Saltar ao contido

FAUNA EN PERIGO DE EXTINCIÓN

29 Maio 2015

planeta

O noso planeta é un crisol de abundantes especies de fauna e flora; unha biodiversidade que, a causa de factores intrínsecos, como os desastres naturais, e a circunstancias alleas, como a contaminación, a caza descontrolada e outras accións penosas provocadas pola humanidade, está en constante perigo. Os escolares do CEP Marcos da Portela  do CEIP Manuel Vidal Portela puxéronse na pel, nas escamas ou nas plumas dos animais que están a piques de desaparecer da face da terra para contaren a súa vida e os factores que ameazan a súa existencia. Un obradoiro desenvolvido a partir da lectura da obra Quen falta?

 

tartaruga

A TARTARUGA MARIÑA

Ola, chámome Tarú e vivo nas costas do Atlántico. A miña parella chámase Lila, e cando veñen os homes, agochámonos nos cons. Témoslles moito medo porque nos cazan pola nosa cuncha. Vivimos escondidos e quedan poucos da nosa especie. Tamén levaron o meu avó porque saíu a buscar comida e colléronno antes de que volvera ao refuxio. Deume tanta pena que estiven unha semana sen saír. Tivo que ir a miña compañeira a conseguir alimento. Pola noite cóntolle aos meus fillos a historia de hai cento cincuenta millóns de anos, e din que queren volver a esa época. Dáme pena dicirlles que non pode ser.

Salvador Wilfrido Fariña Aquino 5ºA

(CEP Marcos da Portela)

tigre

O TIGRE DE BENGALA

Vivo na India. Estou en perigo de extinción porque a selva vaise facendo máis pequena. Uns homes teñen uns paus e cando fan un movemento coas mans, os animais caen ao chan e  lévanos. Un día desapareceu a miña tía e non a volvín ver. Tamén o meu irmán, o meu curmán e tres máis. Un día veu un home con ese tipo de pau, eu saín correndo, perdinme e non volvín ver a miña nai. Agora, cando durmo sempre soño con ela. Non volvín ver máis tigres, estou só no mundo e xa non me queda tempo de vida. Dentro de pouco vou caer nun sono interminable.

Clara Muro Hillerud 5ºB

(CEP Marcos da Portela)

Balea azul

A BALEA AZUL

Ola, son a túa amiga a balea azul, ou rorcual azul. Cando había moitas coma min nadabamos todas xuntas ata que nos empezaron a cazar. Se eu fose vós, deixaríavos nadar porque non me fixestes nada. Agora encóntrome soa e necesito amigos. Cando haxa máis baleas xogarei con elas ás carreiras de natación. Non vos fago nada porque como krill. Cústame durmir por todos os vosos ruídos. Son o animal máis forte do mundo, non me teñades medo, só quero ser a vosa amiga. Cada vez hai menos da miña especie. Por favor, axudádeme.

Ricardo Rey Rodríguez 5ºC

(CEP Marcos da Portela)

Guepardo

O GUEPARDO

Chámome Duma. Vivo nas pradarías de África, nun parque de protección. É unha vida dura, pero libre. Son o animal máis rápido do mundo, podo alcanzar unha velocidade de cento dez quilómetros por hora. Tes que estar alerta porque os leóns pódente atrapar e quitarche a comida. Son un animal solitario e a miña comida favorita son as gacelas, pero é moi difícil cazalas. A miña pelaxe é amarela e con puntos de cor negra para camuflarme na herba e que as presas non me recoñezan. Levo unha vida feliz neste hábitat, e por fin encontrei os meus irmáns e a miña nai, que levaba meses buscando. Perdéraos nunha emboscada duns leóns. Estou en perigo de extinción por culpa dos cazadores que queren a nosa pel. Como sigamos a este paso, extinguirémonos.

Pablo Davila Moreira 6ºA

(CEIP Manuel Vidal Portela)

Lobo gris

O LOBO GRIS

Vivo no bosque e fuxo porque o destrúen, ou hai incendios. Cando vou á India din que son un animal sagrado. Síntome seguro, pero ao final acaban por romper a súa promesa e cázannos para facer abrigos cos que estar quentiños no inverno, alimentarse, facer armas e ferramentas… Pensan que somos unha ameaza, pero nós só nos defendemos. Só podo ir a algúns países, e agora que nos matan, quedamos moi poucos. Esperamos non extinguirnos!

Pilar Franco Sánchez 5ºA

(CEP Marcos da Portela)

A FOCA MONXE

Eu son unha foca monxe e vivo no mar do caribe. Como peixes e nado todo o día. Nado moi rápido para saltar ao exterior. Chámome Barks, e teño todo o caribe para min soa, porque son unha foca solitaria. Síntome soa. Un día, de súpeto, apareceu un barco pesqueiro. Deixáronme sen peixes, e moitas focas morreron, e eu quedei en perigo de extinción. Eu penso que nun futuro terei descendentes. Un día despois leváronme a un zoolóxico e reproducinme con outra foca. Que experiencia ter fillos! Ciao!

Manuel Villanueva Gómez

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O OSO PARDO

Eu son o oso pardo. Estou en perigo de extinción porque me cazan pola miña pelaxe para facer abrigos, bufandas e guantes. Tamén estragan o meu hábitat, cortan as árbores. Os humanos pescan moito salmón, que é a miña comida, e por iso paso moita fame. Cazan as miñas crías porque valen moito máis que os osos adultos. Sobre todo o que máis me molesta é que o ser humano contamina moito, sobre todo a auga, e por iso paso sede e fame, porque seguen a contaminar a auga. Os peixes morren. Vivo nos montes, é bastante bonito, pero van cortando as árbores e esta fraga moi pronto desaparecerá. Xa vedes que teño moitos problemas. Ata logo! Por favor, non me matedes!

Diana Martínez Flórez

CEIP Marcos da Portela 5ºB

 

O LINCE IBÉRICO

Estou en perigo de extinción debido aos lazos e trampas. A miña familia morreu de fame, pola caza de coellos. Estou triste e soa. Os homes inténtanme cazar. No meu hábitat non hai moitas plantas e agóchome no monte. O meu desexo é sobrevivir, pero ás veces é difícil. As miñas ameazas cada vez son máis grandes. Cada vez hai menos coellos e morro de fame. Esfórzome moito para non morrer. Así é a miña vida. Espero que a miña raza sobreviva e que haxa máis comida.

Nerea Souto Aboal

CEIP Marcos da Portela 5ºC

 

A CURUXA

Vivo nos bosques e son nocturna, paso case que toda a noite cazando. Aliméntome especialmente de ratos de campo, morcegos, eirugas, insectos e arañas. Paso moito medo cando chego ao tempo de caza, escóndome nas árbores. Cando neva pódome camuflar moi ben, non teño moitas visitas doutros animais coma min. Eu chámome Copo, e creo que debo ser un dos últimos da miña especie.

Alba

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O PANDA XIGANTE

Ola! Eu son Pandi. Coma min hai máis de un milleiro de exemplares, pero cando viñeron os cazadores, cazáronnos a todos menos a min. A min encántame o bambú, a froita, os peixes e os mamíferos. Cando me quedei soa púxenme moi triste, e non tiña amigos para divertirme. Tamén son un animal moi peludo e, para a xente, son moi mona pola miña pelaxe. Por sorte, máis tarde conseguín unha amiga. Era un papagaio, moi bonita, coas súas plumas de cores. O que máis me gusta de estar na selva é que podo ver a paisaxe. O que máis quero é que non me cacen, porque os cazadores danme moito medo. Espero non encontrarme con eles! Por certo, a miña cor preferida é o branco e o negro!

Zaira Núñez Vidal

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O CREBAOSOS

Ola, chámome Luís e, como vedes, son o único crebaosos, a miña familia morreu con cebos envelenados. Eu vivo nunha cova, na cova na que nacín. Aínda que teño moita comida síntome só. O meu pai sempre quería que fora valente e eu teño moito medo de morrer. Nunca mo perdoaría. Antes matábannos para presumir coas nosas plumas. Agora a min non me matan porque son o único crebaosos do lugar e intentan que me reproduza. Agora a miña vida é máis aburrida porque xa non podo pelexar con outros crebaosos pola comida. Por estar tan aburrido xa non como tanto, e sempre estou na miña cova, cansado. Xa no me teñen tanto medo os animais como o rato, o esquío… Ademais, son moi vello, polo menos a min iso me parece. Eu creo que deberei ter uns sesenta e dous anos. Ben, déixovos porque teño que facer a miña sesta rutineira. Ata logo, e non me matedes!

Pablo Casado Pazos

CEIP Marcos da Portela 5ºA

 

O LINCE

Eu son un lince e estou en perigo de extinción. Téñolle medo aos cazadores porque sempre veñen a por min. Córtanme as árbores e case non teño onde durmir, cóllenme a pel, e a carne, matáron á miña cría e da miña familia quedamos dous. Vivo nos montes de Sierra Morena. Hai pouco cambiáronme de lugar. Non eran os mesmos animais e non sabía o que cazar. Agora quédame acostumarme a este lugar novo. Vaime custar moito. O meu irmán está no bosque, espero que estea ben porque hai moitos cazadores por alí. O que quero é que non me matedes a min e ao meu irmán. Hai pouco un cazador queríame matar. Menos mal que conseguín escapar. Decepcionei ao meu pai, que quería que non fosemos covardes, pero non quero que me maten. Só quero volver estar co meu irmán, para protexelo, que xa vai vello. Non nos matedes!

Joel Miguélez Cao

CEIP Marcos da Portela 5ºB

 

CROCODILO CUBANO

Na ciénaga de Lainer vivo xunto aos meus compañeiros. Chámome Sol, e son un crocodilo cubano. Agora estamos en perigo de extinción porque a nosa casa estana destruíndo. Síntome como nunha gaiola mentres vexo como arrincan as árbores. Espero que isto cambie. Se chego a extinguirme recordádeme como o crocodilo de Cuba, o máis pequeno de todos. Polo menos podemos comer, aínda que só sexa peixe. Ás veces visítannos homes armados, que nos empezan a disparar, pero nunca nos da. Eu penso que eses homes son moi malos. A miña familia morreu, a miña nai, o meu pai, as miñas dúas irmás… morreron pensando que iamos ser salvados. Reflexionade, por favor.

Helena Suárez Sánchez

CEIP Marcos da Portela 5ºC

 

O LINCE IBÉRICO

Nacín un bo día de verán nas montañas altas da península Ibérica, de aí ven o meu apelido, co amor dos meus pais. Cada día andaba polas montañas buscando comida, ata que un bo día, cando cheguei do monte, os meus pais non espertaron do seu sono nocturno. Ao principio pensei que seguían durmidos, pero seguían sen espertar. Marchei a dar unha volta correndo polos montes ata que volvín e vin uns señores observando aos meus pais. Eu seguín só nese monte con animais que non coñecía, e un bo día só fun unha gran historia para a humanidade.

Lía Ferreira Rosón

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O DEMO DE TASMANIA

Eu son o demo de Tasmania, un animal bastante pequeno similar a un can. Sempre como carne, coellos, paxaros… pero sempre cousas pequenas. Eu son como os canguros, gardo as miñas crías nunha bolsiña que está na miña barriga, e así, protéxoas. Vivo na Illa de Tasmania, en Australia. Só vivo coa miña familia, xa que moitos da nosa especie están a desaparecer. Antes viviamos por toda a illa, pero agora xa non. Son mamífero, polo tanto, as miñas crías nácenme na barriga. Ben, eu só espero que no futuro nos reproduzamos e sexamos máis.

Diego Santiago Martínez

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O TUCANO

Ola, chámome Tucano e por culpa principalmente dos parvos dos humanos que non fan outra cousa que matarnos estou en perigo de extinción. Ademais, non se dan conta de que tirando árbores seguido estanse a facer dano a eles mesmos. Son parvos de verdade! Mátanme principalmente polo meu peteiro, cheo de cores, amarelo, vermello, verde… parece un cadro renacentista de óleo. Outra cousa que quería resaltar é que teño unha desgraza moi grande, grandísima, grandísima; teño unhas plumas preciosas. Por que teño que ser tan infeliz? Mátanme para que as mulleres poidan ter uns abrigos preciosos e que fascina a todos. Unha cousa é certa, están tan guapas! Pero iso non é motivo para matarme.

Laura Ovelleiro Barreiro

CEIP Marcos da Portela 5ºB

 

A ARA VERDE

As aras verdes estamos en perigo de extinción. Algunhas das razóns son: as tribos indíxenas cortan moitas das árbores que son as nosas casas, utilizan as nosas plumas para facer sombreiros, e moitas cousas máis. A min gustábame moito voar sobre as copas das árbores cheas de follas, pero agora xa non podo, porque cortaron as árbores e con elas as súas follas. Son o último exemplar que queda dos guacamaios verdes. Agora xa non me divirto tanto coma antes, pois estou só. Síntome moi triste e teño medo a desaprece. Algún día, de todas formas, vou morrer. Pola noite, soño cos meus amigos e coa miña familia falecida e desexo que os humanos que habitan no meu país deixen de estropear o meu hábitat. Tamén soño cun país marabilloso onde abunden as árbores e a herba fresca. Polo día agóchome na miña árbore e intento escapar dos humanos. Pero un día, zaaas! Cazáronme, e encirráronme dentro dunha gaiola feita con paus. Desesperadamente intentei escapar, pero non o conseguín. Decidín agardar, a ver o que era de min.

Lucía Triay López

CEIP Marcos da Portela 5ºC

 

O RINOCERONTE NEGRO

Vivo en Asia, non teño moitos rivais polo meu tamaño, aínda que hai un que é moito máis pequeno ca min, pero aínda así, sempre me están intentando cazar polos meus dous cornos. Ás veces penso, por que me teñen que cazar? Non me poderían deixar en paz? O meu desexo sería que me deixaran en paz dunha vez. Aínda por riba non teño unha vida fácil… Por culpa deles xa se extinguiron moitos animais. Non quero ser o próximo. Vou intentar protexe4r á miña cría para que non lle pase nada.

Esteban

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

A TARTARUGA CAIMÁN

Eu son o perigo desta poza, aínda que xa quedamos moi poucas. Todas estamos en Norte América, e son das máis grandes do mundo. Por se non o sabedes, son de auga doce. Teño un nariz cun pouco raro, unha cuncha indestrutible, e coma un tanque. Sabedes por que son tan perigoso nestas pozas, porque son carnívoro, e moi rápido sacando a boca. Estou moi nervioso porque quedamos moi poucas.

Adrián López Fernández

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O RINOCERONTE DE SUMATRA

Eu son un rinoceronte de Sumatra. Son vexetariano. Hai tempo eu era novo e forte, pero o tempo pasa e voume facendo vello. Agora son o único da miña especie neste lugar. Eu son grande, a miña pel é de cor gris. Teño un par de cornos curvados para arriba. A miña familia foi cazada por uns cazadores furtivos. Agora vivo cunhas persoas que me dan de comer, vivenda, en sitio bo para durmir. Menos mal que me trouxeron aquí, porque Sumatra estaba chea de perigos, coma aquelas arañas xigantes e velenosas, rápidas e negras. Despois de que pasou un tempo moi longo e morrera de pena, xa que todos os días lembraba á miña familia, os meus amigos, os meus curmáns…

Gerari Juarez Altirriba

CEIP Marcos da Portela 5ºB

 

O LEMUR RATO DE BERTHE

Ola, o meu nome é Vicente, e son un lemur rato de berthe. Como froita e insectos. Son o primate máis pequeno do mundo. Vivo nunha árbore. Mido entre dez e cinco centímetros, son máis pequeno que a túa man. A razón da miña extinción son os humanos. Eles cortan as árbores onde está a miña casa. Deixáronnos sen casa a máis de un millón de lemures, e a outros primates como monos, gorilas… Así que, cando vexades un lemur rato do berthe, non o matedes ou sufriredes a miña ira de primate.

Emilia Alario Pastoriza

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O OSO PANDA

Eu nacín nos bosques da China e loito moito pola miña vida. Coa deforestación dos bosques onde vivín quedei cada vez con menos comida. Agora estou no zoo, pois cando era novo leváronme. Tiven dous fillos preciosos, pero non me creo capaz de coidalos aos dous, entón, doulle de comer a un, pero grazas aos coidadores do zoo, que inventaron un método para que poida coidar dos dous, doulle de comer a un mentres eles lle dan outro tipo de leite ao outro. Despois, ao revés, e imos alternando aos dous cachorros. Agora mesmo vivo felizmente nun zoolóxico da China.

Marcos Asensi Goyanes

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O CROCODILO AMERICANO

Eu son o crocodilo americano, tamén coñecido como o crocodilo narigudo. Lamentablemente para min e para os da miña especie, estamos en perigo de extinción. Meu Deus! Non me presentei. Chámome Al, vivo na Florida, como animais vertebrados e peso uns cincocentos quilos, aínda que estou a facer dieta. Vivo con catro machos coma min. Nunca coñecín a ningún animal coma min a parte deles. Para sobrevivir e non extinguirnos temos que atopar unha femia, pero é moi difícil. De que vale entón que a nosa especie poña ata trinta e nove ovos! Sentímonos frustrados sen unha femia, non poderemos reproducirnos. Que será de nós! Xa non podo máis, síntome débil…

Svian C. Rodríguez

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O LEOPARDO DAS NEVES

Chámome Norberto. Vivo nas montañas e nos climas fríos, e hai moi poucos da miña especie, que morren a causa dos cazadores furtivos. Encántanos os saíntes rochosos e barroncas para cazar, dende lebres albinas a presas grandes. Estamos a pasalo moi mal porque nos ameazan e non nos deixan vivir en paz. Malditos humanos!

Ester Haxhijahja

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O PETO IMPERIAL

Ola, eu son o peto imperial Eu extinguinme hai moito tempo. Eu vivía en México e Estados Unidos de América. Eu son moi diferente aos paxaros normais porque teño un peteiro moi longo e afiado, que pode peteirar a madeira das árbores e moitas cousas máis. Moitos nenos e nenas intentaron atraparme porque lles parecía adorable. Son negro, vermello e branco, e non teño nome, pero as persoas chámanme Pepe.

Javier

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O LEON BRANCO

Estamos en perigo de extinción por culpa dos cazadores. Eu vivo en Sudáfrica, en Timbavati. Chámome Dereck Hale. Os cazadores cázannos para poñernos nas paredes, para facer abrigos coa nosa pelaxe, para poñernos de alfombra, ou o máis duro, para comernos. Os meus pais morreron cando eu tiña dez meses. Cando os meus pais morreron, por culpa dos cazadores, desde aquela sei que os cazadores son malos, e desde aquela ando a escapar dos cazadores. Oxalá paren de cazárennos para que haxa máis da miña especie.

Inés Pereira Jiménez

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O LEOPARDO DE ARABIA

Ola, eu son o leopardo de Arabia e veño contarvos a miña vida. Chámome Coque. Como saberedes, eu corro moito, sempre estou só e un día vin a unha presa. Da fame que tiña devoreina, e despois fun ao río, que estaba moi lonxe. Fun correndo ata que cheguei e mirei ese río, cheo de auga, bebín e bebín ata saciarme. Teño unha pelaxe moi bonita, teño manchas marróns.

Alicia Boullón García

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O TIBURÓN BRANCO

Eu son un tiburón branco, chámome Comilón, e son o tiburón rei, o máis prezado do océano. Como a todos os que se me poñen por diante. A miña comida preferida son as sardiñas. Tómoas todos os días, pero ao ser tan pequenas, ás veces escápanseme. A pesar de non durmir, estou  moi atento e traballador. Non acostumo estar cerca das praias, porque o home non é o meu amigo. No océano atopo tiburóns doutro tipo e algunhas téñenme medo. Non teño familia e son un dos poucos que quedan.

Carlos Rodríguez Vieitez

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O RINOCERONTE AFRICANO

Eu son un rinoceronte africano e vivo en África. Son moi grande e moi forte, teño dous cornos e a miña cor é o gris. Como vexetais, teño catro patas e teño poucos amigos porque hai persoas que matan aos meus amigos, e quedo só. En África hai moita calor, pero para iso eu móllome nas augas dunha poza.

Belén Garrido Martínez

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O PRINGÜÍN

Eu son un pingüín femia, e chámome Pumba. Vivo coa miña nai. Nós somos unhas das poucas pingüíns da nosa especie. Nacín un frío día, no polo sur. Son a única pingüín pequena e non o paso moi ben. A miña nai, para que eu estea contenta, búscame a miña comida favorita, os peixes. Pola tarde fun dar un paseo e cando volvín a miña nai estaba tirada no chan. Que mal o pasei!

Irea Torres Fontán

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

A ÁGUIA IMPERIAL

Son unha aguia imperial e vivo na Península Ibérica. Teño unha plumaxe que ao tacto é moi suave. Da miña especie só quedan trescentas parellas. Cazo coellos, lebres, pombas, roedores e raposos. Teño unha vista moi boa para cazar. Os máis pobres cóllenme para que cace por eles. Podo ser atacada por outros depredadores. Estou só na miña árbores, sempre estou voando para cazar. Cando estou no ceo todo é moi pequeno. No futuro reproducireime con algunha outra aguia.

Laura Fontán

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O OSO POLAR

Eu son un oso polar. Chámome Branca. Aínda que mellor dito, son unha osa. Vivo no Polo Norte. A miña comida preferida é o salmón, pero só se está fresquiño. Estou moi triste porque paso os días viaxando, e non atopo a ninguén da miña especie. Un día, eu soa, caín rendida nun iceberg. Espero que alguén me atope e polo menos non se sinta tan só como me sinto eu.

Nicole Dayana López Andrade

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O GORILA DE MONTAÑA

Eu son un gorila de montaña. Só hai dúas poboacións no mundo, na montaña Virunga, en Uganda e no golfo de Guinea. Son vexetariano, e estou en perigo de extinción, e iso preocúpame porque ao mellor poden matarme para poñerme de adorno, ou só me matan por unha man, unha perna… Non quero que algún día se me pechen os ollos.

Cristina Filgueira Llanos.

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O OSO PANDA

Eu son un oso panda, chámome Puchi. Son unha femia e estou en perigo de extinción. A miña comida preferida é o bambú. Vivo na China, e non teño familia. Aos meus pais leváronos uns señores con escopeta. Dende aquela vivo soa coa miña irmá Chapi. Nós seguimos buscando aos nosos pais, pero aínda non os atopamos. O outro día, uns señores con escopetas colléronos e leváronos ao zoolóxico, alí atopamos aos nosos pais e agora estamos moi felices. Volvemos ser unha familia!

Yerai Loureiro Alonso

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O TIBURÓN BRANCO

Hoxe, como todos os días, vou ver se consigo algo de comer. Antes había un monte da miña especie, pero por culpa dos cazadores furtivos, agora somos unha das especies que nos podemos extinguir xa que quedan poucos exemplares da nosa especie. Como peixes, vivo no océano e son gris e branco.

Elisa

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O OSO POLAR

Vivo no polo norte. Son o máis grande dos osos. Encántame comer carne e a miña pelaxe é branca e suave. Acostumo nadar en augas con temperaturas que vós non aguantariades. Estou a me extinguir por culpa do quecemento global e polo derretemento do xeo no Polo Norte.

Kedus José Dueñas Ramallo

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºB

 

O ELEFANTE AFRICANO

Eu son un elefante que vive en África e come herba. Estou en perigo de extinción por culpa da caza furtiva porque me cazan para aproveitar os meus cornos e pel. Miña arma de defensa son os meus enormes pes e as miñas presas. Os meus compañeiros extinguíronse. Síntome moi só e rexeitado pola humanidade.

Anónimo

CEIP Manuel Vidal Portela 6ºA

 

O LOBO GRIS AMERICANO

Eu son Guanar, un lobo gris americano. Vivo encirrado nun zoolóxico de América xunto con algúns compañeiros. Son carnívoro, e o máis forte. Estou en perigo de extinción porque o goberno mandou matar aos meus. No zoolóxico síntome encirrado, e non me gusta nada, preferiría vivir no monte.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: