Saltar ao contido

AS MISTERIOSAS CRIATURAS QUE HABITAN NO BESTIARIO

29 Maio 2015

Vilaverde 6ºA

Gran reto literario o que superaron os escolares do CEIP Vilaverde-Mourente ao repasar as pinturas de Stéphane Poulin nas páxinas de Bestiario. Os seus protagonistas son animais moi especiais, que trascenden o plano da realidade. As súas historias non son menos extraordinarias, son un exercicio de malabarismo literario; unha inmersión no mundo do surrealismo.

 

O PAXARO PALLASO

No Circo do Sol a actuación máis famosa é a do paxaro Feliciano, que ía vestido moi gracioso e facía acrobacias, ata que un día, caeu. Levárono ao veterinario. A xente estaba enfadada porque viña só para ver a súa actuación. Os auxiliares do veterinario dixéronlle aos encargados do circo que Feliciano non volvería ser o mesmo porque rompera unha pata e perdera a voz. O xefe do circo decidiu roubar a Feliciano para seguir gañando diñeiro aínda que tivera lesións porque pensaba que non era nada grave. Á tarde seguinte, durante a actuación de Feliciano, que era a última porque era a mellor, na parte na que contaba chistes, como non tiña voz, non podía facer rir á xente. Entón o xefe decidiu pasar á segunda parte da actuación, a das acrobacias, pero como tiña unha pata rota, volveu caer. Os que traballaban no circo pensaban que fora unha ruína. Pero a xente estaba alegre de ver a Feliciano. O paxaro Feliciano, que aprendera a voar, escapou do circo e volveu coa súa familia.

Anxo Braña Piay 6ºA

(CEIP Vilaverde-Mourente)

VITORIA

Érase unha vez unha pomba das máis parisinas do mundo, que sempre quixera formar parte dunha obra mestra, formarse, fundirse cunha estrela, como unha escultura de Miguel Anxo, ou simplemente cun cadro do magnífico Da Vinci. O seu desexo era tan grande que un día nun dos impulsos pletóricos por formar parte da arte, saíu disparada e foi directamente ao Museo do Louvre. Nel encontrouse con moitas obras, pero ningunha lle traía bos presentimentos e pensou:

-Por que non xuntar o voar coa arte?

E mentres subía viu o seu destino, a Vitoria Alada de Samotracia. Durante a súa estadía na estatua botárona varias veces, pero a pomba seguiuno intentando ata que a xente do museo a tratou coma unha da familia e os visitantes máis habituais non deixaron que se fora. Así, non poden dicir que a deusa Vitoria non ten cara. A pomba fíxose tan famosa e saíu en tantos xornais que os viaxeiros ían para vela.

Alberto García Tomé 6ºB

(CEIP Vilaverde-Mourente)

MAMIFERO MARIÑADO

Na  casa de Carmela, a veciña do cuarto, xustamente no andar de abaixo á dereita, mirando dende a porta, estaba a cociña, onde Carmela preparaba todo tipo de pratos. Un día cociñou unha xoaniña con mollo de caramelo, outro, elefante á galega… Un día foi comprar ao supermercado e encontrou unha lata de conserva con baleas, entón decidiu compralas xa que entre todos os pratos que cociñaba, ese non estaba. Cando chegou á casa pensou en facelas, entón abriu a lata e… saltou de súpeto unha balea! Aínda estaba viva e dixo:

-Ola, bos días, como se chama? Eu chámome, Xoana.

-Ola- dixo Carmela moi sorprendida –chámome Carmela.

Ao pouco fixéronse amigas, ían ao supermercado xuntas, ao parque, á praia… pero nunca comían peixe (xa que Xoana era un peixe, ou mellor dito, un mamífero, pero xa me entendes!)

Pouco a pouco Xoana quixo coñecer o mundo, pero non só ata o centro comercial. Quixo recorrelo. Cando llo comentou a Carmela, quedou abraiada.

-Ti estás tola ou que? Como vai ir unha balea pola cidade? E máis, percorrer o mundo!

-Xa o sei, xa o sei… tiña pensado ir polo mar, xa que é o meu lugar natal.

Carmela pensouno e pensouno, pero ao final chegou á conclusión de que lle viría ben ir ao mar. Preparoulle unha empanada de lacón con grelos e unha gran tortilla de patacas con pementos. Ao despedírense, pensou se volvería ver algún día a Carmela, que se convertera na súa mellor amiga, pero en realidade sabía que non, porque volver sería moi difícil despois de ver o grande e precioso mundo que lle quedaba por descubrir.

Clara Piñeiro Rodríguez 6ºC

(CEIP Vilaverde-Mourente)

PEDIGRÍ

Un día, os cans Pipo e Pepo miraban como os seus donos facían de cans. Os donos, Dani e Laura, estaban preocupados porque os seus cans só comían comida refinada, como filetes empanados ou foie-grass de pato en vez de comida de cans. Os veciños miraban para o seu xardín e pensaban que estaban tolos. Pipo e Pepo fixeron o mesmo que eles e comezaron a ulirse o traseiro. Os donos erguéronse e agasalláronos cuns mimos, pero Pipo e Pepo, ao velos erguerse, erguéronse eles tamén. Dani e Laura suspiraron e volveron para a casa. Volveran errar outra vez ao intentar conseguir que os seus cans foran como todos os demais.

Jairo Abilleira Varela 6ºA

(CEIP Vilaverde-Mourente)

VARIACIÓNS SOBRE UN AIRE DE FAMILIA

Había unha vez, nun día encapotado de inverno, un caracol que paseaba triste polas grises beirarrúas e que dese-xaba ter unha familia. Todos os días vía caracois coma el, pero ninguén era o seu parente. Despois de buscar pola cidade enteira, entrou no único sitio onde non buscara: o teatro da cidade. Esperou en fronte da porta a que alguén entrase para poder coarse dentro, e cando o conseguiu, viu un monte de xente no centro do escenario tocando instrumentos, e na punta dun deles, distinguiu unha cousa que se parecía moitísimo a el. Apurou todo o que puido polo corredor, pero cando xa ía pola metade, acabou a función. Unha nena que tiña un violín levouno para a súa casa. Alí subiu polo violín, pero deuse conta de que non era de verdade. Á fin xa tiña unha familia.

Sofía Neira Cibeira

(CEIP Vilaverde-Mourente 6ºB)

EXCESO DE VELOCIDADE

Cada ano, na cidade de Caraconelo celebrábase unha gran carreira de caracois. A pista na que se disputaba era moi perigosa. Tiña grandes curvas e tamén grandes obstáculos. Só os caracois máis rápidos se atrevían a participar. O premio que lle daban ao gañador eran moitos, moitos mollos de verzas. Un día, un caracoliño moi pobre decidiu participar. Cando chegou o día, o caracoliño saíu disparado. Ía de primeiro! Cando por fin ía cruzar a meta, un caracol empurrouno e caeu ao precipicio. Abriu os ollos e… estaba nunha horta! Alí había verzas cantas puidera desexar. Por fin podería descansar.

Alba Piñeiro Justo 6ºC

(CEIP Vilaverde-Mourente)

CAMERINO

No café-teatro dos Estados Unidos de América, unha noite, un elefante estaba a prepararse nun camerino para a súa gran actuación e tiña que acabar de arranxarse rápido. Só quedaban cinco minutos para empezar. Empezou a actuación e o seu preparador deulle ánimos. Díxolle que como non o fixera ben, ao rematar a actuación ía darlle unhas cantas cousas. O preparador foi sentar aos chanzos xunto cos demais espectadores. O elefante tiña varios trucos. Un deles era coller a pelota coa trompa, soprar e que saíra voando. Outro era ir en bicicleta pola corda frouxa. Cando rematou a actuación, o preparador díxolle que o fixera ben. Así o elefante non tivo que soportalo rifándolle. Ao revés, deulle os parabéns.

Ainhoa Chamadoira Diz 6ºA

(CEIP Vilaverde-Mourente)

SOPA CAZADORA

Érase unha vez un cazador nunha dimensión alternativa que tiña unha carabina con mira telescópica. Para volver á casa tiña que cazar tres patos sopeiros no lago da sopa de chourizo. Pero era un camiño moi perigoso, tiña que pasar polo bosque dos garfos traizoeiros. Por arte de maxia apareceu no lago. Cargou a carabina, visualizou os patos, espirrou, disparou sen querer e dun tiro deulle aos tres patos. Volveu a casa pero acordouse da razón de marcharse…

José Omil Santos 6ºB

(CEIP Vilaverde-Mourente)

LECCIÓN DE HUMILDADE I

Nas montañas de Takyous había unha cabra un tanto especial. Vivía nunha casa coma as persoas, durmía nunha camiña, almorzaba café e a súa paixón era a arte. Encantáballe debuxar, pero o que esta cabra tiña de malo era a súa agresividade: non soportaba os turistas que invadían as súas terras. Sempre que alguén intentaba escalar a montaña, ela facíalle a vida imposible, roubándolle cousas, molestándoo, e mesmo algunhas veces, atacándoo. Un día, un home novo decidiu escalar a montaña. A cabra, nada máis sabelo, baixou pola ladeira e vixiou o home tratando de que non a vise. O home comezou a viaxe. A cabra enganábao facéndolle crer que xa estaba na cima, utilizando un dos seus debuxos. Outras veces pintaba a neve de cores para que o home pensara que estaba tolo… Pasaron os días e o home non se daba por vencido. A cabra, xa farta, non sabía que máis facer para impedir que chegase á cima. Días despois tivo unha idea, decidiu subir saltando ata a cima e tirarlle pedras. A cabra puxo a idea súa en práctica e lanzoulle as pedras máis grandes que vira. Cando as tirou comezou a rir e a bailar, pensando que gañara por fin ao escalador. Pero o home asomouse e viu a cima. A cabra, enfadada, escondeuse entre a neve, o home cravou unha bandeira dos EUA e deu así a viaxe por rematada. Baixou a montaña e desapareceu. A cabra saíu do seu escondedoiro e díxose a si mesma: -Isto non pode quedar así.- E pegoulle unha mordedela á bandeira como mostra de que odiaba os turistas.

Santiago Boiero Barsce 6ºA

(CEIP Vilaverde-Mourente)

 

PORCO DE MAR

Este porco dende pequeno quería ser mariñeiro. Acabou a escola e converteuse en navegante. Tivo aventuras, como aquela na que escapou dunha balea, ou na que unha quenlla lle papou unha perna. De aí o seu malnome, “Porco de mar”. Ía por mares perigosos en busca de alimentos doutros países. Chegou a América e viu unha porquiña da que rapidamente se namorou e se fixo noivo. Preguntoulle se quería ir con el, pero tiña que coidar da súa nai enferma. Un día antes de marchar foron comer a un restaurante moi fino por onde pasaba unha vella gordecha cunhas bolsas cheas de carne de porco. Entrou, e cando o porco foi pagar, a vella colleu a moza do porco e levouna para a súa casa. Mentres a vella amarraba á porquiña, “Porco de mar” entraba na casa. A vella marchou para a cociña a quentar os fogóns. El soltou a súa noiva. A anciá colleu o noso “lobo de mar” e deixou escapar a porquiña. Tombouno nun banco e tatuouno para preparar a carne, pero nese momento… entrou a policía, soltou a “Porco de mar” e meteron na cadea á vella. Por que? Porque cando a porquiña fuxiu, chamou os axentes. Ao día seguinte el marchou e nunca volveu vela. Agora, “Porco de mar” navega só polos sete mares. Aínda que vaia só nunca olvida o seu amor, xa que ten as marcas da súa aventura, as súas tatuaxes.

Nerea Porto Dopazo 6ºC

(CEIP Vilaverde-Mourente)

Que vos pareceron os relatos? Pois aínda hai máis! Correde á biblioteca máis próxima coller o libro e, coas ilustracións diante, lede as seguintes narracións. E se creades as vosas propias non dubidedes en enviárnolas.

A ORIXE DA ARTE

Nunha pequena vila que estaba agochada detrás dunha gran manta de árbores vivía o galo Fernando, que era moi fermoso: tiña unha gran crista dun vermello hipnotizante e a súa plumaxe dunha cor excepcional. Un día Fernando ergueuse con moita alegría. Primeiro aseouse, despois almorzou e por último limpou toda a casa, como facía habitualmente. Xa listo, foi a casa dos seus pais e propuxéronlles algo moi importante para el. O galo entrou na casa cun pequeno libro entre as patas, estaba moi nervioso. Achegouse ao seu pai e díxolle que quería ser pintor. Este díxolle que estaba tolo e que só serviría para ser famoso. Fernando ofendeuse moito, entón ensinoulle o libriño que levaba ao seu pai, estaba cheo de láminas, pero aínda así non o crera. O galo volveu a casa e pintou un retrato no que aparecía cun pincel e unha paleta con só dúas cores, o laranxa e o branco.

Mariña Fernández Buceta.

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºA

 

ANIMAL CRIADO

Un día, un can espertou cunha familia. A familia ensinoulle a levar as súas zapatillas, o xornal, e máis cousas. Era un can estraordinario, sabía facer de todo. Un día tiña posto un traxe. Converteuse en case que unha persoa. Era un can criado. A familia estaba impresionada. Despois duns meses tamén facía as tarefas da casa. Facía pis no retrete, como unha persoa. Un venres o can levou aos nenos ao colexio. Uns anos despois o can saíu nos xornais. O can sabía falar. Logo empezou a saír na televisión. Todo o mundo o viu. Fíxose famoso. Un día, o can namorouse dunha cadela. O can ensinoulle a falar e a facer máis cousas. Casaron como as persoas e a súa voda saíu na televisión porque era unha voda de cans que falaban. Uns meses despois tiveron fillos, a televisión estaba que non daba crédito cos seus donos. Como fixeron para ensinarlle a falar? Un luns, os cans non entraban na casa cos seus donos. Entón ocorréuselles facer unha casa para vivir nela. Os donos estaban moi tristes porque non verían máis ao seu can. O can, triste, decidiu facer unha casa ao lado da súa casa. E dixéronlle que se non lles deixaban facer unha casa ao seu lado virían visitalos sempre. Ao final deixáronlle facela. Uns anos despois tiñan a súa casa perfecta. Tiñan moito espazo. Os seus donos estaban moi contentos con ter o seu can criado ao seu lado, aínda que están un pouco tristes porque xa non teñen un can que sabe falar. O can e a súa familia viviron moi felices.

Paula Barros Penelas.

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºA

 

VARIACIÓNS SOBRE UN AIRE DE FAMILIA.

Un caracoliño chamado Green, saíu pasear polo campiño que arrodeaba a súa casa. E vos diredes, pero os caracois non levan a casa ás costas? Pois non, os caracois non levan a casa ás costas, dormen na súa casiña de herbas. Claro está que levan cuncha, pero non lles gusta durmir nela. Pois, como ía dicindo, saíu pasear e de súpeto escoitou un son que nunca antes escoitara, o son dun violín. Decidiu entrar no lugar de onde saía aquel son. Tivo a sorte de que a porta estaba entreaberta, e deslizouse ao interior. Alí, había unha nena sentada nunha cadeira. Green seguiu andando e cando a nena non miraba, comezou a trepar polo violín arriba. Cando estaba a piques de chegar ao final, á voluta, na parte alta do diapasón, pareceulle o seu pai, que morrera esmagado por un neno pequeniño. Triste, volveu á súa casa. As lámpadas estaban acendidas. Cando entrou viu unha cuncha moi grande e outra un pouco máis grande que a anterior, que se semellaban moito á parte final do violín…

-Pai! Nai!

Sara charlín

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºA

 

ISTO NON É UNHA PIPA

Unha nena en Francia a quen lle gustaba moito a xeografía, era moi lista. Unha mañá de inverno, no colexio, dixéronlle que ían ir de visita ao museo máis famoso de Francia. A nena chamábase Almara e estaba moi contenta. Almara estaba moi emocionada a causa da visita ao museo onde ían ceñecer cousas distintas. Ela tiña dúbidas, lera nun libro que no museo hai unha pipa misteriosa. Almara estaba moi interesada pola pipa. Tiña medo que no museo non estivera a pipa que ela quería ver. Á mañá seguinte todos os nenos non paraban de falar. Almara e as súas mellores amigas, chamadas Laura e Clara, estaban a falar. Laura contoulles unha pequena historia sobre o museo. Almara non cría nada da historia de Laura, de feito, Laura non podía ir ao museo. Almara contoulle as impresións que tiña sobre a pipa, e Laura pediulle que tivera precaución, que non se fiara moito dela. Realmente non era unha pipa. A Almara isto resultáballe verdadeiramente misterioso. Clara era moi medoñenta, e tampouco tiña moitas ganas de ir ao museo. Chegou o día. Almara estaba entusiasmada. Ergueuse da cama, almorzou e foi ao colexio. Alí encontrouse a Carla, era a súa parella de viaxe. Montaron no autobús e partiron rumbo ao museo. Un tempo despois chegaron por fin. Alí encontraron restos prehistóricos, obxectos antigos… e por fin chegaron xunto a pipa. Era raro, a Carla e a Almara non lles parecía unha pipa. Preguntáronlle á súa mestra pero non quixo dicir nada. Por iso a chamaban “a pipa misteriosa!”. Despois dun tempo mirando e pensando, déronlle a volta e de súpeto a Almara ocorréuselle a forma, era un caracol! Díxollo á súa mestra e acertou. Resulta que esa pipa tiña un letreiro debaixo que puña: “Nunca apartes a vista de diante das obras. Sempre teñen unha segunda figura.”

Claudia Couto Fernández

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºA

 

MAMÍFERO MARIÑADO

Unha semana antes do verán, Marta, unha nena moi diverida, saíu a buscar cunchas á praia. Despois decidiu ir a buscar á súa amiga Sara, e despois foron buscar uns xeados. Sara pediu un xeado de froitos vermellos e Marta pediu un tarro que dentro tiña unha balea. Era o seu animal favorito, as baleas metidas en tarros. Pero esa balea era especial, gustáballe moito, e tamén era como se fora familiar. Cando era pequena, Marta tivera unha balea de mascota, coa que xogaba todo o día, pero un día a balea soltou do tarro no que estaba e marchou a outro lugar. Marta foi correndo á súa casa, deixou a Sara soa co seu xeado e marchou. Ao chegar a casa foi correndo xunto a seu pai, que lle gustaban moito os animais, en especial os mariños; seu pai díxolle que lle tomaría unha foto ao tarro coa balea para poñela na súa colección de fotos de animais mariños. O pai tiroulle a foto e Marta marchou ao seu cuarto coa balea. Ao chegar ao cuarto Marta deixou a balea sobre a cama e a balea saltou do tarro, e comezou a falarlle. A balea díxolle que se chamaba Mimi, e explicoulle que marchara porque a súa irmá pequena, Iria, estaba ferida. Marta quedou fascinada, a súa mascota regresara, e o mellor era que podía falar. Marta e Mimi foron á praia onde Marta corría pola area e Mimi nadaba polo mar. Así foron todas as tardes de verán, algunhas veces Marta nadaba, pero case sempre corría.

Carmen Caeiro Arca

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºA

 

EXCESO DE VELOCIDADE

O mércores pola mañá, o caracol Fernando tiña que ir ao supermercado a comprar sal, pero quedáballe moi lonxe, así que colleu a autoestrada. A metade do camiño deuse de conta de que non tiña freos, así que seguiu correndo. Ao chegar ao supermercado pensou que frearía coa porta, pero ía tan rápido que atravesou todas as paredes. E cando atravesou a última parede… caeu por unha barronca! Cando pisou o chan deuse de conta de que a súa cuncha estaba rota, e que entón non podería subir. Fernando estivo varios días alí tirado. Tiña moitísima fame. Pero un bo día, apareceu unha aguia, e o caracol preguntoulle se o podía levar ao supermercado, e a aguia respondeulle que si. Cando chegaron, o caracol entrou a comprar sal. Ao acabar de pagar o caracol volveu ao campo como se nada.

Sofía García

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºB

 

A NORA

Había unha vez un rato que respondía ao nome de Zapatón. Ao rato gustáballe moito usar a súa roda xigante. Moita xente montaba na súa nora, e iso gustáballe moito porque todo o mundo gozaba. Zapatón era moi bo, e quería que as minipersoas humanas montaran na súa atracción particular. Un día a feira chegou á cidade e construírona ao redor da súa nora. A xente deixou de ir á súa antiga atracción. Ao rato afectoulle moito aquilo, e quixo facer un pequeno plan para que as persoas deixaran a feira. Reuniuse cos seus amigos ratos da cidade e de campo. Como eran moi grandes, o seu plan era infalible. Asustaron aos donos da feira e decidiron trasladárense ás aforas. A xente estaba moi enfadada por perdela feira no centro. Decidiron romper a nora do rato Zapatón, pero o rato púxose a chorar e pediu perdón. Os cidadáns aceptaron as súas desculpas e todos volveron estar felices cunha única atracción, a nora.

Lucía Navaza Novo

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºB

 

ACABOUSE A GASOLINA

Unha xoaniña vivía nunha vila chamada Lalina. A xoaniña participou nun concurso de relatos curtos, de menos de trescentas palabras. Dúas semanas máis tarde de concursar chegoulle a casa unha carta dicíndolle que gañara e que o seu relato se publicaría no xornal do mes seguinte, e que tiña que ir dous días antes da publicación por alí. Cando chegou o día a xoaniña tiña que marchar á vila da editorial do xornal, e alá foi, pero esqueceuse de botar gasolina. Cando estaba a metade de camiño acabóuselle o combustible e non puido chegar ao xornal. Estivo alí semanas e meses, e ninguén viu no seu rescate. A pobre xoaniña non tiña comida e foi morrendo ata pechar os ollos de todo.

Sara Marco

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºB

 

ACABOUSE A GASOLINA

Había unha vez unha xoaniña que estaba acostumada a saír voar polos altos montes cando se aburría. Cada vez que vía a bonita paisaxe dos montes púñase máis contenta. Había unha zona chea de cactos pola que non se podía pasar. A xoaniña lanzouse dentro deles, pasaba polas espiñentos corpos dos cactos, enganchándose en varias espiñas. Empurraba e empurraba, pero non conseguía saír. Dábase por vencida, pero non se rendeu, empurrou moi forte e conseguiu saír. Deuse conta de que tiña unha ferida no cu. Aterrou, chamou á ambulancia. A xoaniña esperou durante unha hora. Cando chegou a ambulancia curárona e foi para casa cunha vendaxe no cu.

Eric Pérez Cortizo

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºC

 

A ORIXE DA ARTE

O galo quería descubrir algo fantástico, pero non se lle ocorría nada verdadeiramente impresionante que deixara a todo o mundo coa boca aberta, sen importar que el fose un galo. Entón, colleu unha táboa de madeira, e un ovo fritido que a súa muller puxera aquela mañá, e púxoo enriba da táboa, á que lle fixera un burato para poder meter a súa garra para agarrala. A ese invento chamouno paleta. Colleu o pincel e púxose a crear. Daba pequenas pinceladas ao debuxo. Tonos que resaltaran a pintura, para que parecera un cadro profesional. Cando o terminou púxoo frente ao espello e deuse conta de que era o seu retrato. Este galo foi o inventor do autorretrato, que tras ser exposto no museo, foi o máis famoso do mundo.

Natalia Touriño Barreiro

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºC

 

A ANGUSTIA DA FOLLA EN BRANCO.

Era un pingüín que vivía no polo seu. Estaba farto de ver pingüíns e neve branca. Entón, pensou en facer unha viaxe. O pingüín decidiu ir a Madrid. Tiveron que pasar semanas enteiras para que se lle ocorrera como poder ir. Pensou e pensou ata que por fin se lle ocorreu como.

-Irei nun avión de neve.- dixo Iago convencido.

Entón, púxose a facer o avión. Cando xa estaba listo, iniciou a súa viaxe. Alí, en Madrid, quixo ir ao Museo do Prado. Iago chegou a unha casa alta, grande, na que entrou e se deu un susto moi grande.

-Como pode haber tanta crise!- pensou.

E entón viu ao presidente do goberno  e preguntoulle onde estaba o Museo do Prado. El díxolle que estaba no Paseo do Prado, un pouco máis abaixo. Iago tardou tres minutos en chegar. Xa dentro viu moitos debuxos, e el quixo ser pintor, pero, non se lle ocorría nada. Empezou a ir todos os días ao museo, para ver se se lle ocorría algo. Tres meses despois tivo unha idea: debuxarse a el mesmo, cun cabalete no que habería unha lenzo en branco. Levouno ao museo, e vendeuno por moitos cartos. Tres anos despois botaba de menos á súa familia, entón comprou un avión e chegou en tres horas. Unha vez alí Iago preferiu mellor estar cos seus familiares que coa súa fama. Por iso decidiu quedar alí.

Iago Iglesias Prieto.

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºC

 

CAMERINO

Había unha vez un elefante que, despois dun duro día en África volveu ao seu camerino para quitar a maquillaxe de elefantes. O seu compañeiro de traballo, Pachenco, díxolle –Boa actuación, pero nunca superarás aos meus chistes, coma este: Que lle di unha árbore a outra?, que pasa tronco!- O elefante dixo –pero aposto a que ti non podes subir nunha pelota xigante- Verás como si- dixo Pachenco. Colleu a pelota do elefante e subiu a ela, pero en dous segundos caeu da pelota e rompeu unha perna, entón Pachenco acusou a elefante e díxollo á policía. E entón o elefante decidiu volver a ensinarlles aos seus irmáns o que aprendera en África.

César Varela López

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºC

 

O PAXARO PALLASO

Había unha vez, antes de que naceramos, un circo moi bo onde actuaba animais: un cabalo malabarista, un golfiño acrobático… pero había un que sobresaía dos demais, o paxarogüín pallaso. Facía rir a todo o mundo, ata ás persoas máis serias. Facía malabares cun millón de pelotas e facíaas caer enriba del; vestía con zapatos xigantescos, e empezaba a camiñar, en resumo, facía rir a todos con cousas que nin imaxinas. Pero un sábado, un home co seu fillo foron ver o circo; pero non lle gustaban os animais, nin o circo. Entón, cando terminou o espectáculo, foi xunta o burro que estaba na recepción e díxolle nun ton alto e claro, -Como non pechedes o circo mañá, veño coas miñas escavadoras e boto abaixo a carpa-.

O burro de recepción non sabía que facer, pero ao final decidiu contarllo aos seus amigos. Nuns minutos xa estaban todos na sala de reunións onde o burro lles contou todo o sucedido. Entre todos decidiron quedar no circo porque non crían que viñese o home. Pero ao día seguinte, cando espertaron, o home estaba alí coas escavadoras e todos saíron a toda présa cara o bosque. Agora, fan espectáculos para os animais da fraga que están encantados coas súas acrobacias.

Pablo Portela

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºC

 

VICTORIA

Érase unha vez unha pomba que foi dar un paseíño polos aires das provincias galegas. Cando ía cara a provincia de A Coruña, unha gaivota íalle traer problemas… A pomba pasou á súa carón coma se non ocorrera nada, pero a gaivota díxolle: -Non podes estar aquí. Estas son as miñas terras e só eu podo voar por aquí-.

Así que a pomba propúxolle unha carreira ata o centro. Así que, empezaron a carreira. Ao principio, cando empezaron, ía gañando a gaivota, pero a pomba acelerou e conseguiu adiantala. Ao chegar ao centro de A Coruña a pomba ía por diante, así que gañou a carreira. Alí, esperábaa moita xente, xunto cunha estatua na que aniñou a pomba durante moitos anos.

Martín Pérez Pousa

CEIP Vilaverde-Mourente, 6ºC

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: