Saltar ao contido

AVENTURAS SILVESTRES E MUSICAIS

21 Xuño 2012

O álbum As clases de tuba animou os escolares do CEIP Álvarez Limeses a crear novos relatos co bosque e co pentagrama como fío condutor.

TRES NENOS,UN OSO E UNHA GALIÑA

Nunha granxa arrodeada de fragas, vivía unha familia con tres fillos e unha galiña. Un día, un feroz e esfameado oso baixou do monte onde vivía, rompeu o curral da galiña e raptouna. Foi moi amodo para que ninguén o escoitara, e volveu á súa cova onde meteu o pobre polo nun burato. Cando a familia se decatou de que a súa galiña desaparecera, rompeu a chorar, xa que nunca máis habería ovos cos que alimentarse, pois eran moi pobres e non tiñan máis galiñas. O pai foi á veiga para traballar o dobre e conseguir máis colleita. A nai foi á feira, onde ao mellor lle daban outra galiña a cambio do pouco diñeiro que lles quedaba. Os tres nenos ao ver o curral baleiro, esperaron a que marcharan os seus pais para intentar recuperar a galiña. Seguiron as pegadas que deixara o oso ata chegar a unha pequena cova escondida entre os fentos. O irmán maior foi o máis valente. Arremeteu contra o oso decidido a loitar con el, pero este meteuno no burato da galiña dunha gadoupada. O mediano intentou coarse entre as patas do oso e meterse na cova, pero dunha segunda gadoupada acabou como o seu irmán. O pequeno tivo unha idea enxeñosa. Volveu á granxa e colleu o derradeiro tarro de mel que tiñan. Con ese mel deixou un rastro no chan. O oso uliu o mel e dispúxose a seguir o rastro. O que a besta non sabía era que as últimas pingas de mel conducían a unha barranca pola que esvarou e caeu. O irmán pequeno sacou de alí os seus irmáns e a galiña, que estaban tremendo co medo. Pronto volveron á granxa onde agardaban os pais moi preocupados. Os nenos devolveron a galiña ao seu curral. Polo Nadal, o bisavó dos nenos ofreceulles un dos seus galos. Axiña tiveron que coidar vinte pitiños. Ao pasar o tempo, estes pitos convertéronse en galiñas que puxeron moitísimos ovos, cos que a familia saíu da pobreza. Compraron tres vacas, catro ovellas e dous coellos. E así, a familia viviu feliz e do oso non se volveu saber nada.

Marcos González Nanín

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

Era unha vez un neno que vivía nunha vila preto da Coruña. Encantáballe tocar a tuba e apuntouse a un curso polo verán. Un día, saíu da casa moi contento cara á clase de tuba. Tan contento ía que decidiu tocar a súa tuba de camiño á clase. As notas que saían da tuba comezaron a adoptar formas, concretamente, figuras musicais. Atraídos pola música saíron das súas casiñas os paxaros, coellos, ratos, esquíos, raposos, e ata un oso enorme. Nun principio, os animais só escoitaban a música, pero despois comezaron a bailar e a cantar. Enchían o ambiente de música e pouco a pouco foise debuxando un pentagrama. As notas saían da tuba do neno e da boca dos animais, e flotaban polo aire. As notas fóronse xuntando e caían ao chan polo seu propio peso. O pentagrama rompeu e o neno caeu por un burato. Buscou algo ao que suxeitarse e só atopou unha corchea. O burato agrandábase e o neno facía todo o posible para non caer. Pero a corchea destrozou o pentagrama completamente e comezou a caer, caer e caer… e entón espertou. Estaba na cama. Pero non tiña a sensación de que fora un soño. Comezou a camiñar mentres tocaba a tuba, pouco a pouco ía perdendo a esperanza que tiña. Iso si, non se percataba do gran número de animais que, cativados pola música, bailaban tras del.

Carlos Ben Arribí

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

Era unha vez un neno pequeno. Era verán, e tiña tanta calor, que decidiu dar un paseo pola fraga. Ao cabo dun intre camiñando, decatouse de que o camiño que seguía era moi peculiar, era un camiño que tiña cinco liñas, coma un pentagrama. Seguiu camiñando e atopou unha tuba dourada. Como por arte de maxia, foi ata onde estaba a tuba e colleuna. Probou unhas notas e logo comezou a tocar.

E así seguiu o camiño, gozando cada nota que soaba. Con aquel son celestial, non tardou en cativar a todos os animais da fraga que, bailando e cantando, o seguiron por aquel pentagrama. Toda a fraga estaba contenta grazas a aquel neno, que non parou de tocar en todo o día. Pero chegou a noite e tiña tanto sono que quedou durmido debaixo dunha árbore.

Acordou ao día seguinte na súa casa. O que pasara un día antes, tan só era un recordo. Correu ao xardín, aínda en pixama, e intentou albiscar algún animal, pero non se vían por ningures. Decepcionado, voltou para a súa casa, pero antes de entrar, encontrou a tuba na porta. Dende entón, todos os días vai á fraga para tocar coa súa tuba para os animais.

Nerea Santiago García

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

Había unha vez un neno que sabía tocar a tuba. Cando saíu da casa para ir á súa clase, a nai pediulle que non enredara polo bosque se non quería chegar tarde. Como moitos nenos, non fixo caso e empezou a xogar polo bosque. Mentres xogaba, a tuba quedou enleada nunhas follas e o neno non a atopaba, e volveu á casa a contarllo todo á súa nai. Máis tarde, un leñador que ía camiñando polo bosque atopou a tuba, e como non sabía que facer con ela, foi vendela na feira da vila. Cando xa estaban a punto de comprala pasou por alí un ladrón que a colleu e saíu correndo. Ao día seguinte vendeuna ao dobre de precio a un pintor que fixo un cadro con ela. Ao rematar o cadro, como non sabía que facer con ela, deulla a un bo amigo que era profesor de tuba dun prestixioso conservatorio. O profesor recoñeceu a tuba e foi á casa do neno para devolvela, e así, o neno recuperou a tuba e aprendeu que tiña que ser máis coidadoso coas súas cousas.

Antonio Morillo Lorega

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

Era unha vez un neno que ía a clases de tuba e atopou unha árbore. Quería ver as súas raíces, pero… como? De súpeto ocorréuselle unha idea. Como o chan era un pentagrama decidiu baixar de liña, e baixar e baixar, ata chegar a ver as raíces, que estaban á altura do si bemol.

Estaba abaixo, e puido observar perfectamente as raíces, pero… Non só había raíces, tamén animais, moitos animais escavadores, coma toupas… era divertidísimo! Podía observar toda unha cidade soterrada. Púxolle de nome a Cidade do Subsolo. Decidiu subir para chegar a tempo ás clases de tuba e contoulles aos seus compañeiros todo o que lle pasara. Eles non o creron. Así foi mellor, porque os seus habitantes vivirían máis tranquilos.

Paula Raposo Iglesias

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

Era unha vez un neno que paseaba pola fraga. Non estaba moi lonxe da súa casa, xa que estaba preto de alí. O neno levaba unha tuba, estaba desexando atopar un lugar tranquilo para tocala. Ao día seguinte ía ter un concerto, así que tiña que darse présa. Ía andando cando se atopou cun oso, e o neno, asustado, empezou a tocar. O oso parecía agresivo, pero coa música, tranquilizouse. Todo ía xenial ata que o neno se equivocou de nota e o oso enfadouse moito. Xusto nese momento entroulle moita fame, e decidiu papar o neno. Dende que o oso o papou estivo moi triste e arrepentido, xa que non volvería oír esa doce música nunca máis.

Nerea Domínguez Garabán

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

A ÁRBORE  

Había unha vez un neno que tocaba a tuba. Un día, indo para as clases polo bosque, atopou unha árbore moi, moi, moi alta. Decidiu quedar a vivir nela, xa que era moi acolledora e cómoda. O neno voltou á casa a polas súas cousas. A nai non estaba. Estaba no traballo. Cando o neno chegou á súa árbore decidiu mandar unha pomba mensaxeira cunha carta para a súa nai:

Mamá, sinto dicirche isto, pero… voume da casa, xa que encontrei unha árbore que é moi cómoda.

Un bico.

O teu fillo.

Despois dalgunhas horas, non soportaba non ter con quen falar. Quixo volver á casa coa súa nai, e para ir ao colexio. Cando chegou á casa a nai alegrouse de velo, pero castigouno unha semana sen saír de casa sen permiso por non ir ás clases de tuba.

María Sarrapio Pol

(CEIP Álvarez Limeses, 6º)

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: