Saltar ao contido

PONTEVEDRA, UNHA CIDADE PARA MOSTRAR O BO PASEANTE QUE LEVAS DENTRO

29 Maio 2015

Paseante

Pontevedra é unha cidade á medida dos peóns, redeseñada para priorizar o tránsito das persoas por diante da circulación dos vehículos. O alumnado do CEIP Froebel describe as andanzas do señor Pascual polas rúas, as prazas e os parques. Describindo os seus costumes e actitudes -a observación da paisaxe, a ausencia de estrés, o semblante sorrinte, a afabilidade- elaboraron un “Manual do bo paseante”, ao xeito da obra do ilustrador Raimon Juventeny.

O bo paseante coñece ben o firmamento.

Pascual coñecía o firmamento coma a palma da súa man. As constelacións, a lúa… todo o tempo estaban no ceo, cada noite, tan brillantes coma vagalumes. As estrelas que formaban as constelacións cada vez eran máis e máis… A lúa reflectíase na poza, coma unha sombra fugaz… sempre que á noite aparecía, elevábase entre todas as estrelas. As constelacións tiñan formas como un oso, unha serpe, un sol… Ás veces parecía que estaban vivas! Suso Dios Santiso (CEIP A Carballeira 5º e 6º)

O bo paseante nunca ten présa.

Pascual sempre vai amodo, sen apuro e sen preocupacións, cun bastón na man e cunha pipa na boca. Para el nunca é tarde e chega á casa á hora que lle apetece. Álvaro Pérez Sueiro 5ºB (CEIP Froebel)

O bo paseante mostra sempre un lixeiro sorriso.

O señor Pascual Outeiro prefire as paisaxes naturais. Un día coñeceu un home que tiña moita présa e por iso caera. Pascual axudouno a levantarse e díxolle que andara máis tranquilo, que observara e que levara sempre un sorriso nos beizos. Á semana seguinte o home atopou a Pascual pola rúa e deulle as grazas polo consello. Xairo Collazo Sanmartín (CEIP A Carballeira 5º e 6º)

O bo paseante abráiase co maxestoso.

Pascual sempre queda abraiado coas cousas que teñen arte. Gústalle admiralas porque son algo único e fermoso. Atopa árbores monumentais nas que ninguén se fixa, estrelas, parques… Cando atopa unha estatua queda uns intres a vela e a pensar nela, que antigüidade ten… en que época viviría o escultor. El sempre encontra o punto de vista fermoso. Martina Barral Pousa 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante é un grande observador.

Pascual ve como voan os paxaros e gústalle escoitar o seu canto, que lle recorda os asubíos do seu avó. Aroa Viéitez Fernández 5ºB (CEIP Froebel)

O bo paseante é un gran conversador.

Pascual é moi conversador cos seus amigos e cando vai tomar un café á cafetería ou unha auga do tempo sempre o convidan, porque esquece a carteira na casa. O médico Víctor mandoulle pasear oito quilómetros diarios e sempre fai bos amigos nas súas camiñatas. Carlos Miguel Lubiáns Blanco 5ºB (CEIP Froebel)

O bo paseante, ás veces, fai algún debuxo.

Pascual debuxa o que pensa, pero desta vez non podía porque non atopaba inspiración. A xente xa non vía o chan nin apreciaba nada; só ían de fronte e rápido. Pascual foi a casa, acendeu o televisor e viu unha guerra entre dous pobos africanos. Non lle gustaban nada as guerras. Despois saíu pasear o máis rápido que puido. Ao chegar ao parque e mentres pensaba no documental que vira, empezou a debuxar unha pomba, o símbolo da paz, un corazón… e Pascual durmiu tranquilo ese día. Sara Camargo 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante ten bo oído.

Pascual é un home solteiro que non ten nada máis que facer polas tardes agás pasear. Un día, paseando polo parque, escoitou o canto dos paxaros e parou, observounos con calma, sentou e pechou os ollos, sentindo o seu canto no interior. A Pascual encántalle a música, sentila e gozala. Pero cando é desafinada ou malsoante, non lle gusta nada, mesmo lle molesta. O que máis lle gusta é pasear e escoitar á vez o canto dos xílgaros. Irene García Pérez 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante goza superando obstáculos.

Pascual foi trapecista profesional cando era novo. Un día, un dos seus compañeiros marchou para ser explorador e Pascual foi con el. Agora é paseante e cando vai polo bosque adoita  saltar os ríos, agarrándose ás pólas das árbores. Kiko de Carlos Varela 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante goza superando obstáculos.

Xa transcorreran trinta minutos dende que o señor Pascual comezara o seu rutineiro paseo polo parque, atopando obstáculos coma de costume. Gústáballe moito superalos, sentíase moito máis novo e forte. Gozar da natureza, os animais, o aire puro, era un pracer para el. Cada día estaba máis contento co que o rodeaba, co que ía acontecendo nese magnífico entorno. O vento, acariñándolle a cara, coma a súa nai cando era cativo, os paxaros voando no ceo como se non tiveran límites. Os peixes do río corrían polas cristalinas augas como se estivesen xogando un partido de fútbol. Así é como esta tarde rematara para o señor Pascual. Esta historia marabillosa é a que lle contará aos seus netos, para que aprendan como é dar un paseo pola natureza. Carmen Mª Adab Acuña (CEIP Froebel)

O bo paseante sae pasear cando lle peta.

O señor Pascual Outeiro ía facerlle unha fotografía ao seu paxaro para enviala ao traballo. Cando foi á gaiola, non estaba o paxaro! Había outro! Era como se alguén o substituíra. Entón, Pascual asustou ao paxaro, e pensou que podería seguilo por se volvía a casa do seu dono, o ladrón. O paxaro foi cara a unha tenda de lambetadas. Pascual estaba empezando a arrepentirse, porque sentía que estaba a perder o tempo. Por se acaso, entrou, e o dependente era un señor con malas pintas. A Pascual pareceulle moi sospeitoso e decidiu esperar á noite. Fíxose entón, e entrou agochado. Empezou a inspeccionar e, cando tocou un tarro, abriuse un estante. Ao fondo había unhas escaleiras. Baixounas e empezou a escoitar voces. Eran o dependente máis outra persoa falando do seu paxaro: -Este é un espécime moi caro! Imos ser ricos!- dicían. Entón Pascual chamou a policía, que distraeu aos ladróns e o noso protagonista puido recuperar ao seu apreciado paxaro. Hugo Soliño García 6º (CEIP Froebel) Un día o noso amigo e bo paseante, Pascual Outeiro, ía paseando polo campo observando as marabillas da natureza. De súpeto escoitou un son agudo pero desafinado, quería ver quen era o que producía ese son tan horroroso e seguiu o son. Resulta que eran os paxaros vermellos. Os paxaros vermellos son uns paxaros que cantan mal, moi mal, moi moi mal; o que comen é a cor vermella. Se ven unha flor de cor vermella, meten o seu peteiro na flor e chuchan, así, a flor queda branca. Pascual tiña unha liña de cor vermella no sombreiro, entón, tivo que correr e os paxaros seguíano. Pero logrou esconderse deles. Lara Rodríguez Peón (CEIP Froebel)

O bo paseante adoita tomar nota dos seus pensamentos.

Cando ve unha paisaxe bonita, Pascual escribe algo sobre ela e sácalle fotos. Cando acaba cada día, anótao todo no seu blog. Coas paisaxes que ve sempre se para a observar, polo menos cinco minutos, e no que máis se fixa é nos pequenísimos detalles. Diego España Fernández 5ºA (CEIP Froebel)

O bo paseante goza ollando as nubes.

Xa pasaran corenta e cinco minutos dende que se foi. A nai de Pascual queixábase e queixábase. Tiñan que comer e o seu fillo non estaba. Xa entraran os convidados, e todos a preguntar por Pascual. Pasara outra hora e media e non aparecía. Marga, que así se chamaba a súa nai, colleu o móbil e chamou ao seu fillo. De súpeto soou o teléfono. Pascual deixárao na casa. Pasaron outras dúas horas e non podían comer sen Pascual xa que era o seu aniversario. Estaba decidido, todos saíron na busca de Pascual. Eran as dúas e media e aínda non aparecera. E ás dúas e corenta e cinco… Por fin! Pascual estaba ao lado do museo observando as nubes. El explicoulles que o mellor exercicio que se podía facer era camiñar, pasear. E que sempre paraba no museo a observar as nubes e as súas formas. Eran tan curiosos que todos se calmaron e empezaron a mirar o ceo. Pascual non quería os regalos que lle traían, o único que quería era observar as nubes. Cristina Sanz 6º (CEIP Froebel)

O bo paseante é un gran conversador.

O señor Pascual Outeiro, como bo paseante que é, fala sen parar coa xente que se atopa, de temas como: “Onte encontrei unha árbore xigante chea de paxaros que cantaban unha alegre melodía”, ou “os cables eléctricos parecían unha partitura”. Nunca  cansa de falar, e ademais, á xente coa que conversa gústanlles moito as súas historias e relatos porque eles, como andan moi apurados, non se decatan das marabillas que hai ao seu arredor. El descóbrelles iso, o que  non son capaces de ver. Estes, tamén nos contan os seus relatos mentres que o señor Pascual imaxina con todo detalle; os asombrosos sucesos que lle contan, aínda que, normalmente, non lle contan moito máis do que el sabe pola súa gran capacidade de observación. Se non fose porque lle gusta camiñar e observar, pasaría o día falando. Íker Fernández Rodríguez (CEIP Froebel)

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: