Saltar ao contido

ENTREVISTA A RAMÓN TRIGO: Intento expresar misterio, que quede unha pregunta no aire

29 Maio 2015

Ramon Trigo

Artista polifacético, a súa creación máis recente titúlase Leviatán, galardoada co Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2014 e co Premio Lazarillo de Álbum Ilustrado 2012. Logo de achegarse á súa obra e darlle outros rumbos narrativos, os escolares do CEP Marcos da Portela mantiveron un divertido encontro co autor, cheo de complicidade, no que Ramón Trigo compartiu con eles anécdotas da súa infancia e interesantes reflexións sobre o proceso creativo.

 

Como xurdiu ‘’Leviatán’’?

Eu tiña unha historia na cabeza pero non sabía como contala; o que si tiña moi clariño eran as imaxes. Enton fixen todas as ilustracións e a partir delas escribin a historia. Cando tiven o texto feito, racheino porque non valía (risas)… Era moito peor que os traballos que vos me lestes, que están moi ben; así que volvín escribila. Despois presentei a historia ao Premio Lazarillo e gañei, pero ata chegar á versión final que está no libro houbo diferentes cambios. Empecei a escribilo no 2008. Iso non quere dicir que tardara sete anos. Comeceino nunha tempada, logo parei, xurdiron outros proxectos… Este tipo de traballos creativos é convinte deixalos descansar e logo volver lelos. Nese proceso de escribir, revisar e cambiar aquilo que non me convencía, tardei sete anos.

Á parte de ilustrar contos e de escribir, es escultor e traballas en moitas disciplinas da arte. Como combinas tantas facetas?

A vantaxe é que no meu traballo gústame todo o que fago: cómic, ilustración, pintura, escultura, animación… Así que por un lado é traballo e por outro, pracer; é unha forma de vida. Todas esas facetas mestúranse porque cando estou ilustrando un libro tamén estou pintando un cadro, porque cada ilustración é un cadro. Ou ás veces as ilustracións sérvenme de bosquexo para facer unha escultura… Todo o que fago vaise mesturando nunha “sopa ramoniana” (risas).

Cando empezaches a pintar e por que?

Na escola estaba todo o día debuxando. O primeiro que comecei a debuxar foron cómics, pero non empecei a tomalo en serio ata os dezaseis anos. Aos dezaoito conseguín que eses cómics se publicaran no Faro de Vigo e noutros sitios.

 Por que che gusta ser pintor?

Porque podo estar todo o día sucio e manchado de pintura! (risas). Eu son un tipo moi desordenado, un desastre, un tipo caótico. Na actividade artística, aínda que hai pintores que son moi pulcros e moi ordenados, sempre hai unha parte de caos. A min gústame tanto ser pintor como ser escultor, ilustrador, debuxante de cómic ou mesmo escribir. É todo parte dunha mesma loucura, e como estou un pouco tolo, todas estas actividades creativas atráenme.

 Cal foi o teu primeiro libro?

O meu primeiro libro importante foi “O pirata Pata de Lata”, con Xosé Manuel González ‘Oli’. Foi o primeiro traballo profesional, que saíu ben e tivo moito éxito. A primeira edición foi do ano 1998. Aínda non nacerades vós!

 Cal foi o libro ao que máis entusiasmo lle puxeches?

A todos lles poño entusiasmo, pero quizais aos que escribo eu mesmo póñolles un punto máis porque son historias que quero contar eu e fágoas á miña maneira. Cando un autor ou un editor me pide que lles ilustre un texto, trato de facer algo que encaixe coa obra.

En que te inspiras para os teus relatos?

Normalmente no que me pasa, ou no que me pasaba cando tiña a vosa idade, porque son as cousas que a un lle quedan máis gravadas. Teño un conto que se titula “A caixa perfecta”, que é un diario de todos os accidentes que tiven dende os 6 aos 12 anos. Non son moi alto, e cando tiña 6 anos poñíannos en fila para entrar na clase. Como logo entrabamos en tromba, un día saín disparado e dei de fociños co encerado, rebotei e batín nunha cadeira. Esa historia cóntoa nese libro (risas). Cando tiña 5 anos chamábanme “draculín” porque só tiña os cairos. Deume por lanzarme co triciclo polas escaleiras abaixo e quedei sen dentes (risas). Por sorte, eran os dentes de leite e o primeiro que me saíron logo foron os cairos, por iso me puxeron ese alcume. Desas anécdotas teño moitas, e demasiadas cicatrices! En todos os relatos que escribo hai algo do que vivín.

En que te inspiraches para facer “Leviatán”?

Se vos fixades na miña obra -ilustración, pintura, escultura- veredes que son un namorado do mar. A balea non é exactamente unha balea. É un espírito que representa o mar, a natureza. A illa do principio tamén podía ser a balea. A balea tamén vén do personaxe de Gulliver, aínda que non se menciona. A balea é un fantasma… Con ela quero representar todas estas cousas a un tempo: o que eu sinto polo mar, polos animais e a naturexa que os contén. Tiña na cabeza esas imaxes e delas saíu este libro.

 Que sentimentos expresan os teus libros?

Sobre todo, o que intento expresar é misterio. Intento que o lector remate cunha pregunta, non me gusta contalo todo. Sempre me gusta que quede unha pregunta no aire.

 Que sentes cando os teus libros se venden por moitas cidades e que lle gustan á xente?

Aínda que a un lle guste o seu traballo, para quen o fas é para os lectores,  e o feito de que lles guste o teu traballo é un pracer. É o obxectivo final dun pintor, dun ilustrador: que os demáis gocen coa túa obra.

 En que idiomas publicaches?

En galego, castelán, portugués e inglés. En chinés aínda nada (risas).

 Cal é o escritor e o pintor que máis che gustan?

Na miña xuventude o meu escritor de cabeceira era Edgar Allan Poe. Con 15 anos líao continuamente. Tamén a Robert Louis Stevenson. E entre os pintores, Goya e Rembrandt! Velázquez tamén me gusta moito.

Por cantos sitios viaxaches?

Moitos, mais non tantos como quixera. Fun a Alemaña, Francia, Bélxica, Portugal, Italia, pero non saín de Europa. Mirade todo o que me queda por percorrer! Por iso me gusta tamén o meu traballo: porque os meus libros viaxaron máis ca min e están en países que eu nunca pisei. Iso é unha alegría; facer traballos que están na outra punta do mundo. O último lugar onde editaron un libro ilustrado por min foi en Inglaterra; é un libro sobre Van Gogh: “O pintor do sombreiro de malvas”, escrito por Marcos Calveiro.

 Hai algún idioma que che gustaría aprender para escribir novos libros?

O que realmente me gustaría é escribir un libro sen escribilo (exclamacións de asombro). E hai moitos xa. Escribir un libro que contara unha historia sen texto, só con imaxes. Un autor que me gusta moito, que nos fixemos amigos en Berlín, onde nos coñecemos, e que me regalou un debuxo seu, é Shaun Tan. El ten unha obra titulada “Emigrantes”, con moitas páxinas e sen unha soa palabra en todo o libro, pero conta unha historia preciosa, do mellor que teño visto!

Adoitas levar un caderno contigo para debuxar mentres viaxas?

Para min debuxar é como un tic; sempro levo lapis e caderno e ando a debuxar. Cando vou no tren, mentres espero para comer…

 Decepciónaste cando algunha ilustración non ten sentido?

Non, porque é parte do traballo. Se non ten sentido para min, rómpoa e empezo de novo. Pode que para alguén si o teña, pero eu teño que guiarme polo meu criterio. Ao principio decepcionábame un pouco, pero logo aprendín que é parte do traballo e do proceso creativo que leva intrínseco cometer erros, equivocarse e volver comezar. Esa é a maneira de mellorar.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: