Saltar ao contido

A ALMA DA ARTE

22 Xuño 2012

Que é o que hai detrás das obras de arte de todo o mundo? Lenzo, madeira, coiro, pedra…? Os alumnos de sexto curso do CEIP de Santo André de Xeve e do CEIP de Vilaverde-Mourente achégannos ás historias, aos sentimentos, ás razóns e motivos, certos ou non, que cada artista leva na súa cabeza no momento de crear a súa obra. Descubriremos así, cos nosos pequenos mestres, que non só estamos diante dunha imaxe, senón diante da representación de algo máis, da historia mesma que hai detrás de cada modelo. Acompañádenos nesta particuliar viaxe arredor do mundo.

O CADRO MALDITO

CANADÁ

Hai moito, moito tempo, dicía unha lenda que había un cadro que tiña moitos debuxos estraños; e dicían que se insultabas ao cadro, caíache unha maldición de cincuenta anos sen poder saír da túa casa.

Unha nena chamada Rebeca, estaba nunha cidade de Canadá botando un ollo na feira de todos os sábados pola mañá, cando viu un cadro moi raro que lle parecía interesante e decidiu mercalo. Levouno para a súa casa moi contenta. Ao chegar, Rebeca non sabía onde poñelo, pero ao final decidiu colgalo nunha parede do salón. Cando o estaba poñendo no seu lugar, caeulle ao chan. Repetiu a acción unha e outra vez ata que cansou, tanto que se puxo a insultar ao cadro. De súpeto, calou, e empezou a chover. A maldición comezara. Rebeca asustouse e foi xunto a porta para saír, cando… non se abría a porta. Tirou con forza e non se abría, e, moi alarmada, foi a un dos cuartos da casa, colleu un anaco de madeira e lanzouno con todas as súas forzas á ventá, e, como por arte de maxia, a ventá non se rompeu. Do asustada que estaba, berrou -Socorro!-, pero ninguén acudiu ao seu rescate. Entón, encolleuse e dixo -Pero que está a pasar?-. Dende aquel día, ninguén soubo nada de Rebeca…

Iria Martínez Rial

CEIP de Vilaverde 6ºB

TERRIBLE DESAPARICIÓN EN CANADÁ

Cúmprense cincuenta anos da desaparición de Rebeca.

Hai agora cincuenta anos que segundo testemuñas da súa veciñanza, Rebeca, unha moza canadiana desapareceu sen deixar rastro. Din que despois de mercar un cadro cunha maldición na feira da vila, desapareceu para sempre. Os días seguintes á súa suposta compra, viron a alguén movéndose pola casa. Fálase dunha maldición indíxena norteamericana.

Lidia Iglesias

a partir do relato creado por Iria Martínez Rial.

CEIP de Vilaverde 6ºB

O REI

FRANCIA

Érase unha vez un rei moi pobre, moi pobre, pero a diferencia de outros reis, vivía nun chalet. E preguntarédesvos como é posible que sendo pobre que vivira nun chalet? Pois o seu tataravó era Afonso VII que tivo un fillo chamado Afonso VIII, que tivo un fillo chamado Cadrospenique I, un nome rarísimo. Pois a historia foi así: Cadrospenique naceu o trinta de xuño do ano mil oitocentos vinte, en Francia, na cidade de París. Pero a súa vida non era perfecta, nin sequera o seu nome en realidade, os pais puxéronlle de nome ao nacer DaviBavi. O seu nome era unha fusión entre Davide e Baby. Ben, unha mañá aburrida, como a maioría dende que naceu, encontrou unha pedra, pero non calquera pedra, era redonda, prateada, cun número e cunha cara por detrás. Primeiro chamouna pedriña, despois redondiña, e finalmente penique. Ben, esa pedra que agora lle chamamos moeda, foi descuberta por DaviBaby, que non contento co seu nome decidiu chamarse Penique, como a pedra. Entón as cousas para el empezaban a cambiar. Empezou a traballar como explorador e así uns vinte anos, pero no ano mil oitocentos sesenta, é dicir, con corenta anos exactos, descubriu unha cousa cadrada no chan. Era un papel con debuxos. Chamoulle pabuxo, despois debuxo, e finalmente cadro. E de aí vén o seu nome Cadrospenique.

Ben, pois tivo un fillo o rei e chamoulle coma el. Deixoulle unha caixa chea de peniques e cadros, e comprou un coche, unha casa e un chalet. Por iso agora é pobre.

Diego Castro Prado

CEIP Vilaverde 6ºB

O REI CADROSPENIQUE NA RUÍNA ABSOLUTA.

Despois de tanto tempo, o rei Cadrospenique II gasta todo o seu diñeiro en automóbiles, casas e chalets.

O rei máis famoso de Francia, Cadrospenique II, gasta todos os peniques que lle deixaran había moito tempo. Os seus gastos consistían en casas, automóbiles e chalets, ata arruinarse por completo. O goberno anunciou que o rei é, comparado con outros, o máis pobre da historia de Francia.

María Regueira Ruibal

a partir dunha historia de Diego Castro Prado

CEIP de Vilaverde 6ºB

HISTORIA DOS ROLOS PROTECTORES 

ETIOPÍA

Hai moito tempo, en Etiopía, había un guerreiro chamado Kiruma. Ía montado nun dromedario sen chepa, con rabo plano e longo, que voaba sen ter ás. Para conseguir que o dromedario voara tivo que pasar tres probas. Se as pasabas gañabas unha mazá con poderes máxicos que lla tiñas que dar a comer ao mamífero e, inmediatamente, se convertía no ser voador anteriormente dito. As tres probas eran complexas:

-A primeira era coller as mil perlas do colar da princesa Rumaki do fondo do mar.

-A segunda era repetir asubiando dúas cancións longas que tocaban os xemelgos encantadores de serpes. E, claro está, as cancións eran improvisadas!

-A terceira era resolver o enigma que puña o sabio do país.

Como Kiruma era un mago, pasou as tres probas facendo de imán de perlas, gravador de cancións, e por suposto, léndolle o pensamento ao sabio do país. El foi a única persoa que conseguiu que o seu dromedario voara, e por iso o nomearon guerreiro maior, porque se era capaz de pasar as probas, tamén sería capaz de gañar batallas.

Di a lenda que se estás enfermo, a punto de morrer, só tes que ir a Etiopía, bicar a man da imaxe de Kiruma e mentres volves ao lugar de onde viñeches, cúraste polo camiño.

Antía Vilariño Álvarez

CEIP de Vilaverde 6ºB

A MÁSCARA DO BRASIL  

 BRASIL

No ano mil cincocentos setenta e catro, no Río de Janeiro (Brasil), un campesiño encontrou unha árbore caída cunha carapa moi grosa. Cortou un anaco e levouno para casa. Alí, cortou esa carapa grosa e con ela fixo unha máscara. Pasaron tres meses e foi a festa do Entroido (festa moi popular no Brasil), e o campesiño probou a máscara e foi á festa. Cando chegou a media noite algo pasou. A máscara parecía que tiña vida e posuiu ao campesiño, e este empezou a matar xente. Á mañá seguinte apareceu durmido no seu sofá e a máscara estaba ao seu carón. Entón, acordouse do que pasara esa noite, e de seguido colleu a máscara e levouna lonxe de si. Foi parar a un sitio onde só había árbores, e alí empezou a cavar. Cando o burato xa tiña bastante profundidade meteu a máscara dentro e tapou o burato. E non se viu máis a máscara ata que tres anos despois atoparon ao campesiño morto e ao lado a máscara.

Na actualidade morreron catro persoas do mesmo xeito. Se algunha vez ves esta máscara, non te acerques a ella.

Álex Pérez

CEIP de Vilaverde 6ºB

ESTADOS UNIDOS DE AMÉRICA

A DANZA DOS BISONTES

Hai centos de anos, no maís profundo dunha cova dos EUA, enriba dunha pedra, atopábase debuxado na pel dun cervo unha imaxe un tanto peculiar, porque aparecían bisontes bailando. Foi por iso polo que a chamaron A danza dos bisontes. Un día, un neno chamado Pablo estaba dando un paseo pola beira do mar cando comezou a chover. Pablo correu con todas as súas forzas ata chegar á cova. Nela atopou aquela obra de arte, e pensou -cando pare de chover levarei isto ao museo-. Aquela tarde toda a cidade comprou unha entrada para contemplar aquel debuxo. A xente estaba abraiada e os xornalistas aínda máis porque o que descubrira aquela marabilla era só un neno. Durante toda a semana publicárono en xornais, telexornais e en revistas. Pero un día… o debuxo desaprecera! Buscárono por todo o país policías, empresarios, mestres… Pero non aparecía. Ao cabo de dous días, Pablo tivo unha idea. Foi correndo ata a cova e alí estaba, no mesmo lugar onde o atopara. Pero nunca dixo nada porque o neno sabía que era mellor que esa obra de arte se quedara onde debía estar, na cova de Juba.

María Regueira Ruibal

CEIP de Vilaverde 6ºB

O HOME QUE VIAXA CO PASADO

Érase unha vez un home chamado Carlos. El era o profesor de Historia do colexio de Washington. Encantáballe a historia, e por iso soñaba tanto con ela. Un día, cando estaba na súa casa estudando, viu unha porta que conducía ao pasado. Pensou -Por que non vou visitar o pasado?-. E decidiu entrar. Nese momento viu unha escena terrible, unha guerra. Esa experiencia fíxoo sentir fatal. Esa noite pasouna durmindo nunha esquina, onde ninguén o vise. Á mañá seguinte, acordou na súa casa e na súa cama. El seguiu estudando Historia, pero non volveu viaxar ao pasado.

Tamara Martínez Mariño

CEIP Santo André de Xeve 6º

A MULLER POBRE E O HOME RICO

XAPÓN

Érase unha vez unha muller pobre, chamada Yaiko, que non tiña diñeiro nin fogar. Un día, mentres camiñaba pola cidade de Yokohama, un home rico achegóuselle e díxolle que lle regalaría un quimono e un abano se atopaba unha das sagradas flores de maceira que só medran no monte Takoma. Yaiko tiña prohibido entrar nese monte, sen razón algunha. Sen contalo, un home achegóuselle por detrás e díxolle que lle regalaría unha máscara nô. Yaiko, contenta, púxose camiño ao monte Takoma cun sorriso. Entrou rápido e discretamente e colleu a flor de maceira. Volveu correndo a xunto o home rico. O home quedou abraiado, pero deulle as cousas acordadas. O home dixo que se chamaba Toki. Nese intre miráronse aos ollos, e gustáronse. Aos cinco anos casaron e tiveron dous fillos, Rake e Rioul. Foron moi felices en familia.

Joel Prieto Maquieira.

CEIP Santo André de Xeve. 6º

O TEMPLO DO DRAGÓN

CHINA

Érase unha vez unha familia sen recursos que vivía nunha aldea moi pobre. Apenas tiñan auga, e pouca comida. Un día, os dous nenos pequenos da familia, Alex e Adrián, colleron un bote e foron de pesca. Pasou moito tempo, pero non deron con nada. Cada vez pasaba máis tempo, e máis, e máis. Os nenos estaban nerviosos e tiñan que pescar algo para comer. Pero de súpeto, Adrián berrou -Que é iso?-. Era un templo. Case que non se vía porque estaba tapado por un bosque de bambús. Desembarcaron e foron andando ata o templo. Era algo perigoso, estaba cheo de osos panda, pero eran moi listos e conseguiron pasar. Ao chegar ao templo, a porta tiña un escudo cun dragón debuxado. Pararon un momento a botarlle unha ollada e Alex empurrou a porta. Estaba todo cheo de tesouros e de xoias! Alex intentou collelo todo, pero Adrián dixo -Espera, antes de collelo haberá que preguntar-. E entón apareceu un dragón e dixo -Vós tedes un corazón puro, podedes coller todo o ouro e xoias que queirades-. Colleron o que necesitaban e marcharon. Cando chegaron á aldea todos estaban ilusionados con todo aquel ouro, e pasou de ser a aldea máis pobre a ser a aldea máis rica de China.

Alex Abelleira Caramés.

CEIP Santo André de Xeve. 6º

O AMOR QUE NON CHEGA

INDIA

Hai moito tempo, nunha pequena vila de Madras, un mozo, que era pintor, chamado Laminha non atopaba o amor. El intentábao, pero nada. Un día, levantouse moi triste, non tiña ganas de facer nada, e para animarse un pouco empezou a pintar un cadro. Nel imaxinaba que era un deus e facía un perfume que atraía ás mozas guapas, e sen querer, fixo un cadro precioso. Ao rematalo sentou a descansar. Nese mesmo momento pasou unha rapaza moi guapa chamada Narminha que, ao ver o cadro que fixera Laminha, namorouse del.

E así foi como Laminha atopou o seu amor verdadeiro, e viviu feliz para sempre con Narminha.

Adrián Suárez López

CEIP Santo Andre de Xeve 6º

HISTORIA DA VITORIA     

GRECIA

Contan os que o viron, que nunha vila de Grecia chamada Cremcio, un home acababa de rematar de facer a súa casa. Dicíase que ese home estaba tolo porque unha vez nun discurso que houvera en Atenas dixera que o que máis lle gustaba no mundo eran os vestidos e as aguias. Todos se riran del e desde ese día, vivía avergoñado. Estaba aburrido na súa casa cando se puxo a mirar todos os entullos que sobraran da obra. Entón, ocorréuselle unha idea, ía crear algo. Fixo o corpo dunha muller cun vestido e alas de aguia. Dous amigos que pasaban por alí sacáronlle fotos e fóronllas ensinar a todos. Desde ese día volveuse famoso e xa non era o tolo da vila. Tamén ese día, deixou de chorar e comezou a rir.

Arantxa Caramés Mosteiro.

CEIP Santo André de Xeve 6º

 

OS SUPERHEROES E O VILÁN.

AUSTRALIA

Érase unha vez, no século XX, en Australia, unha parella de crocodilos e un canguro que estaban enfrontados. Os crocodilos eran os heroes e o canguro o vilán. Estes estaban enfrontados por que un home quería pintar aos animais pero non se decidía á hora de pintalos. Entón, díxolles que se decidiran entre eles. Pero eles non se daban decidido, e foron preguntando a varios animais: a un ave, ás serpes,… pero ningunha resposta lles valeu ata que lle preguntaron a unha tartaruga que lles dixo que os pintara aos tres. Entón, foron correndo onde o pintor e ao pintor gustoulle moito a idea.

Miriam Maquieira González

CEIP Santo André de Xeve 6º

 

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: