplaudiron abraiados pola súa coraxe, e avergoñados por telo tratado tan mal. Foi así como o home de chumbo se converteu no mellor bombeiro da cidade, e desde aquela todo o mundo aprendeu a respectalo.

Leila Pérez Soya.

(CEIP de San Martiño de Salcedo)

O HOME DE AREA

Nunha tarde soleada de verán un mozo chamado Xabi pasaba o tempo construíndo castelos de area. Non tiña amigos, só tiña a súa imaxinación, sacáballe partido a todo o posible. Aínda así, non era capaz de buscar solución para non aborrecer aquel día. Pensou en construír un castelo xigante. Xabi colleu un puñado de area e con toda a súa forza tirouno contra o chan. As ideas non xurdían, nada lle parecía interesante e o tempo corría e corría, pero ningunha idea nacía na súa mente. Aproveitando que non tiña amigos decidiu construír un. Era a mellor idea do mundo, podería facelo co físico que el quixera. Comezou polos pés, continuou polas pernas, pero xa era case de noite pechada, e decidiu marchar para a súa cabana, xa que o sol non lucía e era moi difícil ver. Polo camiño ía pensando como sería a cara do seu amigo, como o ía chamar. Nada máis chegar puxo o pixama e rapidamente quedou en mas de Morfeo. Mentres, na praia, o amigo de xabi cobraba vida, ergueu unha perna, despois a outra, pero, non tiña o corpo completo. Só tiña as pernas e un anaco de cintura. Ao erguerse formouse só o resto do corpo e comezou a camiñar. Vagaba polas rúas e curiosamente atopouse coa cabana de Xabi. Entrou, e dirixiuse a un cuarto que tiña a porta aberta. Dentro durmía tranquilamente o seu amigo. Axitouno un pouco, meneoulle os pés, e Xabi espertou dun golpe. Levou un susto tremendo xa que non era moi normal atoparse ás dúas da mañá un home de area no teu cuarto. A pesar do susto alegrouse moito de que o seu amigo estivese vivo. Non lles importou a hora, e xogaron ás agochadas, aínda que, como o home de area deixaba un rastro por toda a casa, era fácil de atopar. Tamén aprendeu a xogar ao parchís, á brisca… O aborrecemento non volveu a estar con Xabi, e os días e as noites parecían moi curtas do ben que o pasaban.

Noa Conde Franco.

(CEIP Ponte Sampaio. 6º)

O HOME DE FUME

Érase unha vez unha señora que fixo moito fume. Saíu un fume moi negro e do fume apareceu un home de fume. A señora foise a fume de carozo da casa. O home non se disolvía, non desaparecía e non se evaporaba. A muller foi avisar á xente da vila sobre o home de fume, pero ninguén lle fixo caso. O home de fume sentíase mal porque estaba só. El erguese e mirou o resto da casa, e parecíalle moi bonita. Pola noite, cando estaban a durmir todos, saíu á vila, sentou no tellado dunha casa e dixo:

-Que bonitas son as estrelas e a lúa!

Quedou uns segundos mirándoas e despois foi para casa a durmir. Ao día seguinte ergueuse, mirou pola ventá e viu nenos xogando e xente tendendo a roupa, e díxose a si mesmo:

-Porque non podo facer esas cousas? Se as fago asustarei á xente?

Despois dun rato un neno foille pedir un pouco de azucre. O neno non se asustou e o home preguntoulle:

-Non che meto medo?

-Non, eu son valente.

O neno colleuno da man e levouno para fóra, e dixo:

-Mirade ao home de fume!

Todos dixeron que se tiña que marchar. O neno dixo que non, que non podía marchar. E o home de fume durmiu alí. Ao día seguinte despediuse do neno e foise da vila. O home de fume encontrou unha muller coma el. Os dous marcharon a un sitio onde non molestarían a ninguén.

Andrea.

(CEIP San Martiño de Salcedo)

O HOME DE LUZ

Había unha vez un neno que estaba a ver unhas formigas. Un reflexo da luz da lupa coa que as estaba a observar creou unha persoa moi brillante. O pai do neno viuno e correu cara ao neno e o levou para dentro da casa. O home de luz chegou pouco despois deles, petou na porta da casa e o pai do neno chamou á policía. Cando a policía chegou, non puideron capturalo porque os cegaba. O home de luz escapou, e, como era inverno, dáballe luz aos nenos, e a xente achegábase para non ter frío. Ao final aceptárono. Pero el non era feliz. Non pertencía a este mundo. A xente, polo que el fixera por eles, fixeron entre todos unha máquina para que el puidera ir ao sol. El chorou da alegría, pero como queimaba, as bágoas secaron. O home despediuse e marchou. No verán a xente conmemora o recordo do home de luz cunha festa conmemorativa.

Noelia Cores Alvariñas.

(CEIP San Bieito de Lérez)

O HOME DE PAPEL

Nunha fábrica de papel, nun recuncho onde fabricaban folios, un dos encargados de asegurar que as máquinas funcionen e non paren de fabricar folios, sentiu un ruído entre as caixas, un ruído sospeitoso, un ruído como se algo de papel estivera a agocharse entre as caixas. Ese rui… DO? –Quen dixo Do? –Preguntou o encargado chamado Xurxo. –Sae dunha vez, sae se es un home! –Berrou o encargado. Ao día seguinte Xurxo descubriu o que facía o ruído, era un home de papel. Xurxo, como é tan despistado, non notou que era un home de papel e preguntoulle –Quen es ti?

-Eu son, eu son… quen son? Eu que sei!

-Fóra da fábrica –Díxolle Xurxo ao home de papel.

-Eu podo producir milleiros, millóns, billóns de folios sen necesidade de troncos e madeira, e de balde!

-Ha ha! Non te creo! Iso é imposible!

O home de papel empezou a soltar folios de entre os seus dedos. Era moito máis rápido que as máquinas.

-Que es ti?

-Eu supoño que estou feito de papel –Contestou o home de papel.

-De papel? Ah! Un home de papel! Estou tolo ou que?

Xurxo botouse a correr coma se unha manda de leóns o estivese a perseguir. O home de papel sentíase desprezado. Saíu da fábrica e botouse a andar pola estrada. Toda a xente botábase a correr ao veren a aquel home de papel. Un día un home, camiñando pola estrada, e de súpeto apareceu unha tormenta de chuvia e vento moi forte. O vento era tan forte que soprou e soprou e o home de papel saíu disparado e nunca volveu ver a Xurxo. Caeu nunha vila onde os nenos estaban triste e aburridos, apagados, non tiñan gañas de xogar nin de sorrir. O home de papel ferido e esgotado díxolle a un neno –Toma este barquiño de papel e xoga cos teus amigos! –O neno respondeu –Pero señor, os meus amigos non teñen nada para xogar! Se só eu o teño, poñeranse aínda máis tristes!

O home, ao oír o que o neno lle dixo, púxose a facer máis traballos manuais de papel para que os nenos se divertisen. Ese día os habitantes da vila agradecéronllo moito ao home de papel, e tratárono coma se fose unha persoa normal. Foi tratado moi ben por todos os habitantes da vila. Foi feliz e aprendeu a ser coma as demais persoas.

Boyi Yang.

(CEIP de San Martiño de Salcedo)

O HOME DE POLE

Había unha vez unha pequena aldea, nun día soleado, unha muller que plantaba moitas flores no seu xardín. Aquel día ela marchou de vacacións, e esqueceuse de que as súas flores necesitaban auga. Ía tanta calor que naceu un home de pole. Aquel home botaba pole por todos lados, e como á xente non lle gustaba e lles facía espirrar, todos querían que desaparecera por completo. O home, de tanta tristura que tiña, veuse abaixo. As flores dixéronlle que os humanos eran uns amargados. Pasou unha semana e a señora volveu de vacacións, e a muller lembrouse das flores. O home de auga lembrou, tamén, que só estaría na terra ata o momento no que a muller lles botara auga ás flores.

Verónica Pereira cousido.

 (CEIP San Bieito de Lérez)

O HOME DE PEDRA

Un día Nicolás estaba coa súa colección de pedras. Foi de compras e como ía moi distraído tropezou. A colección de pedras caeu por un sumidoiro. Nicolás foise moi triste porque el as coleccionaba desde que era moi pequeno. Marchou para casa e pensou: pregúntome onde irán as miñas pedras!

As pedras atopáranse cun residuo tóxico. Ao día seguinte saíu do sumidoiro un home de pedra. Ao erguerse foi a casa de Nicolás. Cando chegou preguntoulle –Nicolás, podo quedar a vivir na túa casa? –Nicolás respondeu –Pois claro!

Nicolás foille buscar unhas pedras para facerlle unha cama, e algunhas cousas máis. Decidiu chamarlle Pedrolo. Ao día seguinte Nicolás e Pedrolo foron mercar comida. Polo camiño había prensa e lles preguntaban o que se sentía ao ser un home de pedra, como aparecera… e lles pasaba iso case sempre. Un día Pedrolo enfadouse e esnaquizou as cámaras. Pediulle á prensa que marchara se non lles ía pegar. Nicolás pensou:

Se seguen a facer isto Pedrolo vaise enfadar moito e vailles pegar. Así que un día viu a policía e díxolle a Pedrolo e á prensa que parasen. Pedrolo tranquilizouse e foi buscar un traballo. Conseguiu un traballo de mineiro, coma el era tan duro!

Nicolás Ezequiel Saavedra

(CEIP de San Martiño de Salcedo)

O HOME DE CRISTAL

Nunha tenda pequena, vella, case derrubada; debaixo do escritorio dun despacho, había dúas figuras de cristal. Unha era dun noivo e outra dunha noiva. Os dous estaban collidos da man. O home estaba intacto pero á muller faltáballe a cabeza. O home espertou e botouse a chorar ao ver a súa amada sen cabeza. Deu unha volta á tenda pero non atopou a cabeza. Desesperado mirou para o teito e nun moble onde as portas era de cristal, alí, ao fondo, moi ao fondo, estaba a cabeza da noiva. O home non sabía como podería collela. Colleu uns coxíns que estaban nun sofá verde e púxoos un enriba do outro, pero non foi capaz. Colleu unha cadeira e púxolle os dous coxíns enriba. Como a cadeira tiña rodas, foise para adiante e o home para atrás. Os coxíns caeron ao chan e o home caeu enriba dun deles. Botouse a chorar enriba dun dos coxíns. Pensou na súa noiva e en que non volvería a vela. Unha formiga oíuno e foi a consolalo. Contoulle a súa historia e a formiga chamou á súa amiga a mosca. Era unha mosca fea, grande e sucia. O home subiu nela e colleu a cabeza. Alegra de collela púxolla á súa amada e espertou. Abrazáronse e déronse moitos bicos.

Candela Seoane Reguera.

CEIP Ponte Sampaio. 6º

O HOME DE NUBE

Un día de inverno coma outro calquera, as nubes cambiaban de forma co vento. Pero había unha nube que non o facía, tiña forma de home. A nube descendía pouco a pouco ata chegar a un monte, e comezou a andar. O home de nube tropezou cunha nena. A nena preguntoulle:

-E ti quen es? –Dixo Sara con moito medo.

-Eu son unha nube, non che parece lóxico? –Dixo a nube.

-Como te chamas? –Preguntou Sara.

-Eu chámome nube. E ti? –Dixo a nube.

-Eu chámome Sara. Queres ser a miña amiga?

-Si. –Respondeu a nube.

Sara chegou ao colexio e… Contoullo todo aos seus amigos.

-Teño unha nova amiga, está feita de nube.

Todos os seus amigo dixeron:

-Ti es parva. –Dixeron todos.

-Queredes vir velo?

-Si. –Asentiron.

Cando chegaron ao sitio onde Sara coñecera a nube…

-Nube, Nube, Nube… –Empezou a berrar.

Nube apareceu e os nenos empezaron a rir. Todos rían dela, -Que nube máis parva! –Dixeron os nenos. Nube botou a chorar e marchou. Nube estábase a cabrear. Todo estaba escuro! Ata aos nenos non lles quedou máis remedio que pedirlle perdón. Desde entón Nube axudábaos a todos, e a todas as persoas da vila, coa compra, coas mochilas, nos días de calor, de frío… E todos quedaron moi felices.

Cristian Blanco Vaqueiro.

(CEIP San Martiño. 6º)

O HOME DE CRISTAL 

Un día, nunha fábrica abandonada de Francia rompeu unha ventá. Dos seus anacos apareceu un home de cristal. Aquel home tiña que camiñar con moito coidado porque podería romper. A xente queixábase de que non o vían e tropezaban con el. Por iso, tiña que agocharse, se non o facía, a xente tiráballe pedras. Ao home gustáballe moito facer figuriñas de cristal coas súas mans e darllas aos nenos. Aos pais seguía sen lles gustar o home, pero ao ver o bo que era cos nenos empezou a caerlles ben. Agora é unha estatua de cristal no pazo de Versalles.

Óscar Monteagudo Argibay.

(CEIP San Bieito de Lérez)

O HOME DE XEO

Un día despois dunha treboada na que choveu moito caeron raios e tronos. Ao día seguinte ía moito frío. Nunha poza conxelouse a auga, e pouco a pouco foi aparecendo unha greta, e cando rompeu de todo saíu un home de xeo. Ao principio os nenos asustábanse moito, pero de seguido se fixeron amigos. Ao home de xeo gustáballe facer carreiras, porque se deslizaba e gañaba sempre. Cando chegou o verán, un día de moita calor ao medio día, empezou a desconxelarse e morreu no mesmo burato no que nacera.

Anxo Soliño Aboal.

(CEIP San Bieito de Lérez)

 

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: