Saltar ao contido

ENTREVISTA: MARÍA JOSÉ FERRADA

18 Xuño 2013

Maria Jose Ferrada

A escritora chilena aproveitou a estadía na nosa cidade para participar en diferentes encontros e obradoiros arredor das súas obras O baile diminuto e Un mundo raro. Velaquí un resumo das entrevistas mantidas para O CARTAFOL cos alumnos e alumnas do CEP Marcos da Portela, CEIP Marcón e CEIP Santo André de Xeve.

-Porque quixeches ser escritora e cando empezaches a escribir? A túa familia apoioute?

Recordo que collín o gusto a escribir desde que aprendín a facelo. Eu tiña cadernos, diarios de vida, e esas cousas. Sempre os acababa perdendo e preocupábame moito que todos se acabaran coñecendo do que eu escribira. A miña familia sempre me apoiou, moito, desde pequena, léndome contos, e de maior, celebrando comigo cada novo libro. A miña nai é a primeira en ler todas as miñas historias, ela é a miña primeira editora, sempre.

-Cantos libros tes publicados? Só escribes para nenos ou tamén para adultos?

O meu primeiro libro foi un artesanal, de cartón, que lle fixen ao meu irmán menor. Eran unhas recomendacións para as diferentes estacións do ano. Lembro que o levou un día á súa escola infantil e que algunhas nais dos seus compañeiros me pediron facer copias para que os seus fillos tiveran un. Foi un choio co que paguei os gastos das vacacións de verán. Nunca imaxinei que esa primeira “empresa” se prolongaría tanto tempo. Na actualidade teño oito libros publicados por editoriais, e penso que son para nenos e adultos, porque aos adultos sempre lles queda dentro algo do neno que foron, eu penso.

Un mundo raro

-Cales son os teus escritores preferidos? Hai moito de chile na túa creación?

Sempre vou cambiando. Neste momento o meu escritor favorito para nenos é Janosch. Penso que as súas historias de Pequeno Oso e Pequeno Tigre son unha marabilla. Para adultos, tamén varío moito. Neste momento estou relendo a Sylvia Plath, unha poeta norteamericana da que tamén gusto moito. Imaxino que hai cousas de Chile, sobre todo da paisaxe, que é tan impoñente. Algo diso debe quedar no que escribo.

-Como se che ocorreu escribir Un mundo raro? Tardaches moito en escribilo?

Tardo moito en escribir en xeral, porque o proceso de corrección lévame moito tempo. “Un mundo raro” é unha homenaxe á infancia e tamén á xente que ve o mundo de modo distinto. Primeiro fixen cada personaxe e despois funos xuntando en pequenas historias. Ten algo de poesía, algo de conto, penso que é bastante experimental. Dos meus libros penso que é un dos que máis quero.

 Alumnos do CEIP de Marcón con María José Ferrada

-E O baile diminuto? Custouche moito traballo facelo?

Divertinme moito facendo ese libro porque estiven moito tempo observando insectos. Se entraba na casa unha mosca, ou unha xoaniña, eu non deixaba que ninguén a tocara porque eran material de observación para o meu proxecto.

-Que sentiches ao recibir o Premio de poesía para nenos Cidade de Orihuela con El idioma secreto?

Alegreime moitísimo. Máis que nada porque é un libro moi importante para min porque está baseado nos recordos que teño da miña avoa. Os libros tamén serven para iso, para rescatar a pequena memoria.

-Desde cando estás en Pontevedra? É a primeira vez que nos visitas?

Estou en Pontevedra desde febreiro e regreso ao meu país en xuño. Vivín en España algúns anos, pero nunca viñera a Galicia.

O baile diminuto-Se tiveras outra bolsa, a onde irías? Ou que estudarías?Encántame este lugar, os bosques galegos parecen saídos dun conto fantástico. Vin cunha bolsa do meu país para aprender a facer libros para nenos autistas. Foi unha experiencia moi importante para min achegarme ao seu mundo, aprender que hai distintas formas de mirar e de coñecer fai que o mundo de un medre tamén.

Iríame á china, ou a Xapón, a aprender como viven. Encántanme as culturas asiáticas.

No comments yet

Deixar un comentario