Saltar ao contido

XICO DE CARIÑO, UNHA VIDA ADICADA Á MÚSICA

6 Xuño 2012

Xico de Cariño —nome artístico de Francisco Peña— é un gran veterano da música galega, cunha interesante formación que, dende os anos 70, foi adquirindo en Francia, Italia, Portugal e Brasil. Xa na súa mocidade tiña inquedanzas musicais que, en diante, o levaron a colaborar con sonados intérpretes e a fundar varios grupos; entre eles Na Virada, do que saíron traballos como Solaina (Kalandraka, 2008). Os escolares do CEIP Vilaverde-Mourente entrevistan o compositor das coplas sociais.

Xa che gustaba a música cando eras pequeno?

Nacín en Cariño. De pequeno xa me gustaba a música, antes de que na casa houbera instrumentos. Lembro que había un gramófono con músicas de copla española e arias de zarzuela ou ópera. Sempre andaba argallando na radio para buscar músicas, tanto clásica como daqueloutra que se empezaba a escoitar de Louis Armstrong. Aos 12 anos xa empecei a aprender a harmónica. O meu irmán maior tiña unha, esqueceuna e preguntoume se sabía onde estaba. Empecei a buscar pola casa ata que a atopei, entón metinme no cuarto de baño e empecei a tocar. Ás dúas horas xa saía tocando algún tema sinxelo, como A Rianxeira, e cando o meu irmán me viu, regalouma.

Cando decidiches adicarte á música de xeito profesional?

Sempre fun afeccionado á música. Participei nun concurso de radio en Ferrol, Camiño da fama, e levei o primeiro premio de solista instrumental. Cando estudaba na Universidade tiven un trío de harmónica, Os Meigos. Logo en París atopeime cun cantautor brasileiro, Geraldo Vandré, que estaba exiliado. Contratoume e a partir de aí tiven unha traxectoria máis profesional. Gravamos un disco en París. Cando voltei a Barcelona atopeime con Marina Rosell, que era unha cantautora profesional. Despois vin a Galicia e toquei con diferentes grupos: Arrabaldo de Cariño, e sobre todo Roi Xordo, que saía do Movemento Popular da Canción Galega, no que estaban Pilocha, Antón Seoane e Rodrigo Romaní, que logo fundarían Milladoiro.

Cal foi a túa primeira canción como compositor?

A primeira canción que compuxen nos 70 está entre as coplas sociais, incluida en Solaina, e un poema de Vázquez Pintor, O Piñeiral, que tamén está nese libro-disco. E Cousas de encantamento, no disco Rolada das cantigas.

Como foi a túa evolución musical?

Estudei Maxisterio na Coruña, despois Filosofía e Letras en Santiago. Pasei para Valencia e Barcelona, onde estudei Historia e logo Filosofía. Marchei a París no ano 70 para estudar Etnomusicoloxía. Alí tivemos problemas, polo cantautor exiliado, e non nos renovaron o permiso. Eu marchei a Xenebra, estudando Socioloxía Política. Despois volvín a Barcelona e alí tocaba con Marina Rosell. O músico que tocaba comigo era Jorge Serraute, o meu arreglista actualmente. En Galicia, o meu primeiro grupo, á parte do que tivera na Universidade, foi Bem-virá, de música brasileira. Despois Roi Xordo, e Arrabaldo de música popular. Toquei con cantautores como Pablo Quintana, Jei Noguerol. A música é unha disciplina que sempre hai que estudar; eu compároo cun atleta. A forma física é de constante entrenamento; para un músico igual, sempre hai que estar practicando. Despois tiven outro grupo, Pau de Arara, no que está o meu actual guitarrista, que toca tamén en Solaina, Humberto Heredia, que estivo nos Resentidos. E a cantora María Xosé López, era dos Muxicas.

Cando fundaches Na Virada?

Eu fun mestre durante moitos anos. Entre mentres, houbo unha paréntese de cinco anos na que tiven un grupo de títeres, música e animación, Faba na ola. Cando me xubilei no 2000, artellei para sacar un disco que recollera todas estas músicas que tiña composto, con múltiples colaboracións. O primeiro foi Rolada das cantigas no 2001. En 2008 sacamos Solaina con Kalandraka. E agora estou preparando un disco de harmónica como solista, con músicos colaboradores.

Cales son as túas fontes de inspiración?

Viaxes, experiencias, contactos con outros músicos… Fixen seminarios de jazz, de música electroacústica e música concreta en Barcelona. Teño unha xeira de propostas musicais que despois aplico. Segundo se compoño sobre un texto, procuro crear unha habitación sonora. Relaciono moito as sonoridades da música e dos instrumentos coa paleta de cores dun pintor. En definitiva, é o timbre, o colorido musical. Procuro ver que instrumentos van ben para determinados temas dependendo do texto, do ritmo, da expresión melódica.

Que influencias hai na túa traxectoria?

O panorama musical é moi aberto: dende o jazz e o free jazz, ata o soul, o blues, o funky e, sobre todo, a música brasileira coa que estiven moi relacionado en París. Tanto polos meus estudos de Etnomusicoloxía, que abranguen a música popular de todo o mundo, como porque estiven relacionado con músicos de China, Vietnam, India, o instrumental gamelán de Xava e Bali, ou a percusión africana… Teño esas sonoridades. Toquei con Geraldo Vandré, Marcelo Melo do Quinteto Violado de Recife, co músico Renato Spencer e cos portugueses José Afonso, Luís Cília e José Mário Branco.

Como xurdiron as coplas do social?

Nos anos 73-74 eu estaba en Barcelona e o meu veciño era Quintín Cabrera, un cantautor uruguaio do que era moi amigo. El tiña unhas coplas, de estrofas fronteirizas con Brasil. Un día escoitándoo, ocorréuseme unha melodía para darlle unha instrumentación. Dende aquela fun compoñendo segundo a realidade da época: o movemento contra as celulosas, a central nuclear de Xove… Nun principio chamábanse coplas nacional-populares. Anos máis tarde reducimos o nome a coplas sociais, e ecolóxicas. O mundo non cambiou tanto e temos que seguir reivindicando cousas.

Cales son os teus libros e cancións preferidas?

Gústanme os clásico, os autores gregos. De teatro, Shakespeare. Tamén leo historia de Galicia e poesía de Uxío Novoneyra. Teño moita música na cabeza e non son demasiado afeccionado a escoitala; son máis creador de música que consumidor. Pero gústame o jazz, a canción social, a música electroacústica, a música clásica, os músicos de rock, e ata o rap; son un devoto do rapeiro brasileiro Gabriel O Pensador.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: