Saltar ao contido

VIVINDO NUNHA NUBE

23 Abril 2014

IMG_1652

Que poderiamos soñar se viviramos nunha nube? Os alumnos de quinto curso do CEIP Froebel e os de quinto e sexto do CEIP A Carballeira ensínannos como é iso de vivir nunha nube. Desta estancia tiramos unha manchea de bonitas historias que hoxe nos presentan. Desta volta a campaña de animación á lectura O CARTAFOL DO LEREZ, da Concellería de Educación do Concello de Pontevedra e desenvolvida por Kalandraka Editora lévanos a dar unha volta nunha nube da man da obra de Javier Sobrino e Rebeca Luciani A nube de Martín. Aprendede vós tamén a subir á nube de vez en cando e soñade con novos mundos e aventuras. Mentres tanto botádelle un ollo ás que nos ofrecen os nosos compañeiros.

 

Cando estou na miña nube, sempre soño con sereas. Arrandéanse, cantan, fan piruetas… Entre os corais xogan, entre a escuma nadan, e na praia observan a lúa. Cando estou na miña nube sempre vou nadar coas sereas, persigo os peixes e durmo en leitos de sal. Onte pola mañá subín á miña nube no exame de galego, as sereas aínda durmían, así que, baixei da nube, fixen o exame, entregueino e subín de novo á miña nube. As sereas xa non estaban durmidas, saudáronme, saudeinas, e mergulleime no mar. Nadamos e nadamos polo mar, ata chegar a unha illa. Alí tomamos zume de coco e volvemos á beira da praia. Despedímonos e baixei da miña nube. Despois, pola noite, subín de novo. Non vin ás sereas, e decateime de que quizais volveran a aquela illa á que foramos pola mañá.

Antía Vázquez Hermida

CEIP Froebel 5º

 

ARQUITECTO

Un día calquera un neno tivo unha idea, quixo debuxar unha cidade nova para corrixir as imperfeccións da súa cidade. Estivo dúas semanas para debuxala, e por fin a rematou. Mandouna a un concurso. Pasaron tres meses e medio e chegoulle unha carta. Na carta puña que quedara primeiro e o premio era que ían construír a cidade que el debuxara. Volveron pasar tres meses e a cidade xa estaba feita. O alcalde preguntoulle cal era o nome da cidade e el díxolle que se chamaba Marga en honra dunha amiga súa que tiña unha discapacidade.

Un día despois Marga deuse de conta de que agora tiña unha cidade co seu nome, pero non sabía quen a fixera.

O neno era moi tímido, así que lle mandou unha carta a Marga para dicirlle que fora el. A nena, a pesar da súa discapacidade quixo ir á súa casa para darlle as grazas, e cando chegou viu un camión de mudanzas. Marga preguntoulle a onde ía, e el contestou –Vou a Marga, número 17.

 

Rubén Salgueiro Fernández.

CEIP A Carballeira

 

Había unha vez un neno chamado Miguel que sempre estaba nas nubes.  pag11-12martin_1

A Miguel gustáballe Lía, e sempre que estaba nas nubes pensaba nela. Gústalle debuxar casas de sombreiros, nubes, ventás… imaxinaba que as cores pintaban soas. Miguel cando baixaba da nube ía polo cuberto. Algúns días enfadábase e subía á nube a pensar en Lía. A el parecíalle moi guapa. Miguel soñaba que Lía un día… caía dunha ventá e el a rescataba. Miguel, estás tolo!

 

Yaiza Fernández García

CEIP Froebel 5º

 

 

pag31-32martin_1UNHA VIAXE AO MUNDO DAS LAMBETADAS

Un día de inverno, Catuxa e o seu mozo Diego decidiron realizar unha viaxe cara ao mundo das lambetadas, nunha nube! Cando emprenderon a viaxe empezou a chover. Non se estrañaron xa que era inverno. As gotas de choiva eran de moitas cores por que o ceo estaba contento de que a humanidade estivera en paz, e decidiu estar alegre coma o mundo. Un ano despois chegaron e se puxeron a construír casas feitas de lambetadas. Estaban dispostos a seguir traballando, pero de súpeto apareceu un lince e non sabían que facer. Decidiron coller un anaco de regalicia e convertela nunha gaiola. Cando o lince ía a por eles, zas! Apresárono. E como xa non había ningún perigo, decidiron acabar a súa aldea. E cando remataron foron buscar distintos tipos de persoas, razas e sexo, xa que non discriminaban a ninguén.

 

Silvia Vilas González.

CEIP A Carballeira

 

IMG_1883

 

Había unha vez unha superavoa con lentes de raios X e cun té espantaladróns. Tamén tiña un superneno que co seu libro fantástico reducía aos viláns. Un día, mentres paseaban, viron a un ladrón roubando nun banco. Superavoa tirou o seu té á cara do ladrón. O té estaba tan quente que o ladrón se desmaiou. Despois, superneno deulle un lapote na cara. Ao seguinte día os xornais titulaban: Superavoa e superneno salvan a cidade.

A avoa e o neno estaban satisfeitos, era a quinta victoria consecutiva. FIN.

-Avoa, xa rematei de contarche este conto. –dixo Luís.

-Grazas neto. –respondeulle a súa avoa, chamada Luísa.

 

Fabián Freire San Luis

Froebel 5º

 

UNHA VIAXE INACABADA

Un día de verán uns rapaces estaban a xogar nunha nube. Ao lonxe, un globo aerostático ía achegándose cada vez máis aos nenos, cando de súpeto, fixáronse en que estaba a chover pingas de cores, e pensaron que podería ser por que son as cores do verán. Eles estaban facendo unha viaxe ao redor da terra. Non paraban de sorprenderse cada vez máis, polas fascinantes paisaxes que vían, campos verdes coma as verduras, un ceo vermello coma o sangue, neve caendo tan branca coma o leite, e as sombras das árbores tan negras coma o carbón.

 

Patricia Rodríguez Torres.

CEIP A Carballeira

 

pag19-20martin_1

 

Érase unha vez un neno que se chamaba Manoliño. Un día soñou coa chuvia de cores. Púxose moi contento, e durmiu outra vez para gozar da chuvia. Manoliño deu moitas voltas, mareouse e acordou. Uns minutos despois Manoliño escribiu no seu diario: Querido diario, cada vez que quedo durmido soño coa chuvia de cores.

Manoliño pensaba –Quero que sexa de noite para contemplar a chuvia de cores.

 

Chaimaa Bentani Avali

CEIP Froebel 5º

 

 

Nun mundo moi estraño, Benxamín observaba o ceo no faro, pensando por que chegara ata alí. El non tiña pais, e non podía parar de recordar que caera do ceo.

Mentres durmía na lúa tranquilamente, algo se achegou rapidamente cara a el. Chocaron. Benxamín esvarou e intentou agarrarse a unha estrela, pero caíron. Así chegou ata alí. A estrela perdeuse, e Benxamín cría que se a atopaba podería volver á súa casa. A viaxe non era moi longa, só tiña que pasar en globo aerostático a Firulais e de alí á Torre. Benxamín viaxou nun globo que por sorte para el se pinchou ao chegar a Firulais. Xa no edificio, dirixiuse á Torre nunha bicicleta. Chegou ata alí, e na punta, atopou a estrela. Cando a colleu, encontrouse de repente na súa cama descansando…

 

Cristina Sanz Acuña.

CEIP A Carballeira

 

IMG_1610

 

AVENTURA POLO CORPO

Hoxe soñei unha cousa moi rara. Soñei que me convertira nun virus do ouvido e me metía na orella dun neno que pasaba por alí. Dentro da orella estaba todo moi escuro, que medo! Despois metinme no seu nariz. Era incrible! Do nariz pasei á súa boca e, de súpeto, tragoume. Pasei pola súa gorxa a toda velocidade, era coma un tobogán enorme e cheo de voltas. Era moi divertido! Ao final caín no estómago e din un golpe fortísimo. Todo comezou a moverse. Saín disparado pola súa boca con todo o que había no estómago. Que noxo! Pensei outra vez. Caín ao chan e din outro golpe. Tremendo batacazo!

Esta foi a maior aventura que vivín ata o de agora. Iso si, non penso volver soñar co mesmo.

Jonás Abad Castro

Froebel 5º

 

A FESTA

Un día, as tres sereas María, Rosana e Sandra,pag17-18martin_1

decidiron facer unha festa de pixamas. Convidaron a trinta persoas, pero ningunha asistiu. Cando se decataron de que ninguén ía ir, puxéronse moi tristes. Puxéronse a chorar, excepto María, que lles propuxo facer a festa máis divertida da historia. Deixaron de chorar e se fixo un silencio tremendo durante un rato. Ao pouco Rosana e Sandra dixeron que si. María fíxolles tatuaxes na pel mentres Sandra se adicaba a colgar cunchas con fíos flotantes. Empezaron a festa e remataron vendo películas de medo. Ao día seguinte, cando foron para o traballo, ensinaronlle ás súas compañeiras as fotos. Elas quedaron sorprendidas e arrepentidas de non ter ido. Ao rematar de traballar pedíronlle que fixeran outra festa de pixamas. Esa mesma noite, ao abriren a porta había máis de trinta persoas. Esa si que foi unha festa espectacular.

Adrián Tobío Fernández.

CEIP A Carballeira

 

Na miña nube fago nevar alas de paxaro, póñoas e empezo a voar entre orellas e narices, e métome nun xersei xigante con botóns enormes, ata chegar ao embigo. Alí empezo a meterme no embigo, está moi escuro, e coa miña man lanterna podo ollar as pelusas. Semellan xigantes anacos de po. Cando saio do embigo vou pola orella do neno, e pásoo moi ben xogando nela, ata que miña nai me pediu que baixara á terra.

Diego Ventoso Blanco

CEIP Froebel 5º

 

Había unha vez unha nena que lle encantaba debuxar. Debuxaba, debuxaba… Tanto debuxaba que non se relacionaba con ninguén, nos exames facía debuxos no papel… Ben, o que quería dicir é que ela non facía nada máis que debuxar. Os seus debuxos eran os mellores do colexio, pero as súas notas non eran tan boas. Un día, había un concurso de debuxo na cidade, e como non, María, que así se chamaba, anotouse. Estaba moi emocionada e todos os debuxos que facía para o concurso non lle gustaban e guindábaos á papeleira. Os debuxos na papeleira estaban a se mover. A nena, ao velo, case que se desmaia. De súpeto, deuse de conta de que non eran os debuxos, era ela. Tiña o poder de… darlle vida ás cousas inanimadas. Estaba un pouco asustada pero dáballe igual. Tiña poderes! Non sabía que facer, avisar aos pais ou xogar cos poderes… decidiu como moitos dos nenos farían, xogar con eles. Pero… armouse un grande escándalo na habitación, e como non, os seus pais foron ver que pasaba. A nai desmaiouse e o pai deu un berro enorme –Ahhh!

A nena, ao acordar a nai, contoulles o que pasaba. Os pais non saían do seu asombro, posto que aquilo non era normal. Foron xunta o médico, pero o médico non sabía que facer. A nena quería seguir tendo o seu poder, así que inventou un plan para facer que os pais pensaran que non os tiña. Os pais crérono. Entón, a nena, seguiu tendo o seu poder en segredo. Teño que dicir que cando a nena facía vivir as cousas, tamén podía volvelas ao seu estado inerte, se non sería un disparate.

Laura Baquero López

CEIP Froebel 5º

 

Hai tempo había un neno que tiña un soño, poder subir ao faro da súa cidade. O neno vivía coa súa nai ao lado dun restaurante moi famoso, O Filurais. O neno chamábase Tormito Torpón, e como o seu apelido indica, é torpe en todo o que fai, nos deportes, facendo deberes… Falando do seu soño, tiña un amigo que precisamente vivía no faro. O seu amigo chámase Parino Marino, e o seu pai ten un barco. –No faro hai un segredo que só eu e meu pai coñecemos –dicía sempre Parino. –É por iso que non podes vir visitar o faro. –Tormito quería saber o segredo, pero Parino non o quería contar. En xullo, Parino foise de vacacións, Tormito aproveitou a ocasión e colouse no faro. Ao principio non viu nada, pero entón… viu un tesouro! Tormito dispúñase a abrilo, pero pensou que o seu amigo se enfadaría moito con el. Pensou noutra cousa, estaba no faro!

Ao final deixou todo como estaba e foise moi contento pensando que descubrira o segredo de Parino e que cumplira o seu soño de poder subir ao faro.

Santiago Carrizo Marchena

CEIP Froebel 5º

 

Ilustración 5

OS XOGUETES MÁXICOS

Había unha vez un neno chamado Antón. Tiña once pag23-24martin_1

anos recén cumpridos. Cando celebrou o seu aniversario soprou as candeas da torta e pediu un desexo, que os xoguetes cobraran vida para sempre.

Ao día seguinte, ao acordar, viu ao seu parrulo de corda camiñando polo seu cuarto. Ergueuse e foi correndo ao cuarto dos seus pais.

-Cumpriuse! Cumpriuse!

-O que? –dixo Marta, a nai de Antón.

-O meu desexo! O que pedín onte no meu aniversario!

-E que pediches? –dixo Amancio, o pai de Antón.

-Pedín que os meus xoguetes cobraran vida para sempre. Veña, vide velo.

Os pais foron ao cuarto de Antón e viron ao soldadiño de chumbo, ao coello, ao parrulo… a todos, camiñando polo cuarto!

-Isto é incrible!

E Antón foi o neno máis feliz do mundo.

Minia Beltrán Braña

CEIP Froebel 5º

 

A CHAVE DA PORTA DE CELESTINA

Había unha vez un neno pobre que nacera nun faro e vivía alí. Sempre estaba nas nubes, pero cando intentaba durmir non podía pola luz que desprendía o faro. Tiña que saír do faro para poder durmir. Un día soñou o seu mellor soño. Soñou que saía do seu faro e na porta había un unicornio. O neno, que se chamaba Xan, subiu ao mundo do ceo. El cría que morrera, pero só era un soño: “Ao chegar as nubes, había un gran prado con casas e arcos da vella no ceo, e o unicornio levoume a un gran faro que na parte de arriba tiña un unicornio cunha coroa na cabeza e ao seu lado había un par de unicornios, un macho e unha femia, que tiñan outras coroas. O macho era de cor verde e o outro era de cor rosa polo outro lado do ceo. Había outro faro con moita luz, pero esa luz era vermella coma o sangue, e toda a súa paisaxe era negra, e o unicornio rei pediume que fora a aquel faro. Acompañoume o unicornio que me trouxera ata o ceo. Emprendemos a viaxe cara ao faro e pregunteille o que iamos buscar, e o unicornio díxome que buscabamos a chave celestial para abrir as portas dun reino chamado Celestia, onde había moita vexetación e un faro-castelo. Cando chegamos ao faro entramos. O unicornio fíxonos invisibles e chegamos á porta da chave. Había un crebacabezas e o unicornio conseguiu facelo. Despois collemos a chave e intentamos abrir a porta, pero todo se puxo máis verde ca nunca. Un dragón colleume e tiroume cara á terra. –Ahhhhh! –berrei ao acordar.” O neno subiu ao faro e escribiu unha novela.

André Castro García

CEIP Froebel 5º

 

Chámome Rosalía, teño os cabelos moi, moi, pero que moi longos. Tamén o teño un pouco ondulado e da cor do carbón. Di miña nai que arrecende. O meu pelo será xenial, pero eu teño o problema de que sempre estou pensando en paxariños, vermellos, amarelos, azuis… pero non sei por que! Eu non son coma as nenas da miña clase, que son máis de deportes, patacas fritidas, refrescos… a ver se me pasa! Seguro que si… agárdoo impaciente!

Onte fun ao psicólogo e díxome que era por que estaba feliz… pero eu non sempre estou feliz! Despois de falar deume un amuleto moi raro, tan raro como o pantalón da miña avoa. Era de madeira gastada e coa forma dunha cara como as que teñen as señoras que adiviñan o futuro. Eu collino con medo e deille as grazas. –De nada. –Dixo el.

Teño outro problema. Voullo contar á miña nai.IMG_1611

-Mamá, podoche contar unha cousiña?

-Claro, amor meu –respondeu cariñosamente. –Dime.
-É que me gusta un neno da miña clase. –Dixen.

-Como se chama? –preguntou.

-Chámase… Xabi. –Dixen eu

-Xa sei por que pensas en paxariños, é por que che gusta Xabi e estas namorada. –Dixo miña nai.

-Claro. Ten toda a lóxica!

-Ahhh! Que rápido medrades!

Xulia Ramos Sánchez

CEIP Froebel 5º

 

 

 

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: