Saltar ao contido

QUEN VISTE DE QUE COR?

29 Maio 2015

HomiñoPasaron 40 anos dende que o escritor Fernando Alonso rematou de escribir unha das súas mellores creacións literarias. Os relatos de O homiño vestido de gris foron lidos por moitas xeracións de nenos e nenas, sen perder nin chisca de frescura e de vixencia. Os nenos e as nenas do CEIP Vilaverde-Mourente suman novas aventuras a esta obra, con novos personaxes de colores.

 

O escritor das letras negras sempre facía as letras desa cor. Chamábase Anxo, a súa vida era tan negra, que case nin podía durmir. Un día coñeceu unha moza e quixo facerse amigo dela. Chamábase Daniela e tiña os mesmos anos que Anxo, trinta e sete. Coñecéronse, faláronse, quedaron para cear. Anxo era feliz con Daniela, ata lle pediu matrimonio, e cando casaron a súa vida cambiou. Agora a súa letra era normal.

Daniel P. L. 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

O demo vestido de negro era irmán do demo vestido de vermello. Levaba unha camisa negra, uns zapatos negros e un par de luvas negras moi grandes para ocultar as súas grandes e longas unllas. O demo vestido de negro era un pouco máis malo que o demo vestido de vermello. Na cidade dos demos, o demo vestido de negro era o máis odiado. Pero tiña un segredo. Quería ser bo, o preferido. No máis fondo del quería ser un deus. Sempre intentara ser amigo do demo azul, do demo verde, pero ninguén lle facía caso. Entón pensou en disfrazarse de demo multicor. Pasaron anos e anos e tiña moitos amigos. Un día pensou: –Todos me queren por ser demo de moitas cores, porque pensan que son bo–. Un día reuniu a todos os habitantes da cidade dos demos, que berraban: –Demo multicor, demo multicor!– Entón, diante de todos, quitou o disfrace: –Son o demo negro. Sempre o fun.– E todos quedaron impresionados: –Es o demo negro?– Ao final todos foron amigos e o demo negro estaba feliz.

Violeta Díaz Teijeiro 5ºA

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

O tenista vestido de amarelo chamábase Serxio, un home con tal mala sorte que xa vira vinte gatos negros, escachara doce espellos e pasara por debaixo de tres escaleiras nun día. Gustáballe vestir de amarelo: camisa amarela, pantalóns amarelos, zapatos amarelos, gravata amarela… Era coñecido co nome de Serxio “o gafe”, un tenista moi coñecido pola súa mala sorte. No partido que podía levalo a semifinais, vestiu cun traxe amarelo e deportivas amarelas, e o penoso contrincante meteulle unha malleira e deixouno sen posibilidades de triunfar. Despois diso decidiu que o seu non era o tenis, marchou da cidade e fíxose pasteleiro nun dos restaurantes máis prestixiosos do país. Gañou moitos premios non volveu ter mala sorte e viviu unha vida feliz de verdade.

Iria Fernández Méndez 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

O detective vestido de laranxa tiña unha camisa laranxa, xersei laranxa, gravata laranxa, calcetíns laranxas, calzóns laranxas, pelo laranxa, un coche laranxa… Vivía nunha cidade laranxa e aínda por riba tiña os ollos laranxas. Todo o que vía era laranxa, ata os seus soños laranxas. Soñaba que quería ser laranxa, e un día conseguiuno: tiña a pel de cor laranxa, os dentes e os beizos. Uns anos despois coñeceu unha muller laranxa e tiveron fillos laranxas. Máis tarde tocoulles a lotaría e foron vivir a Nova York. Viviron moitas aventuras e nunca foron infelices.

Pilar Antón Durán 5ºA

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

O pintor dos cadros negros chamábase Alberto e a súa vida era moi feliz: tiña un can, un ferrari, un avión privado… pero el só coñecía as cores do arco da vella. Un día ía pola rúa coa súa roupa molona e viu un señor cunha americana negra. Alberto preguntoulle como levaba iso, se existía esa cor! Tanto lle gustaba esa nova cor que comprou nunha tenda da cidade un bote de cen quilos de cor negra e pintouno todo de negro: o seu cuarto, a súa casa por fóra, os cadros… Tirou a súa roupa de cores e mercou roupa negra, zapatos negros, sombreiros negros… a súa vida cambiou. Pero deixou de pintar cadros e chamáronno:

-Alberto, poderíasme pintar un dos teus cadros de cores?

-Non, deixei de pintar cadros.

-Por que?

-Aburrinme.

Pasaron moitos anos coa súa vida negra e un día… aburriuse do negro. A súa vida volveu ser un arco da vella, volveu pintar cadros! E a súa vida foi feliz para sempre.

Antía Val Rodríguez 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

 

O carteiro das cartas verdes do noso barrio viste cunhas roupas de moito colorido, pero sempre leva algo da súa cor preferida, o verde. Un día pregunteille por que era a súa cor preferida e el díxome que o verde era a cor da esperanza. Ás veces, cando alguén ten un problema, el sempre está alí para axudalo. Ao cabo do tempo o carteiro empezaba a perder a esperanza e eu intentei axudalo. A miña cor favorita é o amarelo, por iso teño tan mala sorte, pero tiven unha idea espectacular: montar a súa propia empresa de cartas e que as cartas fosen de cor verde. E así, o carteiro converteuse en xefe da súa propia empresa de cartas “verde esperanza”, con traxes verdes e mesma cor. De vez en cando mándame cartas para agradecermo.

Lucía Outeda Sánchez 5ºB

(CEIP de Vilaverde-Mourente)

O MESTRE VESTIDO DE BRANCO

Nunha pequena vila vivía un mestre moi estraño, sempre ía vestido de branco: camisa branca, gravata branca, pantalóns brancos, xersei branco, sombreiro branco e zapatos brancos. O mestre vestido de branco estudou moito na súa carreira. El quería ser o mellor mestre do mundo, quería ser alegre e que os alumnos tamén o foran, e que aprenderan moito. Este era o primeiro día. O colexio era completamente branco, os profesores ían todos vestidos moi ben, e os nenos tamén, cada un cos seus pantalonciños brancos, camisiñas brancas e xerseis brancos. Eran todos moi ordenados, responsables, ninguén abría a boca na clase do noso mestre. Aínda que eran os mellores nenos el non quería iso. Quería que cada neno e cada mestre foran diferentes e que se esqueceran algunha vez de algo, que riran, que choraran, que falaran… Ao non ser así o noso mestre amargábase. Todos os días o mesmo. El non podía resistilo. Entón, unha mañá, decidiu que ía cambialo todo. Puxo a súa roupa branca menos os zapatos, que eran de cor azul. Ao chegar ao colexio, na súa clase propúxose facer moitas pallasadas. Cada vez que facía unha os nenos rían e choraban de alegría. Fixo o mesmo cos mestres. Eles tamén riron moito. Ao día seguinte o mestre puxo unha prenda de cada cor. Ao chegar ao colexio viu que estaban pintando o colexio de amarelo, e os mestres e os alumnos ían con prendas de cor. Cada un cunha cor diferente. Desde ese momento o mestre era o mestre das cores.

Ana Buceta Armada

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O BAILARÍN DO TRAXE AZUL MARIÑO

Érase unha vez un bailarín que vestía un traxe de cor azul mariño. Non era un bailarín calquera, senón que era un bailarín moi importante e famoso. Gustáballe moito bailar música moderna, pero tamén clásica. É famoso polos seus bailes movidos e polas xiras que fai. Ía vestido de azul mariño porque no seu tempo libre lle gusta contemplar o mar e os mariñeiros. O seu avó era capitán dun barco moi importante e de aí ven a súa historia do traxe azul mariño, porque de pequeno ía con el e gustáballe sucar os mares co seu  avó.

Uns anos máis tarde cumpriu o seu soño, que era ser mariñeiro ou traballar na mariña. Gustoulle moito o seu novo traballo ata que ao final xuntou un equipo e el era o patrón do seu novo barco. Finalmente xubilouse aos sesenta e tres anos e fixo unha maqueta do seu barco para ter de recordo.

Javier Caramés Amoedo

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O HUMORISTA LARANXA

Era un vez un humorista que traballaba nun teatro laranxa. Un día chamou aos seus compañeiros do traballo para dicirlles que o director quería facer unha peza infantil chamada As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas. E un día que foron ensaiar, o humorista dixo –Isto de facer o teatro das laranxas e non sei que máis, é unha lea, así que eu quero facer outra cousa- E dixéronlle os seus compañeiros  -Iso é porque non o intentaches. Deberías esforzarte máis. –Vale, intentareino outra vez- respondeu. Despois duns días de ensaio o humorista conseguiuno. O día da estrea o humorista dixo que non era capaz, entón, como quedou parado a pensar no que lle dixeran os seus compañeiros, ao final, a función saíu moi ben.

María Martínez Escudeiro

CEIP Vilaverde Mourente  5ºB

 

A NENA DO TRAXE VERDE

Hai moitos anos, na cidade de Pontevedra, viviu unha nena que sempre levaba un traxe verde. Daba igual o día que fose, o lugar… sempre o levaba. Ademais do traxe verde, gustáballe moito debuxar, tanto, que se apuntou a unhas clases de debuxo. O problema era que sempre, nos seus debuxos puña unha cousa de cor verde. Isto non lle gustaba moito á súa mestra que lle dixo:

-Tes que utilizar outras cores e ser máis creativa, se sempre utilizas a mesma cor, todos os teus debuxos serán iguais.

Á nena non lle fixo casa e seguiu facendo os mesmos debuxos, coa mesma cor…

Un día, a súa nai díxolle:

-Tes que por outro traxe, vouche mercar outro. Mañá comprareicho.

Ao día seguinte a nai colleu uns vestidos de moitas cores, moi bonitas, e díxolle á nena:

-Nena, ou pos estes vestidos ou póñoche un castigo!

A nena, como era moi desobediente, marchou correndo ao  colexio, co vestido verde. Cando volveu á casa, a nai, como xa estaba cansada díxolle:

-Anda, corre ás clases de debuxo.

Cando chegou ás clases, a mestra mandou facer un debuxo, e, adiviñade… fíxoo todo verde. A mestra díxolle:

-Síntoo moito, pero teño que pedirche que non volvas. Ademais de que non fixeches caso, todos os teus debuxos son todos un borrancho.

A nena volveu á casa moi deprimida. E a partir dese día nunca foi coma antes. Un día, a nena probou os vestidos. Primeiro un laranxa, despois un vermello… e cada vez que puña un vestido dunha cor, pintaba desa cor, aínda que non lle valía de moito, xa que non asistía as clases de debuxo. De súpeto, a nai díxolle que estaban buscando pintores na cidade, e a nena presentouse. A súa mestra sóuboo e foi vela. A nena levou o vestido vermello e pintou un cadro vermello moi bonito. A mestra sorprendeuse e pediulle que volvera á escola de pintura. Así, cada día a nena puña un vestido diferente. A vida pódese ver de diferentes cores.

Inés Bará de la Fuente

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O XEFE DOS ZAPATOS GRANATES

Érase unha vez un xefe que tiña os zapatos granates e que só pensaba en ser o xefe dun concesionario de Ferrari. A súa vida era moi aburrida, sempre ía andando, e coa mesma roupa, e entraba no traballo sempre tarde!

Yeray Señoráns Bacariza

CEIP Vilaverde Mourente  5ºB

 

O HUMORISTA DE VERMELLO

Érase unha vez un humorista ao que lle encantaba o vermello, e facía chistes vermellos, sempre vermellos. Tiña unha chaqueta vermella, uns pantalóns vermellos, calcetíns vermellos, zapatos vermellos, lentes vermellas, e o gorro, ben, xa vos imaxinades. Un día o seu xefe díxolle que tiña que cambiar de traxe, e o humorista díxolle –É que só teño roupa vermella-. –Ou cambias de cores ou fóra- respondeulle o xefe. O humorista triste, vagando pola rúa ata chegar á súa casa vermella, e cando ía queimar a súa roupa recordou que o seu avó regaloulle un pano verde, e pensou –se a poño, non me despedirán; si, iso farei- E ao día seguinte puxo o pano verde, e empezou a contar chistes, pero non chistes vermellos, nin verdes, contou chistes de todas as cores, laranxas, azuis, amarelos, de todas as cores, e nunca, nunca, nunca máis volveu vestir de vermello. Queimou toda a roupa vermella, volveu pintar a súa casa, cada parede dunha cor distinta, e así, o humorista vermello foi o humorista multicor.

Marcos Álvarez Carrido

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O VELLO VESTIDO DE BRANCO

Érase unha vez un velliño que sempre vestía cunha gravata branca, un traxe branco, uns zapatos brancos e pequenos e un sombreiro alto e branco. Erguíase todos os días á mesma hora, para poder ir ao bar que estaba ao lado do seu traballo, para almorzar. Non sempre tomaba o mesmo café. Algunhas veces descafeinado, outras veces con pouco leite, e algunhas veces toma biscoito e outras non. El traballaba ata moi tarde, pero non lle importaba porque ao chegar a casa lía sempre unha revista, un xornal… mentres ceaba. Pero el a parte do seu traballo, quería ser a persoa máis educada do mundo. Un día, no seu traballo, houbo un erro informático pola súa culpa, e un rato despois, chamouno o xefe –Velliño!- faloulle el. –Como volva ocorrer despedireite-. Dúas semanas despois volveu ocorrer, e despedírono. El coa súa rutina de ler o xornal ou unha revista, viu un anuncio que ben clariño puña: “Búscase persoa educada para convertela en SUPEREDUCADA. 986 43 21. Marcón”. O velliño chamou, e axudáronlle a ser “supereducado”, e coa axuda das persoas máis educadas que coñecía, converteuse no velliño vestido de branco máis educado do mundo.

Cristina Crespo López

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O CRÍTICO LARANXA

Érase unha vez, unha vila moi colorida onde existía un edificio de cor negra, do que todos tiñan medo, porque todos os que traballaba alí tiñan a vida negra, a roupa negra, e todos os xornais que creaban tiñan novas tristes, novas negras como a súa vida. Ben, non estamos a falar de todos os traballadores, estamos a falar dun en concreto, un traballador que sempre que saía do seu traballo ía a súa casa e nada máis entrar botábase a chorar, porque non quería traballar na prensa negra, el quería formar a súa propia prensa, pero non de cor negra, dunha cor alegre, de cor laranxa. Intentou facer que o despediran, e ao final o despediron por pesado. A partir daquel día xa non o chamaron “o crítico da prensa negra”, chamárono “o crítico da prensa laranxa”.

Noa García Pazos

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

 

 

O BIBLIOTECARIO DOS LIBROS VERDES

Unha vez había un home que sempre puña na biblioteca libros de cor verde, nunca os puña doutra cor. O que pasa é que o bibliotecario tiña un soño, ser un gran bailarín. Pero  non podía porque na biblioteca non se pode falar alto, bailar, ou facer barullo. O único que se pode facer é ler , e a súa casa é pequena. Na rúa non podía porque non é que fose moi bo bailarín. Un día decidiu bailar na biblioteca, e, claro, despedírono. El aproveitou que o despediran para irse de bailarín a unha academia de baile verde, porque xa sabedes que o bibliotecario lle encanta a cor verde. Así, o bibliotecario cumpriu o seu soño e gañou moitos campionatos de baile.

Sandra Bouzas Silva

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

UN TIPO FINO VESTIDO DE GRIS

Érase unha vez un tipo moi fino vestido de gris. Era unha das persoas máis ricas do mundo, era amable, pero sempre ía vestido de gris. Tiña un smóking gris, unha gravata gris, uns pantalóns grises e uns zapatos grises. Todos os días chamaba ao seu mordomo para ver se lle preparara a comida. Despois ía dar unha volta no seu avión privado. Despois ía darlle diñeiro aos pobres, pero non quería ir vestido de gris, quería ter un smóking negro, unha gravata vermella, uns pantalóns negros, uns zapatos marróns… quería ser cantante de rock and roll, así que chamou aos seus amigos e fixeron un grupo chamado Rock and Fire. Así remata esta historia.

Alex Canosa García

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O TENISTA VESTIDO DE AMARELO

No mundo de cor amarela vivía un tenista. El tiña toda a súa roupa, era de cor amarela. Tiña uns pantalóns amarelos, unha camiseta, zapatos, e unha gorra a xogo. El era un dos dezasete fillos, era o máis pequeno e quería ser o máis importante e ao final conseguiuno. E ao final foise do mundo amarelo porque… a súa rutina era a mesma sempre: erguíase ás oito da mañá, saia da súa cosa amarela e ía mercar o seu anaco de pan con queixo. Pero iso era aburridísimo, polo que marchou e foise ao mundo azul celeste e alí foi moi pero  que moi feliz. Alí casou coa súa noiva, a tenista vestida de azul.

Nuria Alonso Barros

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

O PINTOR DOS ÓLEOS ROSAS

Nun barrio de Vilagarcía había un pintor horrible que pintaba as paredes da vila con óleos rosas. Tiña unhas fagas rosas, tiña unha paleta rosa, os seus cadros rosas e todo o demais, rosa. O seu soño era voar porque quería pintar o ceo e as nubes rosas. Traballaba nunha imprenta, e sempre chegaba ás once e media, nin un minuto antes nin un minuto despois.  Un día estaba deseñando unhas ás supostamente rosas para ir pintar as nubes. Cando ía voando para chegar ao ceo e as nubes, encontrouse cun paxaro de cor azul e díxolle –Por que es azul e non rosa?. –Porque a miña cor favorita é azul- e cando o paxaro se deu de conta xa era rosa. Chegou ás nubes e pintounas de rosas igual que o ceo. Na cidade era a única obra que lles gustou de todas as que pintara. Unhas semanas despois chegoulle unha carta na que lle comunicaban que gañara un premio.

Sara González Solla

CEIP Vilaverde-Mourente 5ºA

 

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: