Saltar ao contido

A BICHARÍA QUE NOS ACOMPAÑA DÍA A DÍA

29 Maio 2015

Discurso

O oso que habita nos canos do edificio espreita os humanos, descubrindo a vida estraña e solitaria que levan. O alumnado do CEIP Álvarez Limeses achegouse, a través deste sorprendente “cronopio”, á obra de Julio Cortázar, un dos grandes expoñentes das letras hispanoamericanas. Este relato infantil serviulles de inspiración para explorar a existencia doutras criaturas curiosas que tamén nos abesullan dende recunchos do noso contorno cotiá.

 

Son o elefante dos libros da escola. Estou nos libros de galego, de castelán, de matemáticas… sempre que os nenos abren os libros, saio para xogar. Eles cóntanme as súas penas, eu escóitoos falar. Eu quixera estudar coma eles e eles xogar coma min. Gústame facer trasnadas cando os mestres non están. Lávome nos libros de música; primeiro co rabo, logo coa trompa e por último, coas orellas. Mentres, os libros póñense a cantar baladas de amor sen final. Vou ás reunións de mestres, vexo as notas, como se comportan os nenos… Cando acaban as reunións vou xogar cos números: co un, co nove, co once, co trece… Cando acaba o día vou durmir. Os libros arrólanme e cántanme. Gústame a miña vida.

Marta Buceta Montero 5ºA

(CEIP Alvarez Limeses)

 

Eu son o cabalo dos andeis da biblioteca. Polo día ando observando a xente como le os libros, como os leva prestados; e polas noites saio alegre a ler libros sobre cabalos e outros animais. Ás veces polo día rincho e a xente asústase e quéixase ao bibliotecario. Ás veces ordeno os libros mentres paseo feliz polos estantes. Polas mañás moi cedo vexo saír as raiolas de sol que me dan na cara. Aínda que non o pareza son moi sabio, porque leo libros sen parar. Tamén recollo cousas que esquece a xente. Sempre son feliz.

Ángela Rivas Romero 5ºB

(CEIP Alvarez Limeses)

 

Eu son o oso que crea as folerpas. Vou saltando de nube en nube, regándoas con auga. Sempre quedo a ver como caen as folerpas, levadas pola brisa, suaves e lixeiras. Vou de casa en casa cubrindo os tellados de neve. Ás veces fago bonecos nos xardíns. En Nadal os nenos e as nenas regálanme globos e eu agradézollo construíndo castelos. En fin de ano gústame asomarme ás ventás e ver como as familias rin con moita alegría. Un día un neno chamado Gabriel convidoume á súa casa e os seus pais déronme un fogar para vivir como se fose da familia. No verán vou á praia con eles a tomar o sol. Xa era hora dunhas vacacións!

Andrea Alvite Costa e Pablo López Fontenla 5º

(CEIP San Bieito de Lérez)

 

Eu son o tigre dos ascensores. Cando teño fame, o ascensor ruxe. Moitas veces espirro e fago que lle caian cousas á xente. Outras, estou despistado pensando en cousas miñas, o ascensor pasa de longo e non para cando o chaman. Cando non hai ninguén subo ata o tellado a ver as estrelas, ou baixo ao soto a descansar, a limpar o lixo. A xente ten medo dos garaxes, porque sente como se houbese alguén á espreita.

Carla Tilve Fontán 6º

(CEIP San Bieito de Lérez)

 

Son a formiga que vive nas canles do hotel. Todos os días percorro o hotel para ver os hóspedes. Cando é de noite vou xunta os nenos que teñen pesadelos e fágolles cóxegas para que se tranquilicen: primeiro no pescozo, logo nos brazos, despois polo corpo. Iso faime sentir moi ben porque gústame ver a xente feliz. Ás veces escoito as voces das parellas discutindo, cando os seus fillos están diante, e iso faime sentir moi mal. Como se deben sentir todos se é moito mellor vivir nas canles? Deben sentirse sós, doídos, apenados.

Sara Castro López 5ºA

(CEIP Alvarez Limeses)

 

Eu son o galo divertido que vive no concello. Vivo no tellado, vixío os políticos, camuflado detrás da parede. Pola tarde vou polas tubaxes de piso en piso. As persoas quéixanse ao garda de seguridade. Subo ata a sala de plenos e quedo alucinado de como discuten. Pola noite baixo ao garaxe para poder mover un pouco as patas. Cando vén o garda agóchome detrás dun coche para que non me vexa.  Despois volvo ao tellado para contemplar as estrelas. No verán quedo dentro dos condutos de ventilación. No inverno collo o puro de calquera político e quéntome. Pola primavera vou ao xardín, collo unhas flores e póñoas enriba da mesa do vixiante. No outono estou na cámara de armas.

Iago Sanjorge Gonzalo 5ºB

(CEIP Alvarez Limeses)

 

Eu son a gaivota protectora do parque. Cando os nenos fan unha ferida,  cúroa coas miñas plumas. Cando un neno vai caer, recólloo voando e déixoo coa nai, que mo agradece moito. Pola noite penso que me aprecian, por salvar os nenos e xogar con eles. Voo ao ceo, contemplo as estrelas e as galaxias, e penso: se puidera estar aí! Todos os días é o mesmo ata fin de ano, cando me dan comida e abrigos. Nas mañás de frío poño os abrigos que quedan esquecidos e prepárome para a xornada. Cando ninguén vén ao parque sento soa, pero ao día seguinte xogan máis comigo. Non sei que pasaría se non viñeran. Adoro os nenos!

Diego García da Costa e Antonella Tourón Giménez 5º

(CEIP San Bieito de Lérez)

 

Eu son a tartaruga dos mobles das casas. Son moi alegre e ás veces róubolle libros a Xosé, o do cuarto. Doulle sustos a Xoán, o neno do sexto. Cando se apagan as luces, xogo nos ordenadores pola noite; tamén durmo nos mobles da cociña. Custa chegar desde o salón ata a cociña sen que me vexan. Cando os nenos están a lavar os dentes, subo enriba do espello, abro os estantes  e métolles un susto. Eles pensan que hai pantasmas. Cando me apetece vou á hamburguesería e póñome nos mobles da cociña. Cociñan, eu como, e teñen que volver cociñar.

Pedro García López 5ºB

(CEIP Alvarez Limeses)

Discurso2

Son a lagosta que che fai pensar. Cando quero que fagas algo, belíscoche. Cando me deprimo, ti enfermas, cando me enfado, ti enfádaste. Cando saio polas noites e te vexo durmindo, digo oxalá souberan o traballo que teño. Cando me dan un premio, síntome moi féliz. Non teño moita memoria, e ás veces gústame saír e ver as cousas que anotan os seus diarios. A miña vida é moi dura, e o meu premio é o aprecio de todos. Cústame moito saír, e tamén coller as cousas. Utilizo as miñas patas e collo as cousas coas pinzas. Así é a miña vida, e así seguirá.

Iván Vicente

San Bieito de Lérez 6º

 

Son o porco de dentro do teito da escola. Cada día gústame correr polos teitos. Os nenos, que están a estudar, pensan que se lles vai caer na cabeza, pero non saben que son eu. Polas noites síntome só, non hai ninguén que me acompañe, pero divírtome entrando nas aulas e buscando as cousas que os nenos agochan. Á mañá seguinte, xusto ás nove, aprendo escoitando ao mestre falar, e, vagamente, síntome moi listo. Os mestres non o saben, pero eu xogo cos nenos no baño. Montan no meu lombo e eu lévoos a todas partes. Á mañá seguinte o meu día volve empezar.

Sara Alfaya Davila

Alvarez Limeses 5ºA

 

Eu son a pantera dos tellados das escolas.

Encántame ir polas tubaxes para saudar nenos e mestres.

Á hora do recreo ata eu o paso ben,

Vexo como gozan, corren,

Porque subo ata o tellado onde teño a miña casa,

Ao lado da cheminea

Que ten vistas ao patio do recreo.

Na miña casiña teño comida

Porque como son a mascota do colexio,

Danme de comer.

Antes de entra ao colexio  van de dous en dous

Subidos ao meu lombo

E doulle unha volta polo patio.

Todos me queren e veñen xunta miña cando me ven.

Jesús Valiñas

Alvarez Limeses 5ºB

 

Son a serpe que abre as portas.

Uso a miña cola para abrir as portas cando están pechadas, entro para ver a comida e róuboa. Nunca ataco á xente, aínda que quedo nas ventás ata que sae o sol, e entón, espértoos co son do meu axóuxere. Cando é de noite escóndome ata que todo o mundo está na cama, para que ninguén vexa como abro as portas.

Manuel Fraguas e Yago Saburido

San Bieito de Lérez 5º

 

Eu son o oso Nelson, vivo nun pais moi distante. Sempre estou a espiar á xente. Non se dan conta de onde deixan algo. Eu cólloo e o gardo para min. Se o dono o bota en falla vólvoo deixar ond eo perdeu, pero se non, quédomo. Así eé como ás veces aos donos lle custa atopar as cdousas. Cando buscan desesperados, eu río moito pola inxenuidade, xa que no fondo sodes todos coma nenos.

Paula Sánchez García

San Bieito de Lérez 6º

 

Son a serpe do ascensor do rañaceos. A min gústame oír ás persoas falar subindo e baixando. A xente sorpréndese, pensa que o ascensor vai mal ao oír os meus ruídos. Enfádame moito ver á xente protestando polo meu ruído. Gústame pola noite subir no ascensor ata o último andar e ver a cidade pola noite. Tamén me gusta meterme na cama co neno do décimo terceiro piso e pasar a noite pegado a el. Sigo aquí pensando o ben que fago o meu traballo.

Miguel Bralo Latorre

Alvarez Limeses 5ºA

 

Eu son a cebra do hospital. Eu son a que da alegría en verán e que en inverno engado un chisco de diversión. Cada mañá cando non están os doentes, fago algún ruído detrás dos doutores. Eles dan un brinco. É moi divertido. Gústame subir ao tellado do hospital, e ver as estrelas, é moi relaxante. Durmo en coxíns que lles caen ao chan aos doutores. Están moi brandos.

Polas tardes veñen os nenos, e cando espirro sen querer, ven que hai unha pantera. E vólvense tolos. A parte que menos me gusta é o quirófano. Dáme noxo. Moitas veces axudo, sen que me vexan. Os doutores din que é sorte.

Encántame a miña casa.

Genet Duarte Ruibal

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son o paxariño das mañás. Pola mañá canto na ventá da xente para espertala. Á xente encántalle o meu doce canto. Todas as mañás teño competencia, é o reiseñor, pero sempre canto mellor ca el. Polas noites canto un arrolo e a xente que aínda está esperta dorme ao instante. Cando non precisan a miña axuda vou ás montañas e xogo co meu irmán. As nais dos nenos agradécenmo moito. Para compensar o meu traballo danme comida.

Antonio Anselmo e Noé

San Bieito de Lérez 5º

 

Ola, eu son o mono que xogando tira as follas das árbores. Ás veces, cando sopra o vento, empezo a cantar cancións, porque me aburro. Mentres o vento fai caer as follas. Algúns días, divírtome saltando de póla en póla e co peso do meu corpo fago unha chuvia de follas, e os meus amigos que están debaixo miña; abren o paraugas para preparárense da chuvia de follas. E por último, eu vou á casa dos meus veciños. Bérranme porque lle caen as follas das árbores, e xa sabedes por que…

Inés Filgueira Oliveira

San Bieito de Lérez 6º

 

Son o león das cubas da fábrica de refrescos. Polas mañás, ao espertar, bebo un pouco de refresco de cola. Asómome pola tapa da cuba na que durmo. Vexo á xente traballar sen parar e penso que deberían beber refrescos cada día para mellorar a súa vida. Salto silencioso á cuba na que… un día case que me embotellan, pero non teño medo. Pola noite vou á C.X.X., que é a cuba xigante xigante. Reláxome e vou durmir. En verán as cubas están máis frescas, xa que se non estráganse. Estou máis feliz co frío que coa calor. En inverno reláxome tombándome e flotando na superficie. Pola mañá penso na vida que tería noutro lugar. Se fora vivir ao bosque, que sería da miña alimentación? Nun colexio daría medo na clase de Ciencias Naturais, e nun hospital tería eu medo das inxeccións. Estou pensando en marchar un día destes e non volver nunca máis.

Ángela Silva Veiga

Alvarez Limeses 5ºA

 

Eu son o periquito divertido, que vive nos canos do edificio. Pola noite pásoo moi ben. Collo as mantas de plumas e fago que son un cantante con plumas de cores. Os veciños só me escoitan, pero non me ven. A min gústame iso. Así non me poden coller. Eu antes estaba noutro edificio e paseino mal. Pasábao tan mal que collín e marchei. Agora estou aquí, e estou moito mellor. Gústame moito este edificio, e penso quedar nel. Non me gusta que me maltraten, porque eu son moi bo. Encántame a xente boa e amable, coma min. Todos me tratan ven, aínda que non me poden ver. Nunca me deixo ver. Son tímido, ninguén me ve. Gústame que me traten ben, como eu os trato a eles. O que detesto é á xente sucia. Eu son moi limpo. Os veciños do segundo son moi porcos. Chámoos “os porquiños”. Teño a casa moi limpa. Son limpo e non me gustan as manchas. Odio as manchas nas plumas ou o mal olor. As nenas do sexto teñen o pelo ata os xeonllos. Non teño pais, nin irmáns. Vivo só nos canos. Mellor para min, así fago o que queira. Sobre todo, gústame cantar, e bailar zumba. É un baile que me gusta moito, é moi movido. Encántanme os bailes movidos. Encántame bailar e cantar. Se tivese pai ou nai non me deixarían cantar. Así que eu prefiro estar  só. Ben, se tivera unha moza! Eu son feliz tal e como son e ninguén me vai cambiar. Vou ser sempre igual, porque así son feliz.

Estela García Quintáns

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son a serpe da boca. Cando me movo moito as cousas pican, e cando me movo pouco están doces. Na primavera collo as raiolas de sol e lévoas ata a froita para que madure e colla sabor. Cando non me gustan as cousas dígollo á campaíña, para que lle de un golpe e o cuspa. Ás veces mórdenme os dentes. Voume durmir pensando que me queren moito, porque lle dou sabor ás cousas. Apóiome no labio e póñome a durmir. Esperto grazas á campaíña que me fai de espertador, e báñome co leite que bebe o neno. Máis tarde póñome a xogar cos dentes, a campaíña e os labios, porque teño moitos amigos.

Javier Lorenzo Abilleira e Alejandro Mouriño Martínez

San Bieito de Lérez 5º

 

Eu son a lontra que vivo na auga. Cando se achega o verán quito a miña pel e lle mando ao sol un sinal para que active os seus raios cegadores, para que quente a terra. Cando o inverno se achega dígolle ao sol que desactive os raios e mándolle ao vento a choiva, e as nubes, para que haxa moito frío. Eu poño a miña pel para non ter frío. Eu é como produzo a calor do verán e o frío do inverno.

María Carballal Barreiro e Uxía Soliño Aboal.

San Bieito de Lérez 6º

 

Son o cabalo dos mapas e vivo nunha escola. Cando a mestra move os mapas eu salto de lado a lado. Vexo aos nenos traballar, e dáme moita pena, pois eu divírtome e eles traballan que arrean. Sabedes cando os mapas fan ruído ao enrolalos as profesoras rapidiño? Pois son eu cando xiro e xiro, salto e salto, e tamén fago o meu ruidiño. Gústame esta escola porque aos nenos fágoos rir, mentres a mestra non para de regañar.

Candela Alonso Carballo

Alvarez Limeses 5ºA

 

Eu son o can do pavillón de baloncesto. Vivo moi ven. Fago deporte cos balóns. Cando chegan os nenos escóndome nos baños, e cando marchan empezo a xogar. Algunhas veces meto e outras non. Cando chegan os nenos e as adestradoras e miran todo desordenado non poden nin falar. Pensan que entraron a roubar. Cando me fago dano ladro un pouco, pero, empezan a buscar e non me encontran. Cando chove teño medo, pero, cando vexo un balón, como me encantan, pásame o medo e tranquilízome. Cando teño fame collo comida das máquinas. Se me mira alguén saio para fóra e así non saben o meu segredo. Son o can dos pavillóns e vivo moi contento alegre e feliz.

Sabela Perales de la Guardia.

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son a  serpe do sssttt.

Gozo nas horas de silencio e non me gustan as horas de ruído. Na cola teño un po máxico para calar o ruído. Cando os nenos choran, eu fágoos calar co meu po. Polas mañás durmo e polas tardes canto, e polas noites observo as estrelas. E xa vos dixen que vivo nunha casa cunha familia. Creo que me aprecian porque lles regalo o silencio. Eles sempre xogan comigo e gústame moito. Ás veces tamén lle limpo as tubaxes, claro, en silencio.

Noel Campo Solla e Ángeles Jiménez

San Bieito de Lérez 5º

 

Eu son o lucecú da electricidade. Eu e as miñas amigas somos as encargadas de darlle luz aos aparatos electrónicos. Eu sempre estou pendente de ver cando acendes unha luz, un ordenador, o forno, e… alí, estou eu para axudar. Quérenme moito, ata que… o día da miña morte terán que reemprazarme por outro; e espero que ese lucecú queira á miña familia.

Paula Carabelos Vázquez

San Bieito de Lérez 6º

 

Son o cabalo dos cables eléctricos do edificio. Todas as noites fago vibrar o edificio, e os veciños cren que ven un terremoto. Despois fago coma se fora unha debandada. Polas mañás, cando os veciños van lavar as mans ou a cara, doulles corrente e quedan asustados, e caen ao chan. Todas as noites tómbome no tellado, e observo as estrelas do ceo e mentres os veciños dormen eu ronco, dándolle electricidade ao edificio.

Noa Acuña Curras

Alvarez Limeses 5ºA

 

Eu son un lince. Vivo nos canos dunha casa. Nesa casa vive unha nena. A miña vida é moi sinxela. Para conseguir a comida teño que limpar os canos. A cambio, a nena dáme de comer. A miña vida habitual empeza ao erguerme. Despois limpo os canos, logo a nena dáme de comer, descanso un pouco, despois teño que volver limpar, e a nena dáme a cea. Cando me meto na cama penso, penso o que me pasou durante o día, penso o que podo cambiar, ou non fago ben. Despois, ao cabo dun tempo, a nena venme contar cousas, o que lle sucedeu no día, o que a preocupa… eu intento alegrala, dicirlle o que me parece, e tamén de vez en cando, contámonos segredos. E antes de durmir sempre me conta un conto. Case sempre o escolle ela, e gústame moito, pero hai veces que non entendo cousas e ela explícamas. Despois, toca o que máis me gusta… durmir!

Serita González

Alvarez Limeses 5ºB

 

Son a rata come libros, que como sen parar. Vivo nun estante cheo de libros. Sempre me vou xogar ao agocho inglés. Fago o morto e non me movo. En realidade como só os libros que están rotos, vellos, estragados. Axudo aos estudantes cos libros que buscan, e a bibliotecaria dáme as grazas por axudala.

Diego Pazos e Iria Panadero Rey

San Bieito de Lérez 5º

 

Son un gato moi traste, cando a miña avoa deixa a lá na súa cestas collo a lá e tírolla ás estrelas. Empurro delas ata que deixan o meu xardín. Fago debuxos. Baixo ás veces e fago subir a lúa a primeira hora da noite. Abro un ollo e vese a primeira estrela, péchoo pola mañá.

Shakira Pombo Bardanca

San Bieito de Lérez 6º

 

Eu son o gato das lámpadas dos rañaceos. Eu acendo e apago as luces das casas e os veciños quéixanse porque pensan que están estragadas. Son un gato vermello e branco, a raias, porque son de Bilbao. Sempre deixo ciscados pelos nas billas, e a xente di que a auga dá noxo. Polas noites durmo na casa do andar vixésimo sétimo, é onde vive Wilfred, un neno de oito anos que sempre me acariña. É o único que sabe que vivo nas lámpadas. Polas mañás lavo as patas unha por unha nas billas de Wilfred. En fin son a cousa máis molesta do edificio.

Pablo Cumbraos López

Alvarez Limeses 5ºA

 

Eu son o coello alegre que vive nas tendas do centro comercial. Todas as mañás agóchome detrás das cortinas, e se alguén rouba doulle ao botón da alarma e soa. Nas tardes soleadas encárgome de ir á sala que dá ao botón que fai que unha alarma soe, e iso significa que é a hora de abrir as tendas. Polas noites, cando pechan as tendas, é o meu momento preferido porque vou ás tendas e xogo moito. A tenda que máis me gusta é a das máquinas e a dos xoguetes. Despois busco as moedas que lle caen aos clientes e vou mercar comida das máquinas. Vou á tenda de roupa deportiva, e ao local onde hai un ximnasio, e fago deporte. E despois métome no meu tobo e durmo ata o día seguinte.

Marta García Moldes

Alvarez Limeses 5ºB

 

Son a foca debuxada no encerado da escola. Escorrego e xogo de letra en letra. Debuxo sen ningún fin. Son moi bos os nenos e non me borran. Adóranme. Encántame debuxar porque é o máis divertido do mundo. Polas mañás encántame o sol que me da, e pola noite encántame a escuridade. Desexaría saír do encerado e coñecer o alegre mar, sei del pero nunca o vin cos meus ollos. Eu son moi lista porque fun a todas as clases. Encántame moito vivir a vida, é o que me fai máis feliz. Aínda que nunca vin o mar de verdade, confórmome co mar que me pintan, xa que sempre vivo no mesmo lugar, o encerado da miña vida.

Manuel Carrascal Prado

Alvarez Limeses 5ºA

 

Son o can que vive no castelo, porque son o rei. O meu nome é Max, e son un rei moi xusto. Gústame axudar aos meus súbditos cando podo. Pero de súpeto chega un oso moi malo e dixo que el era o novo rei. Tiroume ao chan, e sentou no meu trono. A todo o que protestaba mandábao aos calabozos e a min sacoume do castelo. Decidín que iso non podía quedar así. Entón, fun aos calabozos con moito sixilo e liberei aos meus súbditos. Como o novo rei Brutus era moi novo aínda non tiña moitos seguidores. Despois de pensalo moito decidimos atacalo cando menos o esperaba. Porque mentres era tan novo non tería moitos súbditos e así vencelo seríanos difícil, pero non imposible. Entón decidimos atacalo xa, e vencémolo, e desde ese día reforzaron a garda e prometeron que nunca volvería pasar.

Cardina Pérez Sanmartín

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son a foca pequena que vive nos muros do castelo. Teño unha armadura que me protexe do frío pola noite. Cando me aburro gástolle bromas aos vixiantes das portas. No meu castelo viven os reis Xoán e Ramona, que se asustan cos ruídos que fago. Os meus amigos son: a iguana, o can e o gato, que nunca me traicionan. Eu son feliz pola noite cantando cancións mentres se esconde o sol.

Mar Rivas Pidre

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son o gato do concello. Sempre consigo o que quero, que é molestar ao alcalde e aos demais que traballan alí. Cando polas mañás veñen o alcalde e os demais traballadores, agóchome e durmo toda a mañá. Pola noite intento encontrar auga e comida. Gústame moito ir ao despacho e romperlle follas, e darlle ás máquinas como as impresoras. Ás veces deféndome polas mañás rabuñando ou saltando. Pero sempre, ao seguinte día, xa non lembran que estou aquí. A señora da limpeza sempre me deixa comida porque me coñece, e tamén algunhas veces me compra xoguetes. Para min vivir no concello é moi divertido.

Iria Perales de la Guardia

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son o coello alegre que vive no museo. Teño a pelaxe moi longa e as orellas moi curtas. Gústame xogar cos cadros cando anoitece e saír nas fotos cando alguén a quere tomar. Todos os nenos son moi trastes, e cando queren romper un cadro, mórdolle nos pés. Cando ven o home da limpeza, falamos de como foi o día. Polas noites saio á ventá, e miro as estrelas, cóntoas e río con elas.

Melisa Rivera R.

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son o rato da escola. Vivo detrás dun moble, vivo en paz, polas mañás  asómome á ventá e vexo pais e nenos e nenas. Cando chegan os nenos escóndome. Cando se van a algún sitio vou nas mochilas e busco queixo. A alumna María cabréase cando desaparece a queixo da súa mochila. Tamén vou nas botellas e collo unha pinga de auga e lávome a cara, bebo e como; durmo nos libros da mestra Xulia. Ás veces subo a contemplar as estrelas do ceo. Coas tesoiras dos nenos corto o pelo e coas pelotas dos nenos gústame xogar.

Yago Estévez Bahía

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son a tartaruga das torres da igrexa antiga. Todos os días, cando tocan as campás, póñome detrás dunha cadeira, na que senta o cura que dá a misa. Cando empezan a dar a misa escóndome enriba de todo da igrexa, detrás dunha estatua. Cando a xente chega, póñome moi contento e furioso, e un día, sen querer, berrei, e oíuse por toda a igrexa, e todos quedaron sorprendidos. Víronme, e ao final fíxenme amigo do cura. Divírtome moito, e ás veces dou eu a misa.

Carla Gómez Lorenzo

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son o coello que vive nos canos do hotel. Como se chama? Este que está naquela esquina. Dá igual. Cando os pisos están baleiros entro e os modifico á miña maneira. Por exemplo , poño unha bañeira na cociña. É lóxico, non? Así como cenoria frita, mentres os chorros me dan unha boa masaxe. A cama na terraza, e así durmo co aire fresco. Cando veñen persoas teño que esconderme. Logo veñen os do hotel, e desordénanme todo, e, a ocupar outro cuarto. No meu tempo libre como son moi curioso, vexo que fan. Reláxame moito ver pasar os automóbiles pola noite.

Laura Pozaco

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son a xirafa dos cursos de primaria, e como son moi alta, levantar os libros para que todos os vexan é o meu traballo. Cando é pola noite gústame ver a lúa chea, e o ceo estrelado. Se alguén ten un problema e non sabe que facer sempre teño a solución e vou correndo a por el.

Laura Macías Carballeda 5ºB

 

 

Ola, son o cabalo divertido dos cuartos dos hoteis. Vou polos cuartos sen que me vexan as persoas. Axudo a limpar, fregar,  varrer… Son moi bo amigo dos nenos que se hospedan no hotel. Hai unha nena que se hospeda no  cuarto cento trece que é moi doce, guapa e divertida. Non sei como se chama, pero sei que polas mañás érguese cedo e déitase tarde. Pero un día estaba paseando polos estantes e vin que estaba soíña, e fun falar con ela. Díxome que ía marchar pronto e que non lle collera cariño. Quedei un pouco triste porque ía marchar. Ao día seguinte, a nena volveu falar con el e díxolle que o seu pai era o dono da casa que estaba ao lado, e púxenme moi contento. A nena mudábase a esa casa. Dende aquel día a nena ven todos os días ao hotel.

Lara Vázquez González

Alvarez Limeses 5ºB

 

Eu son o can que vive no museo, que protexe aos nenos dos perigos, e aos maiores tamén. E cando vou ao tellado a respirar aire puro para relaxarme, cando estou preocupado ou estou enfadado, e cando poñen novas esculturas.Teño que ter moito coidado cos maiores, porque os maiores sempre queren ver que escultura nova chegou ao museo. Unha vez un cego qu vía coa súa familia. O cego foise á nova escultura.

Brais Novas Caneda

Alvarez Limeses 5ºB

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: