NOVA ANDAINA DO CARTAFOL DO LÉREZ

Esta semana comezou unha nova andaina do Cartafol do Lérez nos centros escolares de Pontevedra, organizada pola Concellería de Educación e KALANDRAKA. A campaña, dirixida como na anterior edición ao alumnado de Educación Primaria, pretende fomentar nas aulas a expresión oral e escrita en galego, mediante propostas dinámicas e participativas nas que os rapaces e rapazas sexan os protagonistas dunha publicación impresa, “O Cartafol do Lérez”, que ten a súa versión virtual neste blog, e que recolla as súas creacións literarias.
O concelleiro de Educación de Pontevedra, Agustín Fernández, visitou hoxe os alumnos e alumnas de 6º curso do colexio Marcos da Portela, que é un dos 9 centros escolares que participan nesta iniciativa, xunto cos CEIP de Lérez, Cabanas, San Martiño, Froebel, Vilaverde, Álvarez Limeses, Xeve e Marcón. Ata o próximo 8 de maio as actividades chegarán a preto de 500 nenos e nenas entre 10 e 12 anos.
Ademais da atención e das brillantes observacións dos escolares participando nas sesións que se centraron na análise colectiva do “Guernica” de Picasso, ou de diversos cadros que pertencen á pinacoteca do Museo de Pontevedra, e que deron pé a textos moi interesantes, tamén colleitamos o eloxio e o agradecemento espontáneo do profesorado: “Cando chega o Cartafol, haille que pór a alfombra vermella”, exclamou unha das docentes.
A principal novidade desta nova etapa do Cartafol do Lérez consiste en que se realizan dúas sesións por curso, dunha hora de duración cada unha: unha preparatoria do traballo escrito que deberán elaborar os escolares e outra de redacción e posta en común dos textos. Trabállanse aspectos como a sensibilidade estética, literaria e ambiental; a fonte de inspiración é a arte, os monumentos, a poesía, a música, a tradición… co obxectivo de potenciar a creatividade individual e colectiva.

No inicio desta terceira edición da campaña, Agustín Fernández explicou que co “Cartafol”, a Concellería de Educación incentiva un xeito aberto e alternativo de aprendizaxe que vai máis alá do Ensino regrado e academicista. Un intento, engadiu o concelleiro, de xerar no alumnado habilidades lectoras e de dotalos para a escrita creativa.
No vindeiro mes de maio, en datas próximas ao Día das Letras Galegas, publicarase un novo número de “O Cartafol do Lérez”, ao que lle seguirá outra edición no mes de xuño, coincidindo co remate do curso escolar. Cada tiraxe constará de 2.000 exemplares para que chegue non só á comunidade educativa, senón para que tamén poida distribuirse en bibliotecas e centros sociais da cidade.
A publicación impresa conterá unha escolma dos traballos realizados polos nenos e nenas, sempre sorprendentes pola súa rebordante fantasía, as súas críticas sociais, ou a súa reinterpretación da historia, da xeografía ou do patrimonio de Pontevedra. Ao tempo, a versión dixital do Cartafol do Lérez, na páxina www.ocartafoldolerez.org, ofrece unha mostra máis ampla dos traballos realizados ao longo da campaña.
Cada colexio participante recibe un lote de 20 libros en galego dos catálogos de KALANDRAKA e FAKTORÍA K: “Un cadro de Picasso”, “As luces que se acenden e se apagan”, “Descubrir a arte”, “Contos por teléfono”, “Catálogo de obxectos rebuldeiros”, “Libro das M’Alicias”… Esta dotación bibliográfica contribúe a reforzar as bibliotecas escolares como espazos destacados de coñecemento e aprendizaxe.

RECIBIMOS O CARTAFOL COS ESCOLARES DE PONTEVEDRA

Así de interesados se mostraban os escolares do CEIP Froebel ante o novo número de O CARTAFOL DO LEREZ, unha divertida maneira de rematar este curso e de dar a benvida ás merecidas vacacións. Dende Kalandraka queremos desexarvos a todos e todas un feliz verán.
Ah¡, e seguide lendo para ver máis imaxes.
O CARTAFOL Nº2 XA NA RÚA
Tamén dispoñible para descargar en formato PDF na barra lateral.
TITULARES A FORZA DE TESOURAS

Alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Santo André de Xeve participaron neste novo número do CARTAFOL cunha divertida e orixinal proposta. Provistos de tesouras e cola, estes fantásticos xornalistas crearon novos titulares a partir das cabaceiras da prensa diaria. Velaquí unha mostra: Ler máis…
NOVOS TOPÓNIMOS ENTRAN NO RUEIRO DE PONTEVEDRA
Os alumnos do CEIP Froebel veñen de realizar unha fonda investigación sobre algúns dos topónimos, ou nomes de lugar, de Pontevedra e poden mostrarnos por fin o resultado desta investigacións. Nesta segunda entrega dos topónimos novos poderemos encontrar fermosas historias descubertas no obradoiro de escrita creativa que a editorial Kalandraka desenvolveu dentro da campaña de animación á lectura O Cartafol do Lérez, organizado pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra.
PONTEVEDRA AMPLÍA A SÚA TOPONIMIA
Baixo a atenta ollada de Julio Castela, Concelleiro de Educación do Concello de Pontevedra, o alumnos do CEIP Froebel realizaron un concienzudo traballo de investigación sobre algúns dos novos topónimos que apareceron en vellos documentos e que en breve pasarán a formar parte da toponimia local. Un novo obradoiro de escrita de Kalandraka Editora para O Cartafol do Lérez.
NOVAS ACHEGAS AO PASADO LENDARIO DE PONTEVEDRA
Os alumnos de quinto curso do CEP Marcos da Portela, presentan desta volta a última achega ao pasado lendario de Pontevedra grazas á profunda investigación que levamos a cabo para O Cartafol do Lérez e guiados por Alberto Barreiro, monitor de Kalandraka Editora, nesta nova aventura promovida pola Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra.
NOVOS DESCUBRIMENTOS NO PASADO DE PONTEVEDRA
Os alumnos do CEP Marcos da Portela que participaron nesta campaña de animación á lectura promovida pola Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra, e baixo a ollada atenta do equipo de Kalandraka Editora, seguen a nos mostrar importantes e interesantes descubrimentos sobre o pasado lendario da nosa vila pontevedresa.
RECEITAS PARA COMER COS OLLOS¡

A cociña das palabras abre de novo as súas portas da man dos alumnos e alumnas de 6º curso do CEP Marcos da Portela. Insirados na obra Sopa de soño…, estes amantes da gastronomía máis creativa achegan aos nosos padais gorentosos menús para comer cos ollos. Bo proveito¡
MITOLOXÍA FANTÁSTICA EN PONTEVEDRA





























