Saltar ao contido

ENTREVISTA: JUAN SAAVEDRA

20 Xuño 2013

Juan_Antonio_Saavedra

O alumnado de terceiro ciclo de Educación Primaria do CEIP Álvarez Limeses entrevista para O CARTAFOL a un dos deportistas pontevedreses máis laureados. Gañador da medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 en tiro olímpico na modalidade de carabina 50 metros, o tirador do clube Lucero fixo un repaso da súa traxectoria deportiva.

-A que idade empezaches a facer deporte?

Eu sempre fixen deporte. Como todos, empecei no colexio. Profesionalmente, primeiro xoguei ao balonmán, no Estudio, que pechou. A competir empecei cando estaba en cuarto de E.X.B., que era como o cuarto de primaria de agora, e desde entón non parei nunca.

-E cando empezaches a practicar tiro?

Hai uns 22 anos, aproximadamente.

-Por que razón te pasaches de natación a tiro?

Non foi exactamente así. Eu facía as dúas cousas. De feito empecei facendo tiro. O que deixei foi o balonmán pola natación. Despois empecei a facer tiro e o tiro é un deporte que se o queres practicar a alto nivel necesitas complementalo con outros deportes, sobre todo deportes que che dean capacidade pulmonar, que che dean flexibilidade,… e a natación era o deporte perfecto para iso. O que fixen foi natación como complemento para o tiro. Despois deime conta que tampouco era malo en natación e entón seguín entrenando as dúas cousas.

-Cantas horas adestras?

Durante a semana unha hora cada día, pero non disparo. O único que fago é colocarme en posición e imaxinar que estou no campo de tiro, nada máis. É facer todo como se estivese disparando pero sen disparar. Collo a carabina, póñoa, vístome, e póñome alí a imaxinar que estou no campo de tiro, pecho os ollos e estou quedo. Despois durante a fin de semana vou ao campo de tiro. Esta fin de semana cheguei ás nove ao campo de tiro, funme as dúas da tarde, despois ás catro e marchei ás nove. Moitas horas. Todo o día, toda a fin de semana estou no campo de tiro.

-Algunha vez deches xusto no centro da diana? É dificil?

Si, é o máis dificil que hai. Por que xa non depende só de ti. É dicir…, aínda que o fagas todo perfecto hai cousas que son incontrolables. Hai mellores canóns e peores canóns, hai munición que é mellor, que vai ben co teu canón, e munición que non vai ben. As probas que facemos para seleccionar a munición que utilizamos son coa carbina amarrada, apoiada. Nós non a tocamos para nada, só poñemos a munición e disparamos, e non fai todos os tiros no centro. Intentamos buscar a que máis tiros fai no centro, pero hai aspectos que non dependen de nós.

-Algunha vez che estragou o vento un tiro?

O vento? Puf, todos os días. Todos os días che estropea o vento unha tirada. Sempre. O vento desvía o punto de impacto, e como é tan pequeno, a mínima variación fai que non des xusto onde ti querías. De feito constantemente o vento está a te amolar.

-Algunha vez polos nervios fallaches algún tiro?

Si, claro, todos fallamos algún tiro, ninguén é perfecto. Eu vin a grandes tiradores facer un cero, nunha final, no último tiro, e perder a medalla. Pásanos a todos. A min nunha final nunca me pasou. Espero que non me pase, pero iso non quere dicir que non me vaia pasar.

-Por que non tedes un visor na carabina?

Porque está prohibido. Non podemos utilizar ningún tipo de lente de aumento nin nada. Nós vemos a través dun burato. Ti o que fas é colocarte de tal modo que sempre apuntes ao mesmo sitio, e facer as correccións necesarias para que ese sitio coincida co dez. En tiro non é necesario ver. O tiro non é unha cuestión de acertar ou non acertar ao dez. É unha cuestión de repetir sempre o mesmo para facelo sempre igual. Esa é a esencia do tiro olímpico.

-Economicamente cústache moito practicar o teu deporte?

Depende do nivel no que esteas. En Pontevedra hai un campo de tiro e vai moita xente a el. Non é un deporte caro. Probablemente haxa deportes moito máis caros que o tiro. O tiro é un deporte no que unha carabina de aire se compra unha vez e é para toda a vida, e os balíns non son caros. Outra cousa é cando estás a alto nivel pois ir ás competicións é caro, cambiar de carabina cada tres anos é caro… todo depende do nivel. Igual que o futbol se se practica no colexio é barato e se xogades nun equipo xa a cousa cambia. A un equipo cústalle moitos cartos moverse e facer moitos desprazamentos.

-Por que quedaches sen a man? Que sentiches nese momento?

Foi aos quince ou dezaseis anos por unha enfermidade. Home, pois cando me amputaron a man a verdade é que non me enterei porque estaba durmido. (Todos rin) Poste triste cando cho din, pero unha vez que o asumes, tampouco pasa nada. A ver!, evidentemente si pasa, pero tampouco cambia a túa vida demasiado. As cousas ás veces son como son e mellor é aceptalas como veñen.

-Como lle afectou a súa minusvalía na vida?

Eu non podería dicir que me afectara demasiado, é unha condición máis da vida. Hai quen é máis alto, máis baixo, máis gordo, máis delgado… Se mides dous metros afectarache dunha maneira ou doutra, é unha circunstancia máis, non che afecta negativamente nin positivamente.

Juan Saavedra

-Por que motivo estás nas paraolimpiadas e non nos xogos olímpicos “normais”?

É unha boa pregunta. En tiro olímpico, que é o que eu fago, realmente non hai diferencia entre os xogos olímpicos e os paralímpicos, é dicir, as modalidades son as mesmas, as distancias son as mesmas, todo esactamente igual. O nivel de marcas tamén está igualado. De feito nalgunhas probas os tiradores olímpicos si que fan máis puntos, pero non hai moita diferencia. Noutras, facemos nós máis puntos. Estamos ante un problema de número de xente. Se xuntasemos todos os tiradores nunha única proba, probablemente habería tiradores paralímpicos que estarían perxudicados porque non poderían participar nos xogos olímpicos e habería tiradores olímpicos que tampouco poderían participar porque xa seriamos demasiados. Excepto nos xogos olímpicos, no resto das competicións competimos xuntos.

-Que foi o máis dificil da túa carreira?

O máis dificil é ir adestrar todos os días. Moitas veces non che apetece. Imaxino que a vós vos pasará o mesmo o luns pola mañá, cando hai que vir ao colexio e non vos apetece demasiado, pero hai que vir. Pois co adestramento pasa o mesmo, ás veces non apetece pero hai que coller forzas e ir.

-Cal foi a túa primeira medalla de ouro?

A miña primeira medalla de ouro foi en natación nun campionato de España. Tiña 18 anos.

-E cal foi o campionato ou medalla que máis che custou gañar?

A de Londres. É a máis importante. Pero temos que ter en conta que todas as medallas custan. Non polo feito de ser unha competición non tan importante coma uns xogos tes que poñer menos interese. O segredo para conseguir as medallas está en esquecerte da competición na que estás e poñer o cen por cen para conseguir gañar.

-Que foi o que sentiches cando gañaches a medalla?

Moita alegría! Un momento así non é para estar triste

-Foi unha sorpresa para o mundo enteiro que gañaras a medalla de prata?

Probablemente. Probablemente porque a modalidade na que a gañei tampouco había moito que estaba tirando. Pero si que adestrara moito. Quizais non esperaban tanto de min porque non competira nesa modalidade pero para min non foi sorpresa.

-Que almorzaches antes da competición?

Unha sopa xaponesa, “miso soup”, sopa de miso (‘pasta aromatizada de soia’).

-Propuxécheste ir a Brasil 2016?

Si. E ti?

-Non.

Pois proponte Madrid 2020.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: