Saltar ao contido

O RONSEL ENIGMÁTICO DE LEVIATÁN

29 Maio 2015

Leviatan

«A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible»

Unha frase do Leviatán de Ramón Trigo é o punto de partida dende o que os rapaces e as rapazas do CEP Marcos da Portela, convertidos en audaces grumetes, fan o seu particular caderno de bitácora polos mares da imaxinación, perseguindo unha mítica balea.

 

A Illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… O faro iluminaba o mar no que destacaba unha silueta branca coma a neve e grande coma unha illa. Era unha balea, pensou a xente do barco ao ver uns xigantescos ollos azuis coma o mar. Os mariñeiros izaron as velas e comezaron unha persecución a gran velocidade polo mar en tempestade. O barco era rápido, mais a balea era moito máis rápida e somerxeuse nas profundidades mariñas. Do barco saíu un pequeno bote para buscala. De súpeto, a balea branca emerxeu e o vixía berrou asustado ao ver que abría a boca e devoraba o bote. Mais por un segundo sentiu pena ao ver os seus ollos expresivos de tristura. A balea sacudiu a súa xigantesca cola e foise, mentres o barco a seguía á mesma velocidade. A balea ía cansando a medida que avanzaba, pero o barco non. Ela só quería descansar. Pero o seu soño quedou interrompido por unha forte dor na cola, despois nas costas e logo tamén na cabeza. Xirouse e viu o barco, do que saían afiados arpóns atados con cordas resistentes ata que xa non puido seguir e quedou quieta. Os  mariñeiros subiron con esforzo a balea ao barco e ela imaxinou o que lle farían cando chegaran á terra: ataríana á area e comezarían a tirarlle a graxa. A balea morreu no barco, antes de chegar á terra. Dende o ceo descansa por fin mentres recorda a vida coas súas amigas. O faro ilumina o mar, mais xa non hai baleas.

Brais Rodríguez Ogando 6ºB

 

A illa movíase ao lonxe de forma case imperceptible… Era xa de mañá e o faro iluminaba un pouquiño o mar.  Leviatán, a balea, sucaba os mares metida nos seus pensamentos. Pensaba onde estarían as súas amigas, e mentres nadaba non se deu conta de que un banco pasara polo seu lado. Un mariñeiro visualizouna mentres estaba no seu posto e asustouse coa idea de que os puidera comer. Leviatán estaba nas nubes, non se daba conta do que ocorría ao seu arredor. Mentres estaba a soñar, os mariñeiros atacárona e atárona. Despois puxérona enriba do barco e mentres estaba alí subida e lle daba a brisa da mañá, imaxinou que era un avión e que voaba cos paxaros. Cando acordou, asustouse ao ver onde estaba. Pensaba que estaba perdida, que en vez dos atúns en lata que tanto lle gustaban íase converter nunha balea enlatada. Despois de varias horas, nun momento no que os mariñeiros estaban distraídos, coas forzas que lle quedaban, deu un salto e volveu ao mar. A sorpresa foi cando viu entre os peixes de cores as súas amigas.

Paula Ruibal Rosales 6ºB

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… Nunha illa cun faro vivía unha balea que lle metía medo a todos os seus habitantes. Un grupo de mariñeiros saíron a cazala, pero a balea apareceu diante deles e tragounos. Mentres un vixiante vocexaba, a balea pensaba en estar tranquila sen que ninguén a molestara. Soñaba con estar no baño, cun mordomo atendéndoa, pero capturárona e subírona ao barco. Xusto antes de morrer sentíase triste porque tiña unha ferida moi grande e non quería acabar nunha lata de conservas. Ela quería estar coas súas amigas as baleas e nadar con elas. Pero a balea fora mala na súa vida. Unha vez morta, todos os habitantes da illa quedaron tranquilos e o faro xa non volvería ver a ese monstro. O mar quedou tranquilo e os pescadores e mariñeiros puideron pescar sen preocupacións para sempre.

Diego González González 6ºA

 

A illa movíase ao lonxe de forma case imperceptible…. O faro iluminaba o mar e tamén a unha balea que xogaba ao seu arredor. De súpeto, un barco veleiro apareceu ao lonxe e a balea decidiu ir tras el. A balea levantouse da auga e sacou a cabeza fóra. Case tirou a uns mariñeiros que ían nunha barquiña. Abriu a boca e pouco a pouco foi arrastrando o bote cara adentro. A balea tiña soños, quería estar tranquila e relaxada. De súpeto, a balea viuse atada cunhas cordas, pero moveuse con tanta forza que logrou ceibarse. Saltou da auga e subiu ao barco para derribalo. Non se deu conta, pero tiña unha ferida. Nese momento pensou que non quería acabar nunha lata de conservas como a maioría de peixes. De improviso, un grupo de baleas axudouna a recuperarse e marcharon moi lonxe. Pasou moito tempo… a balea xa non estaba, pero o faro da illa seguía guiando coa súa luz os barcos nun mar tranquilo.

Marta Graña Montes 6ºA

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… pero ninguén sabía que era a illa… Chámome Alba e son unha balea. Había tormenta e o barco non paraba de cambalear. Achegáronse a min e o vixía avistoume. Un mariñeiro quixo matarme, pero non o deixei. Recordei a miña nai defunta, e pensei que mellor sería que me levaran a un hotel de cinco estrelas, pero atáronme e subíronme ao barco. Pensei que me ían baleirar, pero non cría que fosen ser tan malos. Despois pensei que podían meterme nunha lata de sardiñas! Pero recordei a miña ‘mándala’, recobrei forzas e ceibeime.

Alba Ruibal Filgueira 6ºB

 

A illa movíase ao lonxe de forma case imperceptible…. Preto da illa, había unha balea. Non tiña medo, estaba moi tranquila e despistada. Un vixía que estaba berrando, levaba roupa de augas e ía enriba dun mastro. Eses mariñeiros querían collela. A balea parecía non darse conta e non ía atacar. Estaba intentando imaxinar como sería aínda máis grande e poder voar por riba dos barcos. Sería mellor ca escapar! O único que desexaba aquel animal era poder descansar e que alguén fixera todo o que ela desexara. Non quería ser cazada nin envasada nunha lata coas súas amigas baleas. De súpeto, sen que se dese conta, un mariñeiro atravesouna cun arpón e fíxolle un gran burato. Ao final, a balea morreu. Aquel pobre animal foi asasinado polos mariñeiros igual ca outras baleas. Pasou o tempo e o mar, co faro na illa, volveu estar tan tranquilo coma antes.

Fátima Ezzahra Ibrahimi 6ºA

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… O faro apareceu de súpeto enriba da cabeza da balea. A pobriña afastábase pola presenza dun barco. Os mariñeiros foron moi rápidos e encontrárona. Alguén de súpeto berrou no mastro do barco. Como non tiña elección, a balea abriu a boca e os mariñeiros foron arrastrados. Pero nese intre a balea viu como un cachalote sobrevoaba o ceo enriba do barco e pensou que ela podería estar relaxada nunha bañeira con auga quente, en vez de estar no mar escapando dos mariñeiros. Mentres a balea pensaba, os mariñeiros atrapárona e amarrárona con cordas. Subirona ao barco e mentres, a balea sentíase incomprendida e sabía que acabaría nunha lata. Pero de súpeto espertou do seu soño e empezou a nadar coas demais baleas. Todo seguía igual, o faro iluminaba coma sempre e o barco dos mariñeiros navegaba tranquilamente polo mar.

Ainhoa Ramos Martínez 6ºB

Segue para ler algún relato máis…

A illa movíase ao lonxe de forma case imperceptible… A balea cada vez se alonxaba máis da illa, como se non quixera saber nada dela. Ela encontrouse con barcos, bateas… os vixías alertaban da balea pero a balea non lles facía nada. Ergueu a cabeza e diante tiña un bote con mariñeiros. Os vixías seguían alertando da balea porque a viran desde lonxe. A balea cos ollos cansados abriu a boca e de súpeto apareceu un bote con catro mariñeiros. Tres deles tiráronse ao mar e ao que quedou no bote tragouno a balea. Debaixo dunha nube o barco volveu mirar a balea pero esta vez foron capturala. A balea soñou que estaba nunha bañeira, era rica e tiña un camareiro que sempre lle levaba o que quería. Ela non se dera conta de que era un soño ata que acordou e se viu atada entre cordas e a meteron nun barco enorme. A balea sentíase como se tivera un burato no corpo ou como se estivese nunha lata de sardiñas. Ela quería estar coa súa familia, amigas… e escapou do barco. Pensou que sería mellor ir á illa do faro, e o barco seguiu en busca da balea ata que pasou tempo e tempo e o barco se perdeu.

Ainoa Franco Gulias 6ºA

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… e unha balea enorme roldaba arredor dela. Os mariñeiros que vivían na illa estaban fartos dela e dos ruídos que facía, polo que decidiron cazala. Colleron un barco baleeiro e marcharon tras dela. Cando divisaron a balea, uns homes colleron un bote e foron preto dela. O vixía, que estaba no mastro, observaba aos mariñeiros do bote, e berroulles para que regresaran. Estes, saltaron da embarcación e só dous valentes continuaron no bote. A balea bocexou e, sen querer, papou aos mariñeiros sen decatarse. Despois de contemplar ese desastre, a xente que se atopaba no barco decidiu vingarse. Botáronse a navegar detrás do mamífero, e este púxose a nadar. Nadou tan rápido que sentía que podía voar entre as nubes. O mamífero pensou que igual andaban detrás dela polo seu tamaño, que os mariñeiros debían crer que era demasiado grande para o mar, como unha balea nunha bañeira. Mentres estaba pensativa decatouse de que estaba varada nunha praia, e, nerviosa, intentou regresar ao mar, pero os mariñeiros atrapárona.

Yurena Rodríguez Meis 6ºA

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imprescindible… Todo estaba tranquilo, pero de súpeto Maruxa apareceu dando un gran brinco e empapando de arriba a abaixo o faro. Maruxa pasouno moi ben, pero un día uns mariñeiros chegaron ao seu territorio. Maruxa, moi furiosa, intentou asustalos, pero non foi capaz, un deles berrou –Balea á vista! Balea á vista!-. Maruxa non tivo outra elección e tragounos a todos. Todo ese mes foi tranquilo, pero xusto o último día do mes, Maruxa mirou ao lonxe. Un barco pirata. Saltou por enriba del, pero era moi grande. Esa noite, Maruxa soñou que se bañaba nunha bañeira. Cando acordou, tíñana atada, pero a Maruxa os saltos dábanselle moi ben, e brincou con todas as súas forzas, e pasouno enteiro. Contoullo ás súas amigas. Díxolles que pegara tal brinco que parecera un avión. Tamén lles dixo que tiveran moito coidado se non querían ser baleas enlatadas. Despois foron dar unhas voltas polo fondo do mar e vixiaron buscando tranquilidade. Polo faro non volveu pasar ninguén e os barcos non as volveron atacar.

Yara Tobío 6ºB

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… Detrás do faro estaba a illa a onde ía a balea. De súpeto un barco veleiro interpúxose no camiño da balea. A balea intentou seguir pero os mariñeiros colleron cordas e… intentaron cazala! A balea logrou escapar! O vixía subiu ao mastro, para localizala e intentar cazala outra vez. A balea tiña sono. Estaba moi casada de tanto nadar, dende a China ata a illa, que estaba no Caribe. A casualidade é que… abriu a boca xusto diante dun barco cun mariñeiro dentro. O barco seguiu buscando á balea. Encontrárona xusto cando empezaba a encapotarse e a chover. A balea chegou á illa onde estaba a súa casa das vacacións, e como estaba tan cansada decidiu darse unha ducha relaxante. Entroulle a sede e chamou ao seu mordomo para que lle trouxera un mojito. Cando acabou de ducharse saíu da casa a dar un paseo. Chegou á praia onde uns señores a ataron, para tirar unha foto e subila ás redes sociais. Cando conseguiron a foto soltárona. A balea botou a nadar e cando cansou encontrou un barco baleeiro, e botouse enriba del. Cando repuxo forzas seguiu paseando polo océano atlántico. Alí encontrou unha manda de tiburóns. O máis grande mordeuna na barriga e sacoulle un anaco. Pero non lle pasou nada, seguiu nadando. Tiña fame e comeunos a todos, pero saían polo burato que tiña na barriga feito polo anaco que lle faltaba. A balea xa non podía máis! E parou un rato no bar. Cando acabou de tomar a súa bebida xa tiña máis forzas, e seguiu nadando. De súpeto entráronlle dores de barriga e saíron baleíñas polo burato da barriga. A balea tivo fillos, tivo trinta fillos, e tivo que marchar outra vez á China para que os seus pais a axudaran a coidalos. Cando os mariñeiros viron que o mar estaba tranquilo, dixeron:

-A balea xa non está. Marchamos.

Ao final o mar estaba tranquilo. E a xente cos seus barquiños paseaban por alí tranquilos.

Sabela Cendón 6ºA

 

A illa movíase ao lonxe, de forma case imperceptible… Parcu, unha balea, estaba habitada por unha pequena casiña cun faro. Os nosos mariñeiros ían na procura dela, pero Parcu era máis lista e sempre se movía por debaixo do barco. Un día de tormenta dous mariñeiros saíron pescar. Despois dun bo rato navegando os mariñeiros vírona, e Parcu o sabía, entón, cando se achegaron a ela, a balea abriu a boca e papounos. Cando xa estaba escurecendo, Parcu deu un salto tan grande que os dous mariñeiros saíron despedidos pola barriga. Despois dunhas horas, cansada, Parcu, a balea, foi atrapada por unha tripulación de piratas, que se adicaban a vender baleas. Por sorte a nosa querida balea puido escapar e volver coa súa familia, pero os mariñeiros xunto cos piratas seguían a buscala.

Nerea Piedras torres 6ºB

 

A illa movíase ao lonxe de forma case imperceptible… Nunha illa rodeada polo mar pasou unha balea e na punta da illa había un faro. Parecía que estaba enriba da balea. No mar a balea nadaba tranquila, ata que viu un barco baleeiro e se asustou tanto que se somerxeu no mar e só se lle vía a cola. De súpeto apareceu unha barca e a balea como non a viu, volveu á superficie e ao abrir a boca, sen querer, tragou os mariñeiros. O vixía do barco viuno e empezou a berrar –Balea á vista-, e a balea volveu a somerxerse, e perdeuse o seu rastro. De alí a un rato a balea volveu a aparecer e viu a un antepasado seu reflectido no ceo, dicíndolle que algo malo ía pasar, pero a balea non lle fixo caso. Ela de momento sentíase como unha raíña. Pero de alí a unhas horas empezou a catástrofe. Unha balea morta atada na praia, máis barcos baleeiros e máis baleas mortas. A súa carne metíana en latas de sardiñas. Estaban a provocar a extinción das baleas. As baleas que quedaban foron a outras augas, onde non houbera cazadores de baleas e dende entón non houbo máis baleas por aquela illa.

Denise Núñez Carro 6ºB

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: