Saltar ao contido

EDITORIAL

O CARTAFOL DO LÉREZ pretende ser un espazo de expresión creativa para o público infantil e xuvenil de Pontevedra. O cartafol é o xornal da Campaña de Animación Lectora organizada pola Concellaría de Educación en colaboración con Kalandraka. Uns 400 alumnos e alumnas de 3º ciclo de primaria participaron nos obradoiros de escrita creativa e oralidade realizados nos CEIP Barcelos, Cabanas-Salcedo, Froebel, Manuel Vidal Portela, San Bieito de Lérez, San Martiño-Salcedo e Vilaverde-Mourente.
A través da literatura e do álbum ilustrado, da poesía e da tradición oral, artelláronse actividades nas que a imaxinación transformou historia e paisaxe. Entre as lecturas que os inspiraron destacan O cadro máis bonito do mundo, na que Joan Miró se converte en domador de cores rebeldes; a partir de Galego, á beira do mar xurdiron relatos paralelos sobre vidas ficticias, conmovedoras e enxeñosas. Tamén repasaron de xeito lúdico a fauna, a gastronomía e a historia local: a partir dos libros da colección Pequechos, crearon adiviñas baseadas nos animais fluviais e terrestres; imitando as receitas de Sopa de soño, prepararon un insólito e gorentoso menú de palabras; e como guía para reinventar o noso pasado medieval e propoñer un orixinal roteiro pola zona monumental, botaron man de Batalla de naipes.
Esta bagaxe complétase con traballos de certa índole xornalística: a entrevista, a reportaxe, a noticia e a construcción de titulares. Mais as limitacións de espazo físico que marcan o formato impreso non impiden que a meirande parte das creacións saian á luz, posto que O CARTAFOL DO LÉREZ dispón tamén dunha versión dixital. A campaña continuará o vindeiro curso con máis obradoiros. Lonxe de calquera outra iniciativa escolar efémera, O CARTAFOL DO LÉREZ pretende deixar un pouso fecundo: alentar o alumnado no uso do galego e potenciar as bibliotecas escolares.

Aínda sen comentarios

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.