Saltar ao contido

UNHA CHEA DE HISTORIAS DISPARATADAS

25 Marzo 2014

Obradoiro CEIP Froebe, 6º primaria

Comeza a viaxe a través das creación do CARTAFOL. Nesta ocasión, a obra 29 historias disparatadas foi o punto de partida para que os nenos e nenas de 6º curso de primaria do CEIP Froebel elaboraran as historias máis divertidas. Non vos perdades una coma!

A HISTORIA DA RAPAZA ALEGRE

Érase unha vez unha rapaza moi alegre chamada Marisa. Ela estaba sempre dando chimpos de alegría, todo o rato. Un día, os seus pais decidiron que ía ir ao colexio. O primeiro día non se daba sentado na súa cadeira e daba brincos pola clase. O mestre castigouna sen recreo. Cando chegou o recreo puxérona nunha columna e ela non paraba de dar brincos no sitio. O mestre pediulle que parara. Ela respondeu –Non son capaz, son demasiado alegre! –E dende aquel día tiveron que crear unha aula para nenas alegres.

Felipe Dobarro González, 6ºA.

A HISTORIA DA NAI QUE QUERÍA PENSAR EN TODO.

Isto era unha nai que non facía nada de nada. Pasaba o día sentada no sofá de casa tentando pensar en todas as cousas do mundo. Entón, pensou en bater o record mundial de pensamentos. De momento o máximo ao que chegou foi a 2.222 pensamentos á vez. Xa era moito, pero ela quería máis e máis. Un día os seus fillos preguntáronlle ao pai que era o que lle pasaba á súa nai. O pai díxolles que ela quería pensar en todo á vez, cousa que é imposible. A nai conseguiu chegar un día a 2.223 cousas á vez, e bateu o récord, pero nunca volveu pensar en tantas cousas á vez, xa que lle producía moita dor de cabeza. A partir de entón, en vez de intentar bater ese record, quixo bater o de durmir durante máis horas seguidas.

Sandra García Pérez, 6ºA.

Obradoiro Froebel 6ºA(2)

A HISTORIA DA PIRULETA QUE CAEU NAS ESTRUGAS

Un neno de tres anos, máis ou menos, ía por un camiño dun parque lambendo unha piruleta. Cando non quixo máis, tirouna a unhas estrugas que había á beira do camiño. As estrugas vírona e empezaron a comer dela. Cando o neno volveu por alí da piruleta quedaba tan só o pau, e o neno pediulle outra á súa nai. A nai deulle unha nova piruleta ao neno, que deixou tirada no mesmo lugar. Cando volveu xa non estaba, só o pau, e o neno pensou que era maxia. Botouse ás plantas, e… acabou moi mal.

Pablo Ajuria Queipo, 6º A.

A HISTORIA DA MULLER PEQUENA E O HOME GRANDE.

Este era un home que non paraba de medrar e non cabía na súa casa, e á súa irmá ocorríalle o efecto contrario, é dicir, non medraba e custáballe subir á súa cadeira. Un día, máis ben unha noite, o home saíu ver as estrelas e viu unha estrela fugaz. O home cría que se desexaba ser máis pequeno, volvería ser baixo. Equivocábase, nen sequera un centímetro. De feito medrou un metro máis. A muller tamén pediu un desexo, ser máis grande, pero igual que lle pasou ao home, diminuíu o seu tamaño. Ninguén sabía por que eran así. O home e a muller fixeron unha promesa: xamais volverían ocultar o seu verdadeiro rostro.

Óscar Acuña Vázquez, 6ºA.

A HISTORIA DA SUPER-AMA DE CASA

Un día un home e unha muller casaron. Quedaron en que o home traballaría e, aínda que a muller quería ser coñecida, ela sería a ama da casa. Chegou o primeiro día de traballo para os dous. Cando o home foi traballar a muller pensou: se consigo facer todo perfecto e rápido serei famosa. E alá se puxo mans á obra, en menos de cinco minutos limpara toda a casa, puxera a lavadora, fixera a compra e preparara a comida. Día a día foi batendo o seu propio record ata que un día gañou o premio á Super-Ama de casa. O seu home pasou a ser coñecido como “o marido da super-ama de casa”.

Carlos Balboa Cintrén, 6ºA.

A HISTORIA DA FAMILIA

Unha vez, hai moito tempo, as rúas de Pontevedra estaban cheas de persoas sen diñeiro porque cando eran pequenas non estudaran. Como non tiñan casa, vivían na rúa. Un día, unha persoa que se chamaba Alberte atopou un volante e unha roda. Ao seguinte día atopou un asento, e así, foi atopando cousas durante un ano. Como el só non podía, foi pedirlle axuda ás outras persoas da rúa. Ao cabo dun ano, entre todos fixeron un invento xenial! E saíron na televisión, na prensa, nas revistas, e pouco a pouco foron creando moitos inventos bos. Cando por fin conseguiron facer mil inventos, conseguiron un record, e se fixeron ricos. Esta foi a historia da familia.

Alejandra Vila Rodríguez, 6ºA.

Obradoiro Froebel 6ºB

UNHA PERDA DESCOMUNAL.

Un día calquera unha nai cunha obsesión pola cor amarela tivo dous fillos amarelos. Un día foron á praia e como a area era de cor amarela, os fillos e o home, que tamén se volvera amarelao, caeron ao chan e a muller perdeunos. Cando estaba o sol moi baixo atopounos pola sombra que facían. A muller foi ao psicólogo para superar a súa obsesión. Tardaron moitísimo en curala, pero cando por fin o logrou volveu todo á normalidade, e nunca máis se volveron perder na praia.

Diego Rúa Barreiro, 6ºB

VINTE E VINTE

Un gran día, un barbeiro atopouse cunha muller no parque. Pareceulle guapa e preguntoulle se quería tomar un café con el. Ela aceptou, e quedaron ás seis en punto antes de se iren cada un polo seu lado. O home chegou á barbaría e a muller á súa casa. O home púxose a cortar pelos, e a muller a escribir e afiar lapis. O home cortou e cortou , a muller afiou e afiou, ata que deron as seis en punto. O home saíu da barbaría e a muller da súa casa. Atopáronse diante do bar e tomaron un café, coñecéronse mellor e decidiron quedar outro día á mesma hora. Quedaron e volveron quedar, tomaron e tomaron café, ata que un día o home, tan namorado dela, non puido ocultalo máis… levaba perruca. A ela non lle pareceu estraño, e dixo que o quería tal e como era. Casaron, foron vivir xuntos e cada un seguiu co seu traballo. Tiveron moita sorte, gañaron moitos cartos porque o home tivo moitísimos clientes e a muller publicou unha gran novela coa que se fixo moi famosa e rica, e coa que se motivou para seguir escribindo, porque era o que lle gustaba de verdade e o que lle facía ser moi feliz. Os dous se mudaron a unha casa máis grande, con piscina, xardín moi grande e baixo e garaxe de vinte prazas. Tiveron vinte fillos, dez aos que lles gustaba escribir e dez calvos coma o pai.

Diego Mirón Jiménez 6ºB

CUN CATARRO OS NOIVOS CONSEGUEN ALGO EN COMÚN

Unha parella de noivos camiñaban pola rúa, pensando xustamente nas cousas malas que tiñan os dous. Non se puñan de acordo, que se es moi gordo, que hai que facer dieta, que se es tan pequena que teño que poñerme de xeonllos para poder verte… E non sabían como solucionar o problema. Mentres camiñaban pasaron por un parque de bolas, e sorprendéronse con que moitos nenos saían ás carreiras de alí, e foron ver.

-Cof, cof, cof… achís!

-Ahh! Mamá! Esa nena é un monstro!

Unha nena chamada Mica tiña un catarro moi forte e, co catarro, as bolas da piscina saltaban polos aires, e os nenos asustábanse, pensando que era un monstro. Así foi como viron a solución: co catarro da nena, contaxiáronse os dous, e terían algo en común!

-Ei, bonita, podes vir un momento? Por favor.

-Claro… pero que sodes?

-E que… somos can e gata.

-Que nomes tan diferentes tedes!

-Xa o sabemos… ata os nomes se repelen. Por iso queremos que nos axudes.

-Como? Cof, cof, cof!

-Ves? Con iso, co catarro.

-E para que o queredes? É meu!

-Por favor… é para que, polo menos, teñamos algo en común.

-Ben, pero algo recibirei a cambio, non?

-Si, claro… (rin) ti só tes que contaxiarnos e xa está. Uns mocos, moito catarro… mellor, un pouco de cada. Ben, comeza.

Estivo toda a tarde tusindo, pola noite, mentres durmían, botáballes mocos e máis tusidos… Ao día seguinte os dous colleron un bo catarro, pero… eles felices!

-Grazas! Grazas!

-Non hai de que, oh!… Ben, o meu traballo xa rematou… case! Tedes que devolverme o favor!

-Si, si… mañá cumpriremos.

Nese día ía moita calor e como non ía frío nin chovía non colleron máis virus e curaron. Desesperados volveron buscar á nena.

Pola rúa pensaron… claro! A nena ía sempre ás bolas. Foron ata o local e chamaron por ela.

-Que queredes?

-Queremos que nos volvas axudar porque xa se nos foi o catarro!

-Xa… pero sabedes que eu quero a recompensa do favor anterior… Quero o voso catarro! Era meu!

-Pero non o temos! Xa se foi!

-Pois como o perdestes, Can, darasme o teu gorro.

-Gata, darasme os teus zapatos.

Ao final, a nena marchou co gorro e os zapatos. Pero, o mellor, é que Can e Gata, pola perda do gorro e ao ter que poñer ela uns tacóns, que era o único que tiña a man, quedaron á mesma medida, e xa foron iguais.

Paula Piñón Penela, 6ºB

UN PARA O OUTRO

Unha muller era moi limpadora, e o seu marido un home moi ordenado. A súa muller limpaba e o seu marido ordenaba todo. Un día, o home, por motivos de traballo, tivo que marchar de viaxe. O home era moi ordenado, pero non sabía limpar nada ben; e a muller, era moi limpa, pero non sabía ordenar. Todo foi un desastre: ao home dáballe noxo tocar as cousas porque estaban moi sucias e non puido ordenar nada. A muller limpaba pero non sabía onde colocar cada cousa. Cando o seu marido volveu déronse de conta de que estaban feitos o un para o outro. Todo o barrio lles tiña envexa porque sempre tiñan a casa moi limpa e ordenada.

?, 6ºB

Obradoiro Froebel 6ºB(2)

O HOME COA ESCUMA POLA CABEZA.

Houbo unha vez un home que como estaba aburrido, pero non podía saír, xa que chovía moito, decidiu acender a tele. Cando a acendeu, estaban a dar a teletenda, e xusto anunciaban un… xel! Un xel que volvía á xente moi pero que moi feliz, e era moi barato. El só mercaba cousas baratas, como televisores, comidas, radios, e moitas cousas máis baratas. O anuncio vendía ese xel no supermercado a douscentos kilómetros de distancia da casa do home, chamado Xoaquín. Pero e el non lle importaba, porque el o único que quería era ser feliz. Ben, ser feliz e mercar barato. Cando chegou a casa co xel, inmediatamente encheu a bañeira de auga, e botou medio bote de xel. Logo meteuse e espernexou ata que a escuma lle chegaba ata a cabeza. Máis tarde chegou ata o teito, e moito máis tarde, saíu pola ventá e toda a escuma chegou ata  toda a cidade. E como viu que non era feliz, deixou de comprar cousas ás tolas, pero non parou de mercar barato.

Sheila Pérez Barreiro 6ºB

A GATOMÁQUINA DE ESPERAR

O rapaz colocou a súa máquina de esperar na praia, pois ía moita calor e, ese día, dixeron nos xornais que ían haber unhas ondas moi grandes que o rapaz podería surfear. Pouco despois apareceu un gato gordo coa súa dona, esta díxolle:

-Queda aquí mentres eu vou buscar dous litros de leite e galletas para que comas –dixo, e dirixiuse ao supermercado.

Aproveitando que a súa dona non estaba e que o rapaz estaba moi ocupado bronceándose, subiuse á máquina de esperar e de tan gordo que estaba, a máquina non soportou o peso e quedou esmagada na area. O rapaz, alertado polo estrondo, levantouse e moi enfadado preguntoulle ao gato:

-Por que esmagaches a miña máquina de esperar?

-Síntoo moito –dixo o gato –Non sabía que esta máquina fora tan importante para ti. De agora en adiante eu vouche axudar a esperar.

Desde ese día o gato gordo axudou ao rapaz a esperar léndolle contos na cola do supermercado, contándolle chistes na clase, e moitas máis cousas en distintos lugares. E o gato gordo e o rapaz fixéronse amigos, os mellores do mundo, e o que máis lles acabou gustando foi esperar.

Emma Dhamar Salgado Ríos, 6ºB

O HOME E A MULLER

Unha muller quería escribir un libro, e para iso comprara un monte de lapis, e outro monte de follas de papel. Cando estaba comprando viu a un home guapo que estaba mercando tres botes grandes de xampú. A muller achegouse ao home e preguntoulle por que collera tantos botes de xampú. Díxolle que era para darse un baño relaxante despois de tantos días de traballo. Despois un home preguntoulle por que comprara tantos folios e lapis. Ela respondeulle que quería escribir un libro pero non tiña espazo. Entón, o home díxolle que podía ir á súa casa xa que el tamén era escritor. Ao final a muller e o home casaron e tiveron moitos fillos.

Roi Sarribas Porto, 6ºB

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: