Saltar ao contido

VAIPOLORÍO, O ESPLENDOR DAS NOSAS AUGAS

22 Xuño 2012

“O río vale moito máis pola súas augas limpas que como esterqueira”

Vaipolorío xurdiu hai máis de dez anos da inquedanza dun grupo de veciños e veciñas por devolverlle ao río dos Gafos o seu antigo esplendor. Había moito lixo no seu leito, parte da fauna desaparecera debido á contaminación das augas e as súas beiras eran intransitables. O presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho Blanco, repasa para O CARTAFOL DO LÉREZ a traxectoria deste colectivo que, a base de moito traballo e da constancia de todo o equipo, logrou o obxectivo e recibiu varios premios polo esforzo.

Onde nace o río dos Gafos? É grande ou pequeno?

O río dos Gafos nace no Mato da Xestiña, en Figueirido, que pertence ao concello de Vilaboa. É un río pequeno. Pódese percorrer pola súa ribeira en tres horas sen correr moito. O seu tamaño é o de menos; o que importa é que sempre ten auga. Onde nace hai unha fonte na que beben os peregrinos que veñen polo Camiño Portugués. Cada vez que vexades unha fonte con auga limpa é un tesouro mellor que o ouro!

Cando vos decatastes de que o río dos Gafos estaba sucio e había que limpalo?

Decateime diso hai 30 anos. Eu era pescador e deixei de pescar no Gafos porque estaba sucio. Pensaba que non se podía facer nada. Entón, cando hai once anos lin no xornal que 60 persoas foran limpar o río un domingo, ao seguinte domingo vestinme con roupa vella e fun axudar a aquela xente, porque para min aquel río pequeno era o máis bonitiño do mundo. Hoxe son o presidente de Vaipolorío. Xa non pesco troitas; prefiro velas saltar e fuxir río arriba coma lóstregos.

Axudouvos moita xente?

Ao principio eramos moitos. Despois foi baixando o número, pero tamén cada vez había menos lixo. Agora na asociación somos 25. Xa non temos que limpar moito porque a xente foise concienciando de que o río vale moito máis pola súas augas limpas, que como esterqueira. Onte á tarde había media ducia de parrulos nadando detrás da nai!

Atopastes moito lixo?

Atopamos moitísimo lixo: televisores vellos, neveiras, rodas de coches e volantes, bicicletas e ferros ferruxentos, plásticos, botellas e cristais rotos, roupas estragadas, zapatos furados… Unha vez atopei unha boneca sucia e despeinada que parecía que miraba para min, dicíndome: “Tantas noites que durmía con aquela meniña, xuntas na cama, e agora estou tirada aquí no río”.

Que peixes viven no río dos Gafos?

Viven as anguías que van criar á alta mar e logo retornan ao río; cando son crías chámanse angulas. Tamén hai troitas e escalos. Os reos que viven no mar veñer criar ao río e despois volven. E na desembocadura vense sollas e muxos, pero estes en realidade son peixes de mar.

Atopastes outros animais por alí?

No río viven moitos animais máis e ao redor viven moitísimos outros, porque alí atopan acubillo sen os perigos da estrada. Crían os paxaros porque teñen auga preto, e moitos insectos, para alimentar as súas crías. Se un día vides polo río, Xoán, que é outro compañeiro de Vaipolorío, vaivos amosar ras, cabaliños do demo, libeliñas, bolboretas. E xa veredes como cantan de contentos os paxariños por vervos tan atentos ás súas explicacións.

Que plantas hai arredor do río dos Gafos?

Polo Gafos hai unhas 300 plantas diferentes. Xabier é un dos botánicos que máis sabe de plantas en Galicia. El foinos aprendendo o nome de cada unha e agora, Amancio, que tamén sabe moitísimo de plantas, está facendo un libro. Hai fentos e fentas. Espadainas, salgueiros, ameneiros, e tamén unha planta que se chama paxariño. A ver quen, ollando unha foto, sabe dicir por que esta planta se chama así?

Que podemos facer os nenos para axudar a que o río dos Gafos siga limpo?

O que podedes facer para que o Gafos e todos os ríos do mundo sigan limpos é ensinarnos aos maiores. Si, si. Temos que aprender de vós. Porque vós sabedes que hai que tirar os plásticos nuns bidóns amarelos; as botellas, nos verdes. E que cada vez que abrides unha chuche, o envoltorio ten que ir á papeleira. Se vedes que algún maior tira algo ao chan, berrádelle ben forte. Os cans fan as súas necesidades na rúa porque son cans. Se o dono non recolle os excrementos, entón é porque ladra.

Hai outros ríos contaminados en Pontevedra?

Todos os ríos de Pontevedra, e a maioría dos ríos en xeral, sofren contaminación de cando en vez. Cando isto pasa moitas veces, entón o río está contaminado. Os ríos de Pontevedra están reguliño, regulindeiro. Os ríos deberían estar completamente limpos porque cada vez fainos máis falta a auga, estragamos moita e coidámola pouco. Sabiades que máis da metade do noso corpo é auga?

Coñecedes algún conto ou cantiga relacionada co río?

Sabemos o conto do demo asubiador e outro da moura do mar da presa. Estes contos é mellor que volos conte Xosé, que tamén é de Vaipolorío; ten que contalo ao lado do río porque ás veces emerxe das augas a moura dos cabelos loiros. Estades convidados a vir con nós polo paseo do Gafos para coñecelos.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: