Saltar ao contido

SUCESOS INCRIBLES ARREDEDOR DO MUNDO

14 Abril 2014

MARCOS DA PORTELA 6ºC

Cada vez que un suceso incrible sucede no mundo, unha nova marca é batida, un ser humano consegue algo que outro non conseguira antes, alí están os nosos novos xornalistas do CEIP de Marcón e do CEIP Marcos da Portela para dar conta do sucedido nas páxinas de O CARTAFOL DO LÉREZ. No obradoiro de escrita creativa desta campaña de animación á lectura promovida pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra os nosos colaboradores reflicten todos estes acontecementos fantásticos. Se queredes documentarvos acudide á vosa biblioteca e lede A guía necsia, de Kalandraka Editora.

 

HIROSHII TANAKA CONSEGUE MEDITAR DURANTE 150 ANOS SEGUIDOS.

 

Houbo unha vez, en 1840, en Quioto, a antiga capital imperial do Xapón, un home chamado Hiroshi Tanaka que decidiu meditar cento cincuenta anos seguidos. Hirashi Tanaka estaba moi tolo, e a súa familia tamén, así que a todos lles pareceu ben. No barrio onde vivía, á xente non lle pareceu ben porque era unha aventura moi arriscada. Hiroshi Tanaka decidiu meditar na alfombra da súa habitación. Pero a súa nai non lle deixou, así que meditou no bosque que había ao lado da súa casa. Así que, alá foi. Conseguiuno e… morreu aos tres días de comezar a meditar. O 3 de xullo de 1990 sepultaron os seus ósos con grandes honras e a tristura dos seus fillos e familiares.

Anónimo

CEIP de Marcón

 

INCRIBLE

O señor Lucio Ben Griffon, de Tel Aviv (Israel), é quen de escribir sete poemas á vez, ao tempo que cociña, cose a roupa da súa familia, ve a televisión, canta en árabe e dorme unha sesta.

Lucio Ben Griffon é a primeira persoa no mundo, con dúas mans, que é capaz de facer sete poemas á vez, ao mesmo tempo, cociñar, cantar a canción Bos días, en árabe, e tamén dorme a sesta das cinco e media. Este home naceu un vinte e tres de xullo do mil novecentos oitenta e tres, cun cociente intelectual por riba da media, por iso ten a capacidade de poder facer todo isto á vez. A súa nai declarou ante a prensa e dixo: -Xa cando era pequeno era capaz de tomar o biberon, de estar no parque e durmir á vez. Era incrible!

O día no que a filla deste home lle pediu que a levara ao cine e que á vez lle fixera a cea, Lucio Griffon díxolle –Non teño corenta mans!

Natalia Fiuza 6ºA

CEIP Marcos da Portela.

 

 

ANO FUGAZ   A guía necsia. Experimento.

Ao longo de tres segundos do ano mil novecentos noventa e dous, para sermos máis exactos, ás tres da tarde do cinco de agosto, foi o tres de decembro do ano mil trescentos quince. A terra deixou de xirar cara adiante e empezou a virar marcha atrás, chegando a mil trescentos quince. Durante tres segundos os vellos viraron máis mozos e sen engurras. Os científicos observaron que dous meteoritos que chocaran fortemente produciron unha onda expansiva que empuxou a terra cara a atrás.

Gabriel Santos Caínzos 6ºB

CEIP Marcos da Portela.

 

 

MISTERIO

No fondo do lago Gruss, ao norte de Groenlandia do sur, vive un monstro invisible que fai a súa aparición cada 1500 millóns de anos. A última vez que emerxeu foi hai 140 millóns de anos, pero ninguén o viu. Agora inténtase encontrar a ese monstro mediante cámaras submarinas, pero sempre que as cámaras chegan ao fondo se perde o sinal e da cámara non se volve saber. Os científicos decidiron somerxer un submarino. A información que recolleu é que non había nada, entón decidiron deixar esa investigación. Despois de 1360 anos retomouse a investigación porque un dos habitantes sufriu un ataque misterioso no que aparecían trabadas de dentes xigantes e tamén pegadas. A decisión do goberno de baleirar a auga do lago non agradas aos habitantes das vilas próximas ao lago. A pesar das manifestacións en contra, o goberno baleirou a auga do lago, pero non viron nada anormal. Por se acaso, deixaron o lago sen auga e instaláronse vinte e sete cámaras de vixilancia ao redor do lago. Hoxe en día só quedan dúas enteiras.

 

Pablo Vilán Mancuello

CEIP Marcos da Portela 6ºC

 

PUÑOS

No combate de boxeo que disputaron o filipino José Froilán e máis o polaco Vladimir Skueski, o xamaicano Vernon venceu ao venezolanos Pablo Cruz.

O nove de xaneiro de mil novecentos dous, en Alemaña, celebrouse un combate entre José Froilán e Vladimir Skuski, gañou o xamaicano Peter Vernon, que rematou con Pablo Cruz. A xente que estaba a ver o combate quedou anonadada, e non entendía o que pasaba. O alcalde da cidade onde se celebrou o combate pediu que se volvese facer a pelexa, e pasou o mesmo. A xente de alí cría que o ring estaba encantado, e nunca se volveu combater alí

Pablo Abelleira acebedo. 6ºA

CEIP Marcos da Portela.

 

En 1840, Hiroshi Tanaka, residente en Quioto, a antiga capital imperial do Xapón, propúxose meditar durante cento cincuenta anos seguidos. E así foi. Ao día seguinte de se cumprir o prazo, o tres de xullo de mil novecentos noventa, sepultaron os seus ósos con grandes honras. Os científicos investigaron este fenónmeno e descubriron que o home meditara para saber perfectamente como pasarlle o ferro á roupa sen que se queimara. Entrevistamos á súa muller María, que nos dixo:

-Eu só lle dixen “pásalle o ferro á roupa, que eu estou ocupada comendo e mirando a televisión.”

Con estas pistas os científicos resolveron este caso e decidiron que o home quería pasarlle o ferro moi ben porque se non a muller ía pasarllo a el.

Lucía Gil. 6ºB

CEIP Marcos da Portela.

 

VORACIDADE

No día de Aninovo de 1992, Myriam Felber, de Kentucky (Estados Unidos de América), enguliu un piano, un ordenador persoal, catro pratos de bronce e máis unha colección de discos (compactos e de vinilo) de Bob Dylan. Como tiña moitos cartos, ao día seguinte mercou todo outra vez.

No día de aninovo de 1992, unha señora de Kentucky (EUA) tiña moita fame e non sabía que facer, entón decidiu pola tarde, ás nove e media, comer un piano, un ordenador persoal, catro pratos de bronce e unha colección de discos. Deulle unha dor terrible de estómago, entón, foi ao hospital. O doutor Ventura decidiu que había que operar. Ela autorizou a que a operaran porque non podía máis con esa dor. O doutor Ventura levouna ao quirófano e operárona inmediatamente. Quedoulle unha cicatriz de oitenta e catro centímetros. Foi unha operación moi perigosa, podería morrer no seu transcurso. Á señora Felber deulle igual o piano e esas cousas, porque tiña moito diñeiro. Os seus pais son Filipe Felber e Maruxa Felber, uns señores con moita clase. A señora Felber saíu moi ben da operación, pero tivo que empezar a comer cousas moi suaves. Morreu no ano 2005 dun empacho de macarróns.

 

Samuel Martín Franco

CEIP Marcos da Portela 6ºC

 

DESTINO

O vietnamita Van Drop navegou no seu bote ao longo de vinte e catro días polo río Mekong e non chegou a ningures.

Van Drop, un vietnamita que naceu o cinco de xullo de mil novecentos cincuenta e catro, o día quince de febreiro de mil novecentos setenta colleu o seu bote da marca Cheikao (marca italiana) e dispúxose a navegar polo exótico río Mekong, do sur este asiático. Mentres navegaba, perdeuse na frondosa selva que arrodea este fermoso río. Despois de vinte e catro días perdido, decatouse de que estaba a navegar en círculos.

Lucía Caramés Jurado 6ºA

CEIP Marcos da Portela.

 

DIVINO TESOURO  MARCOS DA PORTELA 6ºC Obradoiro de escrita creativa

M’Kuno Bembé, de Guinea Oriental (África), é o home máis novo do mundo.

M’Kuno Bembé é o home máis novo do mundo. Toda a xente está tola coa nova, porque non o poden crer. Todas as televisións están alí entrevistando á nai. Pero de aí a dúas horas pasou unha cousa horrible, deixou de ser o home máis novo do mundo por que naceu un home dúas horas máis novo en Burkina Faso.

Adrián Sanmartín Blanco 6ºA

CEIP Marcos da Portela.

 

NATIVIDADE

En Nova Ingesta, aldea do NE do Brasil, todos coñecen a Joaquim Neves, un bebé acabado de nacer que nace oito veces ao día.

No ano mil novecentos noventa e cinco o bebé Joaquim Neves naceu por primeira vez na aldea de Ingesta. Todos os días desde entón nace oito veces ao día.

Isto sucede porque os pais do neno son moi pobres e grazas ao enxeño da nai o neno nace oito veces ao día e cobra por familia numerosa, xa que, cada vez que nace o neno, rexístrano con nome diferente, aínda que sempre sexa o mesmo.

Isto sucede por que a nai devolve ao neno á barriga despois de cada nacemento.

Marta Alonso Estévez 6ºA

CEIP Marcos da Portela.

 

FORTUNA

En 1941, Fred Astaire, bailarín, actor e cantante norteamericano, comprou un Buick vermello; dezasete anos despois, en 1958, o dentista arxentino Lázaro W. Lewinsky comprou unha neveira.

O norteamericano Fred Astaire mercou un Buick porque tiña un casting para facer un anuncio e se lle esquecera alugar unha limusina. Foi ao concesionario e como a súa cor favorita era o vermello, mercou o Buick vermello. De camiño ao casting tiña moita sede. Chegou e resultou que non tiñan auga. Despois do casting Fred Astaire tiña cita co seu dentista Lázaro W. Lewinsky, como seguía a ter sede pediulle un vaso de auga. Ao sr. Lewinsky só lle quedaba unha botella de auga, e estaba quente. Tanta sede tiña Fred Astaire que igualmente tomou un vaso daquela auga quente. O dentista non tiña moito diñeiro, así que se puxo a aforrar, e despois de dezasete anos conseguiu mercar unha neveira.

Sofía Arboleda Ramírez

CEIP Marcos da Portela 6ºC

 

 

POLIGNORANT

Chang Bu Fo, veciño de Shanghai (China), descoñece corenta e sete idiomas á perfección.

Chang Bu Fo, un veciño do 700 de Shanghai, China, di que non coñece corenta e sete idiomas á perfección. O día dezaseis de outubro díxolle aos seus veciños que ía intentar non saber ningún idioma, nin o seu propio. A tele di que houbo un caso igual. Un señor vello que intentara olvidar o seu idioma pero non fora capaz.

 

Anónimo 6ºA

CEIP Marcos da Portela

 

ANÓNIMO

O canario con menos sona do mundo chámase Pipo e vive en Cochabamba (Bolivia)

Pipo naceu en Canarias, pero con dous meses marchou para Cochabamba, onde vive agora mesmo. En Canarias xa ninguén se lembra del e en Cochabamba non o coñecen. A aspiración de Pipo era saír no xornal por ser o canario con menos fama do mundo. De canaria fuxiran os seus pais porque había alguén que o coñecía. En Cochabamba escondéronse na súa casa á que lle taparon todos os buratos con táboas.

José Manuel Álvarez

CEIP Marcos da Portela 6ºC

 

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: